Carlos Dafonte
No mes de maio se vai
renova-lo Parlamento Europeo; polo tanto haberá no estado español
eleccións ó mesmo.
Nunha grande parte dos
países que pertencen á UE, nestes últimos anos apareceron forzas
políticas que tomaron posición contra a mesma, pero desde unha
visión de extrema dereita; só en Grecia e Portugal forzas que
podamos considerar de esquerdas polos seus programas, estaban en
posicións críticas e Syriza en Grecia, modificou completamente o
que viña afirmando despois das medidas tomadas polas institucións
europeas como castigo polo referendo, e o PCP e o Bloco en Portugal,
parece que o seu apoio o goberno, e o trato diferenciadoque lle deu a
Portugal a UE, lles fixo esquecer o que afirmaban antes de conseguir
que o programa máis neoliberal da historia do Partido Socialista, se
modificara en parte o que trouxo algunhas conquistas para @s
traballador@s. Supoño que
efémeras, como todo o que se conquista baixo o capitalismo e máis
baixo un capitalismo en crise.
En calquera caso, a derrota do pobo grego, o xeito brutal como se comportaron as institucións europeas e os partidos nos gobernos naquel entón, e o respaldo das forzas de oposición ós seus gobernos respectivos, engadiu un elemento máis para o temor das clase populares a unha saída popular e amordazou en parte a que as forzas progresistas e de esquerda europeas, formularan propostas de saída a actual situación na UE. A crise grega foi unha derrota en toda liña para a esquerda no seu conxunto.
Hoxe as forzas de
ultradereita parece teñen chegado a un acordo sobre non falar do
euro e a construción europea, e centrar máis as súas críticas
sobre a política migratoria e as fronteiras, o que pode libera-las
forzas progresistas e de esquerdas para formula-las súas propostas
sen medo a que se lles acuse de coincidir ca extrema dereita. Aínda
que sempre se utilizará.
No estado español, todas
as forzas con presenza institucional, mudas respecto a que facer co
euro e ca UE; e ata Vox na intervención que fixo nunha sá do
Parlamento, rematouna entre outras cousas, dando vivas a Europa
aplaudida pol@s presentes nunha grande
parte, considerad@s euroesceptic@s.
Estes euoesceptic@s queren unha
Europa do capital, como non pode ser doutro xeito, coñecendo a súa
procedencia, pero con certas limitacións por todos coñecidas,
resultado das contradicións intercapitalistas en tempos de crise.
Estas cuestións nos
teñen que facer ver que só hai dos xeitos de construír Europa,
dende unha perspectiva capitalista, unha Europa oligárquica e
imperialista, ou dende unha perspectiva socialista, construír unha
Europa baseada na solidariedade dos pobos.
As repercusións da
entrada na UE e na zona euro.
Hai economistas,
analistas financeiros e grupos de estudo, que diante da crise
económica ca que UE se atopa, incapaz de darlle unha solución que
non beneficie máis que a unha minoría, e a proximidade das
eleccións para configura-lo novo Parlamento, levaron a cabo
determinados análise sobre o custo da moeda única, e quen foron
verdadeiramente os beneficiados pola mesma. Asi por exemplo o “Centro
de Políticas Europeas” da Fundación Ordnungspolitik de Friburgo,
publicou os seus estudos sobre a creación do euro e quen se
beneficiou e quen saíu perdendo; os seus resultados, por imaxinados,
non deixan de ter importancia.
Dende 1999 cando se crea
a moeda única, cada alemá obtivo un beneficio de 23.116 euros e
cada español perdeu 5.000. A creación do euro tamén beneficia a
determinados países, como Alemaña que ata o ano 2017 recibiu un
impacto positivo de preto de 2 billóns de euros, en concreto
1.843.000 millóns de euros, ou Holanda que se beneficiou con 346.000
millóns de euros; cada holandés recibiu 21.003 euros de beneficio.
Estas cantidades permitiron sobre todo a Alemaña reforzarse e
consolidarse como a primeira potencia económica da U.E..
Estes dous países como
non podía ser doutro xeito, tamén foron os maiores defensores das
políticas de austeridade, con todo o que significan de rebaixa de
salarios, dereitos e fiscalidade ó servizo dos poderos@s, e moi
críticos cos países do sur, con España, Portugal Grecia e Italia.
Dende 2010 a perda de prosperidade de España se pode cifrar en
224.000 millóns de euros.
No informe se destaca que
a grande perdedora ca creación do euro é Italia, o que axuda a
entende-las posturas do actual goberno contra a U.E.. Dende 1999, o
seu PIB reduciuse en 4.325.000 millóns de euros, polo tanto máis de
4 billóns de euros, o que supón 73.605 euros menos para cada
italian@. Despois atópanse os franceses con 59.990 euros menos, que
tamén pode explica-las revoltas que no transcurso destes anos se
produciron no país veciño; os portugueses con 40.604 e os belgas
con 6.370 euros menos. O euro non beneficiou á Europa do sur.
Agás no Estado
español, comezan a formularse diferentes propostas.
É
necesario indicar que a maioría das propostas teñen en conta como
“modificar a actual U.E e o euro”, partindo do actualmente
construído. Eu que son partidario de que nada se pode facer sen
construír sobre os escombros da actual, non teño unha formulación
precisa, sobre como se desenvolvería a economía unha vez recuperada
a moeda propia, a soberanía nacional e a capacidade de devalar a
propia moeda; sei que a situación sería moi difícil pero cada vez
máis difícil se vai facer de continuar nas circunstancias actuais e
sen soberanía, aceptando decisións que outr@s
toman no seu propio beneficio. O que teño claro e que non te
permitirán marchar do euro e pertencer á UE; e tamén teño claro
que si Alemaña cas transformacións que algúns propoñen, non
segue a ser a potencia hexemónica, pode marcharse, cuestión que
habería que avaliar.
Empezarei
por falar das propostas do “Movemento pola Democracia en Europa
2025” (MiEM25), cuxa figura máis importante é o antigo
Ministro de Economía de Syriza, Yanis Varoufakis, que levan anos
preparados, para aproveita-la oportunidade das eleccións de 2019, e
elaboraron o programa “New Deal para Europa” e despois dun
movemento para atraer novas formacións, están dispostos a facer
“listas transnacionais”, dispostas a defende-lo programa en
calquera país. Non deixa de ser curioso que nun artigo do mentado
economista en “Le Monde Diplomatique” cite dous artigos de Lenin
sobre a migración, o primeiro de 1915 no que entre outras cousas di:
“Pensamos que non se pode ser internacionalista e, á vez, estar a
favor dunhas restricións así...Semellantes socialistas son, en
realidade, chovinistas” ; do segundo de outubro de 1913 recolle
esta longa cita: “Sen lugar a dúbidas, só a pobreza extrema pode
obreiga-la xente a abandonar a súa terra de nacemento e os
capitalistas explotan ós traballadores inmigrantes do xeito máis
vergoñento. Pero só os reaccionarios poden negarse a ve-lo
significado desta migración moderna das nacións. O capitalismo
atrae ás masas de traballadores de todo o mundo. Racha cas barreiras
e os prexuízos nacionais e une ós traballadores de todos os
países”.
O
MiEM25, ten claro que poñer atrancos á libre circulación de
persoas é a resposta reaccionaria do capitalismo; non son os
migrantes quen rouban os empregos @s traballadores locais, senón as
políticas de austeridade dos gobernos. Formulan a necesidade de
apropiarse das institucións creadas polo neoliberalismo non para
destruílas, senón para poñelas ó servizo do maior número de
persoas. O importante non é debater se a UE se pode reformar ou non,
senón de dar a coñecer propostas do que se pode facer co marco
legal actual. E formulan varias, como por exemplo redefinir-lo mal
chamado Mecanismo Europeos de Estabilidade, como se pode reorienta-la
política denominada de “expansión cuantitativa” do Banco
Central Europeo, como financiaríamos sen novos impostos a transición
ecolóxica ou unha campaña contra a pobreza.
Segundo
o “New Deal para Europa”, se pode mellorar nun curto espazo de
tempo a vida de millóns de europe@s,
no propio marco das normas e das institucións actuais. Deixan para
máis adiante, abrir un proceso constituínte que desemboque nunha
Asemblea Europea, que modifique os acordos existentes.
“A
Francia Insumisa” e os seus candidatos, pensan doutro xeito:
que hai que cuestionar e non obedecer os “tratados europeos”,
Maastricht, en 1992; Ámsterdam 1997; Niza 2001 e Lisboa, 2007, que
din é o que fai Alemaña co seu status de grande potencia. Segundo
Francia Insumisa, se chegaran ó goberno ou formando parte dunha
forza maior, o novo goberno de Francia proporá ós outros estados
membros, a aprobación dun novo tratado que deixe sen efecto os
anteriores e que refunde a UE, que conterá transformacións
ecolóxicas e sociais; como pasar da agricultura produtivista a unha
ecolóxica; levar a cabo a transición enerxética; o proteccionismo
solidario europeo para determinados produtos producidos fora do
ámbito da UE en función das condicións de produción, tanto
económicas sociais e ecolóxicas. Apostar por poñer fin á
austeridade orzamentaria e poñer en marcha unha fiscalidade para
todos os membros. Poñer fin á privatización de servizos públicos
e capacidade para nacionaliza-los que foron privatizados. Valorar
dentro das débedas públicas cales se poden considerar “odiosas”
e, entre outras moitas medidas, poñer fin á independencia do Banco
Central Europeo.
Ata
Joseph Stiglitz dende hai anos, publicou o seu libro sobre o euro no
2016, chega á conclusión de que ca creación do euro, “ o que
buscan as empresas é interrompe-la regulación, ou mellor aínda,
revocala. Pero o proxecto de deseño de “moeda única” estaba tan
influído pola ideoloxía e os intereses que fracasou non só na súa
aspiración económica, xerar prosperidade, senón tamén na súa
ambición de unir máis ós países dende o punto de vista político”.
E segue a afirmar cousas que levamos anos constatando e non
necesitábamos para coñecelas o libro de Stglitz, “O euro a
provocado o aumento das desigualdades, fixo que os países máis
débiles o sexan mais aínda e os máis fortes se teñan reforzado:
por exemplo, o PIB alemá pasou de ser 10,4 veces o de Grecia en 2007
a 15 veces no ano 2015. Pero a fenda aumentou tamén as desigualdades
dentro dos países da eurozona, sobre todo nos que sufriron a crise.
E aconteceu incluso en aqueles que estaban a conseguir reduci-las
desigualdades antes da creación do euro”. Como corolario a estas
posicións, considera que se debe dar ou ben unha “saída suave do
euro a traveso dun divorcio amistoso” , ou a posta en marcha dun
“euro flexible” , supoño que sin as rixideces que impón Alemaña
á política monetaria.
Hai
tamén economistas que propoñen, dadas as condicións que se teñen
creado ca moeda única, a creación dun “parlamento da zona euro”,
aínda que non teño claro como queren que funcione, nin as súas
prerrogativas.
Sospeito que no estado
español pasaremos sobre estes temas se afondar.
A
campaña das xerais xa esta en marcha e os temas, aínda que a UE
tome máis do 60% das decisión que despois temos que aplicar, non
vai ocupar espazo algún, e as eleccións que lles seguen van ser
tratadas, incluso as europeas, como unha segunda, ou terceira volta
das eleccións de abril, e polo ritmo e contidos que leva esta
precampaña, totalmente ó marxe dos intereses dos traballador@s
asalariad@s.
Estamos
en condicións os que pensamos doutro xeito de influír na campaña e
obrigar a entrar no tema de Europa e o euro os que participen en
actos da mesma? Moi dificil, pola razón da carencia de organización
de persoas que pensando igual, non consideran que se poda levar
adiante algo positivo neste senso.
E a
UE e o euro, teñen grande influencia sobre as políticas dos
gobernos e Parlamentos e Cortes, pero tamén sobre o teito de gasto
de CCAA e Concellos, cas medidas de austeridade e os controis sobre o
déficit e outras cuestións.
Hai
unha realidade que non podemos obviar, como asegura Wolfgang Streek,
“A gobernabilidade do capitalismo democrático tal como coñecémola
dende os anos 60 desapareceu.(...) os Estados se meteron en
formidables crises fiscais e a combinación con niveis enormes de
desigualdade e formidables endebedamentos, deixou ós Estados sen
ferramentas”. “A credibilidade das institucións esborrállase”.
“No capitalismo sempre houbo crise. A novidade é que agora as
crise se superpoñen ca seguinte e se reforzan mutuamente. Con un
sistema financeiro fora de control, o matrimonio de posguerra entre
capitalismo e democracia vai rumbo ó divorcio”. “Saír do euro
será custoso a curto prazo, pero á larga sería incluso máis
custoso seguir nil. A Europa do sur sae moi prexudicada do deseño da
eurozoa: o euro é un réxime monetario para favorecer Alemaña e os
seus exportadores. É un experimento de autodestrución: falta por
ver cando se dan conta de iso países como Italia e España”. “Hai
que renacionaliza-la política económica para ter algo de tracción”.
O
debate debía ser intenso, a situación o demanda, os partidos
políticos e organizacións sospeito non van estar á la altura das
necesidades. A UE cas súas medidas de austeridade, afecta ó Goberno
do Estado, ás Comunidades Autónomas e Concellos e Deputacións. En
todos estes procesos electorais non se pode eludir o tema.
En
Galicia no mes de marzo de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario