A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 7 de agosto de 2025

A UNIÓN EUROPEA RÉNDESE SEN LOITA ÁS PROPOSTAS ECONÓMICAS DE TRUMP

Carlos Dafonte.


Cando Trump hai pouco tempo afirmou que coas súas propostas arancelarias conseguiría “que todos os países farían cola para bicarlle o cu”, tiña algunha razón, pois agás os BRICS que opuxéronse as súas propostas e buscaron novos mercados para os seus produtos, outros si o fixeron, os últimos en facelo os representantes da UE, en cuxa delegación presidida pola da Comisión, Úrsula von der Leyen,  tamén formaban parte ata o que coñezo, o “socialista” portugués Antonio Costa presidente do “Consello Europeo”, a responsable das relacións internacionais, Kaja Kallas, a que ostenta como únicos atributos para o cargo, a sumisión a Von der Leyen e ser unha belicosa que con reiteración, quizais pola súa ineptitude,  fala da necesidade de ir a unha confrontación militar con Rusia, e o Comisario de Comercio Maros Sefcovic


Este acordo é legal? Serve para algo? Entrei na páxina da Comisión Europea e o párrafo final di que “o acordo político do 27 de xullo de 2025 non é xuridicamente vinculante”, pero de celebrarse a xuntanza e chegar a acordos aínda que non sexa vinculante tentarán por todos os medios que sexa aprobado coas máis cativas modificacións. Por outra banda Tom Kucharz no análise do mesmo que fai na revista “El Salto”, engade: “Que a Comisión Europea carece de mandato formal para negociar en nome dos 27 estados membros como obriga o artigo 207 do Tratado de Funcionamento da UE”. De ser certo que razóns aducen os estados membros para permitir a xuntanza e un acordo ilegal?


Por non ter non tiveron nin a dignidade de celebrar a xuntanza, nun lugar da UE; aceptaron ser recibidos nun campo de golf do que Trump é propietario, nas Illas Británicas. Pero despois de escoitar ao secretario xeneral da OTAN chamarlle “papi” ao presidente dos USA, calquera cousa era posible. E neste caso os USA conseguiron todo o que querían e os europeos foron incapaces de plantarlle cara. E cartas tiñan como explicarei máis adiante.


Quizais as razóns sexan que nos últimos anos Unión Europea e OTAN son a mesma cousa, cando non debía selo; pero Von der Leyen que fai o que lle peta dende a presidencia da Comisión sen que ninguén dos 27 lle poña atrancos, agás os húngaros e algún outro que inmediatamente se lles descualifica chamándolles “pro Putin” e xa se sabe, “Putin é o novo Hitler”, ten como obxectivo iniciar unha nova “guerra fría” contra Rusia, idea descavillada que leva ao seu país, Alemaña, cara a recesión e a desindustrialización, pero pensan, o único xeito de manter aos USA en Europa.


Xa aceptado subir o gasto militar ao 5% do PIB, agora esixen os USA comprarlle armamento por un valor de 760.000 millóns de dólares, facer inversións no seu territorio por unha cifra parecida, é dicir trasladar empresas europeas a territorio estadounidense, e mercarlle gas licuado a un prezo cinco veces maior do que subministraba Rusia, cando nin os portos están preparados para recibilo.


Este acordo que hai que traducir a un papel, polo de agora é só verbal, algúns que o analizaron consideran que no caso de que a maioría dos 27 países que configuran a UE o acepten, debe ser aceptado por todos os demais, saca a relucir importantes contradicións como a de que Alemaña vai construír unha potente industria militar, cando por outra banda debemos mercar armas aos USA. Paréceme imposible que unha Alemaña ao borde da recesión económica, poda facer as dúas cousas.


Con este acordo, como indiquei, tomado dun xeito antidemocrático, vinculámonos a un cada vez máis escuálido mercado estadounidense, que como xa indiquei nun artigo recente, unha parte dos consumidores norteamericanos atópase en plena crise, quitándolles casas e coches por falla de pagos de hipotecas, enorme morosidade no pago dos gastos con tarxetas que se están a anular, mentres o mercado asiático atópase en plena expansión. Polo tanto dicirlle a Trump a realidade do seu mercado, que xa non ocupa o lugar central no planeta, como acontecía en tempos, e de persistir nas súas propostas orientarían as  europeas cara a outros mercados moito máis dinámicos que o norteamericano, sería un xeito de negociar baseado no interese nacional, neste caso da UE e non en escuros intereses.


Von der Leyen saíu da xuntanza con Trump dicindo que apostaran pola “estabilidade e a fiabilidade”, é estúpida ou non coñece a Trump?. Ningún acordo acadado é estable e non é unha persoa na que podamos confiar. 


Para mostra o acordo cos xaponeses de hai dúas semanas. Aseguroulles que os seus automóbiles cun arancel do 15 % faríase co mercado norteamericano, pois os europeos non poderían competir cun do 30 %; fiáronse das verbas de Trump,  agora os vehículos europeos segundo o acordado hai uns días,  tamén o van ter do 15 %.


Os USA e Trump van seguir perdendo o tempo cos europeos que se senten ameazados por unha posible invasión de Rusia?. Os dirixentes europeos quizais aínda non entenderon, pero os USA si o saben, que a guerra nestes tempos non significa 30 millóns de forzas de infantería rusas entrando por Europa; a guerra de producirse será a base de mísiles, drones, etc e todo o armamento moderno que desprégase en Ucraína. Os estadounidenses queren ter as mans ceibes para dedicarse a China parar ao seu principal inimigo que lle disputa a hexemonía en colaboración cos BRICS, polo tanto poñer fin ao conflito no leste de Europa é prioritario, aínda que os europeos non rusos, persistan en mantelo vivo.


As forzas de esquerda xunto ás progresistas que queiran oporse, debe organizar a loita contra este proxecto de tratado que de saír adiante, vai recortas dereitos sociais e orzamentos en servizos moi importantes; @s traballador@s, a pesares das dificultades obxectiva, non deben permanecer indiferentes diante deste ataque as súas condicións de vida e o futuro das próximas xeracións. Non hai moitos anos, cando Obama era presidente, a presión popular, a mobilización dos traballadores europeos conseguiu paralizar o “Tratado Trasatlantico de Comercio e Investimentos” negociado entre a UE e os USA. A mobilización é o camiño.


En Galicia no mes de agosto 2025.


lunes, 4 de agosto de 2025

O CASO MONTORO: ASÍ FUNCIONA O CAPITALISMO


Eusebio López

Foi von Bismarck o que dixo “as leis, como as salchichas, deixan de inspirar respecto a medida que sabes como están feitas”; o caso Montoro é a perfecta manifestación desta sabia afirmación.


Tamén é a diferenza entre un caso de crise sistémica, "como se fan as leis", e un de corrupción, como foron os innumeros casos do PP na época de Aznar e M.Rajoy, ou os máis recentes de Koldo e cía.


O equipo de Montoro era un lobby, como os que están legalizados na UE ou os EEUU, e que en Galiza se chaman "cluster"; que non son máis que organizacións sectoriais da patronal para presionar, comprar e forzar leis nos parlamentos. Como no Estado Español non están legalizados os lobbys, as consultorías, despachos de avogados e demais negocios cumpren ese papel.


O caso Montoro é o capitalismo na súa esencia: as leis son ferramentas políticas para favorecer os negocios da burguesía xa sexa a través do acceso a subvencións, a exencións fiscais, etc. Quen non lembra ao empresario catalán da Escopeta Nacional de Berlanga, pagando a unha aristócrata madrileña arruinada para organizar unha cazaría que lle permita ter acceso ao ministro do ramo. Buscaba unha lei que obrigase a todas as novas construcións a que instalasen porteiros electrónicos, que el fabricaba.


Por favor, non poñamos cara de sorpresa hipócrita, como o comisario Renault de Casabranca, cando di "descubrimos que aquí se xoga".


O capitalismo é a corrupción legalizada desde a explotación da clase traballadora, á que se lle paga en salarios menos do que o produce co seu traballo, e esa diferenza aprópiallo o capitalista. Corrupción hipócrita, porque cando leva á contabilidade, os salarios constan como "gastos", non como o que son, o pago dunha parte da riqueza xerada polo traballo.


Sobre esta corrupción constrúese a competencia intercapitalista á que os seres humanos en forma de burgueses, os propietarios ou xestores do capital, van como o home de Hobbes, como un "lobo para o home".


E aquí aplícase a maxima de que "no amor e a guerra, todo vale". En amor, mellor non; pero na guerra incruenta que é a competencia inter capitalista en situación normal, "todo vale". E Montoro, co seu equipo, fixérono válido.


Pero como dixese Fraga no seu momento, "Spain is different". A estrutura económica española intocada desde o Plan de Estabilización dos 50, con tres patas sobre as que se apoia, a construción de infraestruturas e vivendas, o turismo e o investimento estranxeiro, favorece, e de que maneira, "o todo vale" de Montoro.


A diferenza da industria manufacturera, téxtil, quimicas, naval, ou o comercio e os servizos, que se conforman" con leis laborais que lles permitan a superexplotación da clase traballadora (coidado, aquí tamén hai lobbys; lembremos que nos anos 90 dicíase que as leis laborais redactábanse en Hermosillla, rúa de Madrid onde ten a súa sede O Corte Inglés), para as grandes construtoras, eléctricas e demais, os Orzamentos Xerais son a súa fonte de alimentación.


Non viven da venda no mercado dos seus produtos, senón das concesións e os plans do estado en obras (AVE, pantanos, concesións eolicas, centrais electricas, etc.). Sen eles, non son nada. Montoro e o seu equipo, como tantos outros que de seguro poboan as oficinas de Madrid atoparon as minas do Rei Salomon co seu papel de "lobbys" extraoficiais, de intermediación entre o Parlamento e os seus clientes.


Xorde unha pregunta obvia, cal é a solución?.


Para a maioría dos sectores do progresismo (da extrema dereita non digo nada, porque non lles importa; eles son os "montoros") pasa por legalizar os lobbys, o seu marco de actuación, a imaxe e semejanda de democracias "avanzadas" como os EEUU ou a UE, onde xa o están.


Isto non sería máis que legalizar a corrupción e non acabaría co problema, a esencia do estado capitalista: ser o comité central e xestor dos intereses do capitalismo.


Aínda que é de dubidar que o manden ao cárcere porque con facer como o seu exjefe de goberno M. Rajoy, con pasar a chamarse C.Montoro chegaríalle para que a UCO, a CIA, o MI6 ou o CNI perdénlle a pista, o certo é que o saqueo das contas do estado (ou sexa, o diñeiro de toda a sociedade) polos corruptores, as leis aprobadas e os beneficios obtidos polos "conseguidores", seguirán aí.


Por iso, ou se vai á raiz do problema, ou non imos asistir máis que a un paripé seudemocrático e seudo transparente.


A primeira medida sería a de derrogar todas as leis aprobadas nesas condicións, a segunda, a devolución do diñeiro, non só o que Montoro e os seus levaron, senón os beneficios que as empresas obtiveron pola aplicación desas leis.


Por último, para que non se volvan a producir casos como este, acabar coa propiedade privada dos medios de produción, distribución e financeiros, lembremos que a banca española foi rescatada con máis de 60 mil millóns, en leis aprobadas polo equipo de M.Rajoy/Montoro; quen non nos di que tamén eles pagaron?, expropiandolos, e pondo toda a súa capacidade procutiva e financeira ao servizo da resolución das necesidades sociais.


Di o refrán, "morto o can, acabouse a rabia"; acabemos cos corruptores e veremos que rapidamente se acaba coa corrupción.

En Galiza no mes de xullo 2025