Carlos
Dafonte
A
aprobación por parte do Goberno italiano do que se ven en chamar
“Decreto Dignidade”, e as modificacións sufridas despois ó seu
paso polo Parlamento, abriu ó meu entender unha polémica
importante, en relación cun artigo asinado por Monereo, Anguita e
Illueca, no que formulan algunhas cuestión sobre o mesmo que lles
parecía tiñan un carácter positivo, aínda que en conxunto, o
considerasen deficiente. E creo que é importante, pola razón de que
moitas veces os países que configuramos a actual Unión Europea e
ademais pertencemos ò euro, descoñecemos e non nos importa moito, o
que acontece nos nosos socios cuxas accións van ter importantes
repercusións para tod@s nós.
Moit@s dos crític@s que din estar contra o devandito decreto, esquecen moitas veces facer unha análise do mesmo, tampouco o vou facer, pódese atopar en internet, así como da situación de Italia, do proceso de loita de clases que se está a dar, e prefiren, parece que tiñan contas pendentes, entreterse con vapulear a Anguita, dos outros dous asinantes esquécense, situación que non me parece que axude á clarificación. Creo ademais que non hai problema ningún en disentir de Julio, levarlle a contraria, debater con argumentos, pero non con insultos, chamándolle fascista, dereitista e toda outra serie de adxectivos pola razón de amosar certo apoio a aspectos, non na súa totalidade, do devandito decreto; por unha razón, porque facer iso cunha persoa de esquerdas, e non hai dúbida de que Julio Anguita o é, debilita a toda a esquerda. Os de esquerdas discutimos dun xeito determinado; fronte ós argumentos do noso opoñente, utilizamos outros, rebatímoslles con argumentos que consideremos máis acertados, pero nunca recorrendo ó insulto.
Por
outro lado a moit@s éncheselles a boca con palabras grosas para
cualificar e o mesmo tempo descualificar, o actual goberno italiano e
a quen lle amose algún tipo de apoio, aínda que sexa cativo, por
este decreto. Unha vez máis aparece a palabra fascismo, outras
nazismo, neste caso utilízase menos populismo, que é como dende hai
uns anos cualifícase a todo aquel que se opón á construción da
actual Unión Europea e os designios do imperialismo en calquera
parte do mundo.
Italia
é un país en crise, un país en serias dificultades, e o primeiro
que tenta, dende a perspectiva de clase do goberno, iso non hai que
esquecelo, é aprobar un decreto que cumpra ca Resolución do Parlamento
Europeo de 31 de maio do presente ano, que insta a loitar
contra a precariedade laboral, a erradica-los empregos precarios e
promover traballo de calidade, seguro e ben remunerado. E dicir un
acordo do Parlamento que vai en contra do que esixen as outras
institucións da UE, que son as que teñen verdadeiramente capacidade
para impor os seus acordos; baseándonos en parámetros democráticos
o Parlamento é un “cero a esquerda”; e as outras institucións
europeas, esixen novas reformas laborais para precarizar máis o
traballo, salarios de miseria e todo o que xa coñecemos e temos
sinalado dende hai moitos anos.
Unha
primeira cuestión que se debía clarexar é que en Italia hai un
goberno formado pola “La Liga” (L.L) e o “Movemento 5
Estrelas” (M5E). O primeiro, un partido ou movemento, non o teño
claro, leva anos batallando para separar un país ficticio, a
Padania, do resto de Italia, a parte rica da parte máis pobre,
baseándose nun discurso aberrante de que “os que non queren
traballar e só vivir de subvencións” deben buscarse a vida e non
vivir a conta dos do norte, que son os que crean a maioría da
riqueza que se reflicte no PIB italiano. Formulan ademais a negativa
contundente a que sigan entrando persoas desprazadas de África e o
Oriente Próximo. Representa a sectores da pequena e media burguesía
e traballadores arruinados pola globalización e as medidas da
UE e votantes que apoian a quen lles formule, nesas zonas do norte,
a loita contra a burocracia de Bruxelas.
O
Movemento 5 Estrelas, recolle os seu votantes do centro e sur de
Italia, aqueles dos que a Liga Norte quere separarse; é polo tanto
un goberno cheo de contradicións, que está apoiado polo 60% do pobo
italiano e cun M5E que dobra en deputados á La Liga; este
movemento tamén se nutre de votantes contra a UE, que cas súas
medidas a favor dos recortes de todo tipo, os está a levar á
miseria, á precariedade e a carencia de dereitos, nun país como
Italia que en tempos estaban na vangarda en toda unha serie de
dereitos. No sur o M5E acadou, nas zonas con máis paro, resultados
espectaculares. Son organizacións interclasistas. Pero hai unha
diferencia entre eles, mentres o M5E non ten apenas capacidade de
xestión, a (L.L) xestionou grandes áreas de goberno apoiando a
Berlusconi e agora rexións moi importantes como a Lombardía, Veneto
ou Piemonte
Formar
este goberno pasou por serias dificultades, en primeiro lugar por
representar nalgúns casos intereses contraditorios, tiveron que
deixar os seus respectivos programas aparcados en grande medida para
podelo constituír, pero tamén pola actitude da UE, que o viu como
un inimigo, e non esquezamos que a UE está ó servizo da oligarquía
europea, primeiro caso coñecido, que premeu ó Presidente da
República para que non nomease a quen ía se-lo ministro de
economía, por consideralo anti-UE, pero tamén pola actitude do
Conselleiro de Economía da UE, un alemán, que diante da
formación do novo goberno en Italia, fixo un chamado ós “mercados”
para que castigaran ó país, e ise chamado irresponsable,
verdadeiramente se materializou, enfeblecendo máis a unha economía
con serios problemas. Polo tanto o enfrontamento Goberno de
Italia-UE, en principio parece un elemento básico da política
italiana hoxe. Se o enfrontamento fora parte dun engano, dun
teatrillo, como algúns afirman, non creo que recorrese a medidas tan
graves.
Se
ten dito que este goberno representa á oligarquía italiana; o poño
en dúbida, a poderosa patronal italiana que se atopa en
COFINDUSTRIA, afirmou que o Decreto “era unha sinal moi negativa
para o mundo das empresas”, estaba moi contenta cos gobernos do PD,
as súas reformas laborais e fiscais das que sacaron enormes
beneficios ; ademais non vexo razón algunha para que se opoña a
entrada de migrantes, sería facer medra-lo exército de reserva que
premería á baixa, contra o resto d@s traballador@s asalariad@s.
Tamén Forza Italia o partido de Berlusconi, amosou a súa oposición
así como o Partido Democrático e é certo, tamén o maior
sindicato, a CGIL.
Polo
tanto o Decreto e o que aprobou o Parlamento italiano, por exemplo
pagar en bonos ós traballadores da agricultura e relacionados co
turismo, aspecto que non estaba no Decreto do Goberno, concita a
oposición dunha parte importante das estruturas italianas, é
controvertido, pero dende o meu punto de vista, eu non asinaría o
artigo de Illueca, Monereo e Anguita, é moi importante si somos
capaces, a partires deste debate aberto, de poñernos a discutir en
serio sobre o que significa a UE e o euro para Galicia, e deixar de
actuar como o avestruz.
O
eixo fundamental do novo goberno italiano que algúns articulistas
consideran que é o xermolo dun novo “bloque histórico”, é o
soberanismo, aspecto no que coincido, pois a UE é irreformable, e só
se poderá facer unha nova Europa d@s traballador@s e socialista,
destruíndo a actual construción e iso pasa por recupera-la
soberanía e comezar de novo. Neste aspecto penso que radica o artigo
mentado, a súa oposición a actual UE e ó euro, lles leva a apoiar
certos aspectos do mesmo por consideralos parte do enfrontamento
contra esa mega institución, a quen pode debilitar. Quen
consideramos que a UE é un elemento básico na actual estadio da
loita de clases, cecais teñamos a tendencia a considerar ós que
parecen os seus inimigos, como alguén próximo a nós, o que na
maioría dos casos non é certo. Haberá organizacións e gobernos
que poden coincidir nalgúns aspectos ca esquerda, onde me situo,e
outras e outros gobernos que se opoñen á UE por considerala un freo
ás súas apetencias de aguzar aínda máis a explotación d@s
traballador@s asalariado@s.
Sobre
a medida de pagar en bonos a sectores da clase obreira, turismo e
agricultura, non teño capacidade para entender que significa. @s
traballador@s que os reciban van paga-la luz e o gas, ou o aluguer da
casa cos bonos?.
Sobre
o fascismo e nazismo nos tempos actuais.
Por
último, sobre o tema do fascismo e nazismo do que son acusados
moitos dirixentes da extrema dereita que se enfrontan á UE. Creo que
necesitamos un debate en profundidade sobre esta cuestión. De non
facelo dentro da esquerda, pode ser que non entendamos do que se
trata e esteamos asistindo ó seu desenvolvemento sin ser capaces de
aprecialo. Estes dous movementos se forman e se crean, dun xeito moi
distinto do franquismo, aínda que o obxectivo sexa o mesmo.
Cando
as clases hexemónicas, o capital, as oligarquías, se considéran ameazadas por parte da clase obreira, tanto en Italia como en
Alemaña, onde o movemento obreiro era moi potente, e disputáballe o
poder nas institucións e na rúa, os grandes grupos
industriais o capital financeiro e os terratenentes, financiaron
estes movementos para desarticular o movemento obreiro tanto na súa
rama política como sindical. Ese era o análise da III ª
Internacional que María Antonietta Macciocchi consideraba aló polos
anos setenta do século pasado, estreito é inxenuo e nos convocaba a
estudar a Gramsci e os seus análises sobre o tema, partindo dunha
carta escrita no ano 1923, pero que non foi dada a coñecer ata 50
anos máis tarde, titulada ¿Por que fomos vencidos”, e todos os
artigos de “Ordine Novo” sobre o tema e máis tarde a súa
produción teórica dos “Cadernos do Cárcere”.
Como
hoxe o movemento obreiro non lle está a disputa-lo poder á
oligarquía nos países onde a extrema dereita avanza, eu sigo a
comparti-los análises da IIIª Internacional, pero o artigo de
Monereo, Anguita e Illueca, e o debate posterior lévame, aínda que
o tente facer en pouco espazo, a analizar algúns aspectos do
fascismo tratados por Gramsci que poden axudarnos a comprender mellor
a realidade actual. É necesario facelo para non deixarnos
sorprender.
Eses
movementos se producen como xa dixen, no entorno dun marco dun
movemento obreiro á ofensiva, Revolución Soviética, derrota da
revolución en Alemaña e Hungría, creación da Internacional
Comunista e os Partidos Comunistas, grande número de votos dos
partidos socialdemócratas e comunista, forte crise económica, e non
teñen moito que ver co acontecido no estado español a partires de
1936; aquí é a pequena e media burguesía a que controla as
institucións ca axuda da clase obreira, e o capital
financeiro-terratenente, incapaz de para-lo proceso, recorre ó
exército para dar un golpe de estado e facerse co poder; o fascismo
e o nazismo implántanse despois de acada-lo poder; dáse o golpe de
estado dende o poder
Polo
tanto hai un elemento que estuda Gramsci, tanto en Italia como en
Alemaña prodúcese un debate ideolóxico moi longo contra as
posicións da clase obreira; Mussolini o comeza en 1914 cando toma
posicións dende dentro do Partido Socialista onde militaba, contra a
neutralidade do partido na guerra, e Hitler sobre dez anos antes de
que lle ofreceran a Cancillería en 1933. Son movementos que agrupan
a sectores da pequena e media burguesía en proceso de
proletarización, pero tamén do movemento obreiro, traballadores en
paro, desideoloxizados e gañados pola demagoxia anticapitalista dos
líderes, que de anticapitalismo non tiñan nada; por primeira vez a
pequena burguesía loita pola a súa autonomía como clase, se
considera capaz de toma-lo poder, aínda que sexa a favor e en
beneficio da burguesía.
Gramsci
analiza o fascismo non só como reacción armada do capitalismo,
senón tamén en tanto que longa loita superestrutural que tenta
manipula-lo inconsciente das masas sobre todo da pequena burguesía;
é un proceso lento que se agudiza cando en 1919 se produce no norte
de Italia o movemento de toma das fábricas e a aparición dos
“consellos obreiros” que as van xestionar.
Analiza
tamén como o fascismo se estrutura na relación entre o “squadrismo
agrario” ca burguesía e sinala o importante papel xogado pola
pequena burguesía e os seus cadros nesa estruturación.
Así
como a responsabilidade do movemento obreiro, impotente fronte
ó golpe de estado, atrapado polo economicismo, dogmatismo e o
infantilismo revolucionario e atribúe como a causa principal da
derrota do partido revolucionario, a non ter ideoloxía, non ter
comunicado cas masas, non ter fortalecido a conciencia d@s militantes
ca axuda de principios tanto morais como psicolóxicos e se pregunta:
Como nos podémos estrañar, que algúns obreiros se converteran en
fascistas?.
É
importante o relevo que Gramsci lle da á revolta da pequena
burguesía como tentativa de aparecer como clase independente,
fronte ós análises de que só existían dúas clases o proletariado
e a burguesía e a pequena burguesía sempre en medio dependendo
dunha ou de outra. E si nos anos 20 e 21 subliña constantemente a
“relación dialéctica entre fascismo e reacción de estado”,
empeza cada vez máis a amosa-la importancia do desprazamento da
pequena burguesía ata considerala a base de masas da ofensiva contra
o movemento obreiro e socialista. Prodúcese pois unha relación
entre a pequena burguesía que se atopa nunha situación moi
determinada, co asalto reaccionario da grande burguesía.
Así
o fascismo chega a configurar un novo “bloque histórico”
(unión entre infraestrutura e superestrutura), ata reempraza-la
antiga burguesía liberal, por un sistema de poder autoritario.
O
golpe de estado prodúcese, cando xa o fascismo e o nazismo se atópan no poder, despois dunha longa loita de clases
contrarrevolucionaria, cando ten madurado na conciencia de certas
clases e posúe unha base de masas esencialmente pequenoburguesa.
Hai
que recoñecer que algúns elementos dos sinalados por Gramsci
aparecen nos panoramas políticos de algúns países de Europa,
Francia, Italia, onde é posible se esté a configurar un “bloque
histórico”, onde a pequena e media burguesía xogue un papel
importante, sexa hexemónica no mesmo, ca ausencia total, e o
considero moi grave, da clase obreira organizada. Nestas
circunstancias a saída desta situación pode ser calquera.
En
Galicia no mes de Outubro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario