Carlos Dafonte
Admito que este tema,
despois de tantos meses, mellor anos, presente en todos os medios de
comunicación, conversas nas tabernas e declaracións de toda caste
por parte de políticos e institucións, os acontecementos que se
suceden en Cataluña, que cobran maior radicalidade despois dos
recortes introducidos no Estatuto aprobado polas institucións
catalás e nun referendo popular, me produce un certo cansanzo, pero
a importancia do mesmo obriga a que todo o mundo opine. Axuda a este
cansanzo, o tipo de argumentacións empregados pola Administración
Central do Estado e os seus aliados, medios de comunicación,
determinados partidos políticos, para opoñerse ó que acontece en
Cataluña. Argumentacións legalistas unhas veces, afastadas da
realidade outras, sempre tentando introducir temor en toda a
sociedade que configuramos o Estado Español sexamos catalás ou non.
O temor á catástrofe, nun país que por moito que se queira facer
cre-lo contrario, atópase nunha situación de emerxencia non polo
desafío de Cataluña ó réxime, senón polas políticas clasistas,
nos aspectos sociais, económicos e institucionais, impostas polos
sucesivos gobernos fronte á crise sistémica.
Vou dar a miña opinión desde dous puntos de vista, por unha banda como persoa ligada ó pensamento comunista e polo tanto partidario da máis ampla democracia política, social e económica, onde a consecución da riqueza non se atope baseada na explotación da forza de traballo e polo tanto o disfrute da mesma sexa social e non privada; e por outra desde o punto de vista que se pode considerar de clase, tentando utiliza-los instrumentos que a teoría marxista pon nas nosas mans.
Desde o primeiro, son
partidario dos dereitos individuais pero tamén dos colectivos; dos
dereitos dos pobos, que se negan sistematicamente, pois o
neoliberalismo imperante, di só existen dereitos individuais agás
cando se trata do pobo xudeu, esa entelequia que ninguén explica e
no que se mesturan persoas de diferentes estados, diferentes linguas
e culturas que só os liga o ser “o pobo elixido por deus” que
lles deu en propiedade o que chaman a “terra prometida”; o resto,
os saharauis, os palestinos e tantos outros, non teñen dereito algún
a constituírse como nación con estado, aínda que os una unha
lingua, unha cultura e leven vivindo séculos nun determinado
territorio. Todo se atopa en función dos intereses do capital.
O que teño claro e
paréceme un feito obxectivo, é que a sentenza do Tribunal
Constitucional recortando o Estatuto, é un punto de inflexión na
vida política de Cataluña pero tamén do réxime; medrou dun xeito
importante o independentismo, minoritario en número de votos no
Parlament, pero o que medrou e é maioría na sociedade, son os
partidarios do dereito a
decidir, sexan independentistas
ou non. Cataluña é unha nación sen estado, o mesmo
que Galicia e o País Vasco e cando un pobo reivindica o seu dereito
a decidir sobre o seu futuro,
dun xeito tan poderoso como o fai unha parte do pobo catalá, se
pertencera a un estado plenamente democrático, considero que a
Administración Central do mesmo tiña a obriga de dar satisfacción
a este devezo e garantir, como en Canadá ou no Reino Unido, nos
casos de Quebec e Escocia, que ese pobo se poda expresar.
A herdanza franquista que
latexa en moitos dirixentes do PP e na propia institución da
Xefatura do Estado, máis a existencia dunha constitución que naceu
sen ser convocadas Cortes constituíntes, en momentos en que acotío
se filtraban rumores de golpes de estado, onde a “unidade da
patria” ten o exército como garante e non se inclúe no seu
articulado o dereito de autodeterminación, onde non existe unha
separación real de poderes, invento burgués para restarlle poder ás
monarquías absolutas e aquí, no Estado Español, o executivo
atópase por enriba do lexislativo, a cuxas institucións pode
disolver, e o xudicial sometido os intereses do partido maioritario,
axuda a que o pensamento reaccionario se impoña por enriba dos
devezos democráticos e conduza as posibles solucións para Cataluña,
Euskadi e Galicia a unha calexa sen saída, onde a coerción, a
represión a todos os niveis, as “leis mordaza” e as
modificacións do Código Penal e das competencias do Tribunal
Constitucional son as únicas propostas da Administración Central do
Estado, que incapaz de responder con propostas políticas, escóndese
tralos tribunais xa que no fondo segue a aceptar que España é “unha
e grande” e que ten “un destino no universal”. Fronte a este
peche en posicións neoditatoriais, a única resposta que se pode dar
é a mobilización, a solidariedade e a desobediencia civil.
Nesta situación destaca
o papelón do goberno utilizando a corpos armados, que deben atoparse
ó servizo da sociedade, perseguindo papeletas e urnas; e menos mal
que non se lles ocorreu deter a tod@s
cant@ manifestante o fixo o día da “Diada” pois a maioría
queren votar “si” no referendo do día 1 de outubro e fixeron
propaganda a favor do mesmo. E os que son partidarios do “non”
tamén queren votar para poder expresalo; polo tanto toda a
manifestación da “Diada”, segundo as teses do Goberno, foi unha
manifestación ilegal e polo tanto tod@s
debían ser detidos, multados e un certo número encarcerados.
Vergoña debíalle dar tamén ó PP presentar un recurso contra o
acto que se vai celebrar en Madrid e que un xuíz, facendo caso omiso
da presunción de inocencia, prohibe. Neste país, os que non queren
condena-lo franquismo e os seus milleiros de vítimas moitas delas
aínda en foxas comúns, os que mamaron e copian os métodos da
ditadura os que asulagan as institucións ca corrupción, deféndense
diante de situacións onde debía imporse o “máis democracia”,
recortando dereitos democráticos diante do aluvión catalá pola
democracia sen importarlles destruír o pouco que ten este réxime de
democrático.
Non vale o argumento de
que hai que cumpli-la lei; se a lei é inxusta e non ten defensa a
cidadanía fronte a ela debe tentar cambiala. E non ten defensa pola
razón, de que os encargados de ditaminar se unha lei é
constitucional ou non, foron nomeados por quen aprobou a lei. O
franquismo tiña moitas leis que o señor Rajoy e outros moitos do
seu partido actual, pensaban había que cumprir; pero outr@s
persoas non estabamos dispost@s a
facelo e nos xogábamos, seguro, todos os días a liberdade e algún
a propia vida, por opoñernos á inxustiza e a ilegalidade que a
ditadura significaba.
Menos aínda o demagóxico
de que non podemos decidir sobre se nos paramos diante dun semáforo
en vermello ou non; decidir é a esencia da democracia
e non ten nada que ver sobre semáforos ou si circulamos pola
esquerda. Democracia é igualdade para opinar e para participar,
poder do pobo e non consiste como din estes días moit@s
en respecta-las “regras do xogo”; eso é respectar a un
determinado réxime democrático, pero o dereito a decidir
é respecta-la DEMOCRACIA,
así, con maiúsculas. E o que non o respecta non respecta a
democracia, defende a un determinado réxime que como no caso do
Estado Español, atópase esgotado, non da moito máis de sí.
No “procés” aínda
que a mobilización é popular ten un contido de clase.
A
mobilización que acontece en Cataluña, agora se lle chama
transversal, eu denominarei interclasista, pero quen ten
verdadeiramente a hexemonía do mesmo, quen o está a dirixir e
posiblemente ó final acabe traizoándoo, son sectores da media e
pequena burguesía que levan moitos anos gobernando; CiU antes, agora
PDECAT e ERC, que aplicaron sistematicamente as políticas
neoliberais e contra a forza de traballo que a UE, o BC e o FMI,
coñecidos como a “troika” recomendaban; é dicir políticas que
axudaban a recompoñer o proceso de acumulación capitalista, baseado
nunha maior explotación d@s traballador@s.
E ademais CiU, agora PDCAT, o partido maioritario no Govern, foi o
apoio, cando non había maioría absoluta nas Cortes, das políticas
antisociais do Psoe e Pp e facían gala e o seguen a facer, do
espírito tendente ó pacto do pobo de Cataluña; si, tendente ó
pacto entre as burguesías, pero veríamos como esa tendencia se
racha se desde a Administración Central do Estado se tomaran medidas
a favor d@s traballador@s,
e se abandonara o ”catecismo neoliberal”.
Que
razóns levaron a este sector da pequena e media burguesía
nacionalista de Cataluña ó enfrontamento co nacionalismo español e
os sectores oligárquicos do mesmo?. Enfrontamento que lles fai
perder aliados no sector da burguesía catalá; sempre se dicía que
CiU, agora PDCAT, representaba “os sectores burgueses progresistas”
fronte os sectores burgueses máis conservadores con tendencia a
pactar co capital máis centralista. Pero os procesos de
centralización e concentración do capital, endóxenos ó mesmo,
radicalízanse en tempos de crise e determinados sectores da
burguesía de Cataluña están a padecer as consecuencias da crise,
os máis febles, o que leva a un enfrontamento interburgués.
Entendo
que a Diada de hai uns anos, na que unha marea social, centos de
miles saen as rúas para exixir a CiU outras políticas opoñéndose
ata as que nese momento levaba adiante, marca o punto de inflexión
da situación política.
Un
Psoe comprometido cas mesmas políticas que se denunciaban, un Psuc,
en tempos o gran partido da esquerda de Cataluña liquidado por
direccións oportunistas, e a inoperatividade dos grupos de esquerda
máis radicais, moi febles organicamente, levan a que sexan sectores
de Erc quen verdadeiramente capitalice a mobilización e tire de CiU
cara a posicións, que unido á corrupción interna, levan a súa
creba e a fundación do PDCAT, cun carácter, en aparencia,
independentista. E digo en aparencia pola razón de que a historia me
ten ensinado que cando sectores da burguesía se enfrontan entre eles
e a parte que parece máis progresista recibe o apoio popular, de
moit@s traballador@s,
ó final son estes sectores os que saen peor parados do conflito.
Co
15-M se vai consolidar un sector ata ese momento con pouca
presencia, as CUP. As últimas eleccións autonómicas que se
consideraron “plebiscitarias”, establecen o novo panorama
político en Cataluña marcado por diversas alianzas, onde no
Parlament e o Govern son maioritarios os partidos da media e
pequenaburguesía. Neste panorama novo, quen non ten unha
organización política é a maioría da sociedade, a que crea a
riqueza, @s traballador@s asalariad@s,
os afectados polas reformas laborais, os sectores da clase xubilados,
os de fora, os emigrantes que forman parte da mesma clase e axudan á
economía e contribúen á Seguridade Social. Non teñen perspectiva
de poñer fin a explotación á que o capital @s somete. A maioría
do Parlament e das Cortes son firmes defensores do capital. E en
Cataluña, se se conseguira a independencia, as mesmas políticas
antisociais serían puladas polos que hexemonizan hoxe o “procés”.
O
réxime nado ca Constitución do ano 78, atópase co maior reto,
maior que as amenazas golpistas dos primeiros anos da transición,
perfectamente controlados que serviron para paralizar a mobilización
e abrir-la perspectiva do “cambio co Psoe”.
As
contradicións interburguesas deben debilita-lo réxime, pero tamén
debe permiti-la reflexión da necesidade do partido da clase
traballadora. Que esta apoie a mobilización en Cataluña
paréceme ben, debilita ó inimigo. Participar o día 1-O amosa un
compromiso cos valores democráticos e non facelo un compromiso na
defensa do deturpado réxime que padecemos. Pero o obxectivo
estratéxico d@s traballador@s
non é o da pequena burguesía e cando o discurso do deputado
Coscubiela o aplauden Pp, C's e Psoe, penso que de algo se debeu
esquecer para que así actúen.
É
necesario abrir un proceso constituínte no Estado Español; pero o
mesmo debe finalizar sentando as bases dun novo réxime, onde a
oligarquía non sexa a clase hexemónica, para o que é necesario que
sexan os valores republicanos, propios dunha democracia avanzada os
que se impoñan; a igualdade entre mulleres e homes sexa un feito;
onde a cultura do “pelotazo” o consumismo e o beneficio por
enriba de calquera outra consideración, non sexan os obxectivos
fundamentais, o “sentido común” da sociedade; as nacións sen
estado se podan expresar libremente, e a riqueza, a súa
distribución, teña un carácter máis social. Non estou a falar
dunha revolución, estou a falar das posibilidades de avance cas
forzas políticas que hoxe están presentes no taboleiro do Estado.
En
Galicia no mes de setembro do 2017.
É necesario abrir un proceso constituínte no Estado Español; pero o mesmo debe finalizar sentando as bases dun novo réxime, onde a oligarquía non sexa a clase hexemónica, para o que é necesario que sexan os valores republicanos, propios dunha democracia avanzada os que se impoñan; a igualdade entre mulleres e homes sexa un feito; onde a cultura do “pelotazo” o consumismo e o beneficio por enriba de calquera outra consideración, non sexan os obxectivos fundamentais, o “sentido común” da sociedade; as nacións sen estado se podan expresar libremente, e a riqueza, a súa distribución, teña un carácter máis social.
ResponderEliminarEsto que se din no artigo, supon nas condicions concretas do Estado Español umha revolución, goste ou non. Pode que noutro estado burgués outras sexan as condicions para umha revolución, mas a cultura do pelotazo enraiza na estructura do capitalismo español,e so remantando con el, sera posible rematar coa cultura do pelotazo.
O concepto de revolución que fago meu, está indisolublemente ligado o de ditadura do proletariado. Coido que unha correlación distinta das forzas políticas actuais podía levar adiante algunha das modificacións que se formulan no artigo. Hai nacións capitalistas no que o "pelotazo" non é o normal como no Estado Español; as tres nacións sen estado ter o dereito á autodeterminación, sempre que quedaran na cadea imperialista, tampouco debía ser un problema; o tema do beneficio si, é a esencia do capitalismo, o mesmo que as desigualdades entre muller e home...O resultado final do proceso constituinte estará en función da correlación de forzas. Hoxe, cas actuais, poucas modificacións ía sofri-lo réxime; sobre todo se @s traballador@s non impoñen a súa presencia e a súa forza
ResponderEliminar