Carlos Dafonte.
O 19 do mes de agosto,
nas páxinas económicas do diario “El País”, o analista
explicaba un dato que acontecía nos EEUU, ó que lle daba moita
importancia como é a “inversión da curva de rendementos”. Nun
artigo que publiquei neste blog, hai varios meses, en xunio, falei
deste indicador; como é posible que o analista económico de “El
País” tardara tanto en publicalo cando había tempo que xa era
coñecido?.
Teño a impresión que
se intentan ocultar uns datos á opinión pública que anuncian a
entrada nunha nova crise económica, que pode chegar a consolidarse
nunha nova recesión, cando non fomos na maioría dos centros do
capitalismo de supera-la de 2007. Parece como si existise a consigna
de “non meter medo” entre os traballadores, pois os centros
financeiros, aínda que na teoría neoliberal non exista o concepto
de crise dentro do sistema capitalista, son conscientes de que se
producen, aínda que non a consideren consubstancial ó sistema,
produto sempre dos erros dos gobernos.
Tamén hai que subliñar que a señora Lagarde, á fronte do FMI, que a finais do ano pasado e principios do presente, aceptaba e daba datos, da mala situación na que se atopaba a economía mundial, por exemplo facía seus os informes de dito organismo ”Perspectivas da Economia Mundial” de outubro de 2018; tamén o de xaneiro deste ano “Debilitamento da expansión mundial”, ou o novo informe de abril “Desaceleración do crecemento. Precaria recuperación”. En todos eles admítese a confluencia dunha serie de factores que están levando por mal camiño á economía mundial: tensións comerciais entre China e USA, a perda de pulo das economías da zona euro e Xapón, a preocupación polo brexit e a recesión en Italia. Pero do que debemos ser conscentes é que aínda que todos estes feitos non se produciran, as crises seguirían sucedéndose; o sistema as produce e as necesita para centralizar, concentrar e seguir co proceso de acumulación.
Nembargantes na
conferencia do FMI do mes de xuño, prodúcese un cambio na
valoración sobre todo na economía dos EEUU que cando a señora
Lagarde retorna a Europa para facerse cargo do Banco Central Europeo,
insista na boa marcha da economía do EEUU, afirmacións que parecen
reducir a posibilidade dunha nova crise. Con independencia deste
cambio, cómo é posible que sectores progresistas europeos lle den o
voto a esta persoa?
A realidade que temos na
U.Europea, despois falaremos dalgúns datos obxectivos dos USA, a
Alemaña pode caer en recesión no terceiro trimestre deste ano
crecendo, segundo todas as expectativas un -0,1 %, o que consolidaría
os mesmos datos dos dous trimestres anteriores, sobre todo pola queda
da industria automotriz. Neste senso se está a preparar unha
inxección de 50.000 millóns de euros na súa economía para
dinamiza-la, habida conta que teñen unha débeda pública do 50 % do
PIB; aínda que 50.000millóns é unha enorme cantidade, non
excedería o 60 % de débeda respecto ó PIB, que ten establecida a
UE.
Italia non medrou no
segundo trimestre nin se espera que o faga no actual e segue en
recesión, polo que ca sombra do “Brexit duro”, a marcha
vacilante doutras economías da zona, e o enfrontamento comercial
USA-China, obriga a que o Banco Central Europeo na súa xuntanza de
mediados de setembro, posiblemente aprobe un “Plan de Estímulos”
para a economía da UE; veremos en que consiste o mesmo.
Son os EEUU esa
economía forte á que felicita a señora Lagarde?
Nun
estudio elaborado por Caputo e Galarce, se rebate esta idea que parte
da Conferencia do FMI na reunión anual sobre a economía dos EEUU.
Os datos que utilizan os sacan do departamento de Comercio dos EEUU.
En
primeiro lugar en xuño pensábase nun acordo comercial China-EEUU,
que non se deu, os últimos datos amosan o contrario; en segundo
aplican a formula alxebraica fundamental na Macroeconomía, P=
C+I+Gg+ (X-M), onde P é o PIB, C consumo familias, I investimentos
empresas, Gg Gastos Goberno, X exportacións e M importacións. Pois
ben utilizando os datos do Departamento de Comercio sinalan qie as
taxas de consumo e investimentos das empresas minguaron nos últimos
trimestres; tanto do consumo de bens como o de ben durables, cuxa
taxa mingua no primeiro trimestre do presente ano un -4,6 %. O mesmo
acontece co crecemento do Investimento que nun ano, caeu do 8 % ó 1
% tamén no primeiro trimestre do ano en curso. O investimento das
empresas mingua do 11,5 % ó 2,3% e especificando máis en edificios,
estruturas e habitacional, nos dous primeiros conceptos o fan do 13,9
% ó 1 %.
No
mencionado informe aclaran que o crecemento do 3,1 % dos EEUU no
primeiro trimestre do 2019 débese dun xeito enganoso, ós
inventarios das empresas, os gastos do Goberno e ó gasto persoal en
servizos; pero o Consumo e o Investimento das empresas, caeu dun
xeito notable e iso é o máis importante.
Por
outra banda, tamén dan datos oficiais das ganancias da industria
manufactureira, tanto de maquinaria como de computadores e produtos
electrónicos, onde as perdas de beneficios son moi considerables,
así como na produción de equipos eléctricos e electrodomésticos e
a automotriz, onde se producen tamén perdas en todo o ano 2018 e
principios do 2019.
Polo
tanto a que se considera a primeira economía mundial, segundo os
seus propios datos, non camiña co paso tan firma como para recibir a
felicitación da señora Lagarde. Se a isto lle unimos algúns dos
sinalados máis arriba neste artigo e a mingua no crecemento de
China, atopámonos cun horizonte económico moi incerto.
Neste
país parece, que nada de todo isto nos importa; seguimos co
“sonsonete” da formación dun goberno “progresista” ou dun
goberno de recortes e austeridade, cando isa vai ser a saída de
cumprirse os augurios económicos. Hai meses, as pasadas elección
tamén deberon servir para falar de economía, pero sempre pareceume
houbo unha “conxura” para que non se fixera; agora, o que tíñamos
que estar a discutir é o panorama económico do estado español,
cunha débeda de preto do 100% do PIB, posiblemente se atope por
enriba do mesmo, a situación dos servizos básicos cos recortes que
se teñen producido e como facer fronte ó horizonte económico
mundial que se aveciña. É nese panorama, de posible agudización da
crise e recesión económica, é onde se teñen que distinguir as
políticas de esquerda das neoliberais; as que defendan @s
traballador@s, das que defenden á
oligarquía e a outros sectores da burguesía.
Os
que din criticar ó Psoe e rexeita-las súas políticas económicas
de carácter neoliberal, teñen a obriga de poñer sobre a mesa esta
situación económica mundial, a estatal e o “Plano de Estabilidade
Económico e Financeiro” presentado polo partido que controla o
Goberno en funcións, na Unión Euopea. Todo o demais son “augas
de fregar”. Si goberno de coalición, si goberno do Psoe co apoio
de UP, si goberno de cooperación...Falemos de como enfrontarnos ó
que se nos ven enriba; non nos esquezamos do “aterraxe suave” da
economía española, da época de Rodriguez Zapatero, cando non
tiveron máis remedios que aceptar que nos atopábamos en plena
crise; primeiro negárona, e a grande maioría, por non dicir a
totalidade dos economistas que aparecían nos medios, afirmaban se ía
producir o “aterraxe suave”, grazas as medidas que se estaban a
tomar. Pois ben a aterraxe foi como todos coñecemos, de suave nada
respecto @s traballador@s e @s traballador@s sufriron sobre as súas
costas o intento de superala, mentres os capitalistas na maioría dos
casos foron resgatados.
Contamos
cos instrumentos políticos e orgánicos para facerlle fronte a esta
nova agresión?.
En
Galicia no mes de setembro de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario