A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 2 de octubre de 2021

QUE TEÑEN QUE VER ENCE, A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E A EMIGRACIÓN?

Roberto Laxe

A cacicada da instalación de ENCE na ria de Pontevedra, como a de Alcoa na Mariña lucense ou a térmica de Meirama xunto coa mina das Encrobas (hoxe pechadas) foron algúns dos exemplos da industrialización imposta que Galicia tivo na súa historia, e que no seu momento provocaron fortes mobilizacións sociais de rexeitamento polas nefastas consecuencias que tiveron na sociedade.

Agora enfrontamos un debate chave para o futuro da Galicia, pois mentres toda unha comarca loita duramente contra o peche de Alcoa que suporía a perda de miles de postos de traballo, no outro extremo do territorio, en Pontevedra, saúdanse as ameazas sobre ENCE como un feito progresivo.

Unha "revolución" industrial tardía

A pesar de que Galicia tivo a primeira siderurxia industrial do estado en Sargadelos, por mor da existencia de forzas sociais contraditorias progresivas e reaccionarias, o "experimento" do Marqués de Sargadelos foi ao fracaso; nun século no que en zonas de Europa, Inglaterra principalmente, comezaba o que se deu en chamar "a revolución industrial", a industrialización e proletarización da sociedade que se desenvolvería o longo do século XIX.

No Estado Español este proceso, salvo Catalunya, Euskadi e zonas moi concretas, non collería forza até despois do triunfo franquista na Guerra Civil, que tras o resultado da II Guerra profundou a súa dependencia dos capitais multinacionais dos EEUU e demais potencias ("Benvido Mr Marshall"). Esta combinación entre o centralismo imposto pola ditadura, investimentos internacionais e debilidade do capital español agravaron as tendencias reaccionarias desa industrialización.

Nestas condicións, o estado veu substituír ao capital privado nos investimentos na industria pesada. Altos Fornos e siderurxia, Estaleiros, Refinarías de petróleo, Telefonía, Energia, etc., eran propiedade pública, mentres o capital privado dirixíase aos sectores cun menor investimento, industria lixeira (alimentación), e despois do Plan de Estabilización de finais dos 50, á construción e o turismo.

Esta industria pesada estatal (agora chamaríanlle "electro intensiva") non estaba creada para competir nos mercados mundiais cos grandes conglomerados multinacionais ianquis, alemáns ou xaponeses; senón para fornecer á industria lixeira uns insumos a prezos controlados polo estado e non suxeitos, como agora, ás presións dos mercados e a especulación.

Paralelamente a esta industrialización producíase a "proletarización" da sociedade española coa mecanización do campo. A expulsión de millóns de xornaleiros e pequenos propietarios xunto coa debilidade do capital español, incapaz de absorber esa masa de traballadores e traballadoras, provocou unha onda emigratoria nas comunidades onde a industrialización ía moito máis atrasada. Galicia, Andalucía, Estremadura, as Castelas, Canarias, ... viron como millóns de persoas saían delas cara aos centros industriais europeos, na península (Catalunya e País Vasco) e a capital (Madrid).

O Estado Español fixo a súa revolución industrial" con 100 anos de atraso, e iso marcouna para sempre, pois o capital español tivo que entrar nas físgoas do mercado mundial que deixaban os grandes capitais multinacionais: o turismo e a construción.

Neste cadro Galicia profundou o seu carácter dependente, de achegar man de obra barata e materias primas ás industrias de máis valor engadido, localizadas case sempre fóra do seu territorio, e, tras as privatizacións masivas dos anos 80, que levou a peches de moitas industrias (Mafriesa, Sidegasa, o metal da Coruña, Ascon, etc.) e a venda doutras (INESPAL a Alcoa, Tabacos a Altadis, ENCE, etc.), sempre coa "espada de Damocles" da deslocalización.

Porque isto é o que ten manter unha industria baseada nos baixos salarios e a precariedade, que sempre hai un máis abaixo; e as grandes multinacionais non pensan en termos nacionais senón mundiais. Se é máis barato producir en Arabia Saudita que en Coruña, Avilés ou San Cibrao, vaise cara alá (leste é o fondo da crise de Alcoa!).

O ter exclusivamente este tipo de industria fai de Galicia uno "sitio de paso" para o capital, pois o seu papel non é ter a industria de alto valor engadido, estable; senón a que achega ou ben as materias primas (madeira, peixe, enerxía, ... ) ou ben baixos salarios. A industria de alto valor engadido, avanzada tecnoloxicamente, está noutros lugares. Por exemplo, aquí prodúcese o leite virxe e importamos os produtos manufacturados derivados, e nisto, o estado a través da Xunta con Fraga á cabeza son os responsables directos desta situación ao negarse a constituír un "grupo lácteo galego".

A inexistencia dunha "revolución" industrial en Galicia, tras a destrución da siderurxia de Sargadelos e da proto industria do liño no século XVIII, fixo que a súa contrapartida, a proletarización da sociedade, non se producise dunha maneira clara, nin sequera hoxe.

A comezos do século XXI continúa a ser carne de emigración, de tal maneira que segundo o Instituto Galego de Estatística 319.727 galegos e galegas foron expulsados da súa terra de orixe nos últimos anos, e a poboación actual baixou dos 2 700 000 habitantes. A pesar de que a poboación galega cada vez máis se agrupa en zonas urbanas ou peri urbanas, o 70%, o certo é que o seu proletarización é un fenómeno moi contraditorio.

Para entendernos, a proletarización da sociedade non é unha categoría moral -nin é boa nin mala por definición, está en relación coa estrutura social- senón económica e social. O capitalismo co seu desenvolvemento rompe a relación do ser humano coa terra e cos medios de produción de bens de consumo diario (alimentación, vestido, vivenda, etc.).

Mentres nas sociedades non capitalistas a familia era unha "unidade de produción" deses bens (a familia patriarcal da Biblia ou do dereito romano) o capital, ao destruír esa propiedade familiar reconvértea nunha "unidade de consumo", obrigando aos seus compoñentes a facerse cos bens que antes producía co salario, é dicir, vendendo a súa forza de traballo nunha fábrica, nunha oficina, nun centro de traballo; en fin, proletarizándose.

En case toda Europa, incluído o Estado Español, este proceso de "proletarización e urbanización" xa está terminado, e no mundo vai camiño de concluír (o 70% da poboación mundial xa vive en zonas urbanas, segundo a OIT). O último gran país que o completou foi China, que desde os anos 90 até hoxe "proletarizou" -separou ás persoas dos seus medios de traballo, a terra, o artesanado, etc.- a 800 000 000 de ser humanos.

En Galicia, aínda que agora xa está moi avanzado, o certo é que a emigración masiva provocada pola dependencia do estado español tivo moito que ver neste atraso pois os que quedan aínda teñen moitas relacións coa terra (o chamado "proletariado simbiótico"); de feito a "proletarización" da sociedade galega fíxose fóra, na emigración. A separación das persoas da terra e da fabricación dos seus bens de consumo e o envío ás fábricas e centros de traballos fíxose na Arxentina, en Cuba, na Alemaña, en Madrid, Catalunya ou o Pais Vasco (o galego é o terceiro idioma nesta nación).

Así, achamos que Galicia, se non houbera emigración, tería hoxe, máis ou menos, 5 000 000 de habitantes, o que faría que moitas das discusións que hoxe se dan sobre as industrias como ENCE non existirían. A sociedade galega estaría o suficientemente diversificada como para non expulsar á súa mocidade (máis de 20 000 saíron na última década), nun proceso de verdadeira "limpeza étnica".

Por unha alternativa de clase

Baixo esta análise, os defensores da cacicada coma se non fose o que foi, un despropósito, perderían calquera base "argumentativa". A cacicada da instalación de ENCE, como da Refinaría, das Térmicas, ou de Alcoa, son parte do problema da emigración masiva, pois impediu a diversificación da economía galega, facendo-a depender do monocultivo de industria electro intensiva; pero a solución non é mecánica nin simplista.

Vexamos esta lóxica; como ENCE é "mala", pechemosla. Pero tamén é "mala" a Refinaría, Ferroatlantica, Alcoa... Pois pechemos todas, non?, e volvamos á Galicia do mono cultivo de carne para Gran Bretaña como no século XIX, ou a economía de autosuficiencia, desindustrializada, que xerou ondas emigratorias como a actual. Ou vaiamos a "cidades de servizos", como propón o Sr Lores fronte o posible peche de ENCE. As "cidades de servizos" son "cidades" para turistas (iso é que quere o BNG para Pontevedra, unha cidade de turistas como alternativa a ENCE?), e como din os traballadores de Alcoa, "só do turismo non se vive".

Unha sociedade diversificada precisa diso, de diversificación produtiva, porque non se pode vivir só do mexillón e o marisqueo e os chamados "sectores produtivos", coma se non fosen tan "sectores produtivos" os estaleiros de Vigo e Ferrol, o aluminio de Padrón e Pontecesures (Cortizo, Exlabesa, etc.), as madeireiras tamén responsables do eucalipto, os polígonos industriais preto de todas as cidades e vilas galegas, etc.

Do mesmo xeito que se rexeita o peche de Alcoa, a alternativa non é botar á industria xa instalada sen outra saída para a xente traballadora que construír "cidades para turistas", senón nacionalizala baixo control dos traballadores e traballadoras, e que partindo da defensa de todos os postos de traballo elabore plans dun futuro sustentables, baixo criterios ecolóxicos.

Unha saída política: a soberanía nacional e o socialismo

ENCE, como moita da industria localizada na Galicia, é froito de decisións sobre unha nación na que o papel reservado tras séculos de loitas populares é a exportación de man de obra e materia prima. A súa existencia está ligada á desta relación de dependencia, pero existe e dela dependen miles de postos de traballo dos que Galicia non pode permitirse o luxo de desprenderse, pois sería dar un paso máis na súa caída no precipicio da "limpeza étnica".

Por iso faise imprescindible construír unha alternativa que vaia á raíz do problema, romper os freos que ten Galicia para determinar o seu futuro sobre a base da resolución das necesidades sociais.

O obxectivo dunha sociedade social e economicamente diversificada, onde caiban industrias "electro intensivas" e industria de alto valor engadido, que pechen o proceso produtivo desde a plantación de árbores até a fabricación de mobles e derivados da madeira ten que ser o que mova a loita contra os caciques de ENCE: alguén pensa que se se vai de Galicia, vanse a levar con ela os eucaliptos cando ten unha fábrica en Navia, Asturias, a escasos 30 km de Ribadeo?. De igual maneira que no leite e calquera outro sector produtivo, a cuestión non é pechar o que hai, senón transformalo e ampliar a base produtiva.

Pero como vimos isto choca frontalmente coa estrutura do estado español, co papel (o "encaixe") dentro del que ten o pobo traballador galego. Por iso, só desde a perspectiva da clase traballadora, e os de que traballan en ENCE son tan galegos e tan traballadores como os do Alcoa ou a Refinaría, é posible dar unha vía de solución que non sexa ou claudicarlle aos caciques como fai CCOO, ou á clase media funcionarial de Pontevedra, como fai o BNG.

A tarefa é levantar propostas para romper coa estrutura do estado español e poder planificar nós nosa industria, para resolver as necesidades sociais, nun cadro de profunda internacionalización das relacións sociais de produción. Como se viu, o problema de "eucaliptización" de Galicia non se resolvería coa marcha de ENCE, pois ten a fábrica de Navia; senón cunha loita da clase obreira contra os mesmos inimigos, os donos do capital que é o que está no fondo da decisión cacique de ENCE estea na ría de Pontevedra.

Todo isto pon na orde do día a loita por unha alternativa social que rompa coas estruturas políticas e sociais do capitalismo, o réxime do 78, e a propiedade privada dos medios de produción, que planifique democraticamente os recursos naturais e económicos ao servizo das necesidades sociais, comezando pola principal neste momento, a sustentabilidade ecolóxica.

E a isto chámase loitar pola "sociedade socialista".

Galicia mes outubro 2021


No hay comentarios:

Publicar un comentario