Carlos Dafonte
Levo uns días recompilando datos de economistas e xornalistas norteamericanos para facerme unha idea de cal pode ser a saída da súa economía despois do baile de aranceis a que ten sometido Trump ao planeta. A realidade coa que me atopo é que todos eses aranceis por moito que diga Trump o contrario, quen os vai a pagar non é China ou Xapón ou Alemaña. Eses países non van pagar nada; cada vez que un empresario xaponés, chinés ou alemán, no caso de China a maioría das veces norteamericanos, queiran vender un produto en USA, terá que pagar o arancel que inmediatamente repercutirá unha parte no prezo do produto, é dicir que os consumidores norteamericanos van pagar máis polo mesmo, nunha situación das súas economías con débedas por todos os lados, da tarxeta de crédito, pola falta de pagamento do coche ou da hipoteca pola casa. Economistas como Wolf e Hudson e algún xornalista alternativo é o que destacan cando falan do seu país, que a unha parte importante están a bloquearlles as tarxetas, quítanlles os coches e as casas e crece como non podía ser doutro xeito, o enfado contra o seu presidente que hai poucos meses recibiu un apoio moi importante. Tamén pódese destacar que o Partido Republicano, sempre loitando contra dos impostos, agora por medio dos aranceis os impón ao pobo norteamericano.