A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 23 de noviembre de 2012

GRANDE ÉXITO DA FOLGA XERAL. E AGORA QUE?


Carlos Dafonte

Unha breve nota para sauda-lo éxito da folga xeral do día 14. Atopo en internet unha cita de Federico Engels, que serve moi ben para reflexionar sobre a recente mobilización: “Nesta actividade de axitación as clases traballadoras atoparon medios poderosos para coñecerse entre si, para lograr unha comprensión da súa posición social e intereses, para organizarse e coñece-la súa forza. O traballador que ten pasado pola experiencia da axitación xa non é igual ó que era antes; e a clase obreira enteira, despois de pasar por ela, sae cen veces máis forte, máis esclarecida e mellor organizada a como estaba con anterioridade”.
E certo que hoxe a clase dominante ten medios máis poderosos que naqueles tempos, para que os resultados de calquera mobilización non sexan os que F. Engels afirma; teñen entre outros instrumentos, o que Anguita chama “a jauría mediática”, capaz de repetir ata a saciedade mentiras ata que se asuman como verdades. Pero á vista do acontecido o día 14, debemos congratularnos do avance que se vai producindo no proceso mobilizatorio que se iniciou ca folga xeral contra o goberno Aznar ata hoxe, que vai, a pesares da devandita “jauría mediática”, reformas laborais, despido libre, etc., cobrando un pulo moi importante, que estou convencido, comeza a preocupar ó goberno e a propia Unión Europea. As declaracións de Olli Rehn, no senso de que xa se fixeran moitas reformas ata hoxe no estado español, e que se podía abrir un paréntese ata 2014, as interpreto como mostra desta preocupación.
Porque o pasado día 14 houbo unha importante mobilización, no estado español e en Galicia. Millóns saímos ás rúas a dicir non a unhas políticas impostas polas institucións europeas, pero que de non existir, serían as mesmas que imporían gobernos ó servizo da oligarquía como o actual do PP e o anterior do PSOE. E nos mobilizamos millóns a pesares de que hai 700.000 parados máis que na anterior folga xeral, e a maior capacidade para reprimir, para exerce-la violencia sobre @s traballador@s, d@s empresari@s grazas as medidas do PP e que a “jauría mediática” empregouse a fondo, repetindo as súas falacias unha e outra vez, antes e despois do 14; para evitar que moita xente participara e para minimiza-los resultados da mesma. Para dicir, por exemplo, que na manifestación de Madrid, non se chegou ós cen mil participantes, cando sendo dúas ou tres veces maior ás convocadas pola Igrexa e o PP no mesmo lugar, contra o aborto ou os matrimonios de gais e lesbianas, daquela dixeron que eran máis dun millón.
Tivemos que escoitar tamén o argumento de que existindo motivos evidentes para unha folga, agora non era o momento; parece que hai que esperar a suba de salarios e a unha situación de pleno emprego para facela; ou ese outro de que damos mal exemplo, parecemos gregos chegou a dicir algún, que esconde un racismo evidente, pero como se dixo nun acto, o que verdadeiramente da mala imaxe deste país, son os comedores sociais desbordados, as inmensas colas nas oficinas de empregos, a xente buscando comida nos colectores de lixo, o 50% dos mozos e mozas no paro, máis de dous millóns de fogares con todos os seus membros nesa situación ou que máis de dous millóns de nenos se atopen no limiar da pobreza, e mentres isto se produce, se amnistía a grandes defraudadores. Non sei se somos como Grecia, o que sei é que a loita do pobo grego é admirable e que a súa clase dominante, como a que temos no estado español, é igual de defraudadora, ladroa e esquilmadora da riqueza producida pola sociedade.
É tan grande e violenta a agresión da clase dominante sobre a maioría da sociedade, que se está a producir unha mobilización constante que abrangue a diferentes sectores, que atopan nas convocatorias de folga xeral, a expresión da unidade de todos os procesos parciais.
Pero toda mobilización para que sexa efectiva debe soluciona-lo problema do obxectivo da mesma; ese é un nó central; non chega con dicir que se quere cambiar a política económica, social, etc actual, haberá que responder polo menos a dúas cuestións fundamentais, por cal outra e como.
Como dí Engels na devandita cita, as clases traballadoras, os asalariados, toman conciencia na loita, gañan en organización e experiencia. E cando aumentan a súa conciencia están a decatarse que pertencen a unha clase, que enfronte ten outra, a burguesía, que a explota, que unha e outra son clases antagónicas, é dicir, que nunca poderán poñerse de acordo e que os traballadores, a traveso do aumento da súa conciencia como clase, deben chegar a conclusión de que hai que cambialo sistema. Porque no capitalismo, quen leva as de gañar, para iso organizou o estado para que funcione ó seu servizo, e a burguesía. E se se quere modificar esta situación é preciso cambia-lo sistema, construír outro no que a economía, o novo estado, funcionen ó servizo da sociedade, da grande maioría.
Só ca loita social, moitas veces espontánea se pode acadar ese grao de conciencia? Deben intervir outros elementos, a ideoloxía, a organización, o xeito de transmiti-lo reflexionado sobre como se vive, como supera-lo presente, o que se quere para o futuro.
As mobilizacións do día 14 foron moi importantes, pero se escoitamos as propostas que se fixeron, algunhas son confusas e hainas moi variadas.
Os sindicatos maioritarios falaron de convocar un referendo sobre as políticas do PP, pero non explican cal vai se-lo camiño a percorrer para a súa celebración. Outros din chamar a mobilizarse para que o goberno cambie a súa política; o PP fai unha política de clase e non se vai cambiar por moitas mobilización que se convoquen; denantes que cambiala, convocará eleccións anticipadas. “Que se vaian” tamén se dixo e algúns ampliaron a consigna a “que se vaian todos”; poden agrada-los oídos pero para que sexa efectiva, deberá producirse un proceso de consolidación dun dobre poder que hai que explicar. O mesmo para os que afirman a necesidade da formación dun “goberno obreiro”, cuestión ca que estou de acordo. Hai grupos como a “Fronte Cívica-Somos maioría” que concreta en dez puntos a reivindicación que debe aglutinar á cidadanía. Tamén escoitei o día 14 afirmacións, dende tribunas, que me encheron de desacougo, por exemplo dicir que o do PP é un “goberno de incapaces”, como se aplicaran esas políticas contra @s asalariad@s por non ter moitos coñecementos e non por unha estratexia de clase.
E hai outra cuestión sobre a que é necesario reflexionar: o tema da vangarda organizada. Cando se fala deste tema hai moita xente que se enfada, estamos nunha época de transversalidades, pero é un tema fundamental. Non debemos esquecer que cando se fan propostas, fanse ca intención de que sexan asumidas pola maioría da sociedade; en certa medida téntase situar, quen as fai, na vangarda da loita. A sociedade mobilizada ten que creala vangarda entre todas as propostas que van aparecendo. A vangarda non se pode “impoñer” dun xeito burocrático, pero queiramos ou non, para que un proceso de masas trunfe, ten que existir.
Ata hoxe, a vangarda foron os sindicatos, pero o problema do estado español excede ó tema sindical, é un tema político e os actuais sindicatos non van sobrepasa-lo seu marco; a solución debe ser política e a vangarda tamén.

En Galicia no mes de novembro de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario