A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 14 de noviembre de 2021

AS CONSECUENCIAS SOCIAIS DA EXPULSIÓN DO DEPUTADO ALBERTO RODRÍGUEZ

Roberto Laxe

A sala 2ª do TS presidida polo xuíz Marchena, sentenciou ao deputado de Podemos por unha patada a um polícia no 2014, no transcurso dunha manifestación en Canarias; esta sentenza o inhabilitaba “para o exercicio do sufraxio pasivo”, transformou-se por obra e graza da presidenta do congreso, Meritxel Batet, no seu cesamento como deputado.

Máis aló das discusións xurídicas que a sentenza xerou, posto que a “inabilitación para o exercicio do sufraxio pasivo” non implica a perda da súa condición de deputado, senón só do exercicio do dereito a voto e a ser elixido o tempo que durase a condena, o certo é que a decisión ten un profundo contido antidemocrático.

Nun artigo desta mesma web, https://www.corrienteroja.net/el-papel-do-tribunal-constitucional/, demostra-se que cando a “lei” situa-se por encima da “democracia”, terminan marcando as axendas políticas os órgaos non electos que a executan, neste caso o TS, fronte aos que son resultado do voto cidadán, neste caso o Congreso. Da mesma maneira que o proceso catalán cara á independencia foi freado baixo esta teoría reaccionaria de que a “lei” está por encima do “voto”, que terminou coa aplicación do artigo 155 e a prisión ou exilio para os dirixentes políticos cataláns.

Neste cadro, a decisión compartida de Marchena con Batet é absolutamente rexeitable por calquera demócrata; ningunha institución non elixida como o TS, e menos un aparello xudicial neofranquista que se farta de emitir sentenzas reacionárias e non imputar a corruptos, ten a menor autoridade para expulsar do cargo a un deputado que estaba a loitar polos dereitos da clase traballadora.

O silencio de UP ante a agresión, as declaracións da ministra “estrela” da esquerda, Iolanda Díaz, pondo-se de perfil, e dicindo “deixemos de facer ruído” mentres expulsaban a un deputado da súa organización do parlamento, retrata de maneira incuestionable o grao de integración que UP ten hoxe no réxime do 78 e todo o seu aparello institucional (poder xudicial, monarquía, etc.).

A que se referia Iolanda Díaz co “deixemos de facer ruído”?

No momento en que se producía a expulsión a tensión ao redor da derrogación, ou non, da reforma laboral estaba no seu momento máis álxido. Nese momento outra vicepresidenta, a de economía neste caso, Nadia Calviño, a patronal e toda a dereita estaban a gritar como histéricos que a reforma laboral do PP “non se toca”.

Para UP a derrogación da Reforma Laboral, ou polo menos parecer que a modifica que é o que vai pasar, é a pedra de toque de toda a súa presenza no goberno co PSOE. Dito doutra maneira, se antes de final de ano a reforma laboral segue en pé sen ningún cambio engadido aos que xa sufriu (despedimento en enfermidade,...), todo o seu paso por este goberno vai-se polo desaguadoiro e con ela o seu “utilidade” para representar aos de “abaixo”. Sería a certificación do seu fracaso.

No en tanto, non era a única “casus belli” no goberno e coa patronal; hai uns meses o ministro Escrivá afirmara que “habería que traballar até os 75 anos”, en referencia a unha nova reforma das pensións no sentido da “mochila austriaca ou vasca”, e que os ministros de UP rexeitaran rotundamente.

Estas dúas reformas, a laboral e a das pensións, son dous dos puntos centrais na negociación coa UE para recibir o 140 mil millóns de euros cos que a patronal soña para saír da crise. Sen reforma laboral nin de pensións xa se poden ir esquecendo dese diñeiro, que adornan tras o pomposo nome de “next generation”, e co loable obxectivo de loitar contra o cambio climático.

A expulsión do deputado de UP prodúcese, xusto, cando máis aguda está a loita entre os dous bandos, os que buscan edulcorar as reformas que impón a Unión Europea, UP e as cúpulas sindicais de CCOO e UXT, para poder vender aos traballadores e traballadoras que “serven para algo”, e os que non lles importa o máis mínimo iso, e apostan por profundar nas políticas dos gobernos de ZP e Rajoy (non esquezamos que ambos aprobaron reformas laborais e das pensións).

Con esa expulsión o PSOE, o PP a través do seu xuíz “estrela” Marchena e a patronal, é dicir, o réxime do 78 daba un golpe na mesa : a reforma laboral non se toca.

“ A política é economía concentrada”

Esta afirmación non é miña, é de Lenin e pode parecer algo abstrata; pero cando se sofren as consecuencias das decisións políticas e xudiciais en forma de despedimentos, rebaixa das pensións, privatizacións, comproba-se como a relación é máis que evidente e que as loitas dos traballadores e traballadoras se concretan no terreo da política, do poder e da loita contra o poder.

A crise aberta pola expulsión de Alberto Rodríguez, máis aló dun despropósito antidemocrático no medio dunha batalla por quen encabeza a política económica pos pandemia, crea un precedente moi perigoso, o poder xudicial coas súas sentenzas e "indicacións" pode modificar os resultados electorais que nunca van prexudicar aos representantes do capital, por moi corruptos que sexan.

Xa o fixeron coa sentenza do "proceso" catalán, volvérono a facer cando impediron candidaturas europeias de políticos cataláns e agora fano cun deputado dun dos partidos do goberno. E todos aplaudindo que Batet seguise as indicacións do xuíz Marchena.

Primeiro, cando se converten en leis; cando os gobernos e parlamentos de quenda apróbanas e son decretos, leis orgánicas, etc., é dicir, normas de obrigado cumprimento pola sociedade.

Segundo, cando os xuíces aplícanas a través de sentenzas, autos, e demais... Ou sexa, cando a sociedade vese obrigada a cumprilas.

Terceiro cando estas sentenzas, autos, decretos e demais, deixan de ser "palabras" para converterse en prisións, en despedimentos ou en expulsións do parlamento.

Parafraseando ao filósofo grego, "A política é, inicialmente, a guerra con palabras", porque hai institucións, gobernos, parlamentos, xudicaturas, ... que as converten en feitos. Que os medios presenten estes conflitos como “cousas dos políticos” tenta ocultar aos traballadores e traballadoras de que é na loita política onde se resolven os seus problemas laborais e sociais, baixo a lema “todos son iguais”.

A expulsión de Rodríguez foi unha demostración de forza do réxime a través de dúas institucións craves, o TS e a presidencia do Congreso, para impor unha política concreta que vai ter consecuencias na vida cotiá dos traballadores e traballadoras, e fronte ao cal non se pode ter unha actitude de “non fumo”.

Os réximes e os governos que en tempos de crises como os actuais tenden a restrinxir as liberdades para poder impor impunemente as políticas do capital, faise necesario aprender a estudar estas contradicións e a pronunciarse en defensa dos dereitos democráticos como unha das principais ferramentas da nosa loita pola transformación socialista da sociedade.

Galiza, 29 de outubro de 2021



No hay comentarios:

Publicar un comentario