Carlos Dafonte.
As eleccións xerais
convocadas para novembro do presente ano e a proximidade cas
autonómicas do ano 2020, debe dun xeito case obrigatorio abrir dende
hoxe unha reflexión, sobre a situación política, económica e
social da nosa nación sen estado, que permita entender os resultados
electorais de novembro e abrir cara a convocatoria das autonómicas o
proceso que axude, ós progresistas e os restos da esquerda, a tentar
rectificar ou reafirmar os devanditos resultados.
O obxectivo fundamental
en todo este longo proceso debe ser, sexamos realistas, opoñer os
maiores atrancos posibles á continuación das políticas neoliberais
que están a mergullar Galicia nunha situación de emerxencia
económica e social; a privatización dos seus servizos públicos, a
continuidade do proceso desindustrializador, a indiferenza de moitas
organizacións políticas diante das consecuencias do “brexit” ou
dos aranceis impostos por EEUU a algúns dos nosos produtos, a
emigración de decenas de miles de mozas e mozos nos últimos anos, a
venda do noso territorio a empresas extractoras, etc
Ca maioría das persoas cas que falo, pertenzan ou non a organizacións políticas, concordan en que o “proxecto Feijoo” atópase acabado, amortizado, e eu pregunto, hai un proxecto Feijóo ó marxe do neoliberal pulado pol “cartel da troika”, o FMI, a UE e o BCE?. Se a contestación é afirmativa terán que explicar en que consiste o mencionado “proxecto”; se o proxecto é o neoliberal, o que se aplica no Estado Español dende hai anos, debemos concordar en que os votantes non o fan tanto a favor de proxectos e programas senón a unha persoa ou partido, que nun momento determinado lles ofrece confianza, tanto a aqueles que se atopan cómodos co proxecto neoliberal, lles permite extrae-lo máximo de plusvalía e polo tanto lles funciona ben a acumulación, e confianza tamén ós que sen estar satisfeitos co que acontece cas súas vidas, baixos salarios, recortes de dereitos, peor funcionamento dos servizos públicos a causa das privatizacións, etc, consideran que a personaxe ou o partido en cuestión pode, co seu quefacer político, introducir cambios nas súas vidas cotiás.
A miña opinión é que
Feijoo non ten proxecto, aplica as políticas que emanan da U.E. e
das institucións do Estado Español; a marxe de manobra para unha
comunidade autónoma, que non conta ademais cas transferencias de
todas as súas competencias, é máis estreita en tempos de crise,
cando o capital tenta con máis forza a centralidade e a
concentración do mesmo; ter un proxecto propio levaría a unha
posición distinta das institución da Comunidade Autónoma, faría
oposición a esta situación e levaría a cabo unha política
económica enfrontada a estes procesos.
Sería importante que os
que falan do “proxecto Feijoo” expliquen en que consiste, que
trazos o identifican e cal é a alternativa; e si esta alternativa se
vai facer dende o neoliberalismo dominante, que non sería
alternativa senón unha simple alternancia, ou verdadeiramente son
capaces de artellar para Galicia unha proposta política, social e
económica, reformista, ninguén lles vai exixir unha proposta
revolucionaria, que abra unha perspectiva estratéxica de cambio.
Se o programa neoliberal
se considera o único posible, o Pp o debe ter claro, si consideran
que Feijoo xa esta “amortizado”, debe buscar a unha persoa que o
substitúa e que volva a inspirar confianza tanto os partidarios do
neoliberalismo como os que sen selo, confíen de novo en que cambien
as cousas. E os que se din oposición analiza-las súas eivas para
que en todo este tempo de presidencia de Feijoo, non foran capaces,
cada un dende a súa perspectiva e programa, de explicar a fondo á
sociedade galega, ós seus traballador@s, en que consiste o proxecto
neoliberal, cas particularidades do mesmo en Galicia, por ser unha
economía dependente.
A situación das
forzas políticas en Galicia.
Polo
tanto os elementos esenciais para trunfar son a credibilidade e a
confianza; que os que tentan substituír ó Pp no goberno da Xunta,
se vexan, é moi difícil que o poda levar a cabo unha soa forza
política, como forzas garantes dun cambio posible para o que
necesitan te-la confianza dunha parte importante da sociedade galega.
Acontece isto?.
Hai partidos e
organizacións políticas, no espazo progresista e algúns restos da
antiga esquerda anticapitalista, que se atopan anquilosadas; o seu
funcionamento e programa non está á altura dos tempos que lles toca
vivir, tempos difíciles é certo, pero esta dificultade ten tamén
relación co xeito no que traballaron na sociedade, máxime cando no
Estado Español estamos a pasar, nos últimos anos, dunha situación
política de certa estabilidade burguesa, a unha nova que
cualificaría de reaccionaria; no
que xa non se pode negar o grande dominio do capital
financeiro, que impón o seu “sentido común” utilizando a
maioría dos medios de comunicación, en medio de crises e recesións.
Pois ben estes partidos ou organizacións políticas, dende a miña
opinión, non teñen analizada dun xeito competente, a situación
política, económica e social na que Galicia vive. Algúns
desapareceron como organización que funcione, aínda que non se
teñan disolvido. Pero esta nova situación a nivel de estado, a
considero distinta, pero pode desembocar na mesma se non se loita con
firmeza, como o que moit@s consideran xa,
unha situación de claro dominio das ideas do fascismo.
Enfrontarse a esta nova
situación cos vellos instrumentos en moi mala situación, tanto
política como organizativamente, pois primou a presenza
institucional a facelos funcionar, e mergullados nun proceso de
sectarización e de carencia dun análise obxectivo da realidade,
leva a moitos a desaparecer do escenario político e axuda a prima-lo
bipartidismo. E isto se lles pode aplicar tanto ás que se consideran
sen ningún tipo de dependencia de forzas políticas españolas, como
as que si teñen relación con forzas que funcionan a nivel de todo o
estado.
As novas formacións
políticas que xurdiron das vellas estruturas existentes concitaron
a un grande número de elector@s, por
exemplo primeiro AGE e após En Marea. A segunda axiña amosou que
sen experiencia política e sen capacidade organizativa, non se
camiña cara a unha organización estable. Esta situación de
inestabilidade, agudízase cando se constrúe a partires de
determinadas organizacións, que son as que teñen peso na sociedade,
e se fixeron todas as manobras posibles para eliminalas dos postos de
responsabilidade e decisión, en aras dunha “nova política”.
A derrota das Mareas
Municipais, nas tres capitais importantes onde tiñan alcaldía,
reflicte a incapacidade para pactar ca sociedade un programa de
transformación que garanta un consenso maioritario, substituído por
pactos moitas veces con aquelas forzas ás que queren relevar pola
súa incapacidade amosada en moitos anos, para levar adiante unha
política municipal transformadora. A precipitación por asumir
determinados postos, levou á súa derrota.
O Psoe é un partido que
sigue con fidelidade o que se ordena dende a UE, políticas
económicas neoliberais e de austeridade contra a grande maioría da
sociedade; por moito que alboroten cando se atopan na oposición
formulando toda unha serie de medidas, cando chegan ó goberno son
moi disciplinados en cumpri-lo que o “cartel da troika” indica.
Non quixeron deixar sen efecto nin a reforma laboral do PP, nin a
chamada “lei mordaza”, por exemplo.
Un caso curioso é o
BNG, a mellor muleta que ten o Psoe para gobernar Galicia; os apoian
nas Deputacións, nos Concellos e ata na época de Zapatero, na
aprobación de orzamentos verdadeiramente antisociais; ó Psoe que
apoiou o 155 contra o proceso en Cataluña e a modificación xunto co
Pp, do 135 da Constitución; que aínda segue sen facer unha
autocrítica de como se desenvolveu o bipartito que permitiu a
maioría absoluta do Pp encabezado por Feijoo. Segue a se-lo Bng unha
forza rupturista?; teño moitas dúbidas.
Pactar co Psoe órganos
de goberno, sexa nos Concellos, Deputacións ou Xunta, significa
consolida-lo réxime e acepta-las políticas económicas neoliberais.
Si lle engadimos que non formula con claridade no día a día, o
dereito de autodeterminación e a decidir o destino da nosa nación
que é Galicia, dubido que sen un cambio na súa táctica actual e
sen un proxecto estratéxico, hoxe descoñecido, se lle poda
considerar unha organización de esquerdas. Coido que só hai que
recoñecer como de esquerdas, ás que amosan un proxecto estratéxico
de quebra co capitalismo e a súa táctica cotiá permite avanzar
cara a ise obxectivo.
Após a súa experiencia
destes anos, o Bng se quere ser a vangarda da loita contra as
políticas neoliberais, de austeridade e polo recoñecemento de
autodeterminación de Galicia, a pesares das dificultades políticas
que representan atoparnos nunha situación que eu mesmo cualifico
como reaccionaria, debe ser algo máis que a muleta do Psoe; ler as
declaracións da súa principal dirixente, hai uns días nun
periódico en galego, seguro que son desmobilizadoras para moi@s
persoas que seguen a confiar na organización como un elemento
transformador.
Galicia se atopa nunha
encrucillada; pero que certas forzas políticas volvan gañar a
confianza dunha parte importante do electorado galego, após os
fracasos na xestión dos centos de miles de votos que recibiron en
anteriores consultas electorais, vai ser moi difícil nas próximas
eleccións, pero hai que tentalo de novo no período que se abre
despois das mesmas, pois non nos enganemos, vai se-lo único xeito de
saír da situación na que nos atopamos; ata as eleccións
autonómicas aínda hai tempo, pero a mobilización e a acción na
rúa e na sociedade cun programa determinado, que permita avanzar no
rexeite dalgunhas das políticas económicas marcadas pola troika,
van ser elementos fundamentais para recupera-la confianza de
determinados sectores da sociedade galega.
En Galicia no mes de
outubro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario