Carlos Dafonte.
Estes día moita xente
sentíase abraiada pola cadea de votacións á que van ter que facer
fronte nos meses vindeiros á que se sumou as xerais de abril. Que
está a acontecer se preguntan? A miña opinión é que un réxime en
crise, incapaz de reconstruír un dos alicerces fundamentais do mesmo
o “bipartidismo imperfecto”, que garantía gobernos cómodos ben
por maiorías absolutas e que no caso de que un dos dous grandes
partidos, os dous neoliberais no económico, un conservador e outro
con certas políticas progresistas, non acadasen a maioría absoluta,
podía contar cos nacionalismos periféricos para gobernar, isa etapa
pechouse e a crise do réxime maniféstase tamén con todo un novo
vigor en Andalucía onde o control das institucións se vai levar
adiante por medio do que moit@s chaman o
“trifascito”, que recupera para a política activa ó sector máis
franquista do PP e restos do mesmo existentes na sociedade, co perigo
evidente da súa consolidación.
E cal é o papel do Psoe en todo este proceso? Promover a súa volta ó redil do réxime, se nalgún momento saíuse, gañando un puñado de votos, para o que necesita ter certos trunfos nas mans. O seu plano ten varios fitos moi nidios que foi desenvolvendo ó longo destes meses; en primeiro lugar pactar con Podemos un programa que nunca tivo intención de levar adiante; a manobra de convocar eleccións despois da creba cos nacionalistas cataláns que non lle votaron os Orzamentos Xerais, é unha escusa, non tiña necesidade de facelo para aprobar medidas que aparecen no pacto; podía gobernar como fixo o PP a golpe de Decreto Lei; pero o pacto con Podemos cunha certa base social-reformista fronte ás políticas de austeridade, enfadaba a moit@s dos baróns, territoriais e dos que actúan na sombra; co pacto, e convocando as eleccións, lle permite gañar unha certa aureola de esquerda fronte o aberrante, por exemplo, pacto andaluz, ó tempo que lle resta votos o seu “aliado”. En segundo quebra-la súa ligazón cos indenpendentistas de Cataluña sen cuxos votos non tivera acadado a Presidencia do Goberno, o que tamén lle vai servir para arrastrar algúns votos, posto que en Cataluña pero sobre todo a nivel do resto do Estado, lle fai aparecer como o impulsor do diálogo que os “outros”, enrocados nas súas posicións, non foron quen de aceptar; o afasta do “trifascito” que queren ata poñer fin a Autonomía. En terceiro outro movemento que ten tamén a súa fondura, liderar na UE a política golpista de Trump en Venezuela, pechando así un dos seus flancos máis susceptible dunha crítica, polo labor de Zapatero a favor do entendemento. Unha nova estratexia que lle pode permitir, mediante toda unha serie de movementos tácticos, converterse no primeiro partido nas futuras Cortes.
COMEZOU A DEMOLICIÓN DE
PODEMOS
Para esa nova estratexia
a nivel de réxime, se necesita que Podemos non se atope moi por
enriba dos 40 deputados nas Cortes. E atopo unha certa similitude
entre os intentos de poñer fin ou enfebrece-la existencia do PCE de
hai moitos anos, máis tarde de IU cuxa coordinación levaba adiante
Julio Anguita, e a actual campaña que se esta a levar adiante contra
Podemos; e menos virulenta pero Podemos tamén é máis feble,
ideolóxica e organicamente que o PCE e IU, aínda que teña moitos
máis votos e deputado@s.
Unha nova crise
capitalista, que esta vez afectou dun xeito moi importante ó centro
do sistema, puxo en evidencia a debilidade do réxime, a incapacidade
dos principais actores do mesmo para prever os acontecementos, esa
capacidade que Marx sinalaba como fundamental para facer política, o
papel vergoñento dunha UE construída en beneficio da oligarquía,
impoñendo políticas de austeridade contra os traballador@s
para rescatala clase hexemónica, ó tempo que quedaba moi claro,
para quen pensaban ata ise momento doutro xeito, que os Estados
actúan ó servizo dos sectores minoritarios da sociedade, o capital
financeiro, a quen se lle permitiu facer o que lle veu en gaña con
tal de acadar en determinados terreos completamente desregulados, os
beneficios que na economía, chamemos produtiva, non podían acadar;
pero a falla de regulación leva á crise.
O resultado desta crise,
e da toma dunha certa conciencia por parte de determinados sectores
da sociedade do que estaba a acontecer, foi, como comentamos, a
quebra do bipartidismo, a aparición de dúas novas organizacións no
panorama das institucións, Podemos e Ciudadanos, a abdicación dun
monarca que parecía descoñecer e non importarlle, a situación na
que se atopaba a economía e como estaba a afectar esta situación @s
traballador@s. Asi como unha certa
ameaza para as políticas de austeridade e a fracción da clase
hexemónica.
Se somos conscientes que
en tempos de crise o capital se centraliza e se concentra máis que
nos tempos en que non a hai, como resultado deste dobre proceso,
sectores da burguesía e pequena burguesía de Cataluña, abriron un
proceso de loita a favor de decidir o seu destino, que debilitou moito máis ó réxime, pois non foi capaz de transitar polo camiño
do diálogo, deixou que a situación empodrecera durante anos, ata
chegar á situación na que hoxe nos atopamos, resultado da represión
e da intervención dirixida dende o executivo de determinados xuíces,
nun proceso de endurecemento do réxime ca aprobación da chamada
popularmente “lei mordaza”, ca intención de que a sentencia dos
detidos e represariados como consecuencia de todo o proceso, e sobre
todo dos que están a ser xulgados, verdadeiros presos políticos,
sexa todo o amedrentadora posible, para mante-lo “río dentro do
seu rego”, que non é outro que unha constitución que quedou
obsoleta, pero serve determinados intereses minoritarios.
Podemos ten certa
importancia pola razón de que entrou na política con moita forza,
propondo toda unha serie de medidas que co seu paso polas
institucións se foron diluíndo, ó que axudou por ser unha forza
formada de aluvión, con grandes contradicións internas, sen unha
ideoloxía definida, “nin de dereitas nin de esquerdas”, “dos
de abaixo contra os de arriba”, “contra a casta”, que nun
primeiro momento tivera un éxito importante, pero a política
burguesa, sobre todo se hai un abandono, como é neste caso da rúa,
aguza as contradicións ata chegar a crebas que son aproveitadas polo
réxime para facer a Podemos máis feble, veremos na próxima cadea de eleccións ata
onde. Considero que aquela forza que representaba o
CAMBIO, con maiúsculas, deixou de selo como se amosou en Andalucía
e cada vez máis aparece como unha forza subsidiaria do Psoe.
Podemos deixou ademais
varios frontes abertos, dende o momento en que se converteu en
partido, que me parece foi en Vistalegre II, que foron aproveitados
moi ben por quen non quere que xogue un papel fundamental no panorama
político: a xa mencionada indefinición ideolóxica; a carencia dun
traballo a fondo no aspecto organizativo, a construción de
organización é un tema fundamental, non chega só cun discurso; un
liderado excluínte, pouco integrador das diferentes correntes que
configuran o partido o que se debía cuidar moito dadas as
diferencias internas existentes; uns debates internos inapropiados
para tanto como teñen que discutir sobre a situación política tan
complexa e integrar.
E vía unha certa
similitude co acontecido con IU, pois naquel momento, cando esa
organización afirmou xa non estar no pacto constitucional, só se
cumpría o que interesaba ós poderosos, se iniciou unha tremenda
campaña dende os medios controlados polas grandes empresas, con
apoios internos como é o caso agora de Podemos. Errejón e outros,
cumpren o papel que en determinado momento cumpriron Almeida,
Sartorius, Guerreiro e outros actores, que xogaron a crebar a
organización e aliáronse ca “cloaca común” que era aquel Psoe.
O Psoe “volve ó redil
do réxime” do que nunca saíu, e a pesares de todas as
declaracións que estes días escoitamos, aínda co risco de
trabucarme, o poder non vería con moi malos ollos, que a saída das
eleccións de abril fora un pacto Psoe-Ciudadanos que lles permitira
formar Goberno, con algúns outros apoios de sectores minoritarios.
Xa levaron adiante un, cando Ciudadanos “nunca ía apoiar a Rajoy”,
ó que cualificaron de progresista. Supoño que agás o PP, as demais
forzas políticas teñen que sentirse incómodas pactando con Vox.
Aínda que ó mellor tamén trabúcome nesta afirmación.
En Galicia no mes de marzo de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario