Carlos Dafonte
Tamén son problemas
políticos e de primeiro orde, os problemas que acucian á UE; senón
tiñan bastante os burócratas de Bruxelas con resolve-lo labirinto
do “brexit” e todo o que iso implica, aspectos segredos do mesmo
e revolta na Cámara dos Comúns para coñecelos, que puxo a Teresa
May no disparadeiro e a obriga a que non volva a presentarse, ou a
inestabilidade que xera as dificultades electorais de Merkel en
numerosos lander que lle obrigan a marcharse, ou unhas posibles
próximas eleccións en Italia, onde a Liga sobarda nas enquisas ó
“Movemento 5 Estrelas” e pode que faga o posible para que isa
nova situación tome carta de natureza na Cámara italiana, ou porque
non, unha novas eleccións no “reino borbónico”, onde os
nacionalistas non van facer concesión algunha diante da ameaza dun
Tribunal Supremo que está disposto a enterrar en vida na cárcere a
numerosos líderes catalás.
Pois ben, o piar máis
firme desta UE imperialista e antidemocrática ó servizo da
oligarquía, xunto con Alemaña, Francia e a súa cabeza visible, o
Presidente Macron, atópase en serias dificultades por un movemento
en principio espontáneo, coñecido como os “chalecos amarelos”,
que acontece xusto 50 anos máis tarde que o célebre e celebrado
maio de 1968, que anunciou non só en Francia, que se terminara o
período de “vacas gordas” iniciado após do final da II ª
Guerra Mundial e iniciábase o das “vacas fracas”, do que parece
a economía mundial, agás pequenos períodos de bonanza, incapaz de
saír.
Ó inicio deste movemento, o eixo central da protesta, foi a suba do gasóleo, iso era o que nos dicían os medios, un movemento contra os impostos, o que nos fixo lembrar o “poujadismo”, movemento moi francés aparecido na metade da quinta década do século pasado, moi escorado á dereita, que agrupaba a pequenos comerciante, tendeiros, rendistas... é dicir a pequena burguesía que chegou a obter máis de 50 deputados nun momento determinado, entre eles o señor Le Pen, o pai da actual política francesa. Ou os “forconi” italianos de hai poucos anos que cos mesmos obxectivos, paralizaron Italia, tiveron forza durante un tempo e despois desapareceron.
Creo que este movemento
de Francia é algo distinto dos anteriormente sinalados, e algo máis
que un movemento anti-impostos aínda que o tema do gasóleo foi
importante nun país onde o 80% dos vehículos o utilizan e os que
sofren a crise, sobre as costas de quen se quere saír da mesma, cada
vez viven máis lonxe das zonas onde traballan, pola suba do aluguer
da vivenda, nun país no que se queren suprimir preto de 11.000
quilómetros de camiño de ferro, o que obrigará aínda máis a
utiliza-lo automóbil privado, cun combustible que aumentou o seu
prezo un 23 % no último ano.
Tentando enganar, se
dicía por parte do goberno, que se subía o imposto para protexe-lo
medio ambiente, pero suprimir os miles de quilómetros que quere o
goberno francés levar adiante, incrementará o número de camións
transportando mercadorías polas estradas e o número de usuarios do
automóbil. Todo é unha mentira. Á empresa petroleira Total se lle
exonera de toda carga fiscal, segundo León Cremieux.
Non é so un movemento
contra un imposto, as súas reivindicacións son as propias do mundo
do traballo asalariado, sexas activo, parado ou xubilado, ten un
carácter de clase evidente, a pesares da súa heteroxeneidade, nun
país no que se rexeitan ós partidos que o dirixiron en alternancia,
que regalaron os ricos o incremento das súas enormes fortunas, con
medidas como suprimirlles impostos, as medidas do goberno reduciu os
mesmos sobre as rendas do capital, aumentando o IVE, que pagan
maioritariamente as rendas do traballo, mentres os menos favorecidos
ven tamén reducidos os subsidios para vivenda, as pensións e os
prezos dos artigos de primeira necesidade aumentan constantemente e
as prestacións por desemprego e salarios non o fan.
Este tipo de políticas a
favor da minoría rica foi a “pinga que colmou o vaso” e explica
a actual situación e a saída espontánea en principio, de centos de
miles de traballadores, pequenos comerciantes, etc, a paralizar
estradas e cidades en toda Francia, movemento que ten rexeitado os
intentos da extrema dereita de manipulalo e dirixilo, pero tamén hai
que dicilo, que se o movemento obreiro non se atopa na vangarda desta
loita, é por atoparse curando as feridas que o neoliberalismo lle
produciu cas derrotas, nas importantes batallas perdidas como a de
2010 contra a reforma das pensións, a levada a cabo contra a Lei do
Traballo ou a folga dos camiños de ferro, entre outras. Pero tamén
por posicións inexplicables das direccións das centrais sindicais;
algunhas organizacións de zona e rama si o axudan.
As reivindicacións máis
importantes deste movemento, ademais da baixada do imposto sobre o
gasóleo, son a suba do salario mínimo; por un sistema de pensións
solidario e polo tanto socializado e que ningunha se atope por
debaixo dos 1200 euros; dereito a vivenda digna para persoas en
situación precaria; favorece-lo pequeno comercio en pobos e cidades
e parar a construción de grandes áreas comerciais que matan as
pequenas empresas; que as grandes fortunas e empresas transnacionais
paguen impostos en función dos enormes beneficios que obteñen;
protexe-los empregados das empresas prohibindo a deslocalización
das mesmas; que volvan a ser públicas as empresas de gas e
electricidade que dende a súa privatización aumentan constantemente
os prezos; aumento de prestación para persoas discapacitadas...etc,
estas son entre outras moitas, algunhas das reivindicacións do
movemento, que nada ten que ver cun de carácter anti-impostos, como
moitas veces se nos quere facer crer.
Si a extrema dereita non
se puido infiltrar e conduci-lo movemento, a extrema esquerda e nos
referimos á “Francia Insumisa” dirixida por Málenchon e Rufifin
o NPA de Besancenot e Alternativa Libertaria, que se atopan moi en
“horas baixas” e sen grandes perspectivas, apoian ó movemento e
tentan construír sobre o mesmo unha alternativa política.
O Presidente Macron, o
representante da banca Rothschild e todo o que ese mundo representa,
cuxo índice de popularidade atopábase no 25% foi derrotado, a súa
comparecencia de hai uns días pedindo perdón e rectificando algunha
das medidas foi patética. A súa experiencia na política, sen
partido que o apoie, pode finalizar axiña, pois nas circunstancias
nas que gañou as eleccións son moi volátiles os apoios e ó
primeiro síntoma de debilidade, moitos dos que tiña como vencedor
desapareceran. Non debe esquecer tampouco que si tuvo tantos votos
foi por enfrontarse a Le Pen nunha segunda volta.
Que facer?, a eterna
pregunta en situacións complexas. O que non debe facer a esquerda
que en Francia é moi plural, é tentar levar o movemento cara a
creación dunha formación política, iso sería estragalo; o
movemento debe continuar ca súa autonomía, ampliando o seu
programa, impoñendo o asemblearismo como xeito organizativo, fuxir
da institucionalización da representatividade para negociar co
goberno, amplialo a outros sectores da sociedade en loita. Como di o
sociólogo Alain Bihr, trunfe ou non o movemento, hai un campo enorme
para sindicatos e organización de esquerda e si non levan adiante un
traballo adecuado serán os responsables que en momentos de dúbidas
este movemento se incline cara a extrema dereita.
O goberno, con Macron á
cabeza, tentará que sexa unha simple perturbación nunha mañá
soleada, unha treboada; pero os “chalecos amarelos” queren
solucións inmediatas e o proxecto Macron viuse freado, que é o
proxecto da UE; e este movemento, de non ser derrotado, debe poñer
sobre a mesa este problema que afecta á clase obreira europea e que
a extrema dereita aproveita no seu beneficio electoral.
En Galicia no mes de
decembro de 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario