Eusebio López
De novo un 1 outubro, e
de novo a impotencia do réxime para pechar o que se deu en chama-la crise en
Catalunya. Nunha entrevista ao sr Sanchez onte, este insistía na idea de que o
problema dos cataláns é un problema "entre os cataláns", que están
divididos; e recorría de novo ás estatísticas e aos resultados electorais (suma
de forzas soberanistas vs forzas unionistas) para tentar reducilo a iso, a un
problema "entre cataláns".
Primeiro, moitos dos que
non son soberanistas estiveron nas manifestacións de onte, porque a suma non
hai que facela entre os soberanistas, senón entre todos aqueles que esixen o
dereito a votar, a decidir... para despois, seguramente, votar contra a
independencia. A primeira capa da cebola é esta, non estamos nunha división
ideolóxica, senón política; entre os que queren votar e os que o negan, como
fixeron o 1 de outubro co rei á fronte dos "aporellos".
A segunda capa da cebola é que é unha crise "catalá". Falso. É unha crise do réxime do 78, esgotado no seu papel de conservar a unidade do Estado, e tamén esgotado no seu papel de bonaparte entre as clases sociais. A crise do 2007 destruíu o Estado do Benestar sobre o que se apoiaba o réxime do 78; ese acordo a tres bandas entre a burguesía franquista, as burguesías periféricas (especialmente a vasca e a catalá) e a clase obreira, que cristalizou na Constitución do 78.
A crise económica fixo
saltar polo ar este trípode. A recentralización do estado e as desigualdades
creceron paralelamente, concentrándose a riqueza en cada vez menos mans,
mentres a clase obreira (a "clase media" segundo os estúpidos medios
españois) ten dificultades para pasar do 20 de cada mes; a precariedade é a
norma nas relacións laborais.
Neste cadro enmárcase a
nova reconversión industrial da economía española, onde cruzan-se todas as contradicións
entre o capitalismo “verde”, o “negro”,... o carácter subsidiario español
respecto das grandes potencias, enfrascadas nunha loita pola hexemonía mundial
como o da guerra comercial e o Brexit. Mentres tanto, desmantelaron os servizos
públicos, sanidade, educación, dependencia, ... Baleiraron de contido os
dereitos das mulleres, e manteñen en prisión ou no exilio, non só a políticos
cataláns, senón a mozos vascos e galegos, a sindicalistas e raperos, etc. E o
sr Sanchez di que é un problema dos cataláns.
Esta profunda crise do
réxime é a que alimenta o proces catalán, e non se hai soberanistas ou non
dentro de Catalunya. “Entre dous dereitos iguais, o que decide é a forza”,
dicía Marx; a un sector gustaríalle pechar a crise á “franquista”, é dicir pola
forza. Pero a situación europea actual non é dos anos 30, con Hitler e
Mussolini apoiando e acirrando a Franco. A Unión Europea non podería admitir
unha saída deste tipo; apoia a aplicación do155, pode mirar para outro lado co
encarceramento de activistas, ... pero o que non podería tolerar é un bombardeo
de Barcelona ou a intervención directa do exército. Isto é o que supón un
“empate” entre as dúas forzas concreta en conflito.
A crise catalá é a crise
do réxime do 78; isto os gobernos de Rajoy e Sanchez entendérono á perfección,
de aí a súa insistencia en que é un problema “entre cataláns”. A súa vitoria,
que polo momento desequilibra a balanza, aínda que non pecha a crise, é que
conseguiu que as forzas da esquerda española non se atrevan a superar os marcos
da constitución (para iso está o pau de VOX). Só de maneira tímida, nas
nacións, sobre todo o Pais Vasco e menos en Galiza, levántanse voces
discordantes.
O pobo catalán só pode
contar coa clase traballadora e os pobos do resto do Estado e de Europa, en
loita contra as desigualdades e contra a orixe destas, o réxime do 78 e a Unión
Europea; é responsabilidade das súas organizacións políticas e sociais seguir
mirando para outro lado, coma se o conflito fóra “entre cataláns”; dándolle a
razón ao sr Sanchez. Calquera outra formulación, significa empantanarse na
situación actual.
Unha clase traballadora
e uns pobos que só se solidarizarán activamente se ven no programa de loita
catalán unha perspectiva común; dito doutra forma, a solidariedade cun pobo en
loita é directamente proporcional ao programa que este levanta. Se o pobo
catalán cínguese a esixencias “catalãs”, a solidariedade
que levantará será moi inferior a se levanta un programa de loita polos
dereitos democráticos como nación, e os sociais da clase obreira e os oprimidos.
En Galiza no mes de outubro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario