Carlos Dafonte
Había unha enorme
expectación por coñecer os resultados, despois da moción de
censura e a chegada do Psoe ó Goberno apoiado por un amplo abano das
fragmentadas Cortes. Tamén para coñece-las forzas reais dos
independentistas de Cataluña asumida a súa fractura e división
política e sometemento a xuízo a unha parte dos seus dirixentes; da
intervención moi directa de Aznar na política do Pp, apoiando o seu
delfin, Pablo Casado; da segunda aparición de Vox no panorama
político, a primeira foi no 2016, os “duros” de dentro do Pp que
cunha maior financiación e propaganda, aparecían ben situados nas
enquisas o que levou a pensar a Casado e o seu equipo, que
aproximándose as súas formulacións e dicindo barbaridades de
Sánchez e o Psoe os ían neutralizar; de comprobar si C's acadaba os
seus obxectivos estratéxicos de ser a primeira forza da dereita
conservadora e xurar unha e outra vez, que nunca gobernaría co Psoe;
malamente podería conseguir o primeiro obxectivo dicindo na campaña
que, si os necesitaban, acabaría pactando cos socialistas, despois
dos bos resultados xa está liberado desa promesa; das enquisas que
daban a perda de grande número de escanos e votos de Podemos e polo
tanto a dimisión de Pablo Iglesias; pero sobre todo se o Psoe e
Pedro Sánchez conseguían consolida-la súa situación, tanto dentro
do partido do segundo como nas institucións no primeiro.
Había algúns outro supostos que tiñan que confirmar estas eleccións, polo menos en Cataluña, como por exemplo, a hexemonía no campo do independentismo ou as razóns da saída precipitada da dirixente de C's, Inés Arrimadas, cara a candidatura de Madrid, despois de face-lo ridículo e amosar a súa incapacidade sendo o seu partido a primeira forza nas autonómicas. Veu a Madrid a axudar a consegui-los obxectivos estratéxicos marcados para estas eleccións, ou escapaba para que ninguén lle pedira contas pola posible desfeita electoral do seu partido en Cataluña?. A realidade é que non avanzou, 5 deputados tiña e 5 segue a ter, despois de dilapidar un enorme capital político. Sobre a hexemonía dentro do independentismo, a situación quedou moi clara, Esquerra é a forza hexemónica, e Puigdemont e o seu grupo, poden seguir a resistir nas súas actuais posicións, pero non creo que por moito tempo.
Unha campaña
electoral vergoñenta.
Coido
que os resultados teñen que ver co tipo de campaña. Instalado o PP
pola presión de Vox, nun constante discurso revisionistas sobre
leis que xa todo o mundo pensaba que se aprobaran e o que se podía
facer en caso de modificalas era avanzar sobre o xa aprobado, o
“Pp-Aznar” deixaron claro que estaban dispostos a facer
retroceder moito do formulado nas mesmas; tamén tivo que influír no
seu descalabro os ataques contra o resto das forzas políticas, sen
argumentos, cheos de insultos, parecido os que facía o franquismo
contra dos seus inimigos, que non prendeu nin nas fileiras de moitos
dos seus militante e votantes, máis acostumados a un discurso, que
aínda que non o sexa, se considera máis centrista; neste senso o
grande derrotado da noite non só foi o Pp senón Aznar, cuxa
lembranza non e bóa para a maioría dos traballadores que coñecen
que algunha das súas leis do período no que foi presidente explican
a fondura da crise económica no estado español; comezando pola “Lei
das Eléctricas” que estableceu as tarifas, pasando pola “Lei do
Solo”, que fixo posible a burbulla inmobiliaria, ou a “Lei de
Caixas” e a de “concesión de autopistas e radiais”, que
tivemos que resgatar con cartos públicos, ou a finalización da
privatización de grandes empresas, iniciada polo Psoe, que
beneficiou a un grupo dos seus amigos, ou meternos na guerra de Iraq.
Pois ben o seu delfín, o seu protexido durante moitos anos, Pablo
Casado non entendeu moi ben nin a situación de crise na que se atopa
o réxime, fraco favor lle fixo ca súa campaña desnortada, nin a
necesidade que ten este de consolidar dous partidos, neoliberais, un
de centro dereita e outro de centro esquerda, como xermolo do novo
bipartidismo que o afortale. Un Pp na ultra dereita non se necesita.
O Pp sae do 28-A nunha
fonda crise de programa, de discurso e organizativa, que se non se
manifesta en toda a sua virulencia é pola proximidade das eleccións
Europeas, Autonómicas e Municipais, o que como xa manifestei, as
converten nunha “segunda volta” das Xerais, agás cataclismo
previo no Pp.
Nesta circunstancia a
suba de C's era de esperar, pero recoñezo que non esperaba que fora
a que foi, e a Vox, o propio PP lle fixo a campaña; non hai razón
para votar un sucedáneo cando se presenta o xenuíno.
A cualifico de
vergoñenta, pois ó marxe de insultos e feita en base a slogans e
consignias, non se trataron temas esenciais como a actual construción
europea, o euro, e outras cuestións que se atopan nun primeiro plano
da situación socioeconómica que padecemos: recesión en Italia,
queda do crecemento en Alemaña Seguro que o deixan para “cando
toque”, para as próximas europeas, pero os slogans da maioría van
ser o de “queremos unha Europa máis social, o servizo da maioría”
pero sen explicar como se fai e si se pode facer baseándonos nas
estruturas actuais, dun xeito nidio ó servizo da oligarquía e das
grandes empresas e fondosespeculativos.
As razóns dos
resultados
Dentro do argumentario do
PP para explicar a súa derrota, os dirixentes, Feijoo incluído,
argumentan que o que levou a este desastre foi o fraccionamento do
centro dereita, deben incluír a Vox neste campo, pero o que non
explican é a realidade: que nas eleccións de 2016, ese “centro
dereita” xa estaba fraccionado, Ciudadanos conseguiu 32 escanos,
Vox 46.000 votos e o PP máis de 130 deputados e maioría absoluta no
Senado. Polo tanto o fraccionamento non explica nada, o que teñen
que explicar son as razóns de por qué agora este fraccionamento os
leva ó fracaso máis importante da súa existencia. Será pola
corrupción?, polo xeito en que como xestionaron o procéss catalá?,
pola aparición de novo de Aznar?, polo discurso dos seus líderes
que metía medo e se atopaba fora das circunstancias que se están a
vivir?. Se o Pp fai concesións a Vox e cada vez que deixa de
gobernar o Psoe, que tomou algunhas medidas de prograso, o PP non as
cambia, a xente non cre que o vaia facer agora e vota en quen ten
confianza que leve o proceso de cambio adiante. O que xa dixen votan
ó xenuíno e non o sucedáneo, pero os votos acadados por Vox deben
de facer reflexionar tamén @s progresistas e á esquerda., que
algunha debe haber nas Cortes. Como pode haber tant@s
votantes contra a inmigración, contra a lei do aborto, contra o que
chaman “ideoloxía de xénero”, contra a lei da memoria
histórica, etc. Penso que ten moito que ver co institucionalismo, o
afastamento da rúa e a incapacidade para a loita ideolóxica dos
sectores da dereita progresista, Psoe, e dos restos da esquerda, que
se atopan en Unidas Podemos.
Unidas Podemos acadou 42
escanos, moita xente non coñecía cantos tiña en realidade polo
tema das converxencias con outras forzas. Non se coñecía a nivel
popular se continuaban ou non no grupo parlamentar; forte descenso en
calquera caso, pero que puido ser maior de non facer unha campaña
distinta, de explicación de como solucionar algúns dos problemas
actuais dun xeito afastado das receitas neoliberais ó uso,
socialdemócratas, pero hoxe iso é chegar moi lonxe nun mar de
austeridade imposto pola Unión Europea.
Teño claro que os
enfrontamentos con determinadas confluencias restou votos, así como
a traizón de última hora de Errejón, que admite ser nomeado pola
militancia de Unidos Podemos como cabeza de lista para as Autonómicas
e poucos días máis tarde abandona e vaise con Carmena.
Pero penso que o máis
salientable é o “abandono da rúa”.
Galicia esta vez foi
diferente.
Hai
tres ou catro elementos a salientar nesta campaña; o Pp por primeira
vez é derrotado, iso é o diferente así como a entrada de
Ciudadanos ó resto das eleccións xerais celebradas nestes anos; a
falla de unidade e o fracaso do Bng, do nacionalismo, era posible e
así aconteceu, o que explica a cativa representación de galeg@s
nas futuras Cortes, cunha certa concepción de país e a idea da
defensa dos intereses do mesmo.
En
Marea desapareceu non so por ter expulsado a EU, Podemos e Anova pola
actitude do equipo de Villares, senón pola razón de que sen o
compoñente progresista e de esquerdas, que é En Marea?, un
sucedáneo do Bng?. Para xoga-lo papel do Bng, xa está o Bng.
E o
mesmo aconteceu con Unidas Podemos, sen o compoñente nacionalista,
Anova, reduce moito o seu potencial.
Polo
tanto é preciso abrir unha ampla reflexión sobre o acontecido de
cara ás próximas eleccións Autonómicas, e tentar corrixir nas que
hai neste mes de maio, o que se poda dos erros cometidos.
En
Galicia nomes de maio de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario