A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 30 de mayo de 2023

OS RESULTADOS ELECTORAIS DO DÍA 28 DE MAIO. ANÁLISE DE URXENCIA.

Carlos Dafonte.

As once da mañá do día 29 de maio, Pedro Sánchez diante dos resultados electorais do día anterior,  disolve as Cortes e convoca eleccións xerais anticipadas. Todo o que escribira con anterioridade a esta convocatoria non é que xa non valga nada, debe servir para comprende-lo  meu ponto de vista sobre a situación na que se van producir as eleccións xenerais do día 23 de xullo.

O PSOE reacciona despois do trompazo electoral sen permitirlle ao PP festexa-lo seu éxito e o coloca no marco no que o PP situou as eleccións do 28 de maio: a primeira volta dunhas eleccións xerais; supoño que os conservadores estarán preparados para a segunda volta.

Hoxe púxose de moda extrapolar os resultados dunhas eleccións cara outras distintas, algo non moi científico, pero si o fixéramos, hai que dicir que PP e VOX non suman para gaña-la maioría absoluta nunhas eleccións xerais. O que aconteza dentro de 50 días vai ser distinto, seguro ao que aconteceu onte.

            Hai que salientar varios elementos que marcan a nivel de todo o territorio do estado, os resultados destas eleccións autonómicas e municipais; en primeiro lugar o peche do ciclo que se abriu co 15-M,  co enterro, ca derrota case definitiva dos dous partidos que coa súa presenza institucional, racharon co bipartidismo naqueles intres, Podemos e Ciudadanos e nese contexto ten lugar o avance e consolidación institucional de Vox, representante político do neofranquismo que sabíamos existía socialmente, pero unha vez liberado das siglas do PP, está a conseguir resultados preocupantes para a propia democracia burguesa española.

            Parecía que diante dos avances do neofascismo en moitos países da UE, incluído algún país nórdico, aquí estabamos vacinados. Pois non, quen pensaba que o PP nestas eleccións tamén conseguiría trasvasar votos de Vox, agás lugares illados, non o conseguiu, por máis que endurecera a súa política e discurso, chegando nestas eleccións o seu presidente Feijoo a niveis impensables de indignidade dialéctica. 

En todos estes anos, os medios de comunicación foron “branqueando” a Vox tratándoo como unha forza máis da dereita, as veces considerándoa como unha forza da dereita máis “extrema”, pero estas consideracións non indican a realidade desta organización política, disposta a acabar con títulos enteiros da Constitución, por exemplo o relativo ás autonomías, ilegalizar a todos os partidos nacionalistas,  poñer fin a toda unha serie de dereitos, aborto, eutanasia, as medidas contra a violencia de xénero, etc e tampouco debemos esquecer a xenreira que lle teñen aos movementos feministas que loitan pola igualdade entre mulleres e homes, o movemento LGTBI, ou a negación do cambio climático etc.

Despois de convocadas as eleccións xerais, o secretario xeneral de Vox, Garriga, afirmou que eles están pola derrogación de todas as leis sociais do goberno; o PP está de acordo con esta formulación?. É importante que na próxima campaña electoral conteste sen acubillarse baixo as siglas de ETA.

Alguén pode preguntarme con que obxecto se “branquea” a esta forza? Eu entendo que anunciada dende hai xa certo tempo a desaparición de Ciudadanos que era  a muleta natural do PP, sen producir estridencias, VOX é para certas instancias do poder, quen debe axudar ao partido de Feijoo a gobernar en moitos Concellos e Comunidades Autónomas e polo tanto, ser tamén sen que desentone moito, o que permita un goberno de Feijoo a partir de decembro, antes, agora de xullo de 2023, como resultado das eleccións xerais.

Un segundo elemento a analizar é a perda sen paliativos de poder do Psoe en Comunidades Autónomas e importantes Concellos. Derrotado nas comunidades de Valencia, Aragón, Extremadura, Canarias e A Rioxa, así como perdida tamén a perspectiva de gobernos en Cantabria e Baleares se lle sumamos o cambio de man en concellos como Sevilla, Valladolid,  Granada, Burgos, Salamanca, Ferrol, Castellón, Valencia, etc, a derrota é moi importante, no só para o Psoe, tamén para as forzas reformistas situadas a súa esquerda.

En moitos lugares as maiorías que pode configurar o PP van ser co apoio de Vox, a non ser que Feijoo se manteña firme na súa proposta de que goberne a lista máis votada; pero xa coñecemos que unha cuestión son as propostas da campaña e outra o que fagan despois de celebradas as votacións.

Polo tanto o Psoe tiña pouco marxe de manobra e convocando Pedro Sánchez na Moncloa e non na rúa Ferraz, sede central do partido, o que pensei era que podía avanzar cara a crise do goberno, arriscar a un goberno de partido e eleccións anticipadas no mes de setembro, ou o que fixo, convócalas para xa, despois da disolución das Cortes cos prazos que a lei lle permiten. Non me parecía moi prudente seguir cun goberno de coalición durante seis meses máis e eleccións a finais de ano; a presión ía ser tremenda.

Un terceiro aspecto é o de salientar a regresión ideolóxica da sociedade española no seu conxunto, dándolle cantidades de votos a Vox e non castigando electoralmente ao PP que para neutraliza-los neofranquistas, non permitir que lles rouben votos pola súa dereita, ten aproximado o seu discurso ao dos seguidores de Vox e agora se van ver na disxuntiva de pactar con eles ou non gobernar, aínda que sempre poden darse formas de apoiar e non entrar nos gobernos. Atópase o PP en mans de Vox

Que razóns hai para este avance constante do neofranquismo? A desaparición da esquerda en primeiro lugar, único dique que se lle opón a este pensamento, que o combate nas institución e na rúa, que mobiliza, que participa nos movementos sociais e nunca abandona a loita ideolóxica como elemento fundamental da loita de clases. E en segundo o exemplo das correntes deste tipo de pensamento, que avanza sen que se lles poña atrancos ao longo e ancho da Unión Europea; derrotada a esquerda e en medio de constantes e prolongadas crises económicas a xente agárrase a calquera tipo de solucións ata ás máis absurdas e demagóxicas.

Un cuarto elemento é como poden afectar estes resultados e a convocatoria anticipada de eleccións á creación de SUMAR, non só polo cativo tempo que hai para consolida-lo proxecto, senón porque todos os vimbios  cos que Iolanda Díaz quería contar para a súa creación, tiveron derrotas importantes, “Más Madrid”, “Compromis”, “En Comú Podém” e Podemos e en Galicia a desaparición dos restos das “mareas”.

Pensou, valorou o PSOE esta dificultade, e a necesidade de ter un recolledor de votos pola súa esquerda e a pesares de todo, lánzase a “peito descuberto” a continua-la campaña electoral, a ampliala 54 días máis?.

           

Os resultados das eleccións en Galicia

            Deben ser estudados estes resultados con fondura,  pois fronte ao avance moi importante a nivel de estado do PP e Vox, en Galicia o seu avance é moi cativo, partindo como partía o PP dunha presenza feble nas institucións locais o que facía previsible un avance importante; segundo me dicían hai uns días o maior concello que controlaban o PP era Arteixo, polo tanto tiñan un enorme campo para avanzar, máxime tendo en conta que controlan a Xunta por maioría absoluta e era Feijoo quen lles solicitaba @s galeg@s uns bos resultados, a quen lle deran maioría absoluta en tres eleccións.

Non é que os galegos lle déramos as costas a Feijoo, pero seguro que os do PP en Galicia, non acadaron  os resultados que pensaban. Recupera unha das sete grandes cidades, Ferrol, e só unha das tres Deputacións que non controlaba. Cativo botín se o comparamos co acadado no resto do territorio do estado.

E un dado importante, se extrapolásemos os resultados destas municipais a unhas autonómicas, o PP perdería a presidencia da Xunta e o control do Parlamento Galego.

Estas eleccións certifican a desaparición do que nun momento foi AGE, En Marea e As Mareas Municipais o que precisa dunha análise de como ese proceso importante, que acadou numerosos votos e representantes nas institucións, desapareceu sen que ninguén se faga responsable.

O outro elemento é o do avance do BNG, capaz de conseguir a alcaldía de Compostela aínda que en Pontevedra baixe e en Lugo non avance.

Nos dous actos nos que fun a escoitar as propostas que facían dúas organizacións políticas, non escoitei por parte de quen pensaba tiña que facelo, dirixentes que non figuraban en lista algunha, esa valoración que esperaba pola súa condición,  capaces de explicar á xente o que está  acontecer no planeta, na Europa, no estado, en Galicia dende unha perspectiva dialéctica, de esquerdas, inmersos como nos atopamos nun enfrontamento de clase, entre novos bloques económicos e políticos, enfrontamento agudo que bordea a posibilidade dunha nova guerra mundial.

Nada diso atopei e axúdame a comprender o avance ideolóxico das forzas da dereita e do neofranquismo, aínda que en Galicia Vox, de non trabucarme, só acadou un concelleiro, en Avión.


En Galicia no mes de maio de 2023

            


No hay comentarios:

Publicar un comentario