A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 14 de julio de 2021

A DEREITA NEOFRANQUISTA Á QUE SE TEN INCORPORADO O PP, TÍRASE Ó MONTE

Carlos Dafonte.


A situación política comezaba a non “pintar mal” para o goberno de coalición no último mes despois do trunfo do PP nas eleccións de Madrid; trunfo que a dereita tenta vender como un proceso en vías de producirse en todo o estado: o pacto para afastar “os liquidadores de España” das tarefas de goberno mediante unha nova maioría “conservadora-neofranquista”, aínda que polas declaracións dos dirixentes do PP, a realidade é que o “franquismo sociolóxico” sería quen gobernase pois o Pp abandonou hai un tempo a busca do centro-dereita, si é que ese espazo político  existe. 

As razóns deste xiro estratéxico é o que acontece fora pero tamén dentro do propio partido; é dicir endóxenas e exóxenas, as primeiras a intervención do “azanarismo” polo intermedio da presidenta da Comunidade de Madrid; as segunda o grande avance dos neofranquistas de Vox e a necesidade que ten o PP para darlle estabilidade a algún dos gobernos autonómicos que preside de contar con esa forza política. En calquera dos casos dentro do partido existe confusión que o seu presidente Pablo Casado non é capaz de solucionar marcando unha liña determinada. E nesas circunstancias o seu posto pode estar en perigo.

Dicía que non pintaban mal para o goberno, por algúns feitos que aconteceron; en primeiro lugar a aprobación por parte da Unión Europea do “Plano de Reformas” presentado sen o que non se recibirán cartos, que a institución supranacional aproba “con nota” e devolve ó goberno e no mesmo acto solicita o consenso das forzas políticas para levalo adiante; hai que comentar tamén que é o primeiro país a quen se lle entrega para comezar a executalo. Eso da “nota” e se-lo “primeiro”, non valen de nada, pero seguro que o goberno o aproveitará para facer autopropaganda. Plano que tanto o PP como “Ciudadanos” tentaron boicotear facendo xestións diante das institucións europeas e que agora estas institución solicitan consenso para levalo adiante, rachando así, aínda que sirva de pouco, ca política de PP, C's e Vox de facer cae-lo goberno de Pedro Sánchez.

En segundo lugar, no Foro sobre Economía celebrado hai un tempo en Barcelona, cando Pedro Sánchez interveu e falou dos posibles indultos ós dirixentes presos de Cataluña, para normalizar as relacións da administración central ca autonómica, os empresarios catalás, os bispos da comunidade apoiaron esa medida o mesmo que o presidente da CEOE. Máis tarde a Conferencia Episcopal sacou unha nota de “si pero cecais”, vamos que hai que ler moito entre liñas.

En terceiro lugar, a intervención da señora Botín nese mesmo foro, descoñezo se en nome propio ou tamén no de que ten a maioría no banco Santander, o fondo Black Rock, onde recoñeceu que as perspectivas económicas para o estado español eran moi boas.

En cuarto as cifras de incorporados a finais da primavera ó mercado laboral e o aumento dos que cotizan á S.S.

Catro aspectos, que xunto a ter os Orzamentos Xerais aprobados, o afastamento de Pablo Iglesias da vida política e unha marcha aceptable na campaña de vacinación contra a covid, debían asegurar chegar ó final da lexislatura sen moitos sobresaltos.


O PP racha co seu “centrismo” e asume postulados do neofranquismo.

Pero o PP tirouse ó monte disposto a enfrontarse ós bispos, a CEOE, a UE e a todo aquel que se enfronte á política deseñada por Vox, de que o fundamental neste momento, son toda unha serie de consignas de corte franquista: dende o perigo inminente da “creba de España” polas políticas de entrega ós intereses dos terroristas de Bildu e dos independentistas de Cataluña, perigo que aumenta cos indultos, “a volta do comunismo” que por primeira vez dentro do período democrático burgués, se atopa no goberno e por último o intento de impor, iniciado hai uns anos, a visión franquista sobre a II República e as causas da guerra civil, que todo aparece mesturado en moitas intervencións nas Cortes e xuntanza cos medios de comunicación.

A nova posición posición política do PP a temos nas afirmacións de Isabel Díaz Ayuso, en plena campaña electoral para a Asemblea de Madrid, de que se lle chamaban fascista, non lle importaba pois quería dicir que se atopaba no lado “non equivocado”, ou unha das últimas intervencións de Pablo Casado no Congreso, afirmando que a disxuntiva era no ano 1936, “unha democracia sen lei ou lei sen democracia”; esta afirmación pon en evidencia que a carreira e os masters que ten deberon ser de ínfima calidade e non lle permiten coñecer a cantidade de leis que a República levou adiante e como a dereita fascistizada da época tentounas boicotear, dende as leis sociais ata a de reforma agraria pasando pola propia Constitución. Pois non se trata de “revisar” a historia pasada, que pode darse o caso de que co traballo de investigación con métodos históricos poda alguén chegar a esas conclusións, do que aquí se trata é de “copiar e pegar” das obras escritas polos panexiristas do franquismo, como Arrarás, de la Cierva e algún outro, despois de finalizada a guerra civil, esquecendo os centos de traballos históricos feitos en numerosos lugares do planeta unha vez finalizada a guerra ata os nosos días sobre o conflito, e tentando impor o que a Franco e a súa camarilla lle interesaba.

Non debemos esquecer que no ano 2002 o PP en sede parlamentar, condenou o franquismo e que as posición que agora explicita, van nun senso contrario e son uns irresponsables de non ter en conta o deterioro que pode sufrir a democracia burguesa que eles defenden, con este cambio ideolóxico e do xeito como o asimilen os seus seguidores e votantes e si están dispostos a espallalo pola sociedade.

Tamén o PP debíase comportar dun xeito máis intelixente no caso dos indultos, en primeiro lugar non enfrontándose  a quen sempre foron ós seus aliados, empresarios e igrexa, recorrendo a tics autoritarios como o de dicir Pablo Casado que sobre estes temas só poden opinar os políticos, proposta moi grave que encerra en si mesma un ataque directo á democracia. Pero ademais minte cando colle as declaracións dos indultados e do presidente da Generalitat e nos di que están dispostos a “repeti-lo golpe de estado” de novo á menor oportunidade; e digo que minte pois os independentistas cataláns foron capaces de ler ben os resultados electorais: coñecen que a abstención pasou dun 20,96 % no ano 2017 a un 46,46% nas últimas, que entre ERC e Junts perderon a enormidade de máis de 600.000 votos, o que indica que seguir polo camiño anterior leva a ningures, e polo tanto aínda que non o expliciten, coñecen que a vía debe ser outra.

Que razóns hai para este comportamento?. Que a pesares dunha conxuntura favorable para o Goberno, todas as enquisas indican que de haber eleccións hoxe, unha maioría PP-VOX podería chega-lo gobernar. E que nos indica isto? Pois unha situación nidia, que a batalla ideolóxica diante do que significou a crise económica e a pandemia, a está a gaña-lo “neofranquismo”. 


Debemos crear unha nova perspectiva política para @s traballador@s de Galicia.

Dito o anterior o que para min ten importancia é coñecer se o Plano de Reformas presentado polo goberno e aprobado ca nota de  “sobresaínte” pola Unión Europea, vai beneficiar ou non @s traballador@s e do mesmo xeito se os indultos ós presos políticos de Cataluña e a aplicación de dito Plano sobre o seu territorio, vai rachar cas políticas neoliberais e contra @s traballador@s, que os gobernos de Pujol, Mas, Puigdemont e Torra levaron adiante. 

E como non podía ser doutro xeito, como se vai aplicar o Plano en Galicia; si se vai levar adiante dende a Administración Central ou dende a Autonómica, ou conxuntamente; como se vai facer o reparto dos cuantiosos cartos que van chegar dende a UE, non vaia a ser que a maior parte os levan multinacionais de fora, e como se van reparti-las cargas que representan o pago, devolución ou como lle queiramos chamar, dunha parte dos mesmos. Non esquezamos que ó estado español lle corresponden 140.000 mil millóns de euros e se non me trabuco, 70.000 a fondo perdido, que son os primeiros que van chegar, e o resto a moi baixo interese, pero temos unha obriga de pedilos e devolvelos máis os interese.

Estamos tan entretidos co tema dos indultos, da presenza do “neofranquismo” e con outros temas, importantes todos eles, que nos esquecemos de cales van ser os vieiros de “saída” da crise que en Galicia ten unhas características moi concretas: desindustrialización acelerada, invasión dos eólicos dun xeito caótico, crise dos sectores do mar e gandeiro, emigración das novas xeracións, aparición de enormes espazos baleiros no rural sobre todo na Galicia interior; problemas importantes no transporte ca rede de camiños de ferro que o Ave non soluciona, etc.

Tamén debe ter moita importancia para todos nós, coñecer no barullo no que se atopa metido ideoloxicamente o PP, que posicións ten o partido maioritario de Galicia e nese senso, a rúa, pero tamén as institucións, deben aportar o seu “grao de area” a frear o pensamento neofranquista que da man do PP, Vox e C's se está a asentar na mentalidade de moitas persoas, sen que se lle enfronte un pensamento alternativo, de esquerdas, tarefa que o Psoe non pode levar a cabo, pois dende o pensamento neoliberal que este partido defende dende hai moitos anos, xeito de pensar  que leva décadas recortando dereitos de todo tipo, privatizando servizos e considerando ó pago da débeda, unha parte ilexítima, máis importante que a defensa d@s traballdor@s, non se pode enfrontar con éxito a esta nova corrente de pensamento que abandeiran o PP-VOX, cando son os dous partidos responsables da construción da actual estrutura do réxime e lle deron contido pactando a maioría das leis nestes anos de democracia burguesa. 

Polo tanto compre que en Galicia se rache ca “normalidade” que en política representan os tres partidos do “Parlamentiño”, pois como ficou amosado non hai moito, hai espazo para outras forzas políticas, con outro tipo de ideoloxía; pero de levarse a cabo hai que facelo ben, corrixi-los erros, que foron moitos, do segundo intento: configurar un espazo por enriba do sectarismo e do neoliberalismo, onde podan confluír sectores da esquerda galeguista e nacionalistas de esquerda.


En Galicia no mes de xullo de 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario