Carlos Dafonte.
Pasado un tempo dos ataques de Israel e os USA a Irán, podemos ter hoxe unha mellor perspectiva para analizar o que aconteceu e como vai ser a continuación destes graves incidentes.
Cando afirmaba no anterior artigo que ninguén lle pode facer caso aos “occidentais”, non se pode confiar no que din, e baixo este termo agrupo aos que levan dende a queda da URSS impoñendo os seus criterios, pois menten e enganan constantemente, o ataque a Irán por parte dos USA ven a facer boa a miña afirmación.
Donald Trump o día anterior ao ataque, afirmou que en dúas semanas tomaría a decisión, cando segundo o coronel norteamericano Douglas McGregor a decisión estaba tomada dende había tempo. O cinismo é algo consubstancial coa carencia de diplomacia entre os partidarios do mundo unipolar, rexido polo seu xefe os USA, e eles actuando como palmeiros, como vasalos, como sipaios do grande xefe, que impón normas que establece e cambia ao seu gusto, pero conculca dun xeito alevoso o Dereito Internacional e tamén o Dereito polo que se rexe o propio país. Os USA atacan a un estado, Irán, que nada fixo para que este feito se producira, non houbo provocación algunha e sen discutirse nas cámaras onde atópanse os representantes do pobo norteamericano, aínda que máis acertado era dicir, das grandes empresas e os lobbys sionistas que financian as campañas dos “representantes” no Congreso e no Senado.
Como podemos denominar a este feito?, penso en dúas valoracións, un acto terrorista máis que unha acción militar, a primeira, por non estar amparado por ningunha lei, e propio dunha ditadura bananeira a segunda, onde o ditador toma as decisións, saltándose as leis internas, que obrigan para entrar en guerra, no caso dos USA, a discusión e a aprobación das Cámaras.
É por todo o mundo coñecido, que Irán que asinou o Tratado de Non Proliferación de Armas Nucleares, acto que non fixo Israel, está sometido polo tanto dun xeito moi estrito á intervención de numerosos inspectores que constantemente chequean todo o que se está a facer nas súas instalacións. As súas portas atópanse sempre abertas, mentres Israel nega dende sempre, a inspección do seu arsenal militar nuclear.
Por outra banda, conculcase o Dereito Internacional ao levar a cabo contra outra nación ataques de “carácter preventivo”; non respectar este principio do dereito internacional é entrar nun terreo rexido “pola lei da selva”.
Eses inspectores nomeados pola OIEA, organismo en mans dos occidentais, e a propia directora da “Inteligencia Nacional” dos USA, Tulsi Gabbard, afirmaron con claridade que Irán non esta no camiño de producir armas nucleares. Pero sobre este punto, nos USA produciuse de novo unha importante contradición institucional, cando dende a Casa Branca, nunha entrevista a Marco Rubio, preguntado sobre as afirmacións da Intelixencia respecto á produción da bomba atómica en Iran, desmentiu a Tulsi Gabbard e o presidente Trump no voo de regreso da xuntanza do G-7, cando unha periodista preguntoulle sobre o mesmo tema contestou, “Bueno, entón a miña comunidade de intelixencia está trabucada”. A Casa Branca coñece mellor a situación que a “Intelixencia Nacional”?
Polo tanto nos USA, que quere seguir sendo o “hexemón planetario”, atopámonos con importantes contradicións cando para dirixir algo, o primeiro e ter firmeza nas túas conviccións e non cambiar constantemente de parecer.
Glenn Diesen destacaba hai poucos días que diante do ataque sorpresa de Israel a Irán, dende os USA dixeron, en primeiro lugar, que Israel actuou só; logo que o apoiaban; despois Trump dixo necesitar de dúas semanas para deixar actuar á diplomacia ou tomar unha decisión, e atacou ao día seguinte as instalacións nucleares iraníes, pero que era un ataque contra o programa nuclear e non contra Irán, que non tentában un cambio de réxime; despois afirmou que necesítase un cambio de réxime e máis tarde que non haberá “alto o fogo” e esixe a rendición completa de Irán. Despois do ataque afirma que a misión está cumprida, todas as instalacións destruídas e pide un “alto o fogo” e xoga a ser un pacificador e quere xuntar a Israel con Irán para lograr un acordo de paz e que os USA non forman parte do conflito. Que sentido ten todo esto?. Fácil resposta, Israel acudiu aos USA pedindo a súa intervención para evitar a destrución completa do país e das forzas armadas. Tiñan cativo coñecemento, como admitiron ministros e outros dirixentes, do poder militar iraní, disposto a continuar unha “guerra de desgaste” diante da que os sionistas non aguantaron nin dúas semanas; tres bases militares destruídas, o aeroporto de Tell Aviv inoperativo, quedándose sen misís para responder aos ataques dos contrarios, os dous portos no Mediterráneo, Haifa e Ashdod en chamas, o mesmo que as refinerias existentes, partes das máis importantes cidades destruídas, o turismo, que ten certa importancia no PIB, bloqueado, as xentes nos refuxios durante días ou tentando escapar do país, que pechou fronteiras para impedilo...en fín unha catástrofe xenerada para impedir o que é legal e o Tratado de Non Proliferación permite, o dereito inalienable que ten calquera país de enriquecer uranio con fins civís.
Tamén é necesario sinalar que neste caso, como no do xenocidio en Palestina, a diplomacia da Unión Europea está ausente; nos dous casos é cómplice do que está a pasar. O tema de Palestina é máis grave, pois ten abandonado a defensa de todos cuantos dereitos nun xenocidio atropélanse, vulnéranse.
Estableceuse un “alto o fogo” segundo parece por noventa días, o tempo que terán os agresores para recibir armamento, os barcos estadounidenses para recargar os misís que gastaron defendendo a Israel e, non é difícil presaxiar, que despois seguirá a guerra, non esquezamos o fundamental, que os ataques tiñan dous obxectivos, derrocar ao actual réxime en Irán e destruír as súas instalacións nucleares. Ningún foi acadado.
É posible que no futuro con maiores complicacións para os iraníes, que teñen no norte unha quinta columna, os azerís, manipulados polos británicos e turcos e apoiados por Azerbaián, que quere quedarse con Armenia, cuestión que Turquía tampouco vería con “malos ollos”. Como reaccionaría a Federación Rusa diante de novos acontecementos como os sinalados?.
Sería moi importante facer volver aos USA e a Israel ao cumprimento do Dereito Internacional, pero quen debía facer este labor a nivel mundial tiña que ser a esquerda e o movemento obreiro, pero hoxe non están en condicións para facelo e a maioría dos países, os seus dirixentes, son vasalos dos USA e do seu protexido, Israel.
Polo tanto debemos pensar, aínda que hai cambios e modificacións na estrutura de poder planetaria coa aparicións dos BRICS e os países que se teñen sumado, o “matonismo” dos USA por un tempo, vai seguir actuando con impunidade e os BRICS, polo acordado na última xuntanza en Brasil, prefiren esperar a enfrontarse directamente cos USA. China impuxo, paréceme, o seu criterio de que mellor é chegar ao final do mandato de Trump, a premelos demasiado cun presidente imprevisible.
En Galicia no mes de xullo de 2025.
No hay comentarios:
Publicar un comentario