Roberto Laxe
Pase o que pase
nestas eleccións, o ciclo da chamada “nova”política -que non era máis que a
version actual da vellisima política electoralista do eurocomunismo, só que sen
ningunha referencia ao “comunismo”- chegou ao seu fin. Agora hai que pensar en
encher ese baleiro, pero desde outra perspectiva.
O exemplo, o
discurso de Pablo Igrexas na súa volta ao ring: tras un discurso cheo de
lugares comúns da esquerda; a denuncia do carácter burgués dos medios de comunicación,
asi como o papel dos bancos e grandes empresas xa o estudaron os marxistas de
finais do XIX e comezos do XX, con Lenin á cabeza, toda a súa proposta redúcese
a... ter carteiras ministeriais no goberno do vos banqueiros, do PSOE. Porque o
PSOE é o que é.
De “asaltar os ceos” pasamos a “queremos unhas carteiras ministeriais”; iso si é rebaixar o programa do partido até deixalo en nada; en ser a á esquerda dun goberno dos banqueiros. Para esta viaxe non eran precisas estas alforxas, que supuxeron o desmantelamento total da mobilización social do 2014, e anos anteriores; que comezara o 15M e culminado na Marcha da Dignidade do mes de marzo e a dimisión do vello rei.
Nese tres anos
millóns de persoas saíron ás rúas do Estado Español, miles organizáronse desde
a base, en Mareas, en PAHs, no sindicalismo de clase e combativo, etc. A
chegada de Podemos galvanizó esta forza social; pero fíxoo á vella maneira
electoralista: dixo, o cambio social vén polo “vótame” e despois deixa que eu
“deféndache” no parlamento. Desta maneira fomentouse a pasividade social que só
desorganiza as organizacións xurdidas da base, postas en función duns
resultados electorais.
Para que queres
base organizada, politizada, que discuta os obxectivos e os medios, se estes
son os de alcanzar uns resultados electorais? Para iso só precisas, como dixo
Alfonso Guerra no seu momento, “10 minutos de TV”, e non “10 mil militantes”.
Ademais, esta
opción electoralista ten outra perspectiva; se o teu obxectivo é chegar a un
pacto co PSOE, que é un partido do réxime, tan do réxime como o PP, só que
“progressista”, non podes permitirche o luxo dunha base politizada que discuta
o xiro á dereita que supón esa opción. A democracia dunha organización é a
primeira vítima cando esta xira á dereita.
Para pactar co
PSOE tes que rebaixar o programa político ao nivel que sexa aceptable polos que
o financian, e isto supón admitir as súas políticas de recortes políticos (lei
mordaza, 155, 135,...) e sociais (reformas de pensións, laborais,
privatizacións,...), que sustentan o réxime actual. Por iso a primeira vítima é
a democracia, porque hai que imporlle á base, que vén (ou viña) da loita
social; e se o que hai é unha base politizada, que discute e actúa, ... ese
pacto non vai ser posible.
Pero o peche de
ciclo maniféstase doutra forma; fai cinco anos, á calor da potente mobilización
social, a dereita estaba á defensiva... até o rei dimitía. Hoxe a dereita, en
concreto, a extrema de VOX, marca a axenda política: non foron os cataláns os
que os sacaron do armario como dixo Igrexas no seu momento, foi a pasividade
social inducida polo electoralismo, no marco dunha non resolución da profunda
crise do regimen.
É o que ten
chamar a confiar nas institucións do inimigo como o Parlamento ou os concellos,
desmoraliza á poboación traballadora, pois ve como as politicas de recortes
mantense; desa desmoralización fortalécense os partidarios deses recortes, e
como estamos en período de profunda crise, máis que máis os máis radicais deses
partidarios. É a loita de clases, estupidos! Seica non foi o que, baixo outras
condicións, pasou co BNG cando estivo no bipartito co PSOE, ou EU en Andalucía
tambien gobernando co PSOE? Non aprenden!
Entrar en
gobernos, sexan o nivel que sexa, local, nacional ou estatal, para terminar
aplicando as mesmas políticas de recortes, así sexa “por imperativo legal” só
conduce á decepción e á desmoralización, abrindo as portas á volta da dereita
casposa, propietaria e administradora deste réxime. Só mantendo unha política
de clase, independente das institucións, é posible avanzar na mobilización
social, para a ruptura con el e a transformación socialista da sociedade.
Em Galiza no mes
de abril de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario