A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 18 de julio de 2020

EN GALICIA GAÑOU O XESTOR MÁIS EFICIENTE DO CAPITAL.


Carlos Dafonte

Hai tres resultados salientables por enriba de todos os demais: a cuarta maioría absoluta do PP con Feijóo, o que pode consolida-la súa posición como candidato a ririxi-lo partido; o avance moi importante do BNG que se consolida como a segunda forza do arco parlamentar e a desaparición do que hai catro anos era En Marea.

A maioría absoluta do PP
É a realidade, aínda que a moit@s dos seus votantes non lles pareza ben o titular do artigo, pero é a realidade nestes 12 anos de xestión do PP a cuxa fronte se atopa Feijóo. Posiblemente moit@s d@s seus votantes o fixeron pola súa talante moderada, por non dicir unha verba máis alta que outra, ata por algo que é mentira, que moit@s comentaristas proclaman como é o de saber conxugar o seu xeito de gobernar co galeguismo, ou por rachar en certa medida co discurso radical próximo ó da dereita máis extrema da dirección da sede de Génova; todo o anterior pode ser unha realidade para cada un dos seus votantes, pero por enriba de todo elo destaco algo sobre o que ninguén parece ter reparado, nestes anos Feijóo e un gran xestor do capital en Galicia; para calquera persoa que se considere de esquerdas, penso, debe ser a súa caracterización máis salientable.

O Feijóo que busca e impón que o capital consiga revalorizarse, por enriba dos intereses dunha grande parte d@s traballadores dos diferentes sectores económicos, o Feijóo das privatizacións na sanidade, para que funcione peor, pero para que o capital obteña beneficios; o das privatizacións no ensino porque o que fai de darlle máis cartos á concertada en detrimento da pública representa un xeito de privatizala; o Feijóo que non defendeu ás Caixas de Aforros e permitiu sen oporse que foran vendidas a un grupo privado; o que permite que siga a autopista en mans privadas en detrimento dos usuarios que pagan peaxes moi importantes; que permite que o idioma e polo tanto o piar fundamental da nosa cultura e do noso ser como pobo estea a sufrir un importante proceso de deterioro; que diante das falcatruadas como a que quere levar adiante Alcoa, parece que o problema non é competencia da Xunta que preside é non se enfronta con firmeza co capital transnacional; que non foi quen de crear un grupo lácteo que competira ca estrutura privada que mantén os gandeiros con prezos por litro de leite de hai moitos anos, cando os seus custes de produción subiron dun xeito considerable; incapaz de premer ó capital privado para acadar prezos máis baixos na tarifa eléctrica cando somos un país produtor de electricidade e soportamos a consecuencia desta situación e non se debe engadi-lo prezo do transporte; que todos estes anos traballou arreo para manter e rebaixar unha fiscalidade inxusta a favor dos que teñen maior poder económico sen importarlle a suba constante sobre as rendas do traballo; disposto no seu momento a facer concesións mineiras que permitiran conseguir unha revalorización rápida do capital investido, aínda que a súa explotación fose moi contaminante e tivera unha grande influenza ambiental nas comarcas onde se asentaran. E así podemos seguir.
Unha persoa que actúa deste xeito, non é un bo xestor do público, non actúa ó servizo do seu país, é un desleigado é polo tanto non pode ser galeguista; esa “teoría” hai que desbotala, non é certa.
Pero dirán moitos de vostedes, se é certo o que vostede di, como é posible entón que se lle vote e que acade a cuarta maioría absoluta?.
En primeiro lugar, un grupo importante dos votantes do Pp, faino pola razón de que a partires da desaparición da ditadura e nas condicións na que se fixo a transición, a UCD e Fraga monopolizaron o voto conservador e franquista na Galicia, amosando que non se estaba a favor de cambios moi bruscos; e tanto un partido como o outro estaba cheo de figuras referentes do franquismo político e sociolóxico do propio país. E cando a UCD desapareceu, Fraga consolidou un electorado que unhas veces era maioritario, outras veces non, ata que veu a ser candidato á presidencia da Xunta, se tragou a pequenos partidos da dereita e unha vez desaparecido Gómez Franqueira á propia Coalición Galega, montando unha poderosa estrutura partidaria de tipo piramidal con cativa democracia interna, moi ríxida, con dirixentes provinciais con enorme poder, que se mantén ó longo dos anos e lle permite acadar un determinado número de votos, tamén polo seu poder nas institucións; e iso xoga a favor do partido para acadar empregos e outro tipo de prebendas que se traducen en votos; aí mestúrase voto conservador e voto por interese.
En segundo lugar hai que recoñecer que as posicións ideolóxicas da esquerda e progresistas teñen sido derrotadas no debate ideolóxico que se inicia con forza ó inicio da década dos anos 70; o neoliberalismo no seu concepto económico, privatizacións como mellor xestión, rebaixa de impostos que “benefician máis ós ricos para que asi invistan e se cree riqueza”, o teño escoitado en numerosas ocasións, na miña longa vida política en boca de asalariados. Aquela afirmación de Felipe Gonzalez, “esta é a única política posible e é unha política de esquerdas”, e os seus anos de goberno, axudaron a cooptar para o neoliberalismo a importantes sectores do movemento obreiro e popular. Estas posicións reforzaron o pensamento conservador e sobre todo na medida en que sectores do progresismo como Psoe ou BNG, en numerosos Concellos como no que eu vivo, teñen formando gobernos municipais aplicado estas políticas, privatizado numerosos servizos. Si a oposición fai o mesmo non hai razón para cambiar, pensarán moit@s votantes do PP.
En terceiro lugar, nos tempos de crise é moi difícil, senón se produce un afiamento da loita de clases a todos os niveis que produzan mudanzas importantes no control das institucións. A nivel político é necesario que dende elas e durante un certo tempo se practiquen políticas diferentes á da institución que se quere conquistar, que sexan un exemplo distinto de facer política, que podan influír no xeito de pensar dos votantes; a nivel social que se produzan loitas sostidas e coordinadas de oposición a determinadas políticas de todo tipo, durante un período que axude a comprende-la necesidade do cambio; a nivel ideolóxico, que se conte cun proxecto alternativo, que sexa asumido por institucións e as masas mobilizadas. Nada de isto se ten producido, nas institucións gobernadas polas forzas que queren representa-lo cambio, non hai políticas alternativas; nin as loitas que houbo moitas non chegaban a poñer en crise o neoliberalismo practicado por Feijóo e proxecto de sociedade, de cambio de rumbo non o coñezo; só mellorar algúns aspectos do capitalismo, pero quen ten confianza no PP espera que sexa o propio PP quen modifique aqueles aspectos que consideran desacertados; non teñen confianza en que outros o podan levar adiante.
Nada do anterior se ten producido, moitas mobilizacións foron espontáneas, sen coordinación con outros sectores en loita e cando eu comecei reflexionar sobre o proceso electoral en Galicia, fíxeno cun pensamento contraditorio, por unha banda despois da xestión de Feijóo durante estes 12 anos pensaba que habería, puro idealismo, unha reacción dos votantes, e por outra, todo me indicaba que non estaban dadas as condicións obxectivas para que este cambio se producira. Pois como xa indiquei nestas situacións de crise hai vertixe ós cambios e sobre todo cando o suxeito do mesmo ten que ser unha alianza, xunto co BNG, das mesmas organizacións sobre as que caeron nestes meses da pandemia da Covid-19, por constituí-lo Goberno do Estado, críticas brutais a maioría das veces inxustificadas, que obviaron a incapacidade da Xunta de Feijóo para enfronta-la crise.
O verdadeiro poder, ese que se di que “manda e ordena” e aínda que sexa o anterior unha esaxeración, ten unha grande influenza, desatou estes meses unha moi activa campaña co obxectivo de debilitar ó máximo o goberno do estado e sobre todo, o seu compoñente máis débil, que aínda que pareza un paradoxo, é o que maiores problemas representa para concreta-los seus intereses, Unidas Podemos, que pula dende o Goberno toda unha serie de medidas, dende a suba do salario mínimo ata unha renda social, pasando por outras de protección ós máis golpeados pola actual crise, que de seguro non levarían a cabo un goberno constituído por Psoe e Ciudadanos, PP- Ciudadanos, ou a “grande coalición”, Psoe -PP.
O resto dos resultados das organizacións en Galicia.
Galicia en Común, onde figuran Podemos, Esquerda Unida e Anova, non desaparece do mapa político galego como resultado das campañas contra o goberno central e contra Unidas Podemos; para matizar contra Podemos e Pablo Iglesias, senón por erros propios cometidos en Galicia e nas Cortes cando se tivo unha importante representación.
Tivo En Marea a posibilidade de constituír grupo propio nas Cortes e non se fixo todo o posible por acadalo. Ademais do regulamento impuxéronse outros criterios de carácter centralista?. Creo que ese fracaso influíu en determinados sectores nacionalistas que votaran por En Marea. Tamén as liortas internas dentro deste grupo que abrira un espazo político novo e que prometía cambios de todo tipo nunha Galicia moi pouco dada ós mesmos. Axiña entrouse nunha dinámica de enfrontamento potenciada por quen quixo ter todo o poder, voceiro no parlamento e “xefe” na organización, que se apartaba da concepción da “nova política”. Ó principio a organización era un movemento de ruptura co réxime, republicano, etc, após se converte nun “partido instrumental” modificación que eu entendín como un “instrumento” en mans duns pouc@s. Pero o máis grave e que Esquerda Unida, Podemos e Anova lle deixaron facer, os dous primeiros pareceu tiñan axiña, un proxecto máis conectado con Madrid e Anova atopouse soa e tamén abandonou a En Marea en mans de persoas incapaces de liderar un proxecto complexo e en principio, de grande futuro.
Aínda que as anécdotas non valen para moito, pero as veces ilustran o que acontece, quero contar unha que me indicou cal era o proxecto de En Marea de Villares. Tiña unha asemblea en Lugo, chegou o máximo responsable político moi tarde, pero estabamos tres ou catro esperando, o acompañaba a responsable de organización de Galicia. Nos informaron do traballo realizado e cando se entra no debate, fago a advertencia que levo máis dun ano afiliado a En Marea, que non se nos convoca ós militantes a xuntanzas, que non existe organización nin municipal, nin comarcal, nin provincial e que sería bo que os militantes da organización nos xuntáramos para discutir politicamente e organiza-lo traballo de cara a sociedade. Respóndenme que a “lei de protección de datos” non permite que @s militantes se coñezan. O único que debíamos facer era levar adiante o que chegaba as nosas casas e se elaboraba en Compostela. Espero que os que me acompañaban recorden estea conversa. Decateime que o “proxecto Villares” non ía a ningures e despreocupeime do tema, decatándome da ineptitude de quen o dirixía e a sin razón de que as tres organización que formaban parte de En Marea, non fixeran absolutamente nada dende dentro da organización para modificar estas actitudes e facer de En Marea unha organización aberta, militante. O único que fixeron foi rachar con ela e crear outras estruturas. Sempre entendín que houbo posibilidades de traballar coordinadamente e relevar sen tanto barullo a quen tiña ideas tan “peregrinas” do que debe ser unha organización política no seculo XXI. Nin nos tempos da clandestinidade, nos tempos duros, se podía traballar sen o concurso dos afiliad@s organizados.
Ese abandono de En Marea, entrar nunha dinámica de quebra do proxecto que xa Villares levara a unha situación límite, págase agora nestas eleccións. Se non loitas dentro, e por enriba te separas da organización e creas outras estruturas onde deixas fora a Anova, que foi o que aconteceu, Villares e o seu grupo queda como o agredido, cando na miña opinión, podo estar trabucado, é o suxeito, xunto con quen o apoiaron, que desencadea ca súa ineptitude política unha crise que leva a unha forza que despertara no pobo galego unhas expectativas descoñecidas en moitos anos, a un fracaso total. Que non o esquezamos permite ó PP a súa maioría absoluta; para o Pose e Bng foi fácil non esforzarse demasiado en restarlle a Feijóo votos propios se xa tiñan o celeiro dos votos de En Marea. Esqueceron o fundamental, que o PP tiña que perder máis de 100.000 votos e só perdeu 50.000 e posiblemente se foron a abstención pola súa mala xestión.

O BNG, é o trunfador na disputa polo segundo posto; os militantes, os votantes e os seus simpatizantes deben estar ledos, aínda que sobarda-lo Psoe no ano 2020 nada ten que ver co acontecido cando fixo o mesmo noutras eleccións autonómicas. Iste é “outro” BNG, máis integrado no réxime, goberna en tres Deputacións e numerosos Concellos da man do Psoe e aínda que agora é un Psoe dirixido por Pedro Sánchez e a súa equipa, segue a ser un partido neoliberal que leva 22 anos gobernando a favor da oligarquía, que privatiza servizos, que aprobou numerosas leis cando gobernaba Aznar, como a de “outros xeitos de xestión” que permite por exemplo privatiza-la sanidade.
O ”outro” BNG o de hai uns anos, estaba enfrontado ó réxime; o de hoxe sen dúbida algunha enfróntase ó sistema político do réxime, pero non pon en cuestión as outras partes do mesmo, polo menos ca forza co empeño para ser creíble, aínda que no programa electoral apareza, pero a practica cotiá, indica o contrario.
Un BNG que teño a impresión, mandan moito os cargos institucionais e polo tanto conseguir o máximo de votos e un obxectivo que se atopa por enriba de todos os demais, ata de principios tan básicos como a soberanía, que se menciona moi de pasada e sen un plano definido de que pasos se deben abordar para acadala.
Da construción europea e o euro parece que a Galicia na que pensa o BNG atópase ó marxe, aínda que a nosa economía e importantes sectores estratéxicos se ven afectados polo que os burócratas neoliberais de Bruxelas aproben; pero isto para o BNG debe parecerlle unha cuestión menor.
Pois ben sen querer facer agoiros, cando se abandonan obxectivos estratéxicos moi importantes noutros momentos, sempre se producen cambios políticos, ideolóxicos e organizativos que os xustifican, e volve-lo camiño anterior ten serias dificultades.
A derrota do PP na Galicia non e cousa de dous, aínda que os dous así o pensen.
A partires de mañá mesmo todas as forzas, visibles e non visibles, tentarán que en Galicia o Psoe volva a ser a cabeza da alternancia nun futuro por vir, no que o PP se debilite, e polo tanto sobre o Bng se poden abater toda unha serie perigos dende a dereita que vai necesitar conxurar; sobre todo de seguir pechado sobre si mesmo e sen proxecto de estado como lle pasa ó PNV, para poñer fin ó réxime actual. E afirmo isto do PNV após de escoitar moi atentamente na conferencia que deu en Lugo a Aitor Esteban, hai uns meses; o deles é conseguir o máximo de competencias e cartos e após, “deus dirá” que diría un cristián. Cando se lle inquiriu sobre a independencia e a soberanía, nin entrou no tema.
Teño a impresión que ERC algo ten aprendido de todos os procesos que se foron producindo no estado español e os seguidores de Torra pouco, despois da experiencia vivida en Cataluña; posiblemente ata que non se teñan producido as eleccións nesa comunidade, non se clarifiquen as posicións políticas.
Pero non debemos esquecer que en Galicia a experiencia de AGE e En Mareas suscitou un enorme apoio e unha enorme ilusión popular. A unión entre nacionalistas de esquerda e sectores de esquerda autónomos galegos con vínculos a unha esquerda estatal, deu importantes froitos. Coido, a pesares de que se vai ter o “mar en contra” que é necesaria a reconstrución do espazo, que non se vai conseguir con dimisións e abandonando o terreo quen máis experiencia ten; a reflexión e a análise sobre o acontecido necesita do esforzo de todas e todos; ninguén é imprescindible pero tod@s necesari@s. Reconstruír debe ser, facer aquelo que o traballo institucional non permitía levar adiante, posiblemente pola razón de que, dun xeito equivocado, os mellores cadros políticos se adican ó traballo institucional, cando se deben adicar a labores políticas e organizativas. É posible reconstruír e amplia-lo espazo após semellante derrota? Coido que si. A cuestión é poñerse a elo.

En Galicia no mes de xullo de 2020


No hay comentarios:

Publicar un comentario