
Esta situación fixo pensar hai uns anos, a gobernantes e oposición do estado, vendo que unha grande parte da UE -15 entraba en recesión e aquí se seguía a crecer, que atoparan o “bálsamo de fierabrás”, o remedio anticrise. Para o PP as causas estaban nos oito anos do goberno Aznar e os “grandes logros” en materia económica dese período, que en realidade axudou a asentar-los alicerces do que agora nos acontece; para o PSOE, os 400 euros por traballador, o Plan E, quitarse a garabata nas oficinas para aforrar aire acondicionado, regalar bombillas de baixo consumo e minguala velocidade por estradas e autovías e outras simplezas polo estilo, facíanos ser exemplo e dar consellos ó resto da U.E..
A realidade hoxe case tod@s a coñecemos e aínda que desde os medios de comunicación seguen a “marea-la perdiz”, tamén coñecemos quen son os responsables desta situación: as políticas neoliberais aplicadas desde hai máis de trinta anos e tod@s os que as fixeron posibles.
En Galicia, dicía con certo retraso respecto ó resto do estado, tamén entramos na espiral da crise e os datos tanto micro como macroeconómicos sitúannos nunha realidade onde a clase traballadora, como no resto do estado, carga co peso da mesma.
Con menor poboación que hai trinta anos, temos un maior número de parados; unha parte importante da nosa poboación atópase no umbral da pobreza, a maior parte d@s xubilad@s, xa que cobran das pensións máis baixas do estado.
A ondada migratoria, como nos vellos tempos, destroza perspectivas familiares e individuais e afecta sobre todo ós máis novos, deixando orfo ó país de parte dunha xeración que se di, é a máis preparada.

O sector leiteiro atópase afogado pola actitude das empresas que pagan prezos de hai vinte anos, cando ó campesiño subiulle todo, desde o combustible ata os pensos e a electricidade e en todos estes anos a administración autonómica non foi capaz de crear un sector lácteo galego que serva de contrapeso á avaricia privada. Tampouco pasa polo seu mellor momento a pesca.
Cun sector industrial en franco retroceso, polas deslocalizacións de numerosas empresas, a transnacionalización de outras e a desidia dos administradores, como pode se-lo caso do naval, que de non recuperarse, vai representar un enorme quebranto para a economía galega e un aumento moi importante do paro.
Cas familias moi endebedadas o que se traduce na caida do consumo e a morosidade nos pagos, situación que se foi agravando cas medidas aprobadas polo PSOE e que se vai facer aínda máis dificil polas que está a tomar o PP.
Cun sector turístico e de servizos en retroceso que só parece recibir certo pulo no xacobeo; a construción paralizada en grande parte, tamén algunhas obras de infraestrutura financiadas pola administración central, así como o Plano Eólico.
Coas entidades financeiras en perigo de perde-lo seu “carnet de identidade” galego; o banco resultante da fusión das dúas caixas en perigo de poder continuar como entidade independente, resultado dunha xestión nos últimos anos de ámbalas dúas merecente dunha investigación a fondo e esixir responsabilidades ós xestores e as entidades públicas e privadas que configuraban os seus consellos, e o banco Pastor absorvido por outra entidade estatal.
Todos estes elementos configuran un panorama economico-social de Galicia onde @s asalariad@s, a grande maioría da sociedade, non teñen un bo futuro.

Esta crise económico-social como non podía ser doutro xeito, é a causante da crise que afecta a maior parte das organizacións que actuan en Galicia, sexan políticas ou non. E ten moito que ver aínda que algún pense que me vou “polos cerros de Úbeda”, coa crise ideolóxica, o abandono do marxismo en concreto, dos sectores que se reclamaban hai anos “da esquerda” e o dominio ideolóxico consiguiente das posicións liberais, que organizacións políticas e sindicatos foron aceptando, refuxiandose no mellor dos casos nun “progresismo” incapaz de facerlle fronte á marea neoliberal. Se hoxe o neoliberalismo, as súas prácticas, as súas políticas, as súas solucións está tan asentado é pola razón de ter sido arrinconada a única teoría crítica co sistema capitalista, na grande maioría das organizacións políticas e sociais que configuran o espectro estatal e galego
Tres apuntes de actualidade sobre os que é necesario reflexionar e que teñen moito que ver sobre o anteriormente escrito
Dicía hai uns días un antigo senador do Bloque, non me lembro se ó tempo que anunciaba a súa marcha da organización ou non, que da última xuntanza saíra un Bloque máis mobilizador, cuestión ca que parecía non estar dacordo. Pero o lóxico, penso eu, é que o BNG sexa unha organización que mobilice. Os resultados electorais, en retroceso constante desde hai uns anos desta organización, creo teñen bastante que ver co abandono da rúa e o traballo case exclusivo nas institucións, onde non se fai máis que xestiona-lo capitalismo; a experiencia do bipartito foi demoledora, pero dubido moito que ese sexa o grande debate do BNG. A organización maioritaria nesta última asemblea o é desde hai moitos anos, e polo tanto a maior responsable do “xiro cara a dereita” nesa organización e non coñezo unha autocrítica a fondo no seo da mesma.

Galicia enfrontase a esta crise mergullada na crise da maioría das súas organizacións políticas e sociais; crise que non é resultado do debate e da división por diferentes posicións para enfronta-la mesma, senon que é unha crise xenerada pola loita por cotas de poder, moitas veces cun caracter moi personalista, pola razón de que se ten perdido o obxectivo do traballo na sociedade. Só importa o poder, pero non para transformar, para avanzar cara a unha nova sociedade, senon para exercelo dentro do sistema.
Se a todo esto engadimoslle a xustificada falla de confianza que unha grande parte do pobo ten en que se solucionen os seus problemas, polos constantes escándalos nos que se ven envoltos institucións, concellos, deputacións, empresarios, persoeiros de todo tipo, etc., considero que temos un panorama bastante xusto da encrucillada na que se atopa Galicia.
Que facer? reflexionou en 1902 Lenin, nun momento no que parecía moi dificil que as posicións da esquerda revolucionaria avanzaran. Pois ben, en quince anos o pobo pulaba a Lenin e os bolxeviques a controlar as institucións dun novo estado.
A situación é distinta, xa o sei, pero hai moit@s que pensamos que hai que reconstruir, recompoñer, para avanzar. A cuestión é atopalo camiño correcto e este pasa por rachar co capitalismo, construindo unha alternativa ó sistema, por aglutinar organizadamente arredor dun programa e da teoría revolucionaria, da filosofía da praxe, a milleiros de homes e mulleres, mozas e mozos, sen esquecer nunca a mobilización; a loita social é o mellor dos laboratorios . Outros experimentos, e pódense facer moitos, só conducen ó fracaso ou á integración a medio prazo no sistema.
En Galicia no mes de febreiro de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario