A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 19 de enero de 2023

SOBRE A COMPLEXA SITUACIÓN INTERNACIONAL (II)


Carlos Dafonte.


Os USA e o fracaso da súa estratexia de dominación mundial.

“Quen domine o continente euroasiático dominará o planeta”, xunto coa idea de “América para os americanos” que xurdiu hai 200 anos, en 1823 máis que do presidente Monroe de Adams, e consideraba dous aspectos salientables, en primeiro lugar, que calquera intervención doutro país sobre o continente americano debía ter a resposta como se fose unha agresión contra deles; en segundo, que nada do que se fixera nos países ao sur do río Grande podía facerse sen o seu consentimento. 

Son dúas máximas, considero as máis importantes polas que se rexen os políticos dos USA na súa actividade internacional dende hai douscentos anos. 

Deixo claro que a primeira e moito máis “moderna” que a segunda, pero entender a política dos USA significa desentrañar, actualizar, como tentan adecualas a situacións moito máis complexas que cando foron formuladas; o xeito de como inciden sobre as decisión que toman hoxe e que moitas veces aparecen como alleas a estas dúas formulacións. 

Sobre o continente euroasiático as verbas de Brzezinski, escritas hai máis de 25 anos, reforzaron un pensamento que fíxose patente dende primeiros do século XX, no xeito de que como os USA xestionen os problemas e as iniciativas de Eurasia, resultaban cruciais para a súa nación, non de nacemento é polaco, pero si de adopción. O control sobre este continente, afirmaba, dun xeito case automático “suporía a subordinación de África, volvendo xeopoliticamente periféricas ás Américas e Oceanía, con respecto ao continente central do mundo” e indicaba uns datos que considero obxectivos, que reforzan a súa visión, algúns deles no tempo transcorrido dende que os recolleu xogan aínda máis a favor do afirmado: “arredor do 75 % da poboación viven en Eurasia e a maior parte da riqueza material concentrase tamén nela, tanto nas empresas como no subsolo. Eurasia é responsable de arredor do 60 % do PNB do mundo e de arredor das tres cuartas partes dos recursos enerxéticos coñecidos”. Ao que podemos engadir que todas as potencias nucleares agás unha atópanse nese territorio, a maior parte dos estados do mundo máis dinámicos tamén, así como aqueles capaces de desafiar á única potencia global hexemónica: os USA.

A realidade e que despois da queda da URSS os USA convertéronse na única potencia global hexemónica aínda que o seu papel está a perder protagonismo. Segue ser a grande locomotora económica mundial, pero dende 1991 ata hoxe perdendo terreo; a potencia militar máis importante, un tanto maltreita despois das derrotas en Iraq e Afganistán; con toda a posibilidade, aínda que China lle dispute este posto, a primeira potencia tecnolóxica e con toda seguridade quen domina a nivel cultural o planeta; neste senso a cultura de masas dos Usa ten unha enorme influenza no cinematógrafo, a música, o deporte, a lingua, na comida, etc e tamén os USA son o obxectivo, para sectores da burguesía hexemónica, que envía aos seus fillos ás súas universidades e como se ten destacado, hai poucos gabinetes ministeriais onde non haxa compoñente que teñan estudado nos USA.

Dominar Eurasia partía dunha premisa que os xeoestrategas norteamericanos non foron capaces de levar adiante, é máis contribuiron ca súa torpe política na época da presidencia de Obama, a que os resultados foran o contrario. En primeiro lugar que nunca consideraron que a alianza entre China e Rusia, puidera ser unha realidade; esa era a premisa principal, pero había outra secundaria que tampouco consideraban, o acercamento de Rusia á Unión Europea e de esta con China, a traveso da “nova rota da seda” promovida polos chinos e dos enormes investimentos que conxuntamente se poderían levar adiante, modernizando a parte do territorio máis atrasado e deixando nun papel secundario en Eurasia aos USA.


A resposta dos norteamericanos a estas ameazas: golpe de estado en Ucraína, guerra civil e intervención de Rusia. Os problemas da globalización imperialista.

Por si alguén non o tiña claro, unha vez máis a resposta dos USA baséase na utilización estratéxica da violencia. O golpe de estado en Ucraína, o apoio ao mesmo dos sectores oligárquicos, ultranacionalistas e nalgúns casos nazis, seguidores do antigo membro das SS Estephan Bandera que teñen importantes alicerces na sociedade ucraína, a marcha do presidente constitucional defensor das boas relacións con Rusia, a lexislación que privaba de determinados dereitos á parte dos habitantes do país de cultura rusa establecidos maioritariamente na zona do Donbass, o incumplimento dos acordos de Minsk 1 e 2, levou a unha cruel guerra civil, silenciada  nos países da OTAN, que produciu no Donbass, miles de mortos, feridos e desprazados, máis de 1.500.000, que cruzaron a fronteira con Rusia.

A estratexia dos USA era tensar tanto a corda no Donbass ata que Rusia tivera que intervir e unha vez provocada a intervención poñer de novo en marcha unha “OTAN durminte” nos últimos anos, e conseguir illar a Rusia de China e tamén dentro dos BRICS, poñer fin á colaboración Rusia- Unión Europea, e condenala a nivel internacional. Acadou os obxectivos de illala da UE, pero todos os demais non tiveron o resultado apetecido, nin o Brasil de Bolsonaro condenou a intervención, amosando o control que sobre determinadas zonas do planeta exerce a política exterior China e o retroceso da hexemonía norteamericana.

A Unión Europea non tentou parar a guerra civil en Ucraína, aínda que os acordos de Minsk 2 estiveron apoiados por Merkel e Macron. Alguen me inquirirá, como facelo? Ameazando a Ucraína de non entrar nin na UE nin na OTAN de non poñer termo a agresión no Donbass. Posiblemente cando a oligarquía que manda no país e ten como marioneta a Zelenski, albiscara o perigo que cerníase sobre os seus negocios no futuro, recapacitaría e buscaría a paz. A UE preferiu seguir unha política “sipaia” ligada aos USA, que ten importantes repercusións no eido económico e social para os traballadores e cidadanía europea, pero tamén repercusións no eido político co avance da extrema dereita nunha situación de crise permanente, onde as mensaxes demagóxicos teñen máis posibilidade de avanzar. Entendo que a situación que estamos a vivir púidose evitar, cunha política máis independente dos USA. 

A propaganda de guerra dinnos que Putin é o que pula a extrema dereita ao poder na UE, un xeito como outro calquera de eludir responsabilidades por parte de moitos gobernantes europeos, incapaces de enfrontarse á crise dende unha perspectiva distinta a das clases hexemónicas; recortaron dereitos e liberdades e levaron á democracia burguesa a un deterioro descoñecido dende o tempo do nazi-fascizmo. Putin lles serve o mesmo “para un roto que para un descosido”, seguro que aparecerá como o que levou adiante, o instigador, do asalto ao Congreso dos USA; axiña, dende do comezo da guerra, esqueceron as ideas de Stive Bannon, ex banqueiro dos USA a quen se lle acusou de ser o causante do trunfo de Trump e de pular a extrema dereita na UE. Un personaxe que aceptaba que o seu discurso chegaba fácil, era asumido por amplas capas da sociedade, por ter perdido a confianza nas élites no poder. Aquela campaña de denuncia, que tivo importante presenza nos medios ten desaparecido; os estrategas da extrema dereita dos USA teñen desaparecido; as xuntanzas de VOX con Bannon, esquecidas; agora son todos “fillos de Putin”.

Eu afirmaba máis arriba que a propia globalización imperialista estaba en perigo, por unha razón sinxela, cando se chega a un enfrontamento xeopolítico entre as grandes potencias, como é no caso, sen estar presentes na contradición dous modelos diferentes, minguan as posibilidades de enfronta-los temas globais, reafírmanse as fronteiras e mingua o comercio internacional; as institucións mundiais que controla o imperialismo, perden influenza na solución dos conflitos, aumenta o militarismo, hai unha tendencia a levar a cabo alianzas de proximidade e prodúcese unha regresión na democracia burguesa. A guerra en Ucraína aguza estas tendencias que a crise que comeza no 2007 situou nun primeiro plano do taboleiro mundial.

 En momentos de fortes contradicións interimperialistas é moi importante o tema sinalado na primeira parte deste análise, de que os traballadores e traballadoras, atopasen puntos de encontro a nivel mundial, abandonando o sectarismo imperante entre as forzas de esquerda e potenciar, previo análise conxunto da situación e a pesar das diferencias existentes entre países e polo tanto de solucións, un programa claro, común, de transformación, que permitira avanzar cara a unha nova organización internacional.


En Galicia no mes de xaneiro de 2023  


No hay comentarios:

Publicar un comentario