A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 25 de agosto de 2017

TERRORISMO E BARBARIE



Carlos Dafonte
Os grupos de “expertos” que elaboran teorías ó servizo dos políticos e do poder nas nosas sociedades, teorías que despois se repiten constantemente ata que se convirten no “sentido común” da maioría, chegaron á conclusión de que a razón fundamental de que se produzan acontecementos como os de Barcelona e Cambrils de hai uns días e os que tiveron lugar en outras cidades de Europa e os EEUU, que estes actos de inusitada violencia, teñen como obxectivo poñer fin ó estado de dereito que gozamos e o “xeito de vida occidental”, as nosas formas democráticas, a nosa riqueza, os nosos costumes de ocio, que non poden soportar e queren poñer fin con bombas, kalasnikov, coitelos ou vehículos que atropelan a xente cando disfrutan da placidez dos centros históricos das nosas cidades, ben estructuradas, cheas de servizos e de abundancia de todo o que sexa orientado ó consumo.

Eu non comparto esta visión que reforza ó poder establecido e o consenso necesario para exerce-la hexemonía e serve tamén para xustificar medidas extraordinarias de recortes de dereitos. Desde o meu punto de vista ó poder do capital é o responsable, e iso é o que se quere ocultar con todas estas teorías da envexa que nos teñen, destes ataques que sufrimos a poboación. Poder do capital que desde hai anos no seu afán de expropiar ás riquezas de determinados territorios ven cometendo erros de carácter táctico e estratéxico que teñen como consecuencia a situación actual.
En primeiro lugar erros políticos tácticos dunha dimensión moi importante como non entender cara a donde podía levar o apoio ó islám máis radical como contrapeso a outro cun carácter socializante, o de Nasser en Exipto, o FLN primixenio en Arxelia, a OLP palestina ou o partido Baaz en Siria e Iraq; fronte a estes proxectos que escapaban en certa medida ó control do imperialismo este promoveu a oposición a estes rexímenes e partidos, non desde o laicismo, senón dende o extremismo máis radical cuxa pedra angular foron Arabia Saudita e os pequenos Emiratos do Golfo Pérsico. O maior grao de incapacidade para comprende-la situación que ían crear foi o caso de Afganistán, que contou con varios episodios onde o Departamento de Estado dos EEUU, o seu Ministerio de Asuntos Exteriores para entendernos, amosou a súa incompetencia dun xeito manifesto. Qixéronlle devolver a moeda da derrota de Vietnam a URSS e comezou un acoso constante ó goberno “socialista” do país por parte dos sectores máis radiacais e con axuda da CIA, o MSI-5 brítánico e os servizos secretos de Paquistán, armaron un verdadeiro exército ben surtido de armas de todo tipo e diñeiro, que lle obrigaron a pedir axuda o seu aliado, a URSS, que tivo que facer fronte a unha agresión non só dos radicais do país, senon, se calculan en cerca de 70.000 os radicais que foron trasladados desde numerosos países musulmanes e minorías de países que non o son, para loitar contra os sovieticos; un ex-axente da CIA retirado, nun documental pasado pola TV2, dícía que habían contratado os “mellores cortadores de cabezas” do mundo; a fronte de todo ese tinglado situaron a Osama ben Laden, un radical membro da CIA, dunha familia saudí que era socia nos negocios petroleiros da familia Bush. Como se degollaban soldados soviéticos e comunistas afganos, os medios de comunicación hexemónicos do capital, non lle daban importancia a estes feitos, ademais non había que descubrir con quen a democrática e cristiá “cultura occidental”, se aliaba con tal de desgasta-lo enimigo na chamada “guerra fría”. Pero a derrota do goberno afgano e da URSS non levou a paz ó pais que quedou dividido e en permanente guerra civil e para impor a unidade e poñer fin á guerra os EEUU xogaron a súa segunda baza, o taliban, que cando conseguiu impor o seu poder, os seus representantes foron, hai fotos que nunca se deben esquecer, recibidos na Casa Branca polo presidente Regan que os cualificou como “ loitadores pola democracia e as libertades”.
Como nunca entenderon, teño dificultades para pensar que eran conscentes do que facían, que estaban a crear un franquestein, non pensaron que os planes de ben Laden e todo o movemento que se creou para derrota-la URSS, dera paso a Al Qaeda. E despois para solucionar o problema que eles mesmos crearon, o capital, o imperialismo recorre á barbarie, invasións, guerras e destrucción de Afganistán, Iraq, Libia, Siria, aplastamento das mobilizacións e da saída electoral en Exipto. Destrucción do estado nas dúas primeiras nacións e herdanza dunha guerra civil larvada entre diferentes credos relixiosos dentro do islám e étnicos, o que segue a producir innumerables mortos; algunha universidade dos USA calcula 600.000 os mortos civís en Iraq, e unha peor situación tanto económica como social ou política, á que existía con anterioridade a intervención militar. As máis de 20.000 bombas lanzadas sobre Afganistán nos primeiros días da invasión por máis de 30 países sofisticadamente armados, non se debe considerar terrorismo?
Hai unha idea que xorde dentro do islám máis radical despois da vitoria sobre a URSS en Afganistán: de que son capaces de emprende-lo camiño da súa liberación polos seus medios, enfrontándose ó imperialismo xa que das metrópoles coloniais e neocoloniais, de occidente, non van vir solucións para a pobreza a explotación e a existencia de sanguentas ditaduras; que só no islám se atopa a solución pero dentro dunha interpretación do Corán moi determinada, radical, pois outras interpretacións, que en certa lingüaxe chamaríamos burguesas, sempre foron complices de occidente e forman parte do problema. Polo tanto só dentro da sharía atópase a solución.
Polo tanto a resposta violenta, á que chamamos terrorismo non é polo xeito como vivimos, senón como resposta á barbarie que impoñemos a numerosas sociedades musulmanas.
En segundo lugar o erro estratéxico. Todo o actuado polo imperialismo, se atopa en función da remodelación do mapa de Oriente Próximo e a eliminación dos estados máis poderosos enfrontados a Israel. Plano que presentou dun xeito nidio Condoleza Rice nos tempos en que ocupou a Secretaría de Estado baixo a presidencia do Bush fillo. Parece que tampouco vai saír adiante como se pensaba, pois após de toda a barbarie desatada polo imperialismo nesa zona, Irán sae reforzado e penso non era o que os EEUU e os seus socios, tiñan como obxectivo.
As sociedades europeas, @s súas traballador@s estamos a sufrir nas nosas carnes os golpes dos radicais máis violentos do islám; pagamos polos erros e a avaricia das clases hexemónicas das nosas sociedades, as oligarquías en disputa constante polo poder económico e político que se serven de determinados partidos para levar adiante estas políticas de rapiña e despois eses mesmos políticos nos tentan “engatusar” con solucións carentes de sentido.
Un dos mantras máis repetidos nestes días é que “ó terrorismo se lle vence ca unidade dos demócratas”. Falso, están aplicando a mesma fórmula que con ETA cando estes xeitos de acción violenta, nada teñen que ver co que acontecía no estado español hai uns anos. O “entorno” de ETA presentábase ás eleccións e o illamento en algúns momentos podía ter repercusións no mesmo, facerlles cambiar algúns aspectos do seu apoio ó grupo violento; actuaban dentro do estado español estaban integrados no mesmo, pero estes que agora matan, non lles importa o illamento, son marxinais dentro das nosas sociedades, non fumos capaces de integralos e polo tanto a consigna “unidade contra os violentos” só serve para que non se denuncie a realidade: QUE TEMOS QUE DEIXAR DE EXPORTA-LA BARBARIE, PARA QUE NON CHEGUE O TERROR ÁS NOSAS SOCIEDADES. Polo tanto unidade si, para denunci-la barbarie imperialista e as súas consecuencias.

En Galiza no mes de agosto de 2017.

No hay comentarios:

Publicar un comentario