A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 10 de noviembre de 2012

A FOLGA XERAL DO DÍA 14-N DEBE SER UN PASO MÁIS NA TOMA DE CONCIENCIA D@S ASALARIAD@S


Carlos Dafonte

Para ese día, a Confederación Europea de Sindicatos, convoca folgas e mobilizacións no conxunto da Unión Europea.
É un avance importante para supera-las loitas parciais, estatais, que se viñan producindo, despois de máis dun lustro de crise, cuxos efectos as oligarquías dos respectivos países os están a cargar sobre as costas dos asalariados e das maiorías sociais.
Por primeira vez, ás políticas coordinadas do capital, que nos impoñen a austeridade, a loita contra o déficit, recortes de dereitos sociais, políticos e laborais, peor xestión en servizos básicos que se van privatizando, e agresións constantes contra as condicións de vida que os asalariados fomos acadando no marco capitalista, onde nada se regala e todo se ten que conseguir loitando, van recibir unha resposta unitaria organizada, por parte da grande maioría da sociedade, c@s asalariad@s e a clase obreira á cabeza.
Todas as medidas que os gobernos tanto do PSOE como do PP foron aprobando, tradúcense no estado español, nun aumento do número de parad@s, un 25 % da poboación activa e máis do 50 % entre os moz@s, no incremento da pobreza cando cada vez os ricos o son máis; de recortes orzamentarios para servizos básicos, sanidade, educación, dependencia; con preto de dous millóns de fogares onde non se percibe cantidade algunha; en recortes e rebaixas nas pensións de xubilacións; na aprobación constante de ERES e despidos ca aplicación da reforma laboral; nunha fiscalidade en beneficio dos máis poderosos, que rebaixa a capacidade recadatoria do estado e aumenta o déficit; na caída do consumo familiar e polo tanto da economía; nos constantes desafiuzamentos de familias das vivendas por parte dos bancos, e un longo etc, de consecuencias contrarias ós intereses da maioría; e vivindo estas circunstancias, aínda temos que aguantar que o goberno do PP repita machaconamente que todo o que se leva aprobado ten como obxectivo saír da crise. Pois non, deste xeito, con estas medidas só se conseguen os cartos para rescata-los bancos, que estes paguen o que adeudan e que o país, como establece a reforma da constitución, teña como prioridade o pago da débeda ilexítima cos especuladores de toda laia, pero non se conseguirá rescata-la maioría da sociedade da situación precaria na que PP e PSOE a meteron.
A realidade é testana e por moito que digan, todas estas medidas afondan máis na crise económica no estado español; os organismos internacionais que inducen a tomalas, esixen estes días, posto que non se acadaron os obxectivos, a seguir afondando máis nas mesmas, ó tempo que coñecemos tamén a caída do índice de produción industrial interanual e mensual, o que todo en conxunto, permite afirmar que seguiremos en recesión durante un longo tempo. De seguir por este camiño e os “mercados mandan”, os índices de pobreza e paro van aumentar ata niveis difíciles de soportar pola sociedade; pero non nos preocupemos, mentres os orzamentos en sanidade, ensinanza ou para facer fronte ás necesidades d@s parad@s baixan ata situarnos na cola da Unión Europea, os gastos en materiais de represión da cidadanía, antidisturbios lles chaman, aumentará un 1800 % nos próximos cinco anos. Este goberno ilexítimo o ten claro, a quen proteste “pau e tente teso”.
Contra toda esta situación, no estado español convócase para o día 14 folga xeral, o mesmo que en Portugal, Malta e Chipre, Grecia fixo unha folga xeral de dous días o 6 e o 7, e convoca unha de tres horas o día 14, en outros países, Francia e Italia, a folga vai ser de varias horas; mobilizacións e folgas parciais de diferentes sectores da produción en outros; van ser millóns de traballador@s, os únicos que producimos a riqueza nos países respectivos, quen imos saír a rúa a dicir NON ás medidas, que aproveitando a crise, están a tomar en contra de nós e en beneficio dunha minoría, os gobernos europeos, co apoio de institucións internacionais corruptas e que non gozan de lexitimidade algunha. E debemos ser conscientes que a folga é, nestes momentos, un sacrificio enorme para a maior parte d@s traballador@s; perder un xornal nas circunstancias actuais ou que te poidan botar á rúa por exercer un dereito constitucional, é moi duro; pero @s asalariad@s nunca se nos regalou nada, e así vai ser sempre no sistema capitalista; todos os dereitos, se conseguiron ca loita organizada, e a folga foi sempre o elemento máis eficaz.
Só loitando podemos para-la agresión do capital e o mesmo tempo conseguir que @s asalariad@s pasen á ofensiva. Pero para este último obxectivo aínda non están dadas as condicións; estas teñen moito que ver ca construción da organización de clase, revolucionaria, dos traballadores.
O momento no que se convoca a folga é moi importante, a crise esta a poñer en cuestión todo o andamiaxe da transición no estado español, e a nivel europeo, a propia construción da U.E.. En segundo lugar, cada vez hai un maior convencemento en numerosos sectores populares, da idea da necesidade de mobilizar, aínda que sexa con carácter defensivo, a xente estase a fartar de tanta agresión, pero hai un problema engadido, á falta dunha vangarda política, son os sindicatos reformistas e burocratizados, os que levan anos xogando á “concertación social” que non conduce a ningures, quen levan a dirección do proceso e como tal actúan. A folga esta convocada non como unha grande batalla política contra o neoliberalismo e as súas políticas, que abra unha perspectiva máis aló do sistema, que require de todos os cadros sindicais nas rúas, nas empresas, explicando e tentando convencer, senón que polos feitos parece que hai medo ó conxunto da clase, e pensan, mobilicemos pero fagamos o posible porque non se desperte “o león adormecido”.
Outro perigo para o avance e construción da vangarda, que sen dúbida se vai presentar nun próximo período e que xa está a determinar esta folga, é que unha vez desfondado o PSOE e as súas políticas neoliberais, se vai inicia-lo proceso de refunda-la socialdemocracia; é unha necesidade para o sistema; un programa distinto, con matices, ó do PSOE, aínda que cas mesmas siglas, ó que se sumen novos actores, capaz de canalizar toda a indignación das masas, dentro do sistema cara a loita por un “capitalismo de face humana”, e dicir facer todo o posible para que a perspectiva dun cambio de sistema non apareza dun xeito nidio como unha necesidade imperiosa, o único proceso que nos pode librar da situación na que vivimos. E nesa manobra, un dos elementos fundamentais van ser os sindicatos maioritarios.
Polo tanto ¡¡¡adiante ca folga xeral do día 14!!!, pero rachemos cos marcos na que a queren celebrar. Que serva para dar un paso adiante no necesario proceso de transformación social que os asalariados necesitan.

En Galicia no mes de novembro de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario