A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 6 de julio de 2023

ELECCIÓNS ANTICIPADAS


Roberto Laxe

Un novo goberno no marco dumha guerra non declarada

O balance das eleccións poden resumirse en poucas palabras, é o fracaso da “nova política” para cambiar algo mais que non fose algumhas leis. O PSOE perde votos, si, mas o factor decisivo foi o declive no entorno dos votantes da esquerda que acreditaron no “si, se pode” e resultou que desde as institucións non se pode.

O retroceso do PSOE é froito fundamentalmente das súas contradicións, pois a campaña da direita extrema polos seus pactos con Bildu e ERC pesan, e moito, en zonas como Madrid, Castela A Mancha ou Andalucia (acaso non lembramos o “aporeles” do 1 O do 2017?). O PSOE é parte do rexime do 78, e pactar con estas forzas é obvio que se a direita sabe utilizalo, faille moito dano.

Embora, o fondo dos resultados electorais non é o recambio nas CCAA ou nos concellos, onde a política ven marcada pola do Estado e a Unión Europea, cuns marxes de manobra moi limitados, sino polas perspectivas dun futuro que todo o mundo recoñece como incerto e complexo, baixo o manto dumha guerra non declarada entre a OTAN e Rusia (e China?).

Foi o proprio Sanchez, na rolda prensa feita tras a sua reunión co primeiro ministro sueco (pais recentemente incorporado á OTAN), quen marcou as chaves das eleccións: “veñen anos complexos, coa guerra e os retos para o futuro”, e os cidadáns teñen que decidir “que proxecto do pais queren”, pois é obvio que os resultado actuais deslexitimaron dalgún xeito o seu proxecto.

Que partillan e que lles diferencia

Unhas eleccións que teñen un cheiro á plebiscitarias, entre dous “proxectos de pais”, é importante clarificar cales son as cousas que unen a direita progresista (o PSOE), e a direita extrema (PP); da extrema direita xa non falamos, porque eles “son doutro mundo”, o do 39/78.

O PP anuncia que vai rematar co que eles chaman “sanchismo”, numha sorte de campaña publicitaria de goebbelsiana, personalizando a politica para poñerlle umha diana e poder insultar sen nengun escrupulo, dirixindose ás tripas da poboación e non o seu raciocinio.

Queren derrogar a Lei Trans, a lei do “si é si”, a lei de Memoria Democrática, e reformar ás das pensións, no que fai á ligazón ao IPC, e a reforma laboral -suponse que tentan voltar aos 6 millóns de parados de Rajoy, para que estes premen á baixa os salarios-. Esto é o que, basicamente, diferencia o PSOE e os seus aliados.

Tamen diferencia-lles, e isto é o que explica a virulencia da maioría do capital español contra este goberno, onde van dirixidos os Fondos Next Generation. Para o PP, ligado como ningún outro partido, ao tixolo e á especulación co chan e a vivenda, estes fondos non teñen que ir a novas industrias e sectores do I+D, senon a financiar, de novo e como sempre desde os anos 60 no Estado Español, a construción e o turismo.

A direita extrema española, maioritaria desde sempre entre a patronal, traballa coa máxima de Unamuno, “que inventen eles”; para superexplotar aos traballadores e traballadoras da construción, hostalaría e servizos non precisan dos fondos europeos; estes irían aos seus petos e os dos seus amigos do Palco do Bernabeu, como fixeron sempre (a Gurtel!)

Para o PSOE e os restos da “nova política”, o “proxecto de pais” é utilizar eses fondos para “modernizar” a estrutura económica do estado español, sen tocar a sua esencia capitalista. Queren facer do Estado Español un “pais” europeizado, homologable á resto da Europa Central e do Norte, sacándoo do século XIX.

O que lles une; pois as institucións que determinan a política do estado, un, a Unión Europea e as súas medidas baseadas no Tratado de Maastricht; dous, o Réxime do 78 e a sua estrutura profundamente centralista ao redor do capital instalado na capital; tres, o marco dumha guerra non declarada que está determinando todas as medidas económicas: mentres a OTAN aproba o aumento dos gastos militares cun mínimo do 2% do PIB, a Unión Europea retoma os limites do gasto publico no 3%. Non fai falla ser moi listo para decatarse de onde van saír os recortes.

E o que lles une con mais forza é que ningún deles quere tocar a raíz dos problemas, un capitalismo en decadencia e a explotación da clase obreira. A diferencia entre eles, que foi un dos motivos do fracaso nas eleccións da “nova política”, é que nas circunstancias actuais non abonda con “mellorar” un pouco as condicións de vida e traballo; ou mudan de raíz ou o empobrecemento social é imparable.

A direita extrema ten claro, moi claro, o seu discurso: leña o mono que é de goma. Pola contra, a dereita progresista e a “nova política” están atrapados na contradición entre un sistema que precisa de aumentar a explotación para elevar a taxa de ganancia que permita un novo proceso de acumulación de capital para devolver os Fondos Next Generation (ninguén regala nada), e as suas intencións de facelo “mellorando” un pouco as condicións da poboación traballadora.

O social e o político

O goberno PSOE UP confiaba nuns bos resultados a cabalo da situación da economía, da baixada da inflación e do desemprego, con plans de desenvolvemento e reconversión industrial financiados polos Fondos Europeos “next generation”. A economía ía ben, e perderon as eleccións... A pregunta obvia é o porqué a xente non votou?

Existe unha tendencia na esquerda a separar dunha maneira artificial as cuestións sociais das políticas, establecendo unha contraposición entre elas, entre as reivindicacións particulares dos sectores sociais e as diferentes saídas políticas. A contradición entre ambas a resolven utilizando unha frase xa criticada por Lenin no Que facer?: a xente non está preocupada polos aspectos políticos (réxime, soberanía, goberno, liberdades), dinnos, senón polo que aperta no pé, as chamadas «cuestións sociais». As cuestións políticas son cousas das vangardas, dos partidos, e a xente traballadora só se mobilizará polas sociais.

Se o discurso fica atado ao social nunca enfrontaranse os nós políticos que impiden a resolución das necesidades sociais. Dar o salto do social ao político, é entender que esas necesidades sociais chocan de fronte coa forma política que teñen os poderosos de organizar a explotación e a opresión (os réximes e os estados), e que sen loitar contra elas só é facer de «xestores» honestos do sistema.

Esta foi, por certo, a causa da dimisión de Pablo Iglesias e a sua substitución por Iolanda Díaz. Iglesias con todas as súas limitacións, tendía a falar en termos políticos cuestionando o consenso ao redor do liderado do PSOE, mentres que Iolanda Diaz limitáse a pactar cos sindicatos e patronal, escapando como da peste de declaracións políticas.

Despois da pandemia, a evidencia do cambio climático e especialmente no cadro da guerra non declarada entre Rusia e a OTAN que ameaza cum conflito de grandes proporcións, a política púxose no centro do debate. O problema xa non é o presente, mellorar hoxe os salarios ou as pensións, senon dar certeza que que futuro se lle ofrece á poboación traballadora e, no concreto, á xuventude. E isto so pódese facer desde a política, desde os proxectos políticos. Como se din mais arriba, a direita extrema ten claro o seu proxecto sintetizado no “leña o mono que é de goma”; mas, cal é o do PSOE e, sobre todo o da “nova política”.

A “nova política” morreu, viva umha política nova!

A chamada “nova política” que xurdiu baixo a palabra de orde de rematar coa “vella política”, cargando contra aqueles que tiñan umha “mochila moi pesada”, referíndose expresamente as correntes ligadas ao marxismo e á loita polo socialismo, escribiu a sua sentenza de morte cando levou a pantano das eleccións toda a forza transformadora que tiña o 15M e as Marchas da Dignidade.

Sentenciaron-se cando rexeitaron falar dos “grandes relatos”, novamente cargando as tintas no marxismo e o socialismo, e asumiron como proprio, sen dicilo, a mensaxe do capital tras a queda do Muro de Berlin que chegara o “fin da historia”. A desaparición dos “grandes relatos”, levounos a admitir como bos os limites da sociedade burguesa, e o máximo que había que facer era “radicalizar a democracia”; o que traducido á linguaxe político español é “forzar ao PSOE a xirar cara a esquerda”.

A entrada no goberno de coalición non era máis que o camiño lóxico desta deriva institucional, que, por certo, foi anticipada pola IU de Llamazares canto se impón na VI asemblea á Plataforma de Esquerdas (orixe de Corrente Vermella). O debate naquela asemblea foi claro: ou co PSOE, para que xire á esquerda, ou romper co PSOE pois é parte do problema. Podemos so fixo posible o que a IU saída daquela asemblea aprobara, entrar no goberno co PSOE.

Mas, o mais grave foi que o fixeron apropiandose da forza social do 15 M e as Marchas da Dignidade, que berraran nas rúas “chaman-lle democracia e non o é”, ou “non nos representan”. Traizoaron este contido rupturista, e actualmente están pagando a sua traizón e levándose por diante as esperanzas de milleiros de activistas que acreditaron no falso “si se pode” pola vía electoral.

O goberno que xurda das eleccións, sexa a cor que teña, terá que xestionar a crise do capitalismo; é tan fonda que é preciso levantar “grandes relatos” que den perspectiva de futuro as centenas e milleiros de loitas obreiras e populares no Estado Español e na Europa en guerra. Agora toca recoller os pedazos da desfeita, aprender dos erros e a partir dun debate político franco e aberto, sen limitacións, construír un verdadeiro programa de ruptura co réxime, a UE e o capitalismo

Galiza, xullo 2023


No hay comentarios:

Publicar un comentario