Carlos Dafonte.
Despois da queda da URSS
como unha das potencias hexemónicas, despois do seu desmembramento
en diferentes estados e da restauración do capitalismo e dos
preceptos neoliberais na súa economía, os USA tentaron apropiarse
de Eurasia a rexión segundo Brzezinski, un dos ideólogos
norteamericanos con maior influenza, que afirmou que quen queira
domina-lo planeta, ten que dominar a rexión.
Os USA, para ise
obxectivo, tiñan como aliados, no borde europeo da rexión, a países
sometidos pola antiga URSS dende o final da IIª guerra mundial e
agora inimigos declarados e temerosos da Rusia actual, e a U.E. con
Alemaña, Francia e o Reino Unido como potencias importantes, e no
outro borde a Xapón, Taiwan e Corea do Sur, pezas todas elas
esenciais para o dominio da rexión.
Parece imposible que tan bo estratego non considerase a China, cando que escribiu “O grande taboleiro mundial”, como un posible competidor dos USA, xa que o seu poder o vía a moi longo prazo.
Outros analistas
políticos como Emmanuel Todd, que analizaba xa no 2002 a fraxilidade
do imperialismo americano, afirmaba como elementos claves dise
proceso, o “regreso de Rusia” e a “emancipación de Europa”;
tampouco lle daba importancia a China.
Co transcurso dos anos o
que observei foi que despois da restauración do capitalismo en
China, é un elemento obxectivo que non se pode negar por moito PC
que dirixa o país, iniciouse a penetración do seu capital en todos
os currunchos de mundo, o crecemento constante da súa economía, a
creación de numerosos monopolios estatais, toda unha cadea de
tratados bilaterais e multilaterais que foi asinando con diferentes
países, a sús entrada na Organización Mundial de Comercio, a
deslocalización de grandes empresas transnacionais ó seu
territorio, os seus avances tecnolóxicos, a nula participación das
súas forzas armadas en todas estas aventuras comerciais e económicas
e a invitación dende o PC a entrar no mesmo, a todos os sectores
burgueses que se foron formando nestes anos. Tampouco hai que
esquecer ó conxunto de países que se coñecen como BRICS, é
dicir, Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica, que formularon toda
unha serie de políticas económicas e obxectivos.
O capital chino en
principio, non parece necesitar para a sua expansión da utilización
das súas forzas armadas ó contrario do imperialismo dos USA que ten
o planeta sementado de bases militares, para salvagarda-los intereses
das súas empresas. De China só coñezo a base naval de Djibuti.
Non estará de máis
lembrar os rasgos definitorios do imperialismo; segundo Lenin na súa
obra “O imperialismo fase superior do capitalismo”, obra aberta
escrita antes da revolución do ano 1917, que completou nalgúns
aspectos no “Estado e a Revolución”, por exemplo o tema do
“capital monopolista de estado”, se caracteriza, en primeiro
lugar, pola concentración da produción e o capital chegando a un
grao tan elevado de desenvolvemento que desemboca na creación dos
monopolios que xogarán un papel decisivo na vida económica;
en segundo a fusión do capital
bancario co industrial e sobre a base deste capital
financeiro a aparición da
oligarquía financeira; en terceiro a exportación de
capitais; a creación a nivel
internacional de asociacións de capitalistas
monopolistas, que compiten entre eles e se reparten o planeta; unha
vez repartido a loita por facerse con aquelas partes que dominan
potencias imperialistas determinadas. Pero unha advertencia, non hai
que entende-lo imperialismo como unha política do capitalismo, senón
como unha fase, un grao da economía.
China á conquista do
planeta.
No ano 2000 creouse o
“Foro de Cooperación China-África”; no 2013 o comercio entre
ámbolos dous espazos, superou os 200.000 millóns de dólares, maior
que o que se leva a cabo ca UE ou os EEUU. No Foro celebrado no 2015
algúns dos cretos dados por China, foron ceibos de interese.
Si miramos o
investimento en América Latina, segundo o Banco Mundial, no 2010
acadou os 31.720 millóns de dólares cifra que no 2016 era de
113.662 millóns.
Segundo a revista
“Foreing Affairs”, no ano 2015 o intercambio comercial entre
China con América Latina e o Caribe superou os 500.000 millóns de
dólares e os investimentos chinos para os próximos 10 anos se
consideran de 250.000 millóns.
Este é un proceso con
moitas facianas, que inflúe dun xeito moi importante nas economías
de diferentes estados, pois ó final, teñen que devolve-la débeda,
na maioría dos casos con intereses, ou como me explicou unha
militante brasileira de esquerdas, “si elaboramos, que é o que
estamos a facer, unha parte moi importante do papel hixiénico de
China, temos que levar a cabo un proceso de deforestación criminal”.
A todo este proceso, moi
complexo, amplo, e aquí só esbozado, lle chamei ”imperialismo de
baixa intensidade”, que ó meu entender, forma unha nova cadea
imperialista, onde hai elos fortes, China o que máis, e outros máis
febles, moitos que acabarán convertidos en colonias ou semicolonias.
Prodúcese, ademais, un enfrontamento por conquistar os elos da outra
cadea.
Hai uns anos a un
conferenciante que falaba sobre China lle espetei esa teoría, díxome
que estaba tolo, que era tanto como dicir que Cuba era tamén
imperialista porque fora unha aliada de China; non, lle dixen, corre
o perigo de converterse nunha colonia chinesa, como todos os países
que teñen relación de inferioridade, intercambios desiguais, cunha
grande potencia que exporta capitais e obriga a mercar determinados
produtos. Xa o Che Guevara denunciara no seu célebre discurso de
Alxeria, a actitude da URSS como imperialista, nas relacións
económicas con países nos que tiña influenza.
Por lo tanto ise é o
meu criterio á hora de analizar as relacións entre Usa e China,
como dúas cadeas imperialistas enfrontadas, que buscan a hexemonía
planetaria, o que para moit@s analistas
pode levar a un enfrontamento de carácter militar.
Descoñezo en
profundidade, aínda que pense que segue a ser así, que o nivel de
armamento actual, que debía rebaixarse por parte de todas as
potencias nucleares, pode seguir a ser un elemento disuasorio que
evite un enfrontamento armado directo; pero iso non vai evitar
enfrontamentos políticos e nalgún momento militares, levados a cabo
en países intermedios, entre as grandes potencias.
O que podemos destacar,
é que a resposta á crise actual do capitalismo e as dificultades do
imperialismo dos USA para seguir exercendo o seu dominio planetario,
segue a ser a mesma desde hai anos, a agresividade militar contra
determinados pobos, seudogolpes de estado e peche das fronteiras e
medidas de carácter proteccionista, imposicións de aranceis,
sancións económicas, etc.; lembrémonos que cando lles interesou
puxeron fin ó “patrón ouro”.
A resposta a esta
situación da outra cadea imperialista, a liderada por China, é unha
proposta construtiva, capaz de mellora-la economía, o comercio e as
relacións políticas entre estados como é a chamada “Unha franxa,
unha ruta” máis coñecida como a “nova ruta da seda”, lanzada
polo presidente Xi Jimping no ano 2013, que de levarse a cabo,
beneficiosa pra China, aberta a participación doutros países
imperialistas, axudaría ó desenvolvemento de áreas que xeran o 55%
do PIB mundial, onde vive o 70% da poboación do planeta e o 75 % das
reservas de enerxía coñecidas.
China para levar adiante
este macro proxecto, compromete o gasto de 1,4 billóns de $, e a
creación de bancos e determinadas axencias, para financiar toda unha
serie de megaproxectos, que situarían a China no centro do mundo
para o ano 2049, centenario da toma do poder por parte do PC e o
inicio dunha nova era no país e onde participan xa, importantes
países imperialistas ligados ós USA.
O capitalismo atópase
necesitado da creación de novas forzas produtivas que permitan
seguir co proceso de acumulación, tan importantes como foron a
creación da máquina de vapor ca conseguinte revolución industrial
que desencadeou, a electricidade, ou a das “novas tecnoloxías”
que teño a impresión, non da máis de si; ademais non produce
riqueza nin traballo.
Este proxecto a
medio-longo prazo pode ser un estimulador moi importante para unha
nova revolución industrial, baseada nos medios de transporte e novas
vías de comunicación, por exemplo, sempre que as dúas cadeas
imperialistas acepten colaborar e evita-lo enfrontamento. Cousa moi
dubidosa cuns EEUU dirixidos por un grupo, cun presidente tan torpe,
cuxa decadencia a quere solucionar constantemente ca guerra,
Venezuela, Siria, Irán, étc e entorpecer, ise é o seu obxectivo,
en principio o desenvolvemento deste proxecto chinés.
Irán, dentro do mesmo,
será unha importante peza o mesmo que o antigo aliado dos USA, a
República Islámica de Pakistán, que se converte para China nun
lugar moi importante dentro do proxecto; xa comezou a construción do
“Corredor económico China-Pakistán” de aproximadamente 3.000
km, no que China leva investidos preto de 57.000 millóns, que
pretende conecta-lo porto Gwdra, no suroeste de Pakistán, ca rexión
autónoma de Xinjiang, no noroeste de China. Este corredor consta de
condutos para o gas e petróleo, unha enorme rede de camiños de
ferro e autovías. Pakistán foi un aliado estratéxico dos USA,
potencia nuclear e enfrontado á India, polo tema de Cachemira, por
onde vai pasa-lo “Corredor”. A resposta India, aliada de Rusia no
seu enfrontamento con Pakistán, a este acordo non se fixo esperar,
un acordo con Vietnam para rearma-lo país, acto que seguramente non
lle agradou a China. Esto é un exemplo da importancia do proxecto
da “nova roua da seda”, que pode modificar antigas alianzas,
crear outras novas e modificar todo o plano xeoestratéxico desta
enorme zona.
De levarse adiante ca
colaboración da maioría dos países capitalistas, poderíase abrir
un novo período parecido ó que se viviu despois da II ª Guerra
Mundial, onde os traballadores dos países máis avanzados grazas a
súa forza e o desprestixio do capitalismo, recibiron nos países do
centro do sistema,
unha parte cativa, pero unha parte, da riqueza producida.
Pero
hai tamén que considerar que as contradicións entre os países
capitalistas, a propia anarquía do sistema, as crise que xeran cada
certo tempo, as levaron sempre ó enfrontamento militar. Hoxe
desaparecida a URSS como grande potencia militar e “portadora”,
aínda que na realidade non fora así, dun proxecto de sociedade
distinto ó capitalista e exemplo para grandes masas de
traballador@s, de sociedade
alternativa, levou ás potencias imperialistas axudadas tamén pola
consolidación dos USA como potencia global, a agruparse, foran
vencedores ou vencidos, a redor da dicotomía capitalismo-socialismo
e facer concesións, como xa apuntei, na casa propia, ó movemento
obreiro e a esquerda; seguir loitando entre eles de existi-la URSS e
unha esquerda comunista poderosa organizada entre outras
circunstancias, permitiu ise período de “paz” e de “reparto da
riqueza”, que xestionou o neokeynesianismo, a antiga
socialdemocracia.
Hoxe
non existe a URSS, o socialismo como alternativa ó capitalismo,
atópase desprestixiado, o enfrontamento militar, como nos tempos da
“guerra fría”, só o pode parar o medo a ser esnaquizado polo
adversario; pero hai que recoñecer, que a crise económica e a queda
da confianza nas institucións derivada da mesma, fai que o
nacionalismo burgués teña gañadas a importantes masas en
determinados países, o que pode significar que amplos sectores da
poboación en cada país, apoien aventuras militares.
A
esquerda despois da derrota histórica que significou a desaparición
da URSS, non ten hoxe nos países imperialistas a forza suficiente,
nin as condicións obxectivas son as mesmas, para exixir un reparto
máis equitativo da riqueza que se poda producir co novo mega
proxecto.
Polo
tanto, desaparecidas as sociedades chamemos de “transición”,
cales son as perspectivas do socialismo?. Hai xa moitos anos, dous
revolucionarios soviéticos Lenin e Bujarin, pouco antes da
revolución do ano 17, escribiron dous libros sobre o imperialismo e
os monopolios e aínda que coincidían en moitos aspectos do tema,
produciuse unha diferencia moi importante; mentres Bujarin facía
desaparecer as contradicións internas dentro dos países
capitalistas e consideraba a chegada do socialismo como produto da
guerra entre os imperialistas, Lenin seguía a considerar as propias
contradicións internas entre o capital monopolista de estado e o
resto, como o elemento fundamental para acada-lo socialismo. Estaría
ben, que cavilásemos e léramos sobre o que naqueles momentos
escribiron os dirixentes bolxeviques.
As
forzas políticas progresistas e o pouco que fica da esquerda no
centro do sistema, teñen abandonado a loita pola paz, contra os
organismos que representan a guerra, a OTAN e contra as bases
militares que se asentan en numerosos países do planeta, o que axuda
a este clima de enfrontamento interimperialista.
Do
anterior, debe sacarse a conclusión da necesidade de iniciar
campañas pola paz, contra os organismos militares, contra as bases e
sobre todo o debate ideolóxico a favor dunha sociedade distinta do
capitalismo onde a maioría teña o poder, que non pode ser outra que
a sociedade socialista. Os fracasos que se deron na súa construción,
como etapa intermedia para chegar á sociedade comunista, non deben
facernos pensar que sempre se vai fracasar.
En
Galicia no mes de agosto de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario