A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 27 de julio de 2023

ALGUNHAS IDEAS TRAS AS ELECCIÓNS


Roberto Laxe

A primeira cuestión que resalta é que o “plebiscito” que eran estas eleccións, entre “o involucionismo” e o “progreso” como o marcaban o tándem PSOE – SUMAR, ou entre o “sanchismo e España” como facía o PP e Vox, resultou claro: a poboación apostou claramente polo segundo.

É obvio que o “partido de dúas cabezas” coas raíces nas entrañas do réxime (o poder xudicial, a policía e o exercito) non pode formar goberno baixo ningún concepto; as forzas nacionalistas que teñen a chave non os queren nin en pintura. So o tándem “progresista” pode facelo, pois é a “cara amable” do réxime.

A “cara de can” dos outros asusta ate na Unión Europea, pois significaría sumar inestabilidade social á que xa sofren outros estados europeos como Franza; e hoxe, en plena guerra pola hexemonía mundial coa cadea imperialista chino rusa, o que menos queren é “guerra social interna” como a que vive dun xeito latente Franza e os EEUU.

A burguesia española prefire un acordo de “gran coalición”, sexa a variante que sexa, con pactos de estado nos temas fundamentais, porque entre eles no é posíbel un goberno conxunto. Mas isto é o quen ten a democracia asi sexa vixiada como a española, a cidadanía decidiu e teñen que aguantar, a incorporación Sumar e a sectores do nacionalismo.-

Non é o que lles gostaría, mas se iso é a cambio de paz social, como a que o estado español viviu estes anos, na relación entre “custes e beneficios” a patronal fai contas; premerán para que o novo goberno aplique a partir do ano que ven as medidas de “economía de guerra” que desde a Unión Europea están a preparar. De feito, desde xa anunciaron que a excepción no control do gasto público no 3% volve, despois da relaxación provocada pola pandemia. A pandemia é pasado, e agora volven os tempos dos recortes.

A isto é o que temos que nos preparar. Unha idea polo camiño. Se é certo como din o tándem “Sanchez-Diaz”, que a alternativa era ou “involución” ou “progreso”, porque, agora, tras as eleccións, non desenvolven un programa atacar as raíces institucionais da “involución”, derrogando toda a lexislación neo franquista como a Lei Mordaza, e depurando as institucións que lles dan acubillo como o poder xudicial? Sería un bo momento para avanzar na ruptura co neofranquismo involucionista do réxime do 78 coa convocatoria dumha asemblea constituínte que dea forma a un estado federal republicano, recoñecendo o direito das nazóns a decidir o seu futuro.

Porque o BNG non acada un grupo parlamentar?

Certo é que a lexislación electoral española está deseñada para favorecer o “bipartidismo”; a lei d´Hont incumpre dun xeito flagrante o principio básico da democracia burguesa, “umha persoa un voto” ao facer que os chamados “restos”, que non son outra cousa que os votos a candidaturas que no acada o mínimo para facer parte no reparto de deputados, se sumen ás candidaturas que levan mais votos. Chegase, diste xeito, ao absurdo de que o voto dumha persoa da extrema (direita o esquerda) remata numha candidatura da que non quere nin ouvir falar.

Tamén é certo que a tan manida frase de Marx, a “ideoloxía dominante é a ideoloxía da clase dominante” manifestase no estado español co “españolismo” e o “nacional catolicismo”, que na sua versión “castiza” é o “madrileñismo” que sitúa á capital como o “embigo”, na “alfa e a omega” do Estado. “Madrid é España e España está en Madrid”, dixo a “filosofa” Diaz Ayuso. A burguesia española é ideoloxicamente “españolista” ate a medula e iso trasladase ás nacións a través dos medios e da propria economía.

No caso galego, a diferenza de Euskadi ou Catalunya, non existe umha burguesia con conciencia nacional; existe burguesía, más como “cola de león” que renuncia a seren “cabeza de rato”; esquecendo que a “cola do león” movese cando a sua cabeza o decide, e que a cabeza do rato ten a soberanía sobre todo o animal.

Sendo certo isto, tamén o é que o BNG, pola sua política de “xestión” dentro do réxime do 78 renunciando abertamente a poñer no centro a loita pola soberanía nacional como un feito político que o enfronte ás institucións do réxime, autolimitase para o crecemento da sua base social. De feito, o único momento no que o pobo galego estivo a piques de conseguir un grupo parlamentar proprio foi cando as Mareas, umha alianza entre forzas estatais e nacionais, obtiveron 6 deputados. O drama desta alianza é que facíase con sectores do vello “stalinismo” estatal ligado ao PCG, que nega o direito á autodeterminación da Galiza, e da nova política (Podemos), que tiñan como obxectivo pechar o ciclo de mobilizacións sociais antirexime aberto o 15 M e coas Marchas da Dignidade no 2014. A traizón era máis que previsible, e ANOVA foi a vítima propiciatoria.

Mas, disto pódese tirar umha outra conclusión: o BNG non acadará un grupo parlamentar proprio nin será hexemónico na Galiza ate que non rompa co seu proprio pasado. Doutra forma; os resultados das eleccións do pasado 23X poñen de manifesto que o BNG ten a sua base social no rural, mentres nas cidades é relativamente marxinal. Tanto na Coruña como Vigo ou Ferrol, onde concentrase o groso da clase obreira galega, Sumar superouno en votos. Sumar!, umha organización ligada á vello PCG e EU, que nunca pasaba dos 50 mil votos, agora supera ao BNG!.

Os resultados son moi significativos de onde ten o peso cada quen. Nas provincias atlánticas, mais urbanizadas, Sumar supera por 26 mil votos ao BNG, mentras que nas do interior, mais rurais, a relación é a contraria, BNG ten case 12 mil votos mais que Sumar.

Por cidades/areas metropolitanas, nas que concentrase a industria e a groso da clase obreira galega, A Coruña, Vigo, Ferrol, Compostela e Pontevedra, en todas elas Sumar ten mais votos que o BNG que van desde os 1200 na área de Compostela ate os 36 mil de Vigo, pasando polos 11 mil de A Coruña ou os 5.200 de Ferrol. Chama a atención que na cidade “estrela” do BNG, Pontevedra, este sexa a cuarta forza, detrás do PP, do PSOE e a 2000 votos de Sumar.

A vella contradición do “campo e a cidade”

Nos modos de produción pre capitalistas as cidades eran umha extensión do campo, de onde saía a riqueza da que se apropiaban os emperadores de quenda (o Inca, o Faraon ou como se chamara); na Idade Media as cidades eran o refuxio dos que fuxian dos saqueos das terras polos señores feudais. O capitalismo dalle a volta a esta relación, e convirte as cidades nos centros de poder, onde se acumula a xeración de riqueza. Fronte os fisiocratas que en consonancia co pasado pre capitalista, consideraban que a fonte de toda riqueza era a terra (e o mar), os burgueses extraen o seu capital que é a forma que baixo o capitalismo adopta a riqueza acumulada, da explotación da clase obreira a través da mais valia.

Os grandes centros de traballo, antes as grandes fábricas hoxe os “polígonos industrias”, que se desenvolven ao redor das cidades son os núcleos xeradores de riqueza que acumulase en cada vez menos mans. O téxtil galego é un exemplo moi clarificador desta concentración e centralización do capital.

Pola sua banda, o capital é unha relación social que destrúe todas aquelas relacións pre capitalistas, e as relacións no rural non ían escapar da sua cobiza, onde tamén aplícanse as leis do mercado que levan a concentración e centralización do capital. O aumento da produción de leite na Galiza, tendo en conta a desaparición de miles de explotacións gandeiras é o exemplo que a gandería non escapa das mesmas leis do capitalismo que xeraron a aparición de Inditex, asi, mentres no 2021 pecharon 319 explotacións, a produción incrementouse un 3.19%. O aumento da produtividade das explotacións que sobreviven provocan a expulsión de persoas do rural, menos mans producen mais.

A este proceso, que é consecuencia directa da revolución industrial do século XVIII e XIX en toda Europa, Galiza, pola sua condición de nazón oprimida e colonizada, chegou con séculos de atraso. Mesmo agora a proletarización da sociedade galega vai moi por detrás do resto do continente. A incapacidade histórica da burguesia galega dependente e intermediaria para xerar un ecosistema económico que absorbera o excedente de poboación do rural, fixo que as clases populares proletarizaranse en America e despois na Europa, coas sucesivas ondas migratorias.

Proletarización no capitalismo significa a ruptura dos lazos das persoas cos seus medios de produción para a subsistencia, sexa a terra ou o obradoiro artesán; sendo obrigados á vender a sua forza de traballo por un salario, do que depende toda a sua capacidade de supervivencia (vivenda, comida, vestido); a famosa frase de Marx de que “os proletarios só teñen a suas cadeas que perder”, que nunca tan certa é, aínda que hoxe tomen a forma de “hipoteca” cos bancos, ou prestamos para o coche. Un proletario definise porque sen salario non ten nada diso.

Pois ben, aínda que a tendencia dentro do capitalismo é a proletarización da sociedade, hoxe mesmo umha parte importante da clase obreira galega mantén vivas as relacións co campo, cada vez mais concibido como un lugar de lecer que como un lugar de traballo; mas os lazos aínda non están rotos.

O BNG, coa sua política de illamento respecto os procesos sociais urbanos (transporte colectivo e de vivenda, de prezos de consumo nos barrios, de inmigración crecente e marxinación social, etc.) e ollando para o pasado dun xeito nostálxico, está reproducindo a vella tese maoísta de “levar a revolución do campo á cidade” baixo a forma da “galeguización” das cidades. Un suposto pasado mellor que o presente que nunca existiu; as ondas migratorias na Galiza, na era moderna, comezaron no século XVIII, cando tras a destrución da industria do liño e de Sargadelos por imposición do estado español, o intendente Astrandi recomendaba a marcha á “provincia de Bos Aires”.

Este illamento social é palpable pola incapacidade que ten de traducir en influencia política nas zonas urbanas o peso que ten a CIG no movimento obreiro, onde é a primeira forza sindical. 80 mil filiados e filiadas, 4 000 delegados e delegadas non se traducen en influencia; como pódese comprobar nestas elecións, esta está nas mans do PSOE e das variantes da “nova política”.

Novamente, causalidade? Vai ser que non; a CIG como sindicato está posto ao servizo dun proxecto que non é o da clase obreira, senón da pequena burguesia inspirada por unha intelectualidade incapaz de romper co pasado “rural” da Galiza en todas as suas manifestacións políticas e culturais; cando hoxe, a Galiza actual, é unha sociedade urbana cun 70% da sua poboación activa sendo asalariada.

A independencia política da clase obreira

Non é un mal que afecto só á clase obreira galega, senón practicamente mundial; a clase obreira, é dicer, aquelas persoas do xénero, raza ou nazón que sexa que dependen do seu salario para sobreviver, constitúen o 70% da poboación activa mundial, na mesma proporción que na Galiza; e hoxe non teñen un proxecto político proprio que levante a sua alternativa social ó capitalismo en calquera das suas variantes, neoliberal o keynesiana.

Como aconteceu nestas eleccións, os traballadores e traballadoras galegas tiveron que escoller entre o neoliberalismo salvaxe dos Vox PP, o keynesianismo español, PSOE SUMAR, e o keynesianismo en galego do BNG. Non existía outra opción. Porque a diferenza entre o PSOE e o BNG non é de fondo, ambos partillan a defensa da propriedade privada dos medios de produción e distribución, como demonstran coa práctica da “colaboración publico privada” dos servizos públicos en concellos e Deputacións gobernadas por eles.

Á clase obreira non lle serve nin nin outro; mas, e porque a xente é moi práctica, postos a escoller o mesmo filme en dous cines diferentes, escollen o que é mais cómodo, o que ten mellor aire acondicionado, etc.

A clase obreira é, como dicia un xurista soviético, “portadora dun novo modo de produción”, pois coa abolición da propriedade privada dos medios de produción e distribución actúa como Alexandre O Magno diante do “nu gordiano”, non tenta desfacelo porque é imposible, senón que coa espada corta-o. E como non ten propriedade que defender, non se subroga como clase dominante como fixo a burguesia cando acabou co feudalismo, que respectou a propiedade privada, só que modificou as formas de explotación e o proprietario; do aristócrata ao burgués, do escravista ao comerciante.

A constitución dunha alternativa da clase obreira independente ten que ligar á explotación que sofren como asalariados e asalariados coas condicións políticas e sociais que o fan posible, e isto significa liga-lo á opresión nacional da Galiza como pobo.

A explotación da clase obreira galega ten condicións especificas consecuencia desta realidade. A primeira é a imposición dunhas políticas derivadas da división do traballo ao pobo galego, en colaboración activa da sua burguesía, e que traducense en ondas migratorias sistemáticas e recorrentes. Se Galiza tivera a poboación que lle correspondería, sen ondas migratorias, hoxe tería mais de 5 millóns de habitantes e moitos dos problemas que hoxe existen, desaparecerían. Serian outros ben diferentes.

A Galiza actual é urbana e asalariada, coas súas esixencias de masas semellantes ás de todos os lugares do mundo, como un transporte colectivo que mova centos de miles de persoas o dia (nas cidades galegas entran todos os días 800 mil coches, con Coruña e Vigo á cabeza) sen que isto supoña un roubo dos seus salarios pola obriga de ter un coche particular, cuns servizos públicos de verdade, non como fan todos ao convertelos en niños de negocio a través da “colaboración publico privada”, umhas políticas urbanísticas que respondan as necesidades de vivenda da clase traballadora, etc.

Esta é a realidade que hai que entender e responder para seren capaces de construír unha alternativa política que enfronte ás dúas opcións do capital, o neoliberalismo e o keynesianismo. Frente a “xestión” nos marcos dun réxime que establece os limites ao autogoberno, uns limites que nas condicións actuais só poden estreitarse cada vez mais, hai que poñer a política no posto de mando, e iso significa a loita polo direito a decidir o futuro como parte da loita contra a explotación e a opresión.

Ficar nos estreitos marxes do rexime do 78 convirte a calquera forza política nun “aliado” dos progresistas que só son a sua “cara amable”, e fai dela un freo para a resolución dos problemas cotiás da poboación e da clase traballadora.

Galiza, no mes de xullo do 2023


No hay comentarios:

Publicar un comentario