A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 9 de noviembre de 2020

A ÁRBORE DA PANDEMIA DÉBENOS DEIXAR VE-LO BOSQUE


Carlos Dafonte

Parece que ninguén quere pensar no despois de que teñamos “dominada a curva”; estiveron dende o inicio e aínda están instalados uns, a dereita conservadora e a ultradereita neofascista ou neofranquista en dicir, dentro do obxectivo de desgasta-lo Goberno, as barbaridades e ocorrencia que lles petasen, instalados en constatar quen di a maior, por exemplo que o estado de alarma era comparable “á ditadura bolivariana”, cualifica-lo Goberno de asasino ou que no estado español tentábase impoñer unha ditadura aproveitando a existencia do virus; mintiras e bulos nas redes sociais, outras veces poñendo atrancos a toda iniciativa do goberno, centrados en discusións de prazos, da extensión das medidas, recursos diante de tribunais, etc. Descentrando en suma o problema real.

E o Goberno, pola súa debilidade, non contar con maioría absoluta e estar formado por forzas distintas aínda que non antagónicas, moi ocupado en dar resposta ás barbaridades e constantes ataques que recibe dende a súa dereita, en lugar de estar en posicións ofensivas.

Esta dereita ten importantes voceiros nos medios de comunicación como para que a discusión se centre en estas cuestións e non no que se debía centrar; tentar dunha vez que Goberno e oposición consensuaran as medidas para combate-lo virus, que sería nunha situación tan grave pola que estamos a pasar o “aconsellable”, sendo conscientes que o importante é que o virus perda moita da súa incidencia actual sobre a poboación, pero ó mesmo tempo que imos ter que convivir co mesmo, cecais décadas.

O Goberno perde así, xa que se considera de “esquerdas e progresista”, a oportunidade de encabezar a necesidade de discutir e de abrir na sociedade a discusión, sobre aspectos tan importantes como as transformacións da sanidade, ensino, transporte, poñer fin as reformas laborais ou si se vai recuperar de novo os parámetros da economía neoliberal ou se necesita introducir outros parámetros económicos que fagan máis estable a posición d@s traballador@s fronte á pandemia; ou que cambios se deben introducir nunha UE incapaz de prever o que nos está a acontecer, nin de dar unha resposta conxunta, cando dende hai anos son numerosas as pandemias que “circulan” polo planeta e nunha situación de total apertura de fronteiras, era de esperar que algo parecido acontecera e que se tivese preparada unha resposta máis global, no centro do sistema capitalista. Eu perdín toda esperanza que este Goberno “progresista” sexa capaz de levar adiante o anterior. Pero alguén debe inicialo na sociedade galega e tamén no resto do estado.

A pandemia non debe permitirnos non ver o bosque do que está a pasar cos nosos servizos públicos por exemplo ca sanidade. Hai uns días a sanidade privada esixíalle ó Goberno o pago de decenas de millóns de euros polos “servizos prestados”; a sanidade pública se converte na sanidade para facer fronte á pandemia e a privada realiza o que a pública antes levaba adiante e hoxe non pode. Si no estado se declara a “Alarma” o Goberno e as Cortes debe deixar moi claro o papel da sanidade pública e da privada e non pode ser que a privada se adique nestes tempos a facer negocio diante dos recortes que sufriu a pública, que pouco a pouco vai quedar como único baluarte fronte a pandemia, que sendo tamén o seu papel, non pode ser o seu único papel.

Quen gobernaron todos estes anos teñen que facer autocrítica. A sociedade o demanda.

E hai que esixirlles ós que controlaron as institucións deste país dende a desaparición do franquismo ata hai dous anos, que aínda que nos atopemos nun país capitalista, onde as políticas económicas son de carácter neoliberal, que determina dun xeito importante a superestructura política e social e comprendendo tamén que ós políticos que as aplicaron non son moi dados a facer autocrítica, unha explicación clara de como pensan eles que chegamos ata aquí, con servizos públicos deteriorados pola rebaixa constante nos orzamentos das partidas a eles adicados, con cativos instrumentos para facerlle fronte a pandemia e tamén esixirlles esa autocrítica ós que agora fan solicitudes de modificacións lexislativas, por exemplo a Xunta e Feijoo, cando o seu partido hai “catro días”, gobernaban con maiorías absolutas. ¿¿Non se vos ocorreu pensar que as políticas que se aplicaban no planeta e que vos dilixentemente aplicábades no territorio do estado, ían ter consecuencias?? ¡¡POIS TÉÑENAS!!.

O fácil nestes casos é aceptar o “populismo trumpista, que aínda que poda ser derrotado o día 3, estes catro anos van deixar un pouso tanto a nivel interno como a nivel internacional, que se encargarán de recoller os vencedores, como dicir o do “virus comunista” que axuda a isa onda anticomunista que circula polo estado español; pero si China é un país comunista para estas mente preclaras, que fan millóns de empresas capitalistas no seu territorio axudando a un pais comunista, antagonista do capitalismo, a se converter na primeira potencia do mundo?. Prefiren reiniciar de novo unha “guerra fria” , que nunca se coñece como pode terminar, que aceptar ser sobrepasados por unha potencia, tamén imperialista, como é China.

Hai ideas que “tink tanks” elaboran, das que Trump é o voceiro, que teñen certa incidencia no planeta e algunha organización da dereita deste país as asumen e espallen, pasando polo “laboratorio de Faes” o que sinala en certa medida a capacidade intelectual de algunhas e algúns d@s nos@s polític@s. Pero antes de que Trump se convertese en presidente, as ideas de ultradereita tiñan moito predicamento en Europa.

Si vemos o bosque, debémonos decatar que se están a introducir cambios que tentarán sexan permanentes.

A árbore da pandemia, que é grande e con moitas ramificacións, non debe permitir que non vexamos o bosque do neoliberalismo e os efectos da súa aplicación durante moitos anos, antes da chegada da “covid-19”; situación que ten unha maior complexidade pola loita pola hexemonía a nivel mundial e as crises económicas sistémicas que van demolendo sólidas estruturas democráticas burguesas, non é o noso caso onde non se atopan moi consolidadas, recortando dereitos sociais, políticos e económicos ós traballador@s, a precarización nos empregos, a expulsión dunha parte das mulleres do mercado laboral, a incapacidade para integrar ós mozos e mozas que se incorporan a ese mercado, a intrusión do capital en parcelas que antes tiña vedadas, e non para xestionar mellor, senón para acadar beneficios deturpando o concepto de servizo público.

Teño a impresión que a pandemia serve a nivel mundial para consolidar modelos de “democracia burguesa aínda máis limitada”, màis que a actual, e onde se acrecente o dominio da oligarquía financeira o que vai traer consigo a consolidación da perda dos dereitos e a precariedade para unha parte moi importante d@s traballador@s e darlle un golpe máis ó movemento obreiro que non permita que poda exerce-lo seu papel como o suxeito político dun posible cambio.

A loita contra esta “nova política” , da que tampouco creo que Trump sexa o seu único representante, non pode levarse a cabo xunto das actitudes negacionistas da importancia que para a saúde ten a pandemia. Se a loita contra o virus precisa de confinamento e iso parece ser o que se indica por parte da maioría dos virólogos, creo non debemos opoñernos a este tipo de medidas pensando que así loitamos contra o endurecemento nas condicións de vida; mesturalo todo pode levar á confusión entre os traballadores. Hai que esixirlle o Goberno e ás CCAA claridade e as máximas explicación para todos os pasos que están a tomar e actuar ca intelixencia necesaria para comprender que medidas son de loita contra a pandemia, que deben cesar cando esta termine e que outras se acubillan “na loita contra a pandemia”, para imporse haxa ou non pandemia.

En Galicia no mes de novembro de 2020.


No hay comentarios:

Publicar un comentario