Carlos Dafonte.
Non fai falla ser un grande observador para
decatarse que a crise económica deixou en evidencia unha realidade
que en momentos de “normalidade social”, se podemos dicir que
aconteza unha situación que podamos denominar así no capitalismo,
non é fácil constatar: que no sistema capitalista o Estado no
permanece neutral no proceso de loita de clases, que sempre con maior
ou menor violencia se está a desenvolver na sociedade. Para
a maioría nestes anos de crise, conxelación das pensións, reforma
laboral, modificación art 135 da constitución no senso de pagar
antes a débeda que non se coñece moi ben como se acumula que facer
fronte a gastos sociais...para os poderosos non paga-lo rescate
bancario e as grandes empresas pagando un imposto de sociedades moi
baixo cando teñen importantes beneficios. Para a grande maioría
postos de traballo con salarios moi baixos e o número de
multimillonarios e ricos medrando.
Os que defendían unha posición contraria, aínda
que moitas veces non sexan proclives a acepta-la realidade, terán
que asumi-lo trabucado da súa posición e recoñecer despois de anos
de crise, que na UE, os estados actuaron en defensa dos intereses da
oligarquía, pois como acontece en toda crise da características da
que asola as nosas sociedades, esta serve, ademais de disciplinar á
clase traballadora e transvasar rendas do tráballo ás rendas do
capital, para remodelar mercados, expulsar dos mesmos ós máis
febles e consolidar ós máis poderosos. E nesa remodelación
sectores da pequena e media burguesía tamén se viron afectados.
Ademais a crise deixou moi claro a inexistencia dunha alternativa desde os partidos que se consideran socialdemócratas, que no caso do estado español confluíron, como dato máis salientable cos conservadores na modificación constitucional do artigo 135. Ese día “non tocaba” defende-la Constitución.
A cuestión do Estado
Polo tanto considero de interese recordar o que os
marxistas, os seus principais teóricos formularon sobre o estado e
neste caso, no 100 aniversario da Revolución bolxevique en Rusia, as
apreciacións do seu principal dirixente sobre este tema.
No mes de agosto de hai cen anos, Lenin redactou un
texto fundamental sobre a cuestión do Estado, “O Estado e a
revolución”, nunhas difíciles condicións políticas e
persoais, despois dos acontecementos de xullo que levaron ó seu
partido á clandestinidade e a ter que abandonar o seu país.
Lenin deixa claro desde as primeiras liñas do
devandito texto, que a súa misión consiste “en restaura-la
verdadeira doutrina de Marx acerca do Estado”. Pero tamén hai que
entendelo como un texto que precede á toma do poder, posibilidade
que a pesares das dificultades do momento, Lenin percibe como cada
vez máis cercana e polo tanto a cuestión do Estado burgués e a súa
substitución polo estado proletario, a considera fundamental. E como
non podía ser doutro xeito, a súa análise comporta unha crítica á
interpretación que da revolución e da cuestión do estado tiñan a
socialdemocracia e a II Internacional en bancarrota, que consideraban
que a primeira consistía en desprazar á burguesía das institucións
por ela creadas, e a utilización das mesmas por parte dos
traballadores.
A catástrofe que significou a I Guerra Mundial, e a
proposta formulada por Lenin nas conferencias de Zimmerwald e
Kiental, que xuntaron @s pouc@s socialdemócratas que desde o
primeiro momento se opuñan á guerra, de converte-la guerra
intercapitalista polo dominio dos mercados e materias primas, nunha
guerra civil pola toma do poder por parte d@s traballador@s, lle
levan a unha nova lectura de Marx e a tomar unha posición clara
sobre o estado e o significado da “ditadura do proletariado”.
Para Lenin o Estado non é un poder imposto á
sociedade, nin como dicía Hegel, “a imaxe da realidade na razón”,
senón “o produto da sociedade nun estadio determinado do seu
desenvolvemento” e “expresa o feito de que as contradicións de
clase non son conciliables”; é dicir o estado sempre é organizado
pola clase hexemónica neste caso a burguesía e para defensa dos
seus intereses de clase; non é un instrumento que exista ó marxe
das clases en loita. E chega á conclusión, nunha interpretación de
Marx máis acorde que a aceptada pola maioría da socialdemocracia
alemá, guía neste campo para o resto da II Internacional, de que “a
liberación da clase oprimida é imposible sen unha revolución
violenta, senón tamén sen a supresión do aparato do estado creado
pola clase dominante” á que se quere expulsar do poder.
E deixa moi claro desde o principio que a
terxiversación do marxismo nesta cuestión segue dúas direccións
fundamentais. “Dunha parte os ideólogos burgueses e especialmente
os pequenoburgueses, obrigados pola presión dos feitos históricos
indiscutibles a recoñecer que o Estado só existe alí onde existen
as contradicións de clase e a loita de clases, corrixen a Marx de
tal maneira que o Estado resulta se-lo órgano de conciliación
das clases”.
E a segunda dirección di, “a terxiversación
“kautskiana” do marxismo é bastante máis sutil. Teoricamente
non se nega nin que o estado sexa o órgano de dominación de clase,
nin que as contradicións de clase sexan irreconciliables”; pero
esta forza que se atopa por enriba da sociedade e que como dixo Marx
“se divorcia máis e máis da sociedade” a socialdemocracia alemá
oculta a necesidade da destrución do Estado creado pola burguesía,
para que se poda levar a cabo a liberación da clase traballadora.
Cita nesta obra a célebre carta de Marx a
Weydemeyer de 1852 que se considera unha importante contribución ó
pensamento revolucionario, pero descoñezo cal foi a súa posición
cando Pannekoek en 1912 polemizou cos líderes da Internacional, e
lembroulles que segundo Marx, non habería que apoderarse do Estado
construído pola burguesía e poñelo ó servizo d@s traballador@s,
senón que a misión do proletariado era destruílo; Pannekoek foi
acusado de anarquista pola Internacional.
Hai a posibilidade de que Lenin lembrando esa
polémica e as acusacións vertida contra Pannekoek, polemice agora
cos anarquistas ós que acusa de eludir “as formas políticas do
poder revolucionario”, o tempo que acusa ós dirixentes da
Internacional de “haber aceptado as formas burguesas do estado
democrático parlamentar”. Unha cuestión é a abolición do
estado que é o que os anarquistas queren facer segundo se toma o
poder, e outra distinta e a formulación marxista da extinción
do estado a traveso da ditadura do proletariado e da exacerbación da
loita de clases.
O novo estado será a expresión do “proletariado
organizado en clase dominante” e insiste en que cando Marx polemiza
cos anarquistas non o fai reprochándolles que queiran aboli-lo
estado, senón a súa negativa a utilizar a “violencia coercitiva
organizada” na defensa dos intereses de clase e contra unha
minoría; “é dicir un estado”, aínda que non sexa, como
afirmaba Engels, “un estado en sentido propio”.
En calquera caso, hoxe como no ano 1917, atopámonos
nunha fonda crise de réxime e a loita teórica contra a ideoloxía
reformista e burguesa do estado se converte nunha necesidade e “O
estado e a revolución” nos vai axudar a reflexionar
sobre temas fundamentais.
En primeiro lugar, sobre o contido de clase
da democracia na que nos movemos, en tanto forma política da
ditadura de clase do capital; o poder político é sempre o poder
político dunha soa clase ou dunha fracción da mesma, que o detenta
en canto clase dominante na sociedade. Marx e Lenin expresan esta
situación dicindo que todo poder do Estado expresa “a ditadura
dunha clase” e a democracia burguesa edificada pola minoría para
explota-la maioría é unha ditadura, e a democracia proletaria tamén
se debe expresar por medio dunha ditadura, a da maioría sobre a
minoría explotadora.
Ademais a burguesía ou a fracción da mesma que
sexa hexemónica e detente o poder do Estado, o fai sempre dun xeito
absoluto, non o comparte nunca con outra clase ou fracción da mesma;
do mesmo xeito a clase traballadora tampouco o debe facer na súa
marcha a traveso do socialismo cara á sociedade comunista.
En segundo, o tema da ditadura do
proletariado como unha “ampliación sen precedentes da
democracia” e como xeito de contrarrestar a oposición que a
minoría explotadora vai exercer utilizando todos os medios ó seu
alcance, ata os máis violentos, para recuperar de novo a hexemonía.
O poder de calquera clase dominante non pode materializarse sen o
desenvolvemento e funcionamento do Estado por ela creado. E o núcleo
fundamental desa estrutura que denominamos Estado o constitúen os
aparellos represivos. Por iso só o poder dos traballadores se pode
materializar destruíndo o Estado creado pola burguesía, tarefa que
pode resultar moi difícil e longa, pero que de non levarse a cabo, a
clase traballadora nunca será hexemónica e as relacións de
produción seguirán a ser relacións de explotación. Polo tanto
poder do Estado e ditadura do proletariado son dúas cuestións
indisociables.
Como dicía Lenin “a cuestión fundamental da
revolución e a cuestión do poder”; polo tanto ter o poder de
Estado é a premisa fundamental da ditadura do proletariado. E neste
aspecto Lenin se atopaba cun problema, as posicións de Kautski e a
II Internacional que formulaba a idea de que unha clase non pode
gobernar, só os individuos e os partidos o poden facer. Xa en 1903
no artigo “Ós campesiños pobres”, Lenin demostra que non é o
Tsar nin a súa familia, nin os funcionarios os que detentan o poder
de Estado, senón a clase dos grandes terratenentes. Pero que estas
ideas cheguen con claridade ás masas dos explotados, na actualidade
por exemplo, ten obstáculos moi importantes como é o de enfrontarse
á ideoloxía xurídica burguesa do Estado
que a clase dominante tenta prevaleza sobre calquera outra idea e
polo tanto se inocula desde os aparellos ideolóxicos do Estado
burgués, escola, medios de comunicación, etc. E ten varias
cuestións que establece como fundamentais, en primeiro lugar a
iñorancia para o dereito e as leis da existencia das clases sociais,
a sociedade, afirma a burguesía, non repousa sobre clases senón
sobre individuos, “libres” e “iguais” e polo tanto o Estado
só se atopa por enriba non das clases, só ten que ver cos
individuos e si estes son desiguais, como son iguais en dereito, trae
consigo que un Estado que se considere cumpre cas súas funcións,
debe adicarse a combate-las desigualdades e polo tanto non se atopa ó
servizo dunha clase senón que a súa misión é “organiza-lo
público”, por enriba dos intereses privados. O Estado é pois,
segundo a burguesía, un órgano de “conciliación” dos
diferentes intereses que se atopan enfrontados. Para ter enganada a
xente, referíndose ó Estado fálase sempre do “público”,
administración pública, orden público, servizos públicos
cando a realidade ë que sempre serve a intereses privados moi
minoritarios.
En terceiro o tema da extinción do
Estado en tanto se avance cara a unha sociedade comunista, onde teñan
desaparecido as clases sociais antagónicas. Ditadura do proletariado
non é unha etapa de transición do capitalismo ó socialismo, a
ditadura do proletariado é a etapa socialista que debe culminar no
comunismo, a sociedade sen clases e polo tanto onde o Estado se
extingue. Neste senso Lenin recolle unha longa cita de Engels do
“Anti-Dühring ou a subversión da ciencia polo señor Uxio
Dühring” para establece-la posición marxista sobre o tema do que
expurgo algúns subpárrafos do mesmo: “Cando o Estado se converta
finalmente en representante efectivo de toda a sociedade, será por
si mesmo superfluo. Cando xa non exista ningunha clase social á que
haxa que manter na opresión; cando desaparezan xunto ca dominación
de clase, xunto ca loita pola existencia individual, nada da actual
anarquía da produción, os choques e os excesos resultantes desta
loita, non haberá xa nada que reprimir nin fará falla, por tanto,
esa forza especial de represión, o Estado.(...) O goberno
sobre as persoas será substituído pola administración das cousas e
pola dirección dos procesos de produción. O Estado non será
abolido: se extinguirá”.
E Lenin ten moito interese en remachar que o que se
extingue é o estado proletario, que o estado burgués con
anterioridade, foi destruído. “O Estado burgués só pode ser
destruído pola revolución. O Estado en xeral, é dicir, a máis
completa democracia, só pode extinguirse”.
En Galicia no mes de setembro de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario