Carlos Dafonte
Admito que este tema,
despois de tantos meses, mellor anos, presente en todos os medios de
comunicación, conversas nas tabernas e declaracións de toda caste
por parte de políticos e institucións, os acontecementos que se
suceden en Cataluña, que cobran maior radicalidade despois dos
recortes introducidos no Estatuto aprobado polas institucións
catalás e nun referendo popular, me produce un certo cansanzo, pero
a importancia do mesmo obriga a que todo o mundo opine. Axuda a este
cansanzo, o tipo de argumentacións empregados pola Administración
Central do Estado e os seus aliados, medios de comunicación,
determinados partidos políticos, para opoñerse ó que acontece en
Cataluña. Argumentacións legalistas unhas veces, afastadas da
realidade outras, sempre tentando introducir temor en toda a
sociedade que configuramos o Estado Español sexamos catalás ou non.
O temor á catástrofe, nun país que por moito que se queira facer
cre-lo contrario, atópase nunha situación de emerxencia non polo
desafío de Cataluña ó réxime, senón polas políticas clasistas,
nos aspectos sociais, económicos e institucionais, impostas polos
sucesivos gobernos fronte á crise sistémica.