A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 30 de agosto de 2021

A CADEA IMPERIALISTA LIDERADA POLOS USA ABANDOA, DERROTADA, AFGANISTÁ

Carlos Dafonte.


Como resultado da queda dos edificios das “torres xemelgas”, o presidente Bush jr. lle declarou a guerra ó terrorismo e invadiu Afaganistán; utilizando a terminoloxía imperialista, un “estado fallido” produto da imaxinación colonial dos británicos que mesturaron dentro das fronteiras do novo territorio pashtúnes sunitas, hazaras budistas e chiitas, iranies chiitas, turkmenos, uzbekos, tayicos, baluchis, aimaqs e algunha outra outras etnia menores, onde os pashtunes, aínda que moi divididos, son a minoría maioritaria.

A intención era poñer fin a Al Qeda e deter ó que se consideraba o seu máximo dirixente, Osama ben Laden, membro dunha familia próxima á casa real saudita que facía múltiples negocios cos norteamericanos e en particular con importantes membros da administración Bush. Segundo o análise feito pola administración dos USA, era o responsable do atentado de Nova Iorque, aínda que a grande maioría dos que participaron cos avións foran saudíes e con pouca ou ningunha relación con Afganistán. De cara ó exterior, así se vendeu na UE, e a idea para “asaltar” Afganistán era a de “reconstrui-lo país e instaurar unha democracia”.

Despois da saída das tropas soviéticas, as diferentes faccións e etnias se enzarzaron nunha guerra civil, case toda a historia do país esta sucada de loitas contra  invasores ou entre as diferentes etnias e tribus e para poñerlle fin os USA, Pakistán, Arabia Saudita e o M.I.6 británico, botaron man de parte dos millóns de desprazados pola guerra contra os sovieticos que se atopaban en Pakistán, estudantes (talib) en madrasas, pois no país de acollida non lles permitían ir ás escolas a pesares de ser a maioría pashtunes. As madrasas son escolas onde se estuda o Corán.

Cando os medios falaban da entrada do talibán (plural de talib) en Afganistán, eu esperaba algo parecido á “marcha verde” que organizou a monarquía de Marrocos, sobre o territorio denominado “sahara español”, miles de persoas a pé, en pequenos transportes, en asnos, cabalos ou en centos ou miles de autobuses pagados polo goberno. Nada de iso aconteceu, o talibán que entra en Afganistán eran columnas enormes de tanques, enriba dos que se asentaban homes moi ben armados e vehículos blindados de todo tipo.


Os pashtunes e o seu código etico non escrito, ou “pashtunwali”.

Após a vitoria do talibán de grande maioría pashtún e cando comezaron a aprobar medidas que afectaban a maioría da poboación, sobre as mulleres, a vestimenta, a música, os espectáculos, etc, se abriu un debate que non se reflectiu nos medios, sobre se o talibán facía unha interpretación particular e moi restritiva da sharía ou o que aplicaban era o pashtunwali, código ético e de conduta, 1500 anos anterior ó nacemento de Mahoma e a aparición do islam; o burka era un xeito de non facer visible á muller agás os homes da súa familia e está presente no código ético pashtún, pero houbo moitos medios e comentaristas moi interesados en poñer nun primeiro plano, que todas esas actuacións que nos poden parecer bárbaras, eran resultado da interpretación do Corán e polo tanto, a próxima guerra, unha vez desaparecido o “eixo do mal” que era o intento de instaura-lo comunismo, que tiña que librar “occidente e a cultura occidental” era contra o islam e estaba moi claro que isa interpretación do Corán non pode ser asumida por “occidente” e si ademais son terroristas, que utilizan ese xeito de loita para enfrontarse ós cristiáns, pois con maior determinación debemos enfrontarnos ós mesmos. Con ise bagaxe “ideolóxico” enviamos exércitos para cumpri-la “axenda secreta dos USA” que como nos dí agora o seu presidente Biden, nada tiña que ver ca democracia, a liberación das mulleres, etc.

Que eu teña coñecemento, este código consta de unha serie de principios de obrigado cumprimento por todo pashtún, sobre todo se vives nunha comunidade moi pechada: Namus defensa do honor da muller e da súa familia, que xa apuntei con anterioridade; Melmastia deber de hospitalidade, por iso o mulá Omar se negaba a expulsar a ben Laden, dado que o acolleran baixo ese principio; Hadal, dereito á vinganza con toda unha serie de particularidades que non explicarei; Ghairat, defensa do propio honor; Torel, bravura incitación a superarse e algúns maís como  Manawatei, Sobat, Imandari e Estaqamat.

Para deixar clara a complicación da sociedade afgana, que nin soviéticos nin norteamericanos tentaron entender, os soviéticos un pouco máis que os segundos pero as súas leis progresistas sobre as mulleres e a propiedade agraria caeron no baleiro,  ademais dos grupos étnicos hai grupos tribais e dentro de cada un deles poden existir diferentes grupos étnicos o que lle da maior complexidade o problema de moverse en esa sociedade cando chegas de fora.

Para min é difícil dar unha definición de tribu, pero creo que é un grupo de persoas que habitan nun determinado territorio, cunha estrutura filial paternal compartida, que teñen un sistema político, social e económico organizado e oposta a un sistema que se atope por enriba do deles, neste caso a constitución dun estado unitario. Para algúns politólogos, a chegada ó poder do talibán representou un paso adiante na configuración do estado afgano, pois desarmou a unha grande parte dos señores da guerra, a unha unha parte importante da complexa sociedad e tentou impor un estado unitario. Modificar costumes ancestrais, poñer fin a enfrontamentos de séculos non é posible, coido, cunha forza militar e peor se pertencen a nación chegadas de fora.

Hai cinco tribus principais en Afganistán, os Durrani, Ghilzais, Kalanris, Sarbanís e os Ghurghurshts; Os dous primeiros moi relacionados cos pashtun e o primeiro, enimigo do segundo e  exerceu o poder durante tres séculos.  

Durante estes vinte anos de ocupación, a grande maioría das mulleres afganas, onde as tropas invasoras non tiñan grande incidencia, metidos nas súas bases, seguiron a vivir baixo o código pashtún e ata en cidades como Kabul, a máis occidentalizada do país, unha parte importante de mulleres non se atreveron a saltarse eses códigos. Creo que só unha minoría o fixo que é a que nos ensinan de cando en vez. Que podemos facer para poñer fin a este tipo de sociedade?. Teño estudado bastante máis a actividade dos “populistas rusos” e a súa marcha sobre o campo, dende finais do século XIX, para modificar as costumes das comunidades campesiñas. Poucos logros acadaron e tiveron que pasar moitos anos de revolución de proxectos progresistas, de duros enfrontamentos e de marcha cara as cidades e a fábrica, para que comezaran a modificarse.


As razóns da presencia dos USA e aliados en Afganistán.

Hillary Clinton, cando ocupou o cargo de Secretaria de Estado con Obama, fixo unhas curiosas declaración nas que afirmaba que se estaba en Afganistán para “derrotar a uns terroristas que eles habían creado, financiado, dado cobertura e armado”. Amosaba unha contradición na política dos USA, moi usual a nivel internacional.

Creo se acercan máis á realidade as verbas de Laurence Wilkerson, xefe de gabinete de Colin Powell unha das persoas máis relevantes da administración Bush, cando nun discurso no ano 2018, afirmou que si os USA se atopaban en Afganistán, non tiña nada que ver nin co que acontecía en Kabul, nin co talibán nin cos grupos terroristas.

Que obedecía a tres obxectivos de carácter estratéxico: o primeiro ter baixo control a Pakistán, potencia atómica, en certa medida “descontrolada”. Ista afirmación trae a miña memoria un feito acontecido despois da retirada soviética e desaparecido o presidente Zia de Pakistán; a nova presidenta Benazir Bhutto, que sería asasinada, convocou unha cea ou comida para a prensa, onde tamén se atopaba o xeneral Gul, xefe do ISI,  servizo segredo, non confundir co ISIS Estado Islámico, e entusiasta islamizador do exército, que declarou naquel acto cando foi preguntado polo periodista Ahmed Rashid, pola repercusión da participación de musulmáns chegados de todo o planeta, vía Pakistán, para loitar contra os soviéticos, “Estamos a librar unha yihad e ista e a primeira brigada internacional islámica da era moderna. Os comunistas teñen as súas brigadas internacionais,  Occidente ten a OTAN, por qué os musulmáns non podemos unirnos e formar unha fronte común?.” Comprendo que haxa que ter vixiado a iste país, bastante máis perigoso que Afganistán. O segundo, atoparse preto do proxecto estratéxico chinés da Rota da Seda e o terceiro, facilita-lo traballo da CIA, para influír nos mahometanos de China os iugures fronterizos con Afganistán.

Tampouco debemos esquecer o proxecto de trazar oleodutos e gaseodutos dende Turkmenistán e outras repúblicas exsoviéticas, ata un porto de Pakistán pasando por territorio Afgano. O primeiro presidente importo polos USA en Afganistán traballara para Unocal, empresa petroleira dos Usa e o permiso para estas infraestruturas foi o primeiro acto que levou a cabo no seu mandato. Ademáis Afganistán é a reserva máis importante de minerais como o litio.


Conscuencias  da derrota da OTAN en Afganistán.

O que considero grave é que noutros lugares, países de relixión mahometana onde o talibán goza de certo prestixio, moitas das súas normas se foron espallando e hoxe e case “normal” ver en determinadas sociedade que foron laicas, como a muller vai tapada polas rúas co burka, ten dificultades para estudar ou exercer unha profesión. Neste senso a mestura de sharía e pashtunwali se vai impoñendo e a retirada da OTAN de Afganistán de estes días, confirma unha idea que naceu na conciencia de moitos musulmáns a partires da retirada soviética de 1988, despois dos acordos de Xenebra: que si os musulmáns unidos foron capaces de derrota-la segunda potencia militar do planeta, que razóns hai para non poder derrotar á primeira e expulsala de todos os territorios onde o islam é maioritario?. Esa idea impulsada ou non polo talibán a partires de agora, supoño que a terán presentes moit@s musulmáns de países onde as tropas da OTAN se atopan presentes, comezando por Arabia Saudita, onde para a maioría dos musulmáns do planeta consideran un sacrilexio que no territorio sagrado onde Mahoma viviu, recibiu a “revelación” e predicou, tropas de “infieis” se atopen presentes. Os máis radicais seguro que non deixarán pasar a ocasión.

Trump pactou co talibán a retirada de Afganistán para o 31 de agosto, quería poñer termo a todos os acordos e pactos dos USA que consideraba un gasto enorme de cartos e opinaba, non permitían o desenvolvemento do seu país; actitude enganosa, pois foi subvencionado por unha parte importante do complexo industrial militar que grazas a esta ocupación obtivo enormes beneficios igual que da “guerra contra o terrorismo”. Tamén Trump manifestou a súa idea de poñer fin á OTAN, pois consideraba que eran os USA os que cubrían a maioría dos gastos e os seus socios aportaban moi pouco, e isa e unha pregunta que nos debemos facer: que vai pasar ca OTAN ?. Na UE comezouse a falar dun exército europeo, unha vella idea que debe ter unha resposta dende os sectores de esquerda da sociedade europea. O mesmo que as bases dos USA nos territorios europeos. Os antiimperialistas nunca nos fiamos das intencións da grande potencia; loitamos sempre para que o estado onde vivimos non entrara na OTAN e puxera fin os acordos das bases, pois coñecendo un pouco de historia e xeopolítica, chegamos á conclusión de que utilizou a OTAN de acordo ós seus intereses. Espero que @s confiad@s en determinadas afirmación dos USA, reflexionen despois da experiencia afgana.


A nova situación que se abre en Oriente Medio.

A “guerra contra o terrorismo” e os seus tentáculos, guerra de Iraq, en Siria, destrución de Libia, país onde os islamistas estaban controlados, deron pulo á creación de novos grupos islamistas, o ISIS, Al-Nursa e en Libia o saqueo dos arsenais militares potenciou a creación de novos grupos que hoxe se teñen establecido ó sur do Sahara e aproxima ó sur da fronteira da UE ó islamismo radical.

Afganistán era un punto clave con fronteiras a varias repúblicas exsoviéticas, as que no argot dos “otanistas” se cualificaban como “a barriga fofa da URSS”, con China, ca India onde perdura o conflito en Cachemira, con Pakistán e con Irán.

Condoleza Rice Secretaria de Estado con Bush jr presentou no ano 2006, en Israel un novo mapa de Oriente Medio e Próximo, dividía países, facía desaparecer outros, en función dos intereses imperialistas e de Israel, o seu xendarme na zona, que ten liberdade absoluta para actuar, é dicir, bombardear, invadir e masacrar a quen se opoña a determinados intereses xeoestratéxicos. Pero ese tipo de actuación tamén é un semilleiro de terroristas, alguén chamou ó terrorismo a “arma dos pobres”, pois carecendo de avións, misís e drons, o utilizan para facer dano e meter medo nas sociedades que consideran lles atacan cos seus exércitos con alta tecnoloxía e matan a moit@s d@s seus habitantes.

Unha pregunta pertinente, van ser China e Rusia os pacificadores de Afganistán e todo o seu entorno, capaces de modificar algunhas das súas costumes ancestrais? Se converterá China na potencia hexemónica na zona, practicando un imperialismo de baixa intensidade?. Acordos con Paquistán e Irán para desenvovelo seu proxecto de “Nova Rota da Seda”, xa teñen asinados.

E unha última consideración cuxa resposta non debe ser modificada polo “éxito” da retirada das tropas e dos colaboracionistas. Cumpriuse a misión de “reconstrui-lo país e instaura-la democracia”? As vítimas propias as coñecemos, e as do pobo afgano? Algúns medios falaban estes días de preto de 800.000, entre combatentes e non combatentes, poboación civil. Pagou a pena a invasión?


En Galicia no mes de agosto de 2021


No hay comentarios:

Publicar un comentario