Carlos Dafonte.
Hai
uns anos, no pleno desenvolvemento da crise cíclica do capitalismo, aceptamos
unha expresión que Beiras verbalizou, que indicaba unha situación da que os
sectores da esquerda galega éramos conscientes dende antes do inicio da mesma:
“Galicia atópase nunha situación de emerxencia económica -social” e como
resultado desa diagnose, e conscientes importantes sectores d@s
traballador@s galeg@s
da necesidade de avanzar artellouse unha
alianza entre sectores da esquerda non nacionalista e nacionalistas de
esquerda, que se formalizou na Alianza Galega de Esquerdas (AGE).
Ben pola razón de que se cavilara máis na
hexemonía electoral que na social, o medo a determinadas críticas, ou outro
tipo de razóns, AGE ficou como un grupo parlamentar e no deu o paso seguinte,
constituírse nun movemento político, social e cultural organizado, e cando en
Galicia se deron os pasos para facelo, En Marea, o éxito electoral tanto en
Galicia como nas eleccións a Cortes foron importantes. Pero o pensamento
pequeno burgués, moi hexemónico na nova organización, paralizou e rachou co que
puido ser e non foi.
A realidade
socioeconómica de Galicia se ten agravado nestes anos, non só pola persistencia
dunha crise que se fai cargar sobre as costas dos territorios
dependentes do centro capitalista, tamén sobre @s
traballador@s, e por non se ter dado toda unha serie de pasos, creación dunha
banca pública por exemplo, pero sobre todo pola persistencia do votante galego
de seguir confiando no PP, un partido corrupto, así o dixeron os tribunais, que
ademais aplica unhas políticas económicas e sociais, onde ten transferidas as
competencias, que só tentan beneficiar ó capital.
Os datos do
Consello Económico e Social, que fixo público hai un tempo amosan que a
situación de emerxencia da que falábamos, segue a agravarse por moitos intentos
que a Xunta, o PP e determinados medios de comunicación, afirmen o contrario.
Por exemplo, a
industria manufactureira que a comezo da crise representaba o 15 % do PIB galego, hoxe atópase por baixo do
13 % e varios centos de empresas galegas instaláronse no norte de Portugal, sen
que a Xunta e o partido que a sostén, amose preocupación algunha sobre o tema.
Respecto @s traballador@s, no primeiro
trimestre do ano 2008, Galicia contaba con 1.187.640 que tiñan contrato de 8
horas e hoxe só 994.016 contan con ese
tipo de contrato.
A construción perdeu neste tempo máis de
75.000 postos de traballo e só 3 actividades contan hoxe con máis man de obra
empregada que en 2008, a que depende das
administracións públicas, as artísticas e recreativas e o sector da
comunicacións.
Servizos fundamentais como son Sanidade,
cux@s traballador@s atópanse constantemente levando a cabo mobilizacións na
defensa dun servizo público e de calidade, e da cidadanía que o utilizan fronte
as políticas de degradación da Xunta e o Ensino cuxa degradación e constante,
por exemplo os contratados non cobran nas vacacións, como si estes períodos non
foran fundamentais para organiza-lo traballo que esta por vir.
Seguimos a ter as pensións e salarios máis
baixos do Estado, e un paro xuvenil dos máis elevados do Estado, o que non
permite ademais da falla de postos de traballo, facer un proxecto de vida para
moit@s mozas e mozos o que obrigou a máis de 60.000 a abandonar Galicia neste
anos; cuestión que se reflicte na EPA.
Dende o 2008 en Galicia so recuperaron 2 de
cada 10 postos de traballo perdidos pola crise; de seguir a este ritmo
necesitaríamos 12 anos para recuperalos, pero os vaticinios para os próximos
anos non son bos para @s traballador@s, as principais economías do planeta é
posible que volvan entrar en recesión.
O saldo vexetativo no 2017 foi negativo en
13.522 persoas, e levamos unha serie moi prolongada de perdas anuais que a
calquera goberno debíalle preocupar e tomar medidas efectivas para frea la
sangría.
Banca e compañías de seguros perderon preto
de 10.000 postos de traballo, neste período e por poñer outro exemplo no último
ano perdéronse 470 explotacións gandeiras, o que vai repercutir na
desertización dunha parte de Galicia; hoxe quedan 7.700 explotacións en toda
Galicia.
A nivel de transporte seguimos como no 2008,
pensando exclusivamente no AVE, como salvador, un transporte que non vai
articula-lo territorio galego, que vai competir cos tres aeroportos, dous deles
moi deficitarios, pero que serve de cortina de fume e esquecer a
electrificación do que xa temos, a dobre vía e o tendido de novas liñas que
permitan articula-lo territorio, o transporte de mercadorías con maior
eficiencia, e comunica-lo interior das provincias máis desertizadas cos nos con
máis pulo económico.
A crise tamén é política.
O Goberno do PP, é un goberno acabado,
amortizado, sen ideas para tentar sacar a Galicia, dende as súas perspectivas
neoliberais, das dificultades nas que se atopan os seus principais sectores
produtivos, servizos fundamentais e a
maioría dos seus traballador@s.
A crise do PP é unha crise de goberno, da
súa incapacidade de liderado como goberno, para presentar un programa claro e
crear a ilusión na xente de que se pode saír dalgún xeito desta crise, cuestión
por outra banda imposible dende o neoliberalismo, polo que atópase máis
interesado en falar de Cataluña ou esconderse do xiro neofranquista que o PP a
nivel de Estado esta a dar, liderado por Aznar, que utiliza como voceiro a “un
tal Casado” que se confesa admirador de Reagan. Recomendo se estuden os
numerosos traballos sobre a situación económica na que deixou Reagan ós EEUU, e
a maioría dos seus traballador@s, despois de oito anos de mandato.
Pero tamén hai unha fonda crise na
oposición, dende o primeiro ata o último dos partidos presentes no Parlamento
Galego.
Admitindo que podo estar trabucado, en
ningún deles atopo un proxecto de país para esta situación de crise, comezando porque ningún se atreve a falar da Unión Europea e a ter unha posición sobre a mesma
como non sexan as xeneralidades de sempre, “hai que facer unha U.E. máis
social” ou “debemos construír unha Europa dos traballadores” pero sen dicir que
facemos con esta Europa da oligarquía, como nos enfrontamos a ela e as medidas
que a cotío emanan das súas estruturas, como si as estruturas burguesas que
serven intereses burgueses, se puideran cambiar traballando dende dentro das
mesmas.
Cun Psoe ensimesmado nos seus problemas
internos, en primeiro lugar pola crise que abre a vitoria de Sánchez nas
primarias, aínda non pechada se analizamos ben os apoios que cada un dos
candidatos tivo naqueles momentos, ata a derrota e a perda de Andalucía após de
máis de tres décadas dun goberno decepcionante, ou a “sublevación”, resposta
cun certo cabreo de baróns importantes que gobernan autonomías, diante do
pacto, cuxo cumprimento é dubidoso, con Podemos, consideran lles pode restar
votos, a causa da campaña que hai contra esta organización a todos os niveis e
polo tanto, facer perde-los seus postos nas próximas eleccións autonómicas. En
Galicia teño a impresión que o liderado do actual secretario xeral, non esta
consolidado o que tamén é un elemento a ter en conta.
Por outra banda vexo o BNG completamente
descolocado após do “procés” en Cataluña, e atoparse ca crúa realidade de que
falar de soberanía para Galicia, desvinculada da loita de todas as nacións sen
estado e pobos que compoñen o actual Estado, é ilusorio; o estado burgués ten
os suficientes instrumentos para paralizar un proceso como o de Cataluña, sen
non conta ca solidariedade do resto, da mobilización solidaria d@s
traballador@s de todo o estado. É dicir levar ó limite a loita de clases e
impor nun proceso constituínte, o dereito de autodeterminación, o que significa
falando claro, poñer fin a este réxime. E o BNG nesta nova circunstancia,
supoño vai preferir abandonar parte dos seus principios e apostar por ser un
“conseguidor”, estratexia que se viu cos gobernos de Rodríguez Zapatero non
levou a ningures; apoiaron ata Orzamentos Xerais cun marcado carácter
antisocial pero @s traballadores galegos non obtiveron beneficio algún. Polo
tanto coido se atopa nunha calexa sen saída. Hoxe Galicia dentro do campo do
nacionalismo necesita a persoas co pensamento de Castelao, Antón Villar Ponte
ou Suárez Picallo, que foron capaces de pactar con forzas en certa medida afastadas
do seu pensamento, para acada-lo obxectivo común, declara-la república e
defendela despois.
Estes días Villares, voceiro parlamentar e
líder de En Marea, formula constantemente, diante da crise na que sumiu pola
súa ineptitude á organización, que existe unha dicotomía entre o seu proxecto
que e o de todas e todos, e os proxectos dos partidos, acercándose
perigosamente a un discurso contra estes, que non benefician en absoluto os
cambios necesarios nas estruturas en Galicia
do réxime.
En Marea comezou ben, en decembro de 2016
aprobouse que era un movemento político social, de afiliación individual, onde
cada afiliado era un voto, e por ser movemento, non unha alianza de partidos,
estes non tiñan ningún tipo de influenza como non fora a traveso daqueles
afiliados que quixeran participar en En Marea. Pero axiña converten este
movemento que creou unha grande expectativa nun “partido instrumental” e a
converten nun verdadeiro instrumento de control dunha camarilla, que non tenta
organiza-la afiliación, por comarcas, con comités, onde se discuta de política
e o que permite ter un constante contacto ca poboación; desaproveitando
estrutura-la afiliación parece querer converter este instrumento nun partido
municipalista que só se alimente de candidaturas municipais que se teñan
presentado nas pasadas eleccións.
Só con iso non se esta a xoga-lo papel que
se debe ter neste momento político como primeiro partido da oposición, tentar
gaña-la hexemonía social aparecendo como unha estrutura política a favor da
quebra co réxime, republicana, federalista, cun programa claro alternativo ó
programa neoliberal e polo tanto cunha posición nidia fronte a UE e o euro, sen
que por iso esquezas as necesidades d@s traballador@s galegos e outras clases
golpeadas pola crise; é dicir loitar polas reformas necesarias, que nunca se
conseguirán sen mobilización, cuestión moi importante, tanto para acadalas como
para ir creando a idea da necesidade do cambio, non só no Parlamento e na
Xunta, tamén nas caducas estruturas deste réxime. E para xogar ese papel
necesítase organización.
En conclusión, un partido, o PP e un goberno
da Xunta paralizados, sen ideas, como o amosa que despois de sete anos do
PP no Goberno do Estado sen reclamar
ningunha competencia, agora as reclame, e que so a incapacidade da oposición,
dende a primeira ata a última das organizacións presentes no Parlamento galego,
van permitir que ese partido cheo de casos de corrupción, teña posibilidades de
seguir dominando as institucións galegas.
En Galicia no mes de xaneiro de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario