A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 7 de agosto de 2025

A UNIÓN EUROPEA RÉNDESE SEN LOITA ÁS PROPOSTAS ECONÓMICAS DE TRUMP

Carlos Dafonte.


Cando Trump hai pouco tempo afirmou que coas súas propostas arancelarias conseguiría “que todos os países farían cola para bicarlle o cu”, tiña algunha razón, pois agás os BRICS que opuxéronse as súas propostas e buscaron novos mercados para os seus produtos, outros si o fixeron, os últimos en facelo os representantes da UE, en cuxa delegación presidida pola da Comisión, Úrsula von der Leyen,  tamén formaban parte ata o que coñezo, o “socialista” portugués Antonio Costa presidente do “Consello Europeo”, a responsable das relacións internacionais, Kaja Kallas, a que ostenta como únicos atributos para o cargo, a sumisión a Von der Leyen e ser unha belicosa que con reiteración, quizais pola súa ineptitude,  fala da necesidade de ir a unha confrontación militar con Rusia, e o Comisario de Comercio Maros Sefcovic


Este acordo é legal? Serve para algo? Entrei na páxina da Comisión Europea e o párrafo final di que “o acordo político do 27 de xullo de 2025 non é xuridicamente vinculante”, pero de celebrarse a xuntanza e chegar a acordos aínda que non sexa vinculante tentarán por todos os medios que sexa aprobado coas máis cativas modificacións. Por outra banda Tom Kucharz no análise do mesmo que fai na revista “El Salto”, engade: “Que a Comisión Europea carece de mandato formal para negociar en nome dos 27 estados membros como obriga o artigo 207 do Tratado de Funcionamento da UE”. De ser certo que razóns aducen os estados membros para permitir a xuntanza e un acordo ilegal?


Por non ter non tiveron nin a dignidade de celebrar a xuntanza, nun lugar da UE; aceptaron ser recibidos nun campo de golf do que Trump é propietario, nas Illas Británicas. Pero despois de escoitar ao secretario xeneral da OTAN chamarlle “papi” ao presidente dos USA, calquera cousa era posible. E neste caso os USA conseguiron todo o que querían e os europeos foron incapaces de plantarlle cara. E cartas tiñan como explicarei máis adiante.


Quizais as razóns sexan que nos últimos anos Unión Europea e OTAN son a mesma cousa, cando non debía selo; pero Von der Leyen que fai o que lle peta dende a presidencia da Comisión sen que ninguén dos 27 lle poña atrancos, agás os húngaros e algún outro que inmediatamente se lles descualifica chamándolles “pro Putin” e xa se sabe, “Putin é o novo Hitler”, ten como obxectivo iniciar unha nova “guerra fría” contra Rusia, idea descavillada que leva ao seu país, Alemaña, cara a recesión e a desindustrialización, pero pensan, o único xeito de manter aos USA en Europa.


Xa aceptado subir o gasto militar ao 5% do PIB, agora esixen os USA comprarlle armamento por un valor de 760.000 millóns de dólares, facer inversións no seu territorio por unha cifra parecida, é dicir trasladar empresas europeas a territorio estadounidense, e mercarlle gas licuado a un prezo cinco veces maior do que subministraba Rusia, cando nin os portos están preparados para recibilo.


Este acordo que hai que traducir a un papel, polo de agora é só verbal, algúns que o analizaron consideran que no caso de que a maioría dos 27 países que configuran a UE o acepten, debe ser aceptado por todos os demais, saca a relucir importantes contradicións como a de que Alemaña vai construír unha potente industria militar, cando por outra banda debemos mercar armas aos USA. Paréceme imposible que unha Alemaña ao borde da recesión económica, poda facer as dúas cousas.


Con este acordo, como indiquei, tomado dun xeito antidemocrático, vinculámonos a un cada vez máis escuálido mercado estadounidense, que como xa indiquei nun artigo recente, unha parte dos consumidores norteamericanos atópase en plena crise, quitándolles casas e coches por falla de pagos de hipotecas, enorme morosidade no pago dos gastos con tarxetas que se están a anular, mentres o mercado asiático atópase en plena expansión. Polo tanto dicirlle a Trump a realidade do seu mercado, que xa non ocupa o lugar central no planeta, como acontecía en tempos, e de persistir nas súas propostas orientarían as  europeas cara a outros mercados moito máis dinámicos que o norteamericano, sería un xeito de negociar baseado no interese nacional, neste caso da UE e non en escuros intereses.


Von der Leyen saíu da xuntanza con Trump dicindo que apostaran pola “estabilidade e a fiabilidade”, é estúpida ou non coñece a Trump?. Ningún acordo acadado é estable e non é unha persoa na que podamos confiar. 


Para mostra o acordo cos xaponeses de hai dúas semanas. Aseguroulles que os seus automóbiles cun arancel do 15 % faríase co mercado norteamericano, pois os europeos non poderían competir cun do 30 %; fiáronse das verbas de Trump,  agora os vehículos europeos segundo o acordado hai uns días,  tamén o van ter do 15 %.


Os USA e Trump van seguir perdendo o tempo cos europeos que se senten ameazados por unha posible invasión de Rusia?. Os dirixentes europeos quizais aínda non entenderon, pero os USA si o saben, que a guerra nestes tempos non significa 30 millóns de forzas de infantería rusas entrando por Europa; a guerra de producirse será a base de mísiles, drones, etc e todo o armamento moderno que desprégase en Ucraína. Os estadounidenses queren ter as mans ceibes para dedicarse a China parar ao seu principal inimigo que lle disputa a hexemonía en colaboración cos BRICS, polo tanto poñer fin ao conflito no leste de Europa é prioritario, aínda que os europeos non rusos, persistan en mantelo vivo.


As forzas de esquerda xunto ás progresistas que queiran oporse, debe organizar a loita contra este proxecto de tratado que de saír adiante, vai recortas dereitos sociais e orzamentos en servizos moi importantes; @s traballador@s, a pesares das dificultades obxectiva, non deben permanecer indiferentes diante deste ataque as súas condicións de vida e o futuro das próximas xeracións. Non hai moitos anos, cando Obama era presidente, a presión popular, a mobilización dos traballadores europeos conseguiu paralizar o “Tratado Trasatlantico de Comercio e Investimentos” negociado entre a UE e os USA. A mobilización é o camiño.


En Galicia no mes de agosto 2025.


No hay comentarios:

Publicar un comentario