Carlos Dafonte.
Saltou a sorpresa? Os resultados foron inesperados?. O Psoe con todo
o que se foi descubrindo ó longo destes últimos anos, con respecto
á corrupción e os xuízos que en Andalucía se están a celebrar,
eu tiña a impresión que non debían saír indemne.
Tamén que algo se estaba a “cociñar” dende había un tempo,
como resposta ó acontecido en Cataluña; foron alarmantes as
importantes contramanifestacións en Barcelona nas que participaron
dun xeito destacado, sen decatarse do que representaba a súa
presenza e o seu apoio, persoas progresistas e de esquerdas
mesturadas con C's, Pp e toda unha serie de grupos que perfectamente
poden configurar Vox; o nacional-populismo español estaba a saca-la
cabeza en moitos lugares cun certo tufo neofranquista, cada vez máis
envalentonado na “defensa da unidade da patria”, contra o estado
das autonomías, contra a Lei de Memoria Histórica ou contra as
”políticas de xénero”, etc.; o acto de Madrid celebrado por
Vox, foi un paso máis e sinalaba dun xeito nidio, as posibilidades
certas de que todo ise movemento se plasmara en candidaturas e
conseguira entrar nas institución.
Coñecíase isa tendencia e por iso Pp e C's deron un xiro ás súas propostas tentando que non se lles escaparan votos pola extrema dereita; pero non o lograron e en grande medida, sobre todo o Pp, fíxolle a campaña. Ciudadanos tamén, a campaña en Andalucía fixérona nunha maior parte, falando de Cataluña, eles, que sendo o partido maioritario non foron quen de presentar a súa candidata á investidura. A confluencia de tantos discursos de extrema dereita nas eleccións, fixeron que o que debía ser unha excepción, Vox, se convertera en algo normal.
Outros aspectos a considerar para entende-los resultados é o
cansanzo por esta crise que non ten fin e a ineficacia do
bipartidismo para darlle solución, sempre actuando na defensa dos
intereses dos poderosos.
Ou a corrupción insoportable para a maior parte da sociedade,
descuberta dende hai tempo nos dous partidos que durante todos estes
anos ocuparon as institucións. Estes feitos explican a grande
abstención como voto de castigo e creo que tamén, da mesma natureza
é, parte do que se manifesta a favor de VOX, que introduce un novo
elemento na política estatal, pero polo de agora non inserido na
corrente anti-UE propia dos movementos que frutifican na maioría dos
países dese espazo.
Na celebración dos 12 deputados conseguidos, se daban vivas á
Legión, ó Rei e a unidade de España, segundo algúns
correspondentes, que os identifican máis cos elementos residuais dun
posfranquismo que segue a existir e que posiblemente, a partir de
agora materialice a súa presencia nas institución.
O tropazo do bipartidismo é moi importante, entre Psoe e Pp perderon
21 deputados e unha morea de votos. Os dous partidos neoliberais,
progresista un, conservador o outro, partidarios da actual
construción da UE e dos tratados de Maastricht e Lisboa e de
facerlles pagar @s traballador@s
co peso da crise. Polo tanto non se deben analiza-los resultados na
clave esquerda-dereita, pois o Psoe non o podemos considerar dentro
do que se concibe como esquerda, e os titulares de “a esquerda
derrotada”, o único que tentan é seguir mantendo unha ficción.
“Adelante
Andalucía” non callou, por unha razón moi sinxela, en política
poucas veces 2+2 = 4; unha veces as alianzas suman e outras restan e
as reticencias dunha parte de IU a ser fagocitada por Podemos, ten
consecuencias e polo tanto AA baixa respecto ó que tiñan Podemos e
IU por separado; é unha manipulación tomar a suma de ambos como
punto de partida. Agora hai un punto de partida, se a coalición se
mantén, xa hai unha referencia. O importante é que sexan capaces de
analizar e chegar as conclusións atinadas duns resultados tan
cativos, de conseguir ver os fallos que tiveron e se é verdade, como
dixeron moit@s
periodistas que fora a mellor campaña de todos cantos partidos se
presentaban.
Tamén e digno de análise como un pacto para gobernar, como o que
funcionou durante un tempo entre Psoe e C's se rompe e non beneficia
ó máis grande, como sempre aconteceu tanto a nivel autonómico como
municipal; a corrupción, a ineficacia fronte os problemas sociais,
esa idea do Psoe cómplice dos independentistas para sacar ó PP da
Moncloa, poden ser as claves para explicar este feito que leva ó
Psoe ós peores resultados da democracia no seu feudo, no seu celeiro
máis importante de votos.
Hai que analizar ben os resultados, pero cabe a posibilidade que o
Psoe perdera votos que foron para Vox e C's e o PP a grande maioría
para Vox. Os de AA, como suma de Podemos e IU, se foron moitos á
abstención.
Que
pode acontecer?
Podo estar trabucado, pero non creo que se vaia concretar axiña un
pacto Pp-C's-Vox, e cando falo de pacto hai moitas variantes do
mesmo; hai un panorama electoral 2019 moi complexo, Europeas,
Municipais e Autonómicas e dar un paso en falso en Andalucía, na
constitución do goberno, nos aliados, se pode pagar moi caro.
Ademais o Psoe ten nas súas mans a convocatoria de eleccións
xerais, o que complicaría máis a situación; pero despois deste
desastre electoral parece non lle quede moita munición para seguir
na Moncloa.
Unha vez constituído o Parlamento, mesa, comisións etc, alguén ten
que presentar un proxecto para gobernar, que presentarse para ser
investido. Pp e C's son partidarios ata hoxe, que o faga o que máis
votos tivera, que busque os apoios que lle permita unha investidura.
Así o repetiron ata a saciedade, cando o Pp non conseguiu maioría
absoluta nas Cortes, perdera máis de 5.000. 000 de votos e dicían
que eran os vencedores, o partido maioritario, e que lles
correspondía gobernar.
Vai Susana Díaz a tentalo aínda que coñeza de antemán que vai ser
derrotada? Poden pasarse así uns meses ata que finalice o período
electoral próximo? Poden, é posible, e despois presentar un
proxecto a tres.
Tamén hai outra combinación, que Díaz abandone, que os 17 de AA
lle den apoio para a investidura á nov@ candidat@ e que C's se
absteña. En política, sobre todo cando non hai unha verdadeira
esquerda sobre o taboleiro, todo é posible.
En Galicia no mes de decembro de 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario