A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 18 de mayo de 2023

DIANTE DAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS E MUNICIPAIS.

Carlos Dafonte

    O marco político social no que se van producir estas eleccións

O venres comezou unha nova campaña electoral e transcorridos uns días poderemos votar nas próximas elección municipais. En Galicia as de carácter autonómico celébranse ao marxe das do día 28 próximo.

A nivel xeral atopámonos nun enfrontamento de novo entre dous bloques económicos que xeran “guerras de baixa intensidade” en diferentes lugares do planeta, onde a OTAN despois da xuntanza de Madrid, vai intervir en calquera país do mesmo sen ter que contar co apoio da ONU.

Hai que recoñecer que hoxe en día, no estado español, a opinión sobre a OTAN e a súa política agresiva é aceptada sen crítica algunha agás cativos sectores políticos a diferenza do ano 1986, no que o goberno do Psoe estivo a punto de ser derrotado no referendo para dilucidar saír ou quedar na organización imperialista. Foi unha intervención vergoñenta de González na televisión, no último día augurándonos toda unha serie de males que caerían sobre o país de non continuar dentro, todo burda mentira, a que decidiu o voto no último intre.  

Que é o que cambiou no xeito de pensar nestes trinta anos?. A derrota ideolóxica e política do pensamento de esquerda, que no país se traduce no avance da ideoloxía reaccionaria e a aparición do franquismo sociolóxico como organización política, a súa presión sobre o resto dos actores e a reconversión do reformismo político e económico, grazas ao apoio dos medios de comunicación, na “única esquerda” existente no país.

Outro aspecto marco é que a nivel de todo o territorio do estado, o que creo é un erro grave, o PP vai as eleccións coa intención, así o manifestou Feijoo nunha comparecencia no Senado, de “derrogar ao sanchismo”, idea manifestada algunhas veces con anterioridade pola presidenta da comunidade de Madrid, que converte estas próximas eleccións nunha primeira volta das xenerais de finais de ano, e deixa á dirección do PP, que vai intervir moi activamente na campaña, sen necesidade de presentar un programa que recolla os que se van presentar nas comunidades autónomas e concellos. 

Se só hai que falar das leis e decretos que o goberno aprobou e que van ser derrogados, esa estratexia, entendo sitúa ao PP a rebufo do Psoe, cuxa dirección nestes días de pre-campaña  e na propia campaña, vai dedicarse a presentar novas propostas de goberno que poden crear moita confusión no partido conservador. Xa o fixo co tema da vivenda ou co acontecido cos viaxes para estudantes, que Díaz Ayuso condenou con moita dureza e a voceira do PP  nas Cortes, Cuca Gamarra saíuna  defender pois con anterioridade, non me lembro con que motivo, esa proposta a fixera Feijoo.

Ou coa cuestión de que leis vai derrogar o partido se gaña en decembro, que na súa sé central, na rúa Xénova, non quixeron clarexar antes do comezo da campaña, esa é a posición de Feijoo, e Díaz Ayuso un día despois, como se estas eleccións foran verdadeiramente unhas primarias no PP, sinalou cales serían, esnaquizando a estratexia da dirección.

Polo tanto o marco político a nivel de todo o territorio do estado no que se van producir as votacións do día 28, pode que para algúns electores sexa un pouco confuso, coas árbores de “derrogar ao sanchismo” por enriba de toda a campaña, o que pode levar a que Comunidades Autónomas e Concellos prefiran esta alternativa, a presentar un balanzo do que fixeron e o camiño programático a seguir. E todo sazonado, queiran ou non os do PP cun certo cheiro a unhas primarias onde Feijoo se pode estar xogando ser o candidato nas xerais, que non deixa ver o bosque, as deficiencias que nestes anos as Comunidades Autónomas e os Concellos tiveron na xestión dos orzamentos e dos servizos públicos, cada vez máis deficientes.

E por enriba de todo iso, a xuntanza da que nada se clarificou, pero que entendo como unha anomalía democrática: Feijoo cun grupo de fiscais. 

E aceptable a explicación de que lles informaba das leis que estaba disposto o PP a derrogar no caso de saír vencedor nas elección de decembro?. A min non me vale, non me convence. Coido que está máis en función dos labores que @s fiscais levan adiante, que establece, de non trabucarme a Lei 50/1981 e o papel que Feijoo, o PP e Vox sempre contarán con algún aliado máis, queren que xoguen de perder as eleccións de decembro e que se inscribe na estratexia deseñada polos USA de “reacción democrática”, que de democrática nada ten; trátase de contar con sectores da xudicatura para en base a denuncias falsas apartar da vida política a quen pode gañar ou gañou unhas eleccións con limpeza. E as acusacións poden ser moi variadas como ten acontecido en varios países de América Latina.

Cando se coñeceron as listas de Bildu e algúns d@s compoñentes das mesmas, toda a estratexia electoral do PP cambiou radicalmente, partindo da base, sospeito, que déranse conta que lles levaba a inoperancia total e nos últimos catro días a pantasma de ETA, os pactos do goberno coa coalición vasca Bildu, todo elo sazonado con expresións e acusacións que pensabamos nunca se volverían a producir despois de que ETA desaparecera hai 12 anos, volven a estar na orde do día.

A dereita conservadora e neofranquista recorren sistematicamente á desaparecida organización vasca, as vítimas, sen decatarse que iso a quen máis dano vai facer é a un Feijoo que entrou na política estatal  asegurando que non viña a insultar, que viña a falar de economía, e que hoxe se atopa diante das súas limitacións teóricas e estratéxicas, nunhas primarias para sobrevivir ao cerco que lle impoñen a presidenta de Madrid, Díaz Ayuso e Abascal; primarias que entradas nesta espiral, só pode Feijoo vencer si é capaz de dicir barbaridades maiores que as que digan os seus opositores reais, que se atopan dentro do partido e a dereita do mesmo. A resposta dos compoñentes dalgunhas listas de Bildu, ex de ETA que tiñan delitos de sangue, asegurando que non van a coller a acta de concelleiro, no caso de ser elixidos para non producir máis dolor ás vítimas, non creo vaia levar a Feijoo a modificar a súa noxenta campaña.

As eleccións municipais en Galicia

Agás determinados casos, a maior representación nestas elección municipais como nas anteriores, recae sobre os partidos políticos, eles son os que van acadar o maior número de Alcaldes e Concelleiros nos máis dos 350 Concellos de Galicia. E imos votar nunha complicada situación política en todo o contexto europeo e no propio territorio do estado, co avance da extrema dereita que por primeira vez en Galicia vai ter espazos na TVG sen ter concelleiros, o mesmo que acontece, como sinalei,  no estado español, onde a ideoloxía do que podemos chamar “neofranquismo” ten acadado cotas moi importantes nas Cortes, determinadas Comunidades Autónomas e Concellos e que de non dar batalla ideolóxica, por parte dos que están obrigados a dala, avanzarán como no resto do territorio do estado.

Nas sociedades divididas en clases, todas baixo o capitalismo, as organizacións políticas que se consideren de esquerdas non poden ser neutrais diante da loita que se desenvolve na sociedade entre opresores e oprimidos, explotados e explotadores e se pertences polo voto a unha institución como un Concello, debes ser consciente de que esta loita que reflíctese como loita política e loita ideolóxica, nunha institución tan próxima á quen te vota, debes actuar a favor dos que dis representar, neste caso @s traballador@s

Unha primeira pregunta que nos podemos facer á hora do balanzo e se os Concellos, cumpriron co seu papel, e si remarco que son partidos políticos quen tiveron e van ter un papel destacado, teño que dicir que non. Os dominados pola dereita si que cumpriu,  os que estiveron en mans dos partidos que se consideran progresistas e de esquerdas, o que fago extensible as tres das Deputacións, considero que non.

Un partido político ou un movemento que se considera progresista e en Galicia algúns ata considérase de esquerda, o seu papel non é só xestionar ben, esa é unha das súas obrigas, senón no caso que estamos a analizar, xogar tamén o papel de dique diante da marea da ideoloxía reaccionaria, que cada vez máis entra en segmentos importantes da sociedade galega. 

Este papel non o están a xogar dende hai moitos anos e penso que tamén é unha das causas do avance ideolóxico que denunciamos.

Recoñecendo a súa propia derrota ideolóxica, convertéronse en “tecnócratas”, xestores da miseria, incapaces de pular a participación cidadá, de presentar mocións para establecer con firmeza posicións políticas sobre acontecementos que a tod@s nos incumben, posturas da UE, a Otan, defensa do movemento feminista, étc que atópanse fora do marco do Concello. 

Tamén a necesidade da loita dende dentro das institucións, por recuperar para a estrutura dos Concellos unha democracia distinta, máis participativa, que hoxe grazas a determinadas leis poñen por enriba dos órganos colectivos, dos formados por todos os elixidos, aos órganos unipersonais, o Alcalde, ou aqueles que son monopolio dun só partido, a Comisión de Goberno. 

En toda circunstancia, pero sobre todo nesta tan complexa, debemos considerar que institucións como Concellos, gobernados por partidos progresistas e de esquerdas, ou dende a oposición, deben recuperar o papel activo que hai anos tiñan na defensa dos  intereses dos de abaixo, da denuncia de toda actitude contra os mesmos en calquera lugar que se produza, e sobre todo combater constantemente as ideas reaccionarias que avanzan na nosa sociedade.


En Galicia no mes de maio de 2023.


No hay comentarios:

Publicar un comentario