Carlos Dafonte.
A U.E. atópase nun
labirinto; as últimas eleccións para o Parlamento aumentaron o seu
fraccionamento, expresión da perda de consenso dos partidos e grupos
que durante unha longa época, “socialistas” e “populares”,
dominaron a escena política europea. Pero sobre todo complícase
pola queda dos socialistas en Francia, Italia e o importante
retroceso en Alemaña, así como a aparición de novas forzas
políticas, que sen chegar a poñer en cuestión a actual
construción, lle formulan reformas de difícil encaixe para o
proxecto oligárquico.
Por iso entendo que a
burocracia europea necesita agrupa-lo voto da clase traballadora,
hoxe moi disperso, arredor dos partidos que despois da II ª Guerra
Mundial, levaron adiante políticas de tipo keynesiano, para
salva-lo capitalismo do difícil transo no que se atopaba.
Entendo, é a explicación ó fervor con que se ten acollido no Estado Español, por parte de numerosos medios, a vitoria do Psoe, cuxo antecedente foron os resultados de PS en Portugal e os avances que se podían homologar ideoloxicamente como os ibéricos, en Dinamarca, Suecia e Finlandia.
¡¡Volve a
socialdemocracia!!. Non nos deixemos enganar por toda esta perorata
de determinados medios de comunicación, contertulios e “analistas”;
os socialdemócratas non existen, hoxe son dende o asalto do
neoliberalismo ó “estado de benestar” construído despois da IIª
Guerra Mundial, nunhas condicións moi específicas, despois da
derrota do nazi-fascismo, que era o capitalismo sen caretas, en
estado puro, os antigos socialdemócratas xa non son nin
neokeynesianos, son neoliberais con certos matices de progresismo,
pero neoliberais, inimigos dos que teñen que vender a súa forza de
traballo.
O capital aínda que tivo
que transixir cas políticas keynesianas de despois da II ªG.M.,
sempre estivo buscando a ocasión para crear unha alternativa
económica e política e unha explicación ideolóxica ó cambio. E a
súa oportunidade xurde ca crise do final dos anos 60 aguzada pola do
petróleo dos primeiros 70.
Ata eses anos cruciais,
no período que comeza no ano 45, os Partidos Socialistas se
converten en coxestores do capitalismo, non tentaban introducir
reformas radicais dentro do sistema, só darlle @s traballador@s
as migallas do botín que acadaba a burguesía. E nesta tarefa os PS
contaron ca alianza dos sindicatos que se converteron nos defensores
do chamado “estado de benestar”.
A longa crise aguzada nos
anos 70 enfebleceu ós sindicatos e a queda do muro de Berlín e a
desaparición da URSS, deulle pulo á ofensiva ideolóxica do
neoliberalismo, cuxa práctica levouse a ensaio dun xeito alevoso
durante a ditadura de Pinochet en Chile.
Os partidos socialistas
fixeron algúns amagos de oporse a esta nova perspectiva do capital,
pero acabaron capitulando e aceptando o que se chamou a doutrina
TINA, siglas en inglés da tantas veces repetida por Filipe González
nos seus anos de goberno, “non hai alternativa ó neoliberalismo”.
E o neoliberalismo
significou, desregularizar, privatizacións de servizos fundamentais
para a poboación, impostos reducidos ó capital, liberalización
financeira, ataque ó poder adquisitivo d@s
traballador@s, deterioro das
condicións laborais, recortes en Seguridade Social, sanidade e
educación.
En Grande Bretaña o
laborista Tony Blair, se sacou da manga, unha “terceira vía” ou
“novo laborismo”que era un xeito de chamarlle ó neoliberalismo
rampante. A propia Margaret Tatcher chegou a dicir que “a súa
maior obra” era a capitulación e o desarme ideolóxico dos
laboristas, que se encarnaba na figura de Tony Blair.
Os partidos socialistas,
afastados da loita social, carentes de ideoloxía dende o abandono do
marxismo e sen a presión dos partidos comunistas, moi danados polos
acontecementos de Europa do Leste, o PCI con preto de dous millóns
de afiliados disolveuse, integráronse no neoliberalismo e se
converteron nos xestores do mesmo, e a nivel da UE, xunto cos
“Verdes”, aceptaron todas as propostas neoliberais, levándoa ó
estancamento económico, ó caos financeiro e a crise e a unha parte
moi importante da súa poboación á pobreza; ten aumentado dun xeito
moi importante, a diferencia entre ricos e pobres e preto dunha
cuarta parte da poboación da UE atópase en risco de pobreza.
Isa é a razón da
desaparición na maioría dos países dos PS e a debilidade noutros
moitos, a xestión da política neoliberal, e a busca de novas forzas
políticas en quen depositar-la confianza, por parte dunha grande
parte de traballador@s
asalariad@s.
A celebración por parte
de moitos medios defensores do neoliberalismo, como dicíamos ó
principio, destes xermolos que aparecen en determinados países, ós
que saúdan como a “volta dos socialdemócratas”, significa, e
non se debe ninguén deixar enganar, que se tenta a reconstrución do
bipartidismo europeo, non para pular políticas distintas ás
neoliberais, senón para manter mellor o control sobre as mesmas.
Neste panorama as xentes
que se consideren de esquerdas teñen, sen esperar moito tempo,
inicia-la reconstrución do espazo que agrupe ás mesmas. Tarefa
difícil, chea de atrancos, o primeiro o sectarismo, o segundo a
necesidade da clarificación ideolóxica e programática e o
terceiro, pero son intercambiables, a cuestión da organización.
Un caso clarificador é o
portugués; que se pon como exemplo deste xiro socialdemócrata,
cando a realidade foi que o partido socialista, presentou nas
eleccións o programa máis neoliberal e contrario ós traballadores
da súa historia, é obrigado polas circunstancias de querer
gobernar, a contar co Partido Comunista e o Bloco de Esquerdas, que
modifican parte dese programa, fixéronlle perder varias votacións
no Parlamento retirándolle a confianza, ata que aceptou un programa
máis axeitado ás necesidades d@s
traballador@s. Pero os seus apoios
non entraron a formar parte do goberno. Que pode acontecer nas
próximas eleccións portuguesas? Pois que o PS, acade maioría
absoluta e comece a obra de desfacer o pouco que agora se construíu.
Ise é o perigo de pactar con neoliberais.
E no Estado español ca
presentación por parte do Goberno do Psoe, en Bruxelas, do seu Plano
de Estabiliade do que xa falei no meu anterior artigo, poucas
políticas de corte social se van poder levar adiante. Non entendo
neste senso a postura que mantén nas negociacións para formar
goberno por parte de Unidas Podemos, pois non lle garante ó Psoe a
maioría absoluta e polo tanto un programa neolibaral do Psoe, de
acordo co seu Plano de Estabilidade, sería aprobado polas forzas de
dereita, cunha certa presión dos grupos económicos. Todo o que se
está a discutir sobre si goberno de coalición, de cooperación, e
todo o que se nos pase pola mente, sen programa, isa é a realidade,
non son máis que “brindis ó sol”, preparando unha investidura
da dereita progresista, o Psoe, co apoio da dereita conservadora.
En Galicia no mes de xuño
de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario