A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 28 de junio de 2023

PANORAMA POLÍTICO DESPOIS DA BATALLA ELECTORAL DO 28 DE MAIO DE 2023

Carlos Dafonte.


Dous aspectos salientables.

O máis salientable que acontece despois dos resultados do 28 de maio é o avance institucional e ideolóxico dos neofranquistas de VOX, e a súa consolidación grazas ao apoio dun PP, o de Feijoo “o moderado”, incapaz de seguir a liña argumental de Pablo Casado exposta dun xeito nidio na súa intervención con motivo da moción de censura presentada por Abascal, contra o goberno de coalición presidido por Pedro Sánchez no mes de outubro de 2020.

Este PP de Feijoo acepta como propias as tesis dos neofranquistas e os sitúa con forza e poder nas institucións, esquecendo o devandito discurso no que o PP lle dixo entre outras cousas a VOX e Abascal, “Cuanto peor para España, mejor para usted”, “Piensa usted que los españoles desde las manos de Sánchez se van a arrojar a las suyas?” y continuou “Usted solo ofrece fractura, derrotas y enfados y lo que es peor, ofrece a la izquierda una garantía de victoria perpétua” e baixando ao nivel persoal lle espetou a Abascal, “esta moción no la hace contra el Gobierno, sino contra el partido que le ha dado trabajo durante 15 años”, e chegou case ao final do seu discurso a dicir “Se trata de decidir, VOX o España” e xa ao final dúas perlas máis “Los españoles no van a entregarse a la ruptura que usted ofrece” e “No podemos aceptar un proyecto de ruptura”.

Polo que estamos presenciando estes días, os cambios introducidos por Feijoo e a súa dirección nas posicións do PP son moi fondas, de carácter estratéxico e presentan unha creba moi importante no seu programa, pois non hai que esquecer algo que sinalaba un periodista  hai uns días citando a Ludwig Wittgenstein, “El pensamiento es lenguaje” y Feijoo e o seu PP cando acepta asinar os programas que están a asinar con VOX, onde as políticas de igualdade se converten en “políticas de familia”, a violencia de xénero en “violencia intrafamiliar”, onde non se fala do cambio climático e como combatilo, pois VOX nega que este cambia se produza, nin da emigración e se consideran que é un problema, que facer? e esconden elementos importantes cos que VOX da a “matraca” cando fala, por exemplo a idea de poñer termo ás autonomías como a constitución as concibe, ou quitar dereitos a sectores como os LGTBI e os ataques constantes contra o movemento feminista.

Acepta o PP a idea que expresa VOX constantemente de acusar ao Goberno actual dunha política calculada que acubilla a súa política de emigración, de querer substituír a nosa cultura, relixión e lingua castelá pola cultura do islam?. Unida a esta idea atópase o cambio da política de igualdade por política de familia; xa non se trata de loitar pola igualdade muller-home, do que se trata e de volver a antiga política de familia franquista, onde a muller quedábase na casa coidando do maior número de fillos posibles, agora co obxectivo de que os emigrantes doutras razas relixións e cultura, non sexan nun horizonte de “x” anos, máis numerosos que os brancos, católicos e castellano falantes. E esa tese o PP a asume cando está aceptar a modificación das institucións de igualdade, como xa están facendo en moitos Concellos e algunha C.A., por “concellerías de familia”.

Se o PP no seu conxunto non hai moito tempo aplaudía con grande entusiasmo o discurso de Pablo Casado, marcando distancias con VOX e contra VOX e o seu candidato, a quen acusaba de ostentar un “proxecto de ruptura”, é de supoñer de carácter anticonstitucional, quen modificou o seu programa?. VOX, non; o PP, que polo afán de chegar Feijoo á Moncloa fai “taboa rasa” de todos os seus contidos programáticos e préstase e xustifica calquera manobra interna, e acepta ata chegar, eles que son un partido presidencialista e fortemente centralista, as posicións federalistas cando xustifica o pacto da Comunidade Valenciana con VOX ao polo de agora non pacto en Extremadura, decindo que as Comunidades Autónomas teñen liberdade dentro dos seus territorios, etc, etc. NON, iso non o din os estatutos do partido e non foi a práctica cotiá.

Ou invéntase para explicar os seus pactos con VOX, uns hilarantes tantos por centos de votos, para admitir aos representantes do neofranquismo nas institucións e para eles aceptar o programa dos mesmos. Todo isto amosa como Feijoo en Madrid, dende a sé de Xénova é incapaz de dirixilo partido, e coñece que como non gañe e consiga os votos necesarios para gobernar vai ser substituído tarde ou menos tarde da presidencia; pódese perder nunhas eleccións, pero ata nesas circunstancias hai que facelo con intelixencia política, dignidade e coherencia programática; todo o contrario do que fai Feijoo; nestes meses ten amosado que políticamente é un inepto, xa o tiña amosado en Galicia durante moitos anos, non ten un programa nin coherente para sacar ao país da banca rota na que di que o goberno de coalición o meteu, aínda que os dados macroeconómicos digan o contrario, nin adaptado as necesidades que a verdadeira realidade económica e social actual, precisa. Alguén coñece o programa económico do PP como non sexan unha balbuceante queda dos impostos?.

E os seus “compañeiros de viaxe”, os de VOX, póñenlle as cousas o máis difícil que poden, e Feijoo traga todo con tal de non enfadarlles, aceptando o nomeamento para presidi-los parlamentos de Valencia, Aragón e Illas Balears de personaxes cunhas ideas manifestadas nestes anos, que estarían moi á dereita de Forza Nova. De onde sacou VOX a esta xente?. Como pode haber un pensamento tan fora deste mundo. O PP non foi capaz de negociar outras persoas para estes postos tan relevantes?. Estes tres novos presidentes de parlamentos autonómicos de VOX, únense ao que xa tiñan en Castela-León.

A consolidación ou non de Sumar.

Outro elemento que debe ser importante para despois das eleccións do día 23, é apreciar se a consolidación do movemento SUMAR encabezado por Iolanda Díaz foi posible no cativo tránsito entre as dúas xornadas electorais, compoñente necesario para repetir o goberno progresista-reformista destes últimos anos, aínda que reformas estruturais foron poucas.

Non me parece que comezar con vetos sexa o mellor xeito de comeza-la andaina, aínda que a posición do Psoe ao respecto sexa clara e á promotora lle veña moi ben a desaparición das listas electorais de Irene Montero. 

Pero un movemento deste tipo formado por agregación, sen que exista para a sociedade, e de supoñer que senón se fai público é pola razón de que non existe, o programa-argamasa que una todo o que se agrupa, xere certa desconfianza pois parece que non se xuntan para facer unha proposta á sociedade que solucione os problemas que unha parte importante da mesma sofre, senón que ten como obxectivo acadar postos nas próximas eleccións, que doutro xeito non se acadarían.

Hai unha realidade que parece que o goberno de coalición non foi consciente da mesma. Que a macroeconomía pode marchar medianamente ben, pero se isto non se traduce en melloras nos fogares, por moitas subas do salario mínimo, das pensións, modificacións nos tipos de contrato de traballo, etc; nos atopamos con que a xente o está a pasar mal coa suba da inflación subxacente e das hipotecas como resultado da suba dos tipos de interese,  que anulan as medidas positivas acordadas con anterioridade polo goberno de coalición. Inflación que é facíl botarlle a culpa á guerra en Ucraína e a suba do petróleo ao finalizar o subministro do mesmo dende Rusia, pero tamén haberá que pensar que é resultado da política dos bancos centrais durante a pandemia, dándolle á máquina dos cartos dun xeito desmedido cando a produción de riqueza estaba sufrindo unha parálise. 

Agora coa campaña electoral a poucos días, non hai tempo para unha explicación, quizais por non ter reflexionado o suficiente sobre como marchaba a realidade económica das familias, nin medidas claras para corrixila, que non houbera acontecido se iniciarase o proceso pola elaboración do PROGRAMA, en definitiva, das medidas para resolver estes problemas que afectan a unha parte moi importante da sociedade, e si esa reflexión deixase para o final e se fai precipitadamente nos poucos días de precampaña e os 15 da campaña, pódense atopar con algo moi normal na xente do común, e que reflicten as enquisas, sobre todo en intres nos que a dereita ten gañada a batalla ideolóxica, a tendencia a ver si con outros partidos no goberno, traen solucións para  os problemas que padecen.

Por outra banda, tampouco axuda para captar sectores da esquerda, que levan moitos anos desmobilizados a nivel electoral, que podían ir votar tapándose o nariz o día 23, o personalismo do proxecto. A esquerda quere proxectos máis corais, baseados nun programa, e por moito que os medios de comunicación tenten vendernos, os que son contrarios ao goberno de coalición a este como un goberno social-comunista e os que son partidarios das medidas progresistas do mesmo, como un goberno de esquerdas puro e duro, as xentes verdadeiramente de esquerdas non se deixan enganar e posiblemente fiquen na casa o día da votación.


O BNG na próxima contenda electoral.

Hai dous temas que poden quitarlle votos de cara ao próximo día 23 e non acada-lo obxectivo establecido de obter un grupo parlamentar; nas municipais fun ao acto electoral no que interviña Ana Pontón para escoitar, sendo a máxima dirixente da organización, o que pensa o BNG sobre a actual situación marco na que Galicia vive. Fiquei sorprendido, pareceume que o BNG atópase ao marxe da complexidade que está a vivir a poboación do planeta e a de Galicia: nova dinámica de bloques nun proceso de retroceso da potencia que dende 1945 dominou, os USA, con toda a complexidade e riscos que isto trae consigo, proceso de desdolarización das relacións comerciais, unha nova potencia hexemónica, China, en moitos espazos onde antes o eran os USA; guerra nas fronteiras de Europa despois da guerra civil en Ucraína e como consecuencia a intervención rusa no Donbass; novo pulo ás políticas reformistas en América Latina; avance dos BRICS; avance en Europa da dereita máis extrema, neofascistas e neonazis en determinados lugares; unha UE sipaia da política dos USA, aínda en contra dos intereses da poboación, nun intento de evitar por parte dos segundos de perde-lo dominio sobre eurasia; hai posibilidades de nova recesión, Alemaña o motor europea atópase mergullada nela; cambios na política española no Sahara e intervención directa no Sahel; avance do neofranquismo no estado, etc. De nada de iso se fixo comentario algún; como non vai avanzar o neofranquismo senón se lle explica á xente o que está a pasar? VOX quere poñer termo ás autonomías, o idioma galego pasa por intres perigosos, dende os Concellos hai que defendelo. Estaré trabucado, pero non me pareceu unha boa intervención; unha intervención fora da realidade.

E o segundo aspecto é o dos pactos constantes co PSOE; o BNG aparece demasiado ligado a ese partido e nas eleccións xerais esta posición pódese pagar: o que se atopa en xogo é un goberno PSOE- SUMAR, cos aliados para o voto de investidura necesarios, ou un goberno PP-VOX e nesas circunstancias penso que unha parte do electorado do BNG que non está fidelizado, pode fuxir.


En Galicia no mes de xuño de 2023.


No hay comentarios:

Publicar un comentario