Roberto Laxe
Ha umha frase que Lenin utilizaba para expresar graficamente a atitude dos soldados rusos ante a decepción da revolución de febreiro. Dicia que, visto o incumprimento por parte do goberno Kerenski da promesa de “sacar a Rusia da I Guerra”, que dera orixe á revolución, os soldados “votaban cos pés”, é dicer, desertaban masivamente deixando baleiras as trincheiras en mans do exercito aleman: estaban fartos de promesas incrumpridas, mas na sua mente ainda non estaba a revolución nin a toma do poder.
Unhas eleccións no fin de ciclo
A pandemia, umha “crise dentro da crise”, veu demonstrar que o capitalismo como sistema é xa incapaz de enfrontar e solucionar as necesidades de saúde básicas da poboación; ao desbordar todos os sistemas sanitarios semi desmantelados, ou desmantelados, e sen recursos materiais (EPIs, mascaras, respiradores, etc.), pon contra as cordas todas as políticas neoliberais e de globalización das ultimas décadas.
Por iso é un dos planes de construción mais importantes, pois sendo o fin do ciclo político e social dos últimos 40 anos, non sabemos si vai ser un punto e seguido, ou un punto e aparte.
Non está escrito en ningures cal vai ser o resultado, a loita de clases sábese como comeza, mas non como termina; senón abonariamos-nos ás teorías da conspiración, segundo as caes, o futuro está escrito polos poderosos, e non ten sentido loitar, pois o fin esta prescrito por eles. Mas, alguén pensa que eles querían a Pandemia?, que agora umha vez que xa esta aquí, aproveiten para se beneficiar dela é umha cousa, que tíñana prevista, é un absurdo, pois ninguén pode predicer o futuro, deus non existe.
O pobo galego “votou” contra os gobernos
Tras as eleccións do 12 X xurdiu umha verdadeira "campaña" de culpabilizar á poboación da vitoria do Feijoo e do PP: “a culpa da vitoria ten-na o pobo que é ignorante e non sabe votar” din moitos, dándolle a razón ao PP, de que eles “son Galiza”.
Vexamos os datos para ver se é certo: de 2 697 mil censados e censadas, votaron 1 320 mil; destos, 670 mil foron para o PP Vox. É dicer, a direita co 25% dos votos, teñen o 50% do parlamento. Esta é a maxia da Lei d'hont, onde umha minoría pon un goberno contra a maioría.
O PP perdeu 50 mil votos, GeC / En Marea perto de 200 000, e o PSOE uns poucos miles. O PP é a Xunta, e GeC (Unidas Podemos) e o PSOE son o goberno central.
É un voto pola pasiva contra os gobernos. A maioría da poboación non votou, aos que hai que sumar os que votaron por forzas como o BNG, que hoxe non están en ningún goberno (e o voto a Vox pola direita), e iso é froito da decepción respecto as “promesas electorais” que contradín os feitos dos gobernos, tanto do PP como do PSOE ou de Podemos (asociada a Galiza en Comun). Alguns exemplos:
1. Alcoa, a actual ministra de traballo (GeC) prometeu que se chegaba o goberno Alcoa seria nacionalizada. A nacionalización nin esta nin se lle espera; alen mais, o camiño de Alcoa San Cibrao é o que levaron A Coruña e Aviles, a sua venda para despois vendela a un "pecha empresas". O goberno e Alcoa quítanse o marrón de encima.
Pola sua banda, Feijoo e o PP “prometeran” poucos dias antes das eleccións que o asunto de Alcoa seria resolto se “gañaban as eleccións”, como se non levaran no goberno 11 anos. Mas, gañaron e Alcoa segue aí.
2. De derrogacións de reformas laborais, a do PP e a do PSOE, das reformas das pensións, tamen as do PP e do PSOE, ... nin falar. No esquecemento.
3. A situación da sanidade publica, hoxe en boca de todos polo papel das sanitarias e sanitarios na loita contra a pandemia é responsabilidade tanto do PP como do PSOE desde fai décadas. En 1997 aprovouse unha lei, a 15/97, pactada polo PP no goberno e o PSOE na oposición onde establecíanse "as novas formas de xestión" da sanidade pola que entraron en tromba as privatizacións da sanidade, ate a situación actual de todos e todas coñecida.
4. Despois, o PSOE no goberno e o PP na oposición pactaron a reforma do artigo 135 da constitución, que impuña o pagamento da débeda e interese aos bancos CON CARACTER PRIORITARIO, co que deron rango constitucional ás políticas de cortes e austeridade en todos os servizos públicos.
O único que gañou foi o BNG, que recuperou a presenza que tiña fai moitos anos; mas non foi quen de recoller os votos que esperaba pola direita (Ponton dixit poucos dias antes da eleccións), ni pola esquerda: en toda a campaña non fixo nin umha soa referencia ao direito a decidir, e a única vez que falou da “independencia”, desmarcouse dela.
Nestas condicións, a única conclusión posible é que o pobo galego maioritariamente (o 51%: 1 330 000 persoas) non se sinte representado por ningumha das forzas políticas presentes, e abstívose masivamente.
É moita xente para insulta-los chamándolles “atrasados”, “pasotas”, “agora tedes o que vótache des”, ... co unico obxectivo de xustificar o que o BNG propon: agora toca esperar catro anos para botar o PP, demonstrando unha “institucionalización” e un “electoralismo” enfermizo. Porqué hai que esperar 4 anos?; non sería a primeira vez na historia, nin a ultima, que un goberno cae pola forza da mobilización social...
O fracaso da nova política
Neste cadro temos que entender o fracaso absoluto da chamada “nova política”; e como na política non existe o valeiro, o seu oco enchese polo BNG. É umha máxima na política que as masas, cando ábrese un período de crise tenden a recorrer ás suas vellas organizacións, neste caso o BNG.
Un amplo sector da poboación traballadora, despois de anos de experimentos con “gaseosa” como foi a “nova política” (expresión da pos modernidade e o pos marxismo que dominou a esquerda o longo destos anos de neoliberalismo), voltou os seus orixes, o BNG; mas como este BNG é a farsa do drama dos 90, moitos foron á abstención.
E digo experimientos con “gaseosa , porque cal é o balance dos catos anos dos concellos das Mareas: na Coruña en catro anos foi un “carril bici”, en Ferrol, nin se sabe e en Compostela uns orzamentos participativos que só atinxian o 10% orzamento. Esto é facer “experimentos con gaseosa”, cando a sociedade leva, desde o 2007, numha crise economica, social e politica de gran calibre: alguen pensa que cun “carril bici” enfrentanse as lacras sociais que sufre a clase traballadora e o pobo.
Este é o motivo central do fracaso da “nova politica”, mentras a nivel estatal fai parte do goberno do PSOE (o de sempre, a direita moderna no Estado Español), na Galiza fan “experimentos con gaseosa”. E a xente cansou de darlles o menor credito.
O futuro politico
Mas lembremos que os resultados electorais son versións desvirtuadas da realidade, serven para ver a fotografía dun momento concreto, mas non para ver as tendencias da loita de clases; e hoxe a situación política ven definida por duas palabras, umha, “crise” en todos os aspectos, dous, “incerteza” polo futuro.
Mesmo a burguesía europea non sabe cal é o camiño a tomar para saír desta crise, os chamados “frugais” europeos (holandeses, austríacos, suecos, ...) apostan por profundar no neoliberalismo a ultranza, pois viven da especulación financeira para soster os seus sistemas económicos baseados nas privatizacións (Holanda é o máximo expoente que lle convirte nun paraísos fiscal); en contra, os do sul, Italia, Estado Español ou Francia apostan por umha versión social liberal do capitalismo: manter un pequeno estado do benestar pois a diferenza dos “frugais”, eles teñen umha gran poboación que soster, e evitar grandes conflitos sociais.
Neste cadro, Galiza, nazón periférica nun estado, o español, cumha crise económica, política e social moi dura, onde os ataques as condicións de traballo (mais reformas laborais e de pensión) e sociais (privatizacións) vanse combinar cumha recentralización acelerada do estado, ten pouco que contar salvo que poña a loita obreira e social no centro da sua perspectiva.
As forzas institucionais, o PSOE, GeC e BNG prantexaronse como eixo da campaña, botar a Feijoo e o PP da Xunta; pasou o 12X, e polo fose, Feijoo ten mais maioría absoluta no parlamento para levar adiante os seus planes de destrución dos servizos publicos como xa está a facer co peche de servizos e plantas en hospitais (Alvaro Cunqueiro, A Mariña ou atención primaria telefónica), de desindustrialización, Alcoa xa desapareceu da sua axenda, de desmantelamento da educación publica (o protocolo do Covid que non adopta ningumha medida), e de desgaleguización da sociedade, ao servizo dos interese e necesidades do capital galego e español, e da Unión Europea.
E obvio, que tras o fracaso da “via electoral” para sacar a Feijoo e o PP da Xunta, ábrese a porta a outra vía, a que nos sempre apostamos para botar fora os gobernos, a loita obreira e popular.
O BNG, agora “líder da oposición”, xa anunciou duas cousas, umha que deixa o botar o PP para as eleccións do 2024, e dous, que vai manter a loita social. É clara a estratexia nacionalista, non vai ir o choque frontal co PP e a Xunta, representantes do réxime na Galiza, senon que vai seguir coa táctica de mobilizacións controladas, ao servizo do seu proxecto electoral, tentando ampliar a sua base pola direita (o voto do PP galeguista que espera recoller), e para iso ten que manter o control sobre as “algaradas” na rúa e o camiño do electoralismo.
Para nós este camiño é o da traizón e anuncia umha nova derrota do pobo traballador galego; asi que o noso eixo político segue a ser o de unificar as loitas para botar o PP da Xunta e romper co Rexime do 78 e a UE; e denunciar / criticar (as formas dependerán da nosa forza) a politica electoralista do BNG.
Galiza, no mes de agosto 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario