Carlos Dafonte.
O chamado procés que se
está a levar a cabo en Cataluña, necesita ser enmarcado, entendo
eu, nun espazo máis amplo que o do Estado Español, para
comprende-los seus cando, como e porqué; e neste senso paréceme que
se levou a cabo dun xeito bastante improvisado, máis que para
constituir unha nova legalidade en Cataluña, como un modo de presión
sobre un réxime que se atopa con serias dificultades internas e nun
contexto europeo, como veremos máis adiante, tamén moi difícil e
de clara debilidade do proceso de construción oligárquico e
imperialista.
O procés, como xa dixen
noutras reflexións, deixou espido ó réxime; amosouno como o que é,
feble e carente de recursos como non sexa a violencia, a represión,
carente tamén dunha grande parte do consenso social co que se
instaurou hai preto de 39 anos e onde Psoe e os conservadores, tanto
AP como PP, foron construíndo grazas ós votos da poboación, a
realidade que hoxe sufrimos.
O aspecto coercitivo do réxime é fundamental e si hoxe non lle facemos fronte á represión sobre @s que queren votar, sexa legal ou ilegal o referendo, é dicir que non se lles facilita o xeito de expresarse, e se mete no cárcere @s quen din que proclamaron unha república sen facelo, e que son independentes sen querelo ser, onde só cambia o sistema político deixando atrás á monarquía, pero non se rexeitan as políticas neoliberais, debemos reflexionar sobre o que nos pode esperar cando o enfrontamento sexa capital-traballo e se intente poñer fin á explotación da forza de traballo, se poñan trabas á propiedade privada dos medios de producción e se tente establecer unhas relacións novas, entre xéneros, ca natureza, entre países, saír da OTAN e da UE, avanzar cara a unha república socialista, etc. e como crea-las condicións obxectivas para saír vitoriosos.
Polo tanto a esquerda
sempre debe sacar ensinanzas de todo proceso político, aprender, e
agora xa temos confirmado grazas ó procés, algúns modos que o
sector hexemónico da burguesía emprega para enfrontarse ó “desafío
catalá”, dirixido pola pequena e media burguesía, pero trasversal
na súa mobilización.
Tamén coñecemos que
para esta UE antidemocrática, construída ó servizo dunha minoría,
os dereitos dos pobos pola súa autodeterminación parece non é
cuestión importante, enfrascado como están en soluciona-las crisis
recurrentes do capitalismo en beneficio do verdadeiro poder.
Vaiamos pois, a analizar
o que acontece no planeta e que como xa dixen, o procés non permitiu
que lle prestáramos atención nestas últimas semanas.
A enorme burbulla
especulativa que se ten creado.
Se tivéramos que
caracterizar cunha soa verba a situación económica e política
mundial, utilizaría sen medo a trabucarme a de “incerteza”
como a que a caracteriza con máis fidelidade.
Na economía mundial a
situación non se amaña, seguen as malas expectativas e despois de
“darlle á maquina” durante tantos anos, por parte da FED e do
Banco Central Europeo sen o respaldo da creación de riqueza e sen
conseguir unhas taxas convincentes de inflación, parece que esa vía
esta a chegar ó seu fin e o único que se conseguiu é, segundo o
economista Alejandro Nadal, crea-la burbulla especulativa máis
grande da historia do capitalismo que nalgún momento pode estoupar;
situación que comparte o cadeirádego de Socioloxía da Universidade
de Santa Bárbara, William Robinson, que tamén considera que os
Bancos Centrais teñen chegado ós límites dos instrumentos
monetarios.
Ofrece algúns outros
datos que debemos ter en conta: a) que na maioría dos países da
OCDE a relación entre ingresos e débedas dos fogares mantense en
franco deterioro desde 2008. b) o mercado global de bonos, indicador
da débeda total gobernamental a nivel mundial, tivo un enorme
pulo desde 2008 e xa rebasa os 100 billóns de $. c) a brecha
entre “capital ficticio” e a economía real faise cada
vez máis fonda e a especulación financeira atópase fora de todo
control.
Só dous datos
relacionados co anterior, o Producto Mundial Bruto no 2015, é dicir
todo o que se produciu en bens e servizos nese ano sumando todas as
economías dos países do planeta foi de 75 billóns de $. Pois ben,
nese mesmo ano a especulación en moedas ascendeu a 5'3 billóns
de $ ó día. O segundo dato, estímase o mercado global de
“derivados” en 1'2 trillóns de $.
Como se chegou a esta
situación?. A historia económica dos últimos anos nos dí o
seguinte. En primeiro lugar, os grandes bancos que se salvaron de
quebrar pola intervención pública, non foron divididos en
unidades máis cativas, máis operativas e é coñecido por todos os
organismos internacionais que seguen a especular para restablece-la
súa rendabilidade e son grandes entidades financeiras con
ramificacións globais que no caso de ter problemas os van pular a
todas as economías.
En segundo, a pesares das
taxas de interese próximas ó cero, a economía non reaccionou, o
creto bancario non fluía e entrouse nun estadio de deflación. Para
solucionar estes problemas os bancos centrais implementaron o que se
chamou “a política monetaria non convencional”, darlle a máquina
comprando activos de bancos privados co obxectivo de incrementa-lo
creto e reactiva-la economía. Hoxe xa temos resposta a onde foron as
inxentes cantidades de cartos: móvense nos mercados financeiros do
planeta creando, segundo a opinión de moitos economistas, esa
burbulla especulativa, que de estoupar pode ter efectos
moito máis dañinos para a economía, que a crise do ano 2007-2008,
que levou a unha parte do mundo e das economías máis fortes á
recesión.
O FMI en 2016 estableceu
as razóns da baixa inflación en dous compoñentes, en primeiro
lugar a feble “demanda agregada” e a “ampla capacidade
económica ociosa”, é dícir, recursos produtivos non utilizados,
especialmente a man de obra; dito doutro xeito a grande cantidade de
parados. E en segundo lugar, a queda dos prezos das importacións
especialmente petróleo e outras materias primas.
Analicemos aínda que
sexa dun xeito sinxelo a situación dos tres maiores espazos
económicos, EEUU, China e a UE.
EEUU: unha
administración paralizada
A incerteza a
todos os niveis acontece nos países que configuran os elos máis
fortes, fundamentais, da cadea imperialista liderada polos EEUU.
Neste país, o seu presidente nestes meses de mandato atópase cunha
administración paralizada, algúns de cuxos nomeamentos máis
importantes tivo que rectificar, e é incapaz de darlle á situación
mundial o xiro para poñe-los alicerces para o seu propagandístico
“américa first”. Que por outra banda a ninguén beneficiaría.
Cumpriu ca súa promesa
electoral de retira-la súa nación do Acordo Traspacífico pois
indirectamente se beneficiaba a China cando o que se quería era
illala, e do de París sobre limitación de emisións de gases de
efecto invernadoiro, pero levar acabo a primeira acción enfrontou a
súa administaración cos intereses de grandes empresas e o segundo
con estados e cidades que seguen a aplicar as limitacións ás que se
comprometera o Goberno Federal na época de Obama.
Respecto a China lanzou a
bravuconada de rachar ca política aprobada desde hai máis de
corenta anos, na época da presidencia de Carter, de “unha soa
China” e tivo que retroceder se quería entrevistarse co presidente
de China e para non ver afectado o seu país polas medidas que se
puideran tomar, tanto políticas como económicas, desde o “xigante
asiático”.
Renunciou a saca-lo país
do acordo asinado hai anos con México e Canadá, un dos puntos
fundamentais do seu programa, que segundo explicaba na campaña
electoral, permitiría a volta de moitas empresas que marcharan para
o veciño do sur; non foi capaz polo de agora de tomar medidas
proteccionistas sobre determinados productos e impoñer un arancel do
45% sobre os produtos procedentes de China, por que aínda que el non
o saiba, este tipo de medidas van ter un reflexo desde outras
economías que tomarán idénticas medidas sobre produtos
norteamericanos, ademais conculcan todas as normas sobre o libre
comercio ditadas pola Organización Mundial de Comercio.
Tanto a saída do Acordo
Transpacífico como do Tratado con México e Canadá conta ca
oposición dos “Big Business”, que lograron saír indemnes da
crise grazas ás axudas recibidas e cargar os costos da mesma sobre
a forza do traballo. Está claro para estos grupos económicos que
devolve-las empresas deslocalizadas ós EEUU soponlles un quebranto
económico moi grande polo que non están dispostos a cumprir con
esta promesa demagóxica de Trump.
O seu propio partido
bloquealle toda unha serie de iniciativas como poñer fin o plan de
Obama sobre a saúde dos menos favorecidos da sociedade, a
construcción dun novo muro con México ou o veto a inmigración
paralizado polos xuíces.
Pero esta parálise non
se produce nun aspecto moi importante, na súa capacidade de intervir
militarmente no exterior, onde o complexo militar-industrial ten
situado arredor do presidente a toda unha serie de militares, que
segundo a opinión de Inmanuel Wallerstein, son “pombas” unha vez
dimitido Banner, nese linguaxe que divide ós militares e civís
entre “pombas” e “falcóns” segundo señan máis ou menos
partidarios de políticas agresivas no exterior.
O que é certo e hai que
contar con elo, é que o presuposto do gasto militar que é o maior
do mundo, 639.000 millóns de dólares se vai a aumentar nun 17%;
entre 1998 e 2011 aumentou nun 91% e se aprobou o “Memorando para
reconstruí-las Forzas Armadas”, onde se formula que se atopan nun
estado de grande deterioro e o arsenal atómico, afirmou Trump a
principios de ano, “obsoleto” fronte o avance en tecnoloxía do
de Rusia. Ó respecto non hai que esquence-las declaracións do
actual presidente de 1990 en que afirmou que “non utiliza-la arma
nuclear era unha “bobada”” e que o dimitido Banner era quen
máis o apoiaba nesta nova visión da utilización da arma atómica.
Nun artigo se preguntaba Tom Engelhardt “Quen vai poñer freo a un
presidente que morre de gañas por usala (refírese ás armas
nucleares) e é a única autoridade para facelo?.” Estamos a falar
dun home que na recente campaña que lle levou á presidencia, cando
se falaba de armas nucleares, nun debate reiterou de novo o da década
dos 90 ó preguntarse, “para que as fabricamos se non tivéramos a
intención de usalas?”
Tamén é de interese
constatar que Trump deixou sen efecto a Orde Executiva asinada por
Obama, de non dar equipamento militar ás policías locais, cuestión
que pasou desapercibida pero que ten un compoñente estratéxico moi
importante: a militarización da sociedade.
Días pasados Trump levou
a cabo unha xira por determinados países de Asia, cecais ca
intención de contrarrestar ese megaproxecto chino coñecido como a
“ruta da seda” e discutir co presidente surcoreano, que
acaba de chega-lo poder despois da dimisión da anterior presidenta a
principios de ano acusada de corrupción, hai unha enorme cantidade
de dimisións das que debíamos aprender, o seu programa que abrangue
temas tan importantes como deroga-las leis de seguridade, que entre
outras cousas non permite a legalidade dos comunistas; promove-la
conciliación con Corea do Norte; manter unha política exterior
propia á marxe dos EEUU e a oposición ó despregamento do sistema
antimisiles dos EEUU no seu territorio. Descoñezo se fixo cambia-lo
presidente e o seu gabinete destes aspectos da súa política que
podemos cualificar como nova, ou si os EEUU recurrirán a
“desestabiliza-lo” novo goberno, pero a realidade é que hoxe os
coreanos do sur non son o aliado fiable para enfrontarse a China con
Corea do Norte como intermediario.
En calquera caso a
economía da grande potencia militar, non polas decisións que tomou
a administración Trump neste ano, é unha cuestión que ven de
lonxe, non goza de moi boa saúde. Arrastra graves problemas de todo
tipo; desde a existencia de millóns de persoas en idade laboral que
xa non se apuntan nas oficiñas correspondentes buscando emprego e
polo tanto non figuran como parados, ata que segundo estudos
merecentes de creto, o crecemento do consumo das familias non é
resultado de que os salarios teñan aumentado, senón de que se está
a recorrer de novo ó creto; a débeda dos fogares acadou no ano
2016, a cifra de 13 billóns de $, en préstamos estudantís,
tarxetas de creto, préstamos automobilísticos e hipotecas, a máis
alta do período que comeza a finais da II Guerra Mundial.
E fíxándonos de novo
nas cifras do paro, que moitas veces por parte do goberno do PP, se
nos presentan como un éxito das políticas neoliberais máis
descarnadas, é necesario lembrar como Trump na campaña electoral
chegou a dicir que este acadaba o 29 % das persoas en idade de
traballar e noutros momentos, pode ser que asesorado adecuadamente,
citou un 20%. O que non é real é o 4,8 %, dato que se ten dado días
pasados e que significarían o pleno emprego.
As razóns son as
seguintes; o Departamento de Traballo utiliza dúas fórmulas para
calcula-lo desemprego; a U-3 que só ten en conta a aquelas persoas
que se atopan buscando traballo dun xeito activo no último mes e
parece ser que esta circunstancia indica un 4,8% e a U-6, que ademáis
do que verifica a U-3, mira tamén aquel@s
que buscaron traballo no último ano pero se desanimaron e levan un
mes ou máis sen buscalo dun xeito activo. Tamén se lles engaden @s
que teñen un traballo a tempo parcial que non lles permite vivir
dignamente e buscan outro traballo a xornada compreta; segundo esta
formula o paro estaría por enriba do 10%. Paul Isbell considera que
a cifra de paro real nos EEUU estaría por enriba da que establece a
U-6 pois considera que “hai moit@s traballador@s,
entre os 50 e 60 anos que non figuran nos datos de desemprego porque
se deron por vencidos e levan anos sen buscar traballo” “Moitos
se atopan en zoas de marcado carácter rural ou estados que sufriron
unha forte desindustrialización, onde Trump conseguiu grande parte
dos seus votos”. Outro experto no mundo do traballo como Peter
Morici considera que nos EEUU hai un 10% de paro oculto, pero sen
chegar ás cifras que manexou Trump.
En calquera caso a
situación dos USA non é boa nin política nin a nivel económico e
a creba de Trump co partido republicano é unha realidade, polo que
non se debe esquece-lo que pasou co presidente Nixon.
Esta presidencia, de non
ser abortada antes de tempo, pode incrementa-las tensións
militaristas no planeta e as consecuencias que significan a elevación
do gasto militar, o detraimento de fondos para a solución de grandes
problemas ós que se enfronta a humanidade e o perigo de guerras ca
utilización da arma nuclear.
Se está a recupera-la
economía China da desaceleración?.
China
axudou ca súa fortaleza económica e o seu crecemento, durante os
anos máis duros da crise, a que esta non se manifestase en toda a
súa crudeza nos países máis atrasados, como aconteceu por exemplo
nas crises de 1974-76 e 1979-82, pero desde 2011 o crecemento chino
desacelerouse pasando dun promedio do 10,9 no período 2006-11, ó
7,7 nos dous anos seguintes, ó 7,5 no 2014 e segundo o FMI, o 6'7%
no 2017. E esta situación crea incerteza sobre o futuro da
economía planetaria.
E
acontece na economía de maior participación no comercio mundial con
aproximadamente 4 billóns de dólares; a segunda por fluxo de
investimentos diretos fora do país e no ano 2012 recibía en
investimentos de fora, o equivalente ó 3,2% do seu PIB.
É
ademais un país clave na demanda de materias primas que exportan
América Latina, e outras zonas do planeta, consume por exemplo o 50%
da producción de ferro, cobre, zinc, aluminio e niquel e é unha
forte importadora de insumos intermedios desde nacións de Asia para
producir mercadorías que logo exporta a países de economías
capitalistas avanzadas.
Un
exemplo moi gráfico da repercusión da economía china no resto das
economías; pola queda no sector da construcción en China, que no
período 2008-11 elevara os prezos das vivendas un 140% no conxunto
do país, no ano 2014 exportou 94 millóns de toneladas de aceiro,
máis que toda a produción dos EEUU, India e Corea do Sur, 3º, 4º
e 5º no taboleiro de produtores do mundo, tirando para abaixo dos
prezos mundiais do sector.
En
xaneiro do 2015, se produce a maior queda do índice bursatil China
Sanghai Composite, desde 2008, un 7,7%.
Segundo
os organismos financeiros, gobernos locais e particulares, teñen
problemas para pagar as súas débedas e outro dato que non debemos
esquecer é que a finais do ano 2015, sufriu a primeira queda nas
súas reservas desde hai 23 anos, por un monto de aproximadamente
513.000 millóns de dólares, segundo estimaba Bloomberg, para manter
a frote o yuan. A pesares desta merma aínda acumula a maior reserva
do mundo cifrada en 3,33 billóns de dólares.
As
autoridades chinas tentan orienta-lo seu modelo económico, que lles
deu bo resultado durante este anos pasados, baseado nas exportacións,
investimentos na industria pesada, a construción de infraestruturas
e a industria manufactureira, pero que a partires desta última crise
económica mundial, lle produciu unha sobrecapacidade industrial ó
producirse un enfeblecemento da demanda exterior cara a outro modelo
onde o consumo interno de masas xogue un papel importante, que en
China representa un 38% do PIB, mentres nos países capitalistas
avanzados atópase entre o 60% e o 70%, o aumento do sector servizos
e o progreso tecnolóxico.
Outro
vector da súa economía de cara ó futuro é o investimento exterior
tanto a nivel de préstamos a países necesitados como para mercar
empresas, tanto desde o sector público como desde o sector privado;
unhas veces para acada-la maioría nas mesmas ou facerse con paquetes
minoritarios. O ano pasado destináronse 46.000 millóns para mercar
empresas, preferentemente en Alemaña e Reino Unido e 48.000 millóns
en EEUU e Canadá, segundo o diario “El País”; en España
investiron 1800 millóns. E non calquera empresa, senón algunhas
como Pirelli, Peugeot, Syngenta, Kions, Volvo, Pizza Espress e outras
moitas. No caso do Estado Español, ademais de equipas de futbol,
Clínica Baviera, Madrileña de Gas, NH, Urbaser, entre outras.
Pero
o grande proxecto que emprende China para dominar Eurasia, esa zona
que Brzezinski, asesor de numerosos presidentes e xefe do
Departamento de Estado con Carter, consideraba vital para domina-lo
mundo no seu célebre libro “O grande taboleiro mundial”, é o
que se coñece como a Rota da Seda e a súa Franxa de
Influenza, megaproxecto presentado polo presidente Xi Jinping, en
maio do presente ano, a dirixentes de máis de 130 países e
organismos internacionais, que conta con numerosos investimentos,
financiamentos, acordos comerciais e ducias de Zoas Económicas
Especiais, onde investirá 900.000 millóns de $ en 64 países.
Outro
megaproxecto é o novo canal para poñer en comunicación o Atlántico
co Pacífico por Nicaragua; a merca de enormes cantidades de
hectáreas en países como Bolivia, México, Arxentina e Brasil, para
producir arroz e outros produrtos agrícolas ou a Ponte Terrestre
Euroasiático que vai unir o Extremo Oriente con Europa, aprobado no
ano 2007 no que interveñen Rusia, Alemaña e China. No 2014
presentouse o proxecto de unir Beijin con Moscova, outro megaproxecto
que permitirá que ferrocarrís de alta velocidade cubran a distancia
en dous días. E ise mesmo ano nace o “Banco Asiático de
Investimento en Infraestruturas”, como alternativa ó Banco
Mundial que actúa da man dos EEUU, ó que hoxe pertencen máis de 70
países e entre os mesmos Alemaña, Reino Unido, Australia, Italia ou
Corea do Sur.
Todos
estes proxectos, e tantos outros que sería moi longo descrebir e que
significan axudas para numerosos países, os leva a cabo China, sen
exixir asentar bases militares nos países favorecidos e sen intervir
nos asuntos internos dos mesmos; unha acción que eu denomino
“imperialismo de baixa intensidade”, que a vai
converter nos próximos anos, se non o é xa, na primeira potencia do
mundo e que loita denodadamente por conseguir fronte o unilateralismo
dos EEUU, que pensaron que unha vez desaparecida a URSS tiñan todo
gañado, un mundo multipolar que ofreza algo alternativo ó
que ofrece a cadea imperialista liderada polos EEUU: sumisión,
expolio das riquezas, intervencións militares e ditaduras.
Pero
que ninguén vexa nas miñas verbas tomar posición por China; cando
a cualifico de imperialista estoulle chamando capitalista na fase
final do mesmo, e do capitalismo ningun pobo pode esperar nada.
Unha Unión Europea
mergullada nunha fonda crise.
Fronte
a estas dúas estratexias, atópase unha UE sumida tamén na
incerteza. Ó quebranto que para o proxecto oligárquico
significou a votación no referendo e a saída do Reino Unido, co que
se está a negociar nunha primeira etapa, sen que se chegue a un
acordo, sobre a factura que debe pagar, a situación dos europeos no
seu territorio e a situación da fronteira en Irlanda do Norte e a
República de Irlanda, a actual construcción da Europa contra os
traballadores ten cada vez máis atrancos sen que se albisque unha
alternativa desde a esquerda; polo tanto esta construción sofre de
parálise, pero respecto ós intereses d@s
asalariad@s aínda pode empeora-la situación.
Existen
atrancos económicos como son a non superación dun xeito claro da
crise desde unha visión capitalista, debido ós baixos niveis de
crecemento, a baixa inflación, ou que se está a chega-lo fin da
intervención do Banco Central sen que se teñan conseguido os
obxectivos programados. Sobre esta Europa abátense negros nubeiros
que como sempre pagarán os que non teñen culpa.
Outro
piar desta incerteza e o retroceso da socialdemocracia, convertida ó
keynesianismo, nos principais países, Francia, España, Alemaña,
onde colleitou os peores resultados dos últimos 70 anos, Grecia...
só aguantan os laboristas. Retroceso debido a súa conversión ó
neoliberalismo, a xestión da crise, as políticas de austeridade e
ser garantes desta coonstrución europea que se fai contra @s
traballador@s.
No
Reino Unido a crise política é manifesta e no Estado Español,
clara do réxime nado ca Constitución do 78, retroceso do
bipartidismo, crise económica persistente, renuncia na xefatura do
estado, corrupción...que ve agravada a súa situación pola
incapacidade para resolver, e deixalo empodrecer, do problema que
representan as nacións sen estado.
E
claro, se ademais de todo o exposto, en Alemaña, o motor económico
e principal actor político, o que impón as políticas económicas e
sociais, entra nunha etapa de crise política, incapaz de establecer
un goberno estable, cuestión que leva anos presente, non é dificil
entender a aparición en moitos países, substituíndo á esquerda,
de movementos progresistas, cidadanistas, que a dereita conservadora
cualifica, ca súa falla de imaxinación de populistas e pola dereita
dun populismo autoritario que comeza a poñer en cuestión a
propia existencia da UE, pero desde políticas máis retrogradas que
as que practica na actualidade a burocracia de Bruxelas, con Juncker
á cabeza. Para gobernos como o español e os seus aliados, todo o
que se opón as súas políticas é populismo, o anatema universal,
pero sen explicar que significa ese termo nos estudos políticos e
sociolóxicos, as versións contraditorias que do termo existen.
A
oligarquía en momentos de crise e incerteza non quere novos
problemas, e o procés en Cataluña aguzaba o problema da súa
construción; polo tanto permaneceu illado a nivel internacional e
vai ser difícil que consiga este apoio mentres a situación actual
non teña unha nova perspectiva.
En
Galicia no mes de decembro de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario