Carlos Dafonte.
A maioría do conxunto de
persoas que habitamos o territorio sobre o que exerce as súas
funcións o Estado Español, atopámonos con enormes problemas de
todo tipo por moito que o antigo Presidente do Goberno “M. Rajoy”
se cansase de dicirnos nestes anos que “este es un gran país” y
posiblemente sexa así por ser tan diverso, plurinacional, por ter
asumido influenzas de diversas culturas aínda que os poderes
económicos, os políticos que lles serven e o funcionamento da
maioría das institucións, parecen querer desmentir esa afirmación.
E a marcha da economía
para a maioría d@s traballador@s
asalariados, tamén o desminte, nun momento moi difícil como o
actual, que sen saír dunha crise económica moi fonda, na que
segundo a última EPA aínda hai máis de 3.200.000 parados, que
transformou para peor moitos aspectos da nosas vidas, anúnciase, os
datos económicos macro e micro así o amosan, o inicio doutra.
Podemos ser ese grande
país que anunciaba “M.Rajoy” cunha débeda impagable do 100% do
PIB?; cuns datos de pobreza infantil que nos sitúa nos primeiros
postos dos países que configuramos a Unión Europea?; sen nada que
ofrecerlle a nosa mocidade como non sexa taxas de precariedade no
traballo, e de paro estrutural das máis altas da UE, e uns salarios
que non permiten facer proxecto algún de vida, o que lles empurra a
marchar cara a outros países onde lles garantan alomenos unhas
pensións dignas, aspecto que no seu, non teñen garantido?. Somos
ese grande país cunhas pensións miserentas para unha parte
maioritaria dos nosos pensionistas, que durante anos foron os únicos
en crear riqueza, aínda que as leis e a estrutura do réxime,
permitiu que da mesma se apropiara unha minoría privilexiada, que
pouco mudou respecto á clasehexemónica franquista, o que lle
permitiu acadar enormes fortunas?
Están seguros os que asi pensan que somos ese grande país, cando cada vez se fai maior a fenda entre ricos e pobres e os primeiros cada vez o son máis, e os segundos aumentan dun xeito acelerado? Está seguro “M.Rajoy” e todos os que pensan como il, que cos niveis de desafiunzamentos que se teñen producido, cos miles de familias expulsadas das súas casas por non poder paga-las hipotecas que se converten en propiedade dos bancos e despois se crea o “banco malo”, cos cartos de tod@s, para alivia-los seus balanzos, podemos facer afirmacións como as que facía? Non hai nada que dicir do perdón da débeda ós bancos rescatados cos cartos dos nosos impostos, e negarse como o Pp e outros partidos, á suba do salario mínimo? Ou sobre o expolio da caixa de Reserva da Seguridade Social?. En outro país que polos menos amosou nuns momentos ser grande a pesares de ter un territorio pequeno, ós banqueiros se lles meteu no cárcere; si xestionan mal e cometen fraudes á sociedade, deben ser castigados e destituídos dos seus postos, neste “gran país” seguen nos seus postos e polos datos económicos que se teñen, están a preparar outro proceso de crise.
Para “M.Rajoy” e @s
que como el pensan, posiblemente cando dicía “somos un gran país”
teñan na súa cabeza a etapa imperial, aquelo de “polo imperio
cara a deus”, a cantidade de territorios que dominábamos, as
inmensas riquezas que roubábamos, os xenocidios que cometíamos e o
oropel de todo aquel proceso, pero non fan a menor crítica a como
monarquías corruptas e incapaces, Austrias e Borbóns, non foron
quen de consolidar ese dominio e permitir, polo menos, que o pobo
vivira mellor e servira para ser un dos países máis avanzados do
planeta; o converteron nun patio de Monipodio cervantino cheo de
picaros; a oportunidade se tivo, como a tiveron Inglaterra, Holanda e
Francia, eso sí sometendo ás monarquías respectivas á lei,
quitándolles poder, desaloxándoas do mesmo, durante etapas
enteiras, ou proclamando a república ata os nosos días, cousa que
no estado español non se levou a cabo e cando se conseguiu inicia-lo
proceso, no ano 1931, un golpe levado a cabo por militares incursos
no delito de felonía, deu o traste co mesmo.
Pois ben, cando por medio
dunha moción de censura nos liberamos de “M.Rajoy”, agora temos
que soportar a Casado, toda a vida adicado á política, desde que
ocupaba cargos nas Novas Xeracións pasando polo gabinete de Aznar,
sen contacto algún co mundo do traballo, con títulos universitarios
sospeitosos, que nos repite que o proxecto de Orzamentos pactado
entre Pose e Podemos, nos vai levar a unha nova recesión, cando debe
coñecer que os sete anos do Pp no goberno crearon unhas condicións
básicas para que esta se produza e antes de que se comezara a falar
dos Orzamentos aínda hoxe non aprobados, xa todo apuntaba, tamén
polas condicións internacionais, que sin saír da anterior crise
económica, todo se atopa preparado para entrar na seguinte. ¡¡É o
Capitalismo Sr Casado!!.
Un individuo que está a
levar nestes meses, presionado polas posicións de extrema dereita,
de C's, e Vox, o camiño que nos sitúe nos tempos de Aznar o seu
mentor, que non hai que esquecer que a maior parte dalgún dos
compoñentes dos seus Gobernos, ou están condenados, algúns no
cárcere, ou incursos en procesos xudiciais que os poden levar a
ela.
Non debemos esquecer
tampouco que durante o tempo de goberno Aznar, aprobáronse
determinadas Leis que explican a fondura da crise e o aumento da
corrupción estrutural na sociedade; a Lei Eléctrica, do ano 1997, a
Lei do Solo que é a base da enorme burbulla inmobiliaria, a Lei de
Caixas, a Lei do ano 2002 de concesións de autopistas e radiais, e
que despois tivemos que rescatar. Ou a alianza con EEUU, Reino Unido
e Portugal para iniciar unha guerra en Oriente Medio pola existencia
de “armas de destrución masiva en Iraq”, totalmente
inexistentes, un verdadeiro golpe de estado a nivel internacional,
contrario ó mandato da ONU, que o único que buscaba era unha
remodelación de toda a zona en beneficio das grandes empresas
petroleiras e do estado-xendarme de Israel.
Ademais o goberno Aznar
finalizou o traballo comezado polo Psoe con González, de privatizar
a parte das grandes empresas de carácter estratéxico, que comezara
na época anterior, o que lle permitiu ter un adicional de máis de
38.000 millóns de euros que lle serviron para facerse propaganda
sobre a súa xestión e o superavit, e deixou ó país sen capacidade
de intervencións neses sectores, o que explica por exemplo, que
paguemos o prezo da electricidade máis alto da UE. Polo tanto
desconfiemos dun personaxe e dun partido que se identifica con Aznar
e as súas posicións sobre determinados temas que hoxe hai que
resolver; non esquezamos as posicións de Casado contra a actual lei
do aborto e contra a eutanasia, apoiado por esa asociación que se
denomina “Hazte oir”; o seu combate permanente xunto cos sectores
máis reaccionarios da Igrexa, contra o que chaman “ideoloxía de
xénero”; o estar a favor da libre elección de hospital e colexio
o que significa un ataque os servizos públicos; ou o combate
constante contra a Lei da Memoria Histórica e afirmar que non
gastaría nin un euro en desenterrar a Franco, o que amosa
considerarse un dos gañadores da guerra e como tal quere que todo
permaneza “atado e ben atado”; ou a súa petición de
ilegaliza-los partidos independentistas e as peregrinas
manifestacións sobre o movemento 15 M, producido segundo a súa
opinión, pola razón de que moitos mozas e mozos non ían ter esa
segunda vivenda que teñen os seus país. Pero o que ten máis claro
nun país como o noso que a maioría dos impostos os pagan as rendas
do traballo, é que hai que baixar impostos, eliminar os de
sucesións, doazóns e patrimonio e diferentes desgravacións, que
obxectivamente só van beneficia-los máis poderosos.
Como sociedade dividida
en clases, para aqueles que lles vai moi ben economicamente neste
territorio, levando a cabo toda unha serie de negocios e axudando á
corrupción de determinados partidos, o poden considerar un “gran
país”, que se corresponde cos que teñen máis de 170.000 millóns
de euros en paraísos fiscais, os que gozan dunha lexislación que
permítelles a evasión fiscal xa que contan con bufetes de avogados
e asesores que manexan moi ben todos os recunchos legais para pagar
ou nada, ou moito menos; pero para a grande maioría os que cobran
por nómina, este país e o seu réxime, se ten convertido nunha
maquina de “destrución de futuro” e senón somos capaces de
abrir axiña un proceso de mobilización, de explicación da
realidade, que non é a que explican os medios de comunicación, a
maioría en mans do capital financeiro, e non entran nos problemas
reais da xente, senón somos capaces de escapar do cepo das
institucións e comprender que a actividade política se leva a cabo
tamén na rúa, paseniño pero sen pausa, se van seguir a recortar
toda unha serie de dereitos polos que comezamos a loitar en plena
ditadura. É necesario organiza-la loita ideolóxica, un elemento
fundamental pero esquecido da loita de clases. Hai que desenmascarar,
dende as posicións de esquerda, acotio, ó neoliberalismo político,
á economía neoclásica e o keynesianismo, que son as armas cas que
xogan os inimigos d@s traballador@s
Se o Pp entrou nun
labirinto ca súa derrota no Congreso, por medio dunha Moción de
Censura que puxo de acordo a “tirios e troianos” para sacala
adiante, sobre todo polos casos de corrupción estrutural que algúns
xuíces comezan a amosar como propia do Pp, e as eleccións primarias
que o romperon en dous cachos, as posicións actuais do partido con
Casado como presidente, afondan nesta situación ó “tira pola
borda” o traballo de moitos anos co obxectivo de situalo nese
“centro” inexistente, pero que a nivel propagandístico callan en
certos sectores d@s seus votant@s
e das clases subalternas. Hoxe co patrocinio cada vez máis claro de
Aznar, e as presións de C's e Vox, pola súa dereita para quitarlle
votos do sector máis retrógrado, atopámonos cun partido
desideoloxizado, moi característico do panorama político actual,
que desminte cas súas declaracións de todos os días que este sexa
un “gran país”, pois cada vez máis o réxime imperante, actúa
con aleivosía contra a cidadanía que di representar, e o PP é un
alicerce importante do mesmo.
Para completar máis este
mosaico revisionista, que xira cara a onde van os ventos en Europa,
pero sen chegar a plantearse a saída da UE, desdicíndose do que hai
un curto tempo dicían ser, o secretario xeral do PP á enquisa de,
que é para ud España? Contesta falando de raza, non esquezamos que
se lle atribúe a Franco o guión da película “Raza”, e de rezar
un “padrenuestro” todas as mañás. Posiblemente sen querelo,
traizooulle o subconsciente, para el España é unha colectividade
minúscula, os poderosos, un grupo de xente moi reducido, que piden o
amparo de deus para seguir explotando a forza de traballo todos os
días. E o teñen crido, configuran unha raza aparte de tod@s
cant@s vivimos no territorio do estado
español.
Pero esta crítica,
moitas veces feitas ó Pp, non debe levarnos a apoiar ó PSOE pacte
con quen queira que pacte, pois despois de 22 anos de goberno,
coñecemos todo o que fixo en contra da clase traballadora, así como
non estar dispostos a facer nada que modifique as estruturas do
actual réxime. Todo o que leven a cabo, será “pura cosmética”.
Pois ben señoras e
señores do Pp e do resto dos partidos do “arco parlamentar”, un
“gran país” é aquel capaz de comprender, primeiro, a situación
na que vive a parte maioritaria da poboación que o habita, segundo,
que respecta as diferencias de culturas, opinións e opcións
políticas e que tente por todos os medios soluciona-los problemas
que lles atinxen... Pero iso, dentro do capitalismo é imposible,
sistema onde só o obxectivo dunha pequena parte, da máis poderosa
da sociedade, a que ostenta o poder, é busca-lo beneficio a conta da
explotación da maioría e todo o sistema traballa nesa dirección
En Galicia no mes de
Novembro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario