A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 2 de agosto de 2023

O 23 DE XULLO FREOUSE O AVANCE DA EXTREMA DEREITA. NADA MÁIS.

 Carlos Dafonte.

Dúas consideracións previa.

Quero iniciar este comentario sobre as eleccións xerais do 23 de xullo, deixando moi claro que a Constitución burguesa española establece que non somos unha democracia presidencialista, como algúns tentan esquecer para solicitar ser presidente do goberno por pertencer ao partido máis votado e con máis escanos no Congreso dos Deputados, como estes días esixe Feijoo e o seu partido. 

Cando convócannos a unhas eleccións xerais non se fai para elixir un presidente, o que temos que elixir é un Congreso dos Deputados e un Senado, onde haberá partidos con máis escanos e outros con menos, pero iso non indica moito.

A Constitución aprobada en 1978 establece que somos unha democracia parlamentaria e polo tanto é gañador das eleccións, o partido que sexa capaz de acadar o maior número de apoios no Congreso dos Deputados. Quen diga o contrario vai contra a Constitución e o fai tentando enganar ao electorado e por cuestións de comenencia persoal ou partidaria, afastándose do que establece a Constitución, situándose ao marxe dela e de feito revogando unha das prerrogativas do xefe do estado, que unha vez escoitados os representantes dos partidos encargará formar goberno a aquel partido que teña maiores apoios para saír vitorioso do trámite da investidura.

Por outra banda como comunista, que non renuncia ao que ten defendido sempre, e polo tanto que sigue a considerar que o suxeito revolucionario, o único capaz de levar adiante as reformas estruturais capaces de superar ao capitalismo e entrar nunha nova fase das relacións sociais de produción, é a clase traballadora, a clase obreira, penso que o goberno que vai saír despois de coñecidos os resultados, diante da posibilidade xa anunciada nas altas instancias de Bruxelas, da necesidade de volver a unha etapa de austeridade, repito que este posible goberno que se pode formar,  non vai ser quen de oporse as políticas que deseñe a oligarquía europea. 


Algunhas circunstancias que axudan a entender os resultados do proceso electoral.

A primeira, que en política, nunca se pode vender a “pel do oso antes de cazalo”. Un partido o PP, que aparecía como o futuro goberno en numerosas enquisas, sobre todo despois do éxito nas eleccións Autonómicas e Municipais de maio anterior, a noite do día 23, finalizado o escrutinio non tiña ningunha posibilidade de acceder á presidencia do Goberno. Nin despois de escrutados os votos chegados de fora que lle deron un deputado máis en detrimento do PSOE. 

Que aconteceu? Un partido como o PP, sen dirección política e polo tanto, incapaz de presentar diante da poboación un programa claro, como non sexa a perspectiva de chegar ao goberno pactando con VOX, nunha sociedade seudodemocrática como a española, a pesares das eivas que ten, onde aínda está moipresente o que representaba a ditadura, a posibilidade de que os neofranquistas de Vox formen parte do goberno, despois do coñecemento que se ten do que están comezando a facer nas institucións ás que tiveron acceso en maio deste ano, a sociedade co seu voto deixou claro que non quere neofranquistas no goberno central, fixéronlles perder 19 escanos e castiga ao partido, o PP, que lles axuda a formar parte de numerosas institucións, non permitindo  que acade os votos que as enquisas sinalaban. 

Feijoo que ten amosado nestes anos en Galicia a súa torpeza política e mala xestión, non foi quen de decatarse que o seu pacto con VOX, podíalle servir para acadar Concellos e Comunidades Autónomas pero impediríalle acadar o Goberno do Estado. E formulou as eleccións xerais, para afondar aínda máis as contradicións nas que veríase inmerso, como o enfrontamento entre dous bloques, reproducindo de novo o esprito “guerracivilistas”, dos que queren “derogar o sanchismo” e os outros, que con maior ou menor participación, fixeron posible as políticas máis reformistas levadas a cabo polo goberno de coalición. 

O PP e VOX contra todos os demais. Como acontece en Galicia aínda que con outros compoñentes, circunstancia na que se atopou cómodo durante moitos anos por contar, elemento que non acontece en Madrid, co apoio da maioría dos medios que crean opinión, que dun xeito ou outro ocultaron a súa torpeza persoal e a mala xestión levada a cabo.

Agora Feijoo, sen capacidade para desentrañar a situación na que el mesmo meteuse, pídelle ao Partido de Sánchez que se “derogue” asi mesmo e lle axude a chegar á Moncloa, converténdose nunha figura política patética, que non se sabe moi ben si causa nos que o observan, gañas de rir ou compasión.   

A segunda, é que dentro dos compoñentes do goberno de coalición, o PSOE cumpriu co papel que lle correspondía de capitalizar a política social e económica do que consideraban como o “goberno máis progresista” da democracia española; subiu en votos e en deputados. Pouco pero subiu, podemos dicir “mantivo o tipo”, pero SUMAR non.

Como no caso de Feijoo, Iolanda Díaz e o seu equipo non acertaron nas súas previsións e perderon deputados e varios centos de miles de votos con respecto aos acadados nas anteriores eleccións xerais cando a marca era Unidas Podemos, formada por Podemos, PCE e IU. 

Agora engadíndolle “Más Madrid” e “Compromís” como os grupos máis importantes, faise bo ese principio de que en política, 2+2 non é igual a 4; as veces son 6 e outras 3. O culto á personalidade, comezar a casa polo lousado, esquecendo do programa que debía ser a argamasa da “siglas de letras”  no que se converteu SUMAR e sobre todo o tratamento dado a Podemos no seo da coalición, non contribuíron a que aorganización liderada por Iolanda Díaz, cumprira coa parte que lle correspondía, subir un pouco ou manterse nos números acadados con anterioridade. As mostras desorbitadas de alegría os bicos e os abrazos da post campaña non poden ocultar a realidade, que a persoa que consideraban máis carismática do goberno de coalición, sufriu unha forte derrota e puxo en perigo a continuidade do goberno.

A terceira son os resultados das forzas nacionalistas, que fixeron un contributo moi importante as políticas sociais do goberno de coalición e agás EH Bildu, sufriron ou un parón na súa presenza institucional, caso do BNG  ou un retroceso cativo, PNV e JUNTS, aínda máis importante no caso de ERC.

Que aconteceu? Voto do medo a un goberno PP-VOX, sobre todo en Cataluña onde esta impresión concentrouse no voto útil ao PSOE que aparece como a forza máis votada con grande diferencia co segundo, facendo bo aquela afirmación de que o PP no goberno era unha “grande máquina de fabricar independentistas”; as negociacións que abriu o goberno de coalición cunha parte dos partidarios da independencia, ademais de outras como os indultos aos condenados, reconduciu un proceso que parecía craramente de creba.

En Cataluña, tanto os partidarios do diálogo como os contrarios, sufriron unha merma de apoios entre o seu pobo e, no caso das CUP's levounas a súa desaparición das Cortes.


Os resultados en Galicia.

Non creo que se poda facer unha traslación dos mesmos ás próximas eleccións autonómicas. Se así fora o BNG tería moi malos resultados e sabemos non vai ser así, que pode estar loitando por conseguir a presidencia da Xunta. 

Pero os datos electorais que analizou Roberto Laxe sobre voto nas cidades e centros máis urbanizados e a periferia dos mesmos indica, para algunhas organizacións onde deben afondar no seu traballo de cara ás eleccións autonómicas e o comportamento obxectivo dos electores nas pasadas.

Eu explico os malos resultados do BNG como o resultado dunha tendencia politico-ideolóxica que veño observando dende hai tempo. Como escribín no blog, atopámonos nunha situación moi complexa a nivel planetario. 

Novo enfrontamento entre bloques en todos os continentes, guerra aberta en Ucraína consecuencia das provocacións da OTAN a Rusia, avance de modificacións moi importantes  no clima,  necesidade de discutir o xeito de conseguir que non siga a avanzar o proxecto oligárquico de Europa, avance da dereita máis extrema en Europa e do neofranquismo no territorio do estado e o que vai significar para as nacións sen estado propio, pendente a reorganización do mesmo, pois o das autonomías considérase deu todo o que podía dar, polo tanto, proceso constituínte, etc.

Pois ben nesta complexidade, veño observando que o BNG non entra nas campañas electorais en ningún destes temas, nin en outros como non sexan os de xestión ou infraestruturas. Esquece que hai un amplo campo de xentes progresista e de esquerdas en Galicia, que votou a AGE, despois as Mareas, que necesitan para saír da abstención ou voto en branco que lle chegue a súa casa ou se lle entregue na rúa, como foi onde eu vivo, algo máis que propaganda que só fala de ser fortes para ser “conseguidores” en Madrid, de autovías, de camiños de ferro e un xulgado para a violencia de xénero. 

O BNG ten que situarse diante da complexidade planetaria e explicar cal é a súa posición no controvertido taboleiro mundial. O que está a facer válelle para dirixirse ao electorado fidel, pero non para máis. 

As eleccións autonómicas están a "volta da esquina" e o BNG debe ser o dinamizador fundamental, é a segunda forza no Parlamento galego, que permita poñer termo a este mal sono que son tantos anos de hexemonía do PP.


En Galicia no mes de agosto 2023.


  

No hay comentarios:

Publicar un comentario