Roberto Laxe
Cando Marx e
Engels escribiron o Manifesto do Partido Comunista, en 1847, a clase
obreira era a á esquerda dos partidos burgueses de esquerda, dos
liberais, dos xacobinos, etc. Houbo que esperar á fundación da II
Internacional, en 1889, para que a clase obreira contase cos seus
propios partidos de masas; é dicir, a súa independencia política
respeito da burguesía tivese expresión organizativa.
A II Internacional entrou en bancarrota na guerra de 1914, e dela saíu a revolución de outubro e a III Internacional. A clase obreira aparecía como unha clase capaz de xestionar un estado, e comezar a construír unha sociedade diferente, oposta polo vértice, ao capitalismo. A dexeneración burocrática da URSS terminou con esta imaxe: "sociedade socialista", o "comunismo" apareceu asociado a réximes opresores que tiñan de "comunistas" o nome; pero en todo o demais eran antiobreiros.
A clase
obreira, que coa revolución de outubro e a expropiación do capital
en 1/3 do mundo, encarnara un proxecto social liberador, coa
destrución destes estados e a restauración do capitalismo, viu como
a súa "imaxe" de clase revolucionaria desaparecía.
Desaparecía a "imaxe" pero non a clase, que seguía sendo
a xeradora de riqueza, a que coa venda da forza de traballo seguía
(e segue) xerando a plusvalía que enriquece aos capitalistas.
Mais, ao
desaparecer a "imaxe" como clase politicamente
independente, cun proxecto social colectivo, alternativo e
contraditorio co do capital, os traballadores / as como individuos se
reintegraron na á esquerda dos partidos da burguesía, pechando o
circulo de comezos do século XIX. Era a farsa no século XXI do
drama do XIX. Posto que na época de Marx e Engels a clase obreira
achegábase ao marxismo como algo novo, revolucionario. A farsa que o
stalinismo fixo do marxismo ao longo de 70 anos afastounos de novo,
converténdoos de novo nesa á esquerda.
Pero a historia
non chegou ao seu final. A burguesía necesito 300 anos para asentar
o seu poder desde a primeira revolución burguesa triunfante, a
independencia dos Paises Baixos da monarquía Hispánica; tamén tivo
moitas derrotas ata que o conseguiu; e tiña ao seu favor a
propiedade privada, as universidades e o poder dos burgos. Á clase
obreira non se lle pode esixir que en 70 anos consiga o que ao
capital custoulle 300 anos, cando só ten a súa explotación para
conseguilo; é sinxelamente canalla sequera pensalo.
O capitalismo
na súa decadencia pon no centro, de novo, a revolución, a
necesidade de cambiar o sistema de arriba abaixo. Os últimos 10 anos
están cheos de experiencias revolucionarias que fracasan por un
único motivo, a clase obreira non chega puntual á súa cita coa
historia, non porque non loite, que o fai e moito, senón por que
subxectivamente volveu a antes do Manifesto do Partido Comunista; non
cre que ela teña un proxecto alternativo ao capitalismo e limítase
a “resistir” os embates do capital en crise.
É necesario,
imprescindible, que a clase obreira recompoña e actualice o seu
programa da revolución socialista, enriquecido con máis de 180 anos
de historia e experiencia, para de novo romper co seu papel de á
esquerda de partidos burgueses liberais ou progresistas, e
recuperar a independencia política necesaria para levalo até o
final, que non é outro que “a expropiación dos expropiadores”.
Sorprendentemente
é nos EE UU onde estes pasos, parece, comezan a darse co xiro cara
ao “socialismo” dentro das filas do liberalismo ianki.
O “socialismo”
nos EE UU
Diversas
enquisas din que a maioría das mulleres na EE UU prefiren o
socialismo fronte ao capitalismo. Tamén que máis do 50% da mocidade
norteamericana oriéntase no mesmo sentido. E no Estado Español, e
outros estados europeos (Italia!) as forzas que triunfan son os pos
modernos da "nova política", na súa variante reaccionaria
(M5S italiano) ou na súa variante progresista (Podemos e ex
confluencias), que teñen como bandeira, xusto, o rexeitamento á
defensa dun proxecto social alternativo ao capitalismo, como é o
socialismo.
Certo é que o
"socialismo" de Sanders e as organizacións que crecen na
EE UU non son
Ademais, é o
camiño inverso ao que fai a esquerda "socialista" europea.
Nos 90 a inmensa maioría dos PCs, sectores do trotskismo (o
Secretariado Unificado da IV), do maoismo, das organizacións armadas
dos anos 60 /70 como as Brigadas Vermellas, comezaron un camiño cara
á súa homologación coa á esquerda do Partido Democrata
norteamericano; o caso máis avanzado foi o PC Italiano, que terminou
por converter-se, ... no Partido Democrata.
Mentres a
esquerda europea (na que non se inclúe á socialdemocracia) camiñaba
rumbo ao progresismo liberal do Partido Democrata ianki, a á
esquerda deste comezaba a dar pasos na reivindicación do termo que
en Europa se abandonaba, o socialismo.
O éxito de
Sanders, como o de candidatas das recentes eleccións foi
precisamente que reivindicaron un proxecto social alternativo, o
socialismo; asi fose á súa maneira, suavizado. O fracaso da "nova
política" en Europa vén xusto polo abandono e o rexeitamento
aberto dese proxecto; porque xa se sabe que no capitalismo o que non
ten un proxecto social alternativo, termina abrazando o dominante
burgués, converténdose na súa á esquerda.
Certo é tamén,
que a clase obreira europea fixo a experiencia con gobernos dos
partidos "socialistas", en realidade partidos burgués, con
réximes "comunistas", que non era máis que ditaduras
burocráticas,... e iso marca a lume a conciencia dos traballadores /
as. Pola contra, a clase obreira norteamericana nunca fixo a
experiencia con réximes dese tipo, e "socialismo" ou
"comunismo" non se asocia a políticas opresoras, senón a
"rebeldía" fronte ao sistema, que sempre estivo dominado
polos dous partidos, o republicano e o demócrata. Neste sentido
pódese falar dunha clase obreira virxe, cuxas experiencias son cos
partidos do capital.
A crise e
decadencia do imperialismo iánki, do empobrecemento da súa
poboación traballadora fai que do primeiro salga ese bufón perigoso
que é Trump, do segundo comezo a liberarse forzas que do
“liberalismo” e do progresismo achéganse ao socialismo como
proxecto social alternativo. A cuestión é que eses sectores dean o
salto do socialismo democrático, ao socialismo revolucionario; e
neste sentido axuden aos europeos no camiño de romper coa
esterilidade para o cambio social da “nova política”, convertida
na “socialdemocracia.2”.
En Galiza no mes de xuño de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario