A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 12 de octubre de 2021

LOITA IDEOLÓXICA E LOITA DE CLASES

Carlos Dafonte.

Nun dos últimos artigos que escribín neste Blog “A dereita neo franquista á que se ten incorporado o PP, tírase ó monte”, afirmaba que a pesares de que na actual conxuntura “pintaba ben para o goberno de coalición” nembargantes as enquisas realizadas nestes últimos meses, situaban ó PP en primeiro lugar e se daba a posibilidade dun goberno de coalición PP-Vox.

Achacaba esta anomalía a que na loita ideolóxica, sempre presente, o neo-franquismo, no que Vox está a arrastra-lo PP, estaba a gañar, no senso de que para moit@s votantes en tempo de crise de todo tipo como son os actuais, alternativas como as de Vox, centradas en deixar sen efecto determinados aspectos da Constitución aínda que se consideren “constitucionalistas” como o estado das autonomías, as linguas propias de determinados territorios, a imposición do “pin parental”, culpa-los partidos tradicionais de todos os males, ilegaliza-los partidos nacionalistas, etc, parecen solución cando a realidade é que supoñen aumentar determinados problemas que hoxe temos. Se pode defende-la Constitución e defender un estado centralista, do mesmo xeito que ser republicano non te sitúa no bando anticonstitucional, só hai que te-las maiorías nas Cortes que cho permitan levar adiante; pero os aspectos xenófobos,, racistas e contra colectivos como o LGTBI e o propio movemento feminista, nunha clara indicación de querer continuar ca discriminación feminina na sociedade, te sitúan fora da Constitución.

O PP posiblemente non acepte todas as propostas de neo franquismo, pero non se enfronta con elas e o branquea, o sitúa como un partido máis cando goberna con eles en CCAA e Concellos. Espero que no espazo de tempo que vai desde estes días ata as novas eleccións, a situación cambie, pero para que asi sexa, se necesita un pulo dende a propia sociedade.

Algunhas reflexións sobre a ideoloxía.

A palabra ideoloxía ten un longo percorrido; o filósofo Bacon aseguraba de que no acto de pensar, se creaban determinados “ídolos”, que non nos permitían coñece-la realidade, posiblemente deses ídolos derive a verba ideoloxía; o emperador Napoleón ós seus críticos da corrente empirista, que primeiro o apoiaran, chamáballes a modo de insulto, con certo desprezo, “ideólogos”.

Nunha das primeiras obras escrita conxuntamente por Marx e Engels, “A ideoloxía alemá” pero publicada moitos anos máis tarde, en 1932, consideraban á ideoloxía como “falsa conciencia”, que non permitía en certo modo coñece-la realidade, acepción que foi recollida por un filósofo marxista, que tivo enorme influenza no século pasado, Louis Althusser.

Pero a realidade é que cando se coñeceu o libro de Marx e Engels, repito publicado por primeira vez no ano 1932, Marx xa rectificara esa idea de “falsa conciencia” en 1859, no “Prologo á Contribución á Crítica da Economía Política” no que asegura que nun momento determinado no que entran en contradición o desenvolvemento das forzas produtivas e as relacións sociais de produción: “O considerar esta clase de trastocamentos, sempre é mester distinguir entre o trastocamento material das condicións económicas de produción, fielmente comprobables dende o punto de vista das ciencias naturais, e as formas xurídicas, políticas, relixiosas, artísticas ou filosóficas, en suma, ideolóxicas, dentro da que os homes  cobran conciencia deste conflito e dirímeno”.

Como se pode apreciar o concepto de ideoloxía sufrira un cambio moi importante no pensamento de Marx, deixará de se-la “falsa conciencia” que non permitía coñecer  en toda a súa dimensión a realidade, para ser en certa medida, o que permite tomar posición, dende unha perspectiva de clase, diante dos conflitos sociais.

Facendo un símil cun edificio, Marx considerará a estrutura económica como a base do mesmo, os alicerces sobre o que se levanta a superestrutura e todo elo unido pola ideoloxía que actúa como a argamasa, que permite que non se veña abaixo.

Máis tarde, en 1902 Lenin, na súa obra “Que facer?”, argumentou que había dúas ideoloxías enfrontadas, a ideoloxía burguesa e outra socialista, que de converterse en hexemónica nunha sociedade e a traveso dun proceso no tempo, permitiría avanzar cara a unha sociedade sen clases, o comunismo; en definitiva dúas visións diferentes da realidade e das súas solucións que se corresponden na sociedade capitalista, ca visión dos que explotan a forza de traballo para acada-lo beneficio e facerse dun xeito individual ca riqueza que produce a sociedade e a dos que venden a súa forza de traballo, crean a riqueza a cambio dun salario, da que non desfrutan.

Esta ideoloxía burguesa ten unha dobre función, actuar sobre a conciencia dos explotados para facerlles aceptar como normal a súa situación, pero ó mesmo tempo actúa sobre a clase explotadora para convencerlles de que a explotación e a dominación como clase é o normal  e lles permite recoñecerse como os suxeitos desta clase.

Na ideoloxía burguesa hai preceptos económicos e políticos que a definen, que non varían, que son as que a caracterizan como tal, aínda que en momentos determinados da historia, como clase, apareza fraccionada e defendendo formulacións que nos poden levar a engano, froito das propias contradicións que nos diferentes sectores desta clase se podan dar nun país ou a nivel planetario.

Un caso que pode servir de exemplo é como a clase burguesa pode defender dentro dun mesmo país, a nivel económico teorías liberais ou keynesianas, que pode levar a que sectores da oligarquía, como aconteceu nos USA, consideren que o presidente é un “comunista” por defender en momentos de grave crise económica, despois do “crac” de 1929 o chamado “New Deal”. Iste tipo de contradicións tamén as aproveitan no seu beneficio, creando a idea entre @s traballador@s, de que sectores da propia oligarquía, están dispostos a defendelos, cousa que é irreal.

A ideoloxía burguesa destaca o individual, santifica a propiedade privada dos medios de produción, considera o mercado como regulador de todo o proceso económico, a utilización do estado ó servizo dos seus intereses minoritarios e a favor da explotación da forza de traballo fonte do beneficio e da revalorización do capital, fan da relixión un “mantra” onde deus se atopa do seu lado, propoñen un sistema político que din democrático que lles garante o poder dun xeito permanente, e nos tempos de crise, cando pensa que pode perde-lo poder en beneficio da clase antagónica, non lle fan ascos, aínda que se deturpen algúns dos seus principios, apoiar teorías de “excepción” como son o fascismo, nazismo ou no caso do estado español, o franquismo e facilitarlles o acceso ó poder. Sempre atoparán os argumentos necesarios, ca axuda dos seus intelectuais orgánicos e medios de comunicación, para eludir a súa responsabilidade nos feitos.

Que está a acontecer no estado español, para que ideas e conceptos que mantiveron esmagada a unha parte importante da sociedade durante a ditadura, volvan a estar presentes no debate político e social introducidas por determinados partidos? E o que é máis grave, que segundo algunhas enquisas estes partidos podan ter a maioría nunhas eleccións próximas.

Dende o meu punto de vista unha das razóns, é a inexistencia dunha organización da esquerda, e polo tanto incapaz de afrontar os feitos acontecidos nos países onde a burguesía fora expropiada e dar unha explicación, abrir un debate en profundidade sobre o que aconteceu. Se preferiu asumir a “derrota histórica”, sen amosa-las diferencias importantes que sobre todo en Europa se tiñan producido dende había moitos anos entre a URSS e determinados países baixo a súa órbita, e a maioría dos Partidos Comunistas; polo que a ideoloxía alternativa á burguesa, que como tentei explicar pode ter moitos matices, a socialista, non estivo naquel momento, nin está presente no debate ideolóxico que se está a dar na sociedade.

Ben é verdade que a volta á restauración capitalista nos países onde a burguesía fora expropiada, os que se lles denominaba non sei moi ben as razóns de “socialismo real”, abriu no planeta unha nova etapa onde as forzas políticas máis reaccionarias, diante das crise sistémicas provocadas polo neoliberalismo, xogan as súas bazas ideolóxicas e polo que se pode constatar en moitos países, con éxito.

Só a burguesía alemá no seu conxunto e parte da de Francia, ten claro que hai que lle por freo ó avance deste tipo de forzas políticas; no caso de Italia o pacto cas mesmas levou a Berlusconi e a “Forza Italia” a ser unha forza marxinal e no estado español, onde defenden aspectos polo que as podemos considerar “neo-franquistas” é vergoñento que sectores da oligarquía a quen representa o PP e a propia Igrexa, “branqueen” acotío nos medios de comunicación que dominan, a este tipo de forzas políticas.

O caso de aquí ten un elemento obxectivo moi distinto ó que se está a producir nunha parte importante de Europa, que Vox sae do propio PP e Pablo Casado, Aznar e Isabel Díaz Ayuso, se pensan que facendo o seu discurso cada vez máis neo -franquista van conquistar moitos votos procedentes de Vox se poden atopar cunha desagradable realidade, algo parecido o que lle aconteceu a Berlusconi.

Avance Vox ou o faga o PP e goberne con Vox, como xa o está a facer, a realidade vai ser que a democracia burguesa española se vai homologar a Polonia ou Hungría, cuxa credibilidade democrático burguesa, con menos motivos do que pode acontecer no estado español, se pon hoxe en cuestión na Unión Europea.

En Galicia no mes de outubro 2021.


No hay comentarios:

Publicar un comentario