A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 7 de diciembre de 2021

SE ABRE UN NOVO CICLO ELECTORAL CHEO DE INCERTEZAS.

Carlos Dafonte


Sen darnos conta é posible esteamos a entrar nun novo ciclo electoral, cas case seguras eleccións para a primavera en Andalucía e Castela e León, preludio das xerais do ano 23.

En Andalucía pola negativa do socio do PP, VOX, de aprobarlle os orzamentos, nun endurecemento das súas esixencias e de que consolidan cada vez máis a idea de deixar de ser a organización que lles asegura ó PP, a cambio de nada,  a gobernabilidade, resultado do naufraxio electoral de Ciudadanos.

Están en certa medida, os “neofranquistas” a pasa-la factura pola verbas de Pablo Casado no moción de censura presentada por Abascal contra o goberno “bolivariano, separatista, terrorista e comunista” presidido por Pedro Sánchez, verbas moi críticas e moi duras contra VOX, posición a de Pablo Casado que se foi disolvendo como “azucre no café quente”, a partires da entrada no goberno de Murcia e as boas relación co goberno da Comunidade de Madrid que preside Díaz Ayuso, que pon en cuestión todo o afirmado no discurso de Pablo Casado no devandita moción de censura.

Na práctica, a actuación do sector do PP que apoia á presidenta da  Comunidade de Madrid, se pode considerar unha moción de censura a liña que Casado tentou marcar respecto a VOX, e alentou a que os “neofranquistas” subiran un chanzo a como entendían a súa presenza  nas institucións.

Se pode falar dunha alianza do PP de Madrid-VOX, para eliminar a Pablo Casado como candidato ás próximas eleccións xerais?. Coido que neses termos tamén se atopa o “desorde” que teñen montado por consegui-la presidencia do PP na comunidade de Madrid; frear a Díaz Ayuso e ós que a promoven e incitan a determinadas políticas, declaracións e xestos, é fundamental para os “casadistas”. De non facelo se poden atopar con que VOX sexa quen elixa ó candidato do PP a presidilo goberno. Que acontecería no caso de que na proximidade dunhas eleccións xerais, e con todas as enquisas sinalando a posibilidade dun goberno PP-VOX, que estes puxeran sobre a mesa que non votarían a Casado, que debía producirse un cambio?.

Ese é o perigo dos coqueteos ca dereita máis extrema, o perigo das actuacións como a do PP e Ciudadanos, branqueando a VOX, de coñecer un pouco da historia do fascismo e do nazismo terían que se dar conta, como foron gañando a batalla ideolóxica ós partidos conservadores e de centro en Alemaña por exemplo, que os deixou completamente illados, como o que está a acontecer no estado español.

Aznar pactou con Converxencia i Unió, o PP aínda contaba con aliados en caso de non acada-la maioría absoluta e tamén o podería facer co PNV; se me pode respostar que non era como os seus herdeiros, independentistas; pero a realidade é que as posicións intransixentes do PP tamén foron levando, sobre todo polo recurso contra a modificación do Estatút diante dos tribunais, a posicións límites ós nacionalistas de Cataluña, e hoxe desaparecido Ciudadanos, só lle queda VOX para que o PP acade a presidencia do Goberno do Estado. Pactar con Vox ou acada-la maioría absoluta, isa vai ser a cuestión.

E VOX segundo indican as enquisas se consolida polo que non é un problema so do PP, se está a converter nun problema para @s traballador@s do estado.


A posibilidade dun goberno da extrema dereita indica que o pensamento dunha parte d@s votantes foi gañado para ese xeito de pensar.

Resultado da batalla ideolóxica que se ten producido non só a nivel do territorio do estado, senón no planeta e que permite que personaxes como Trump teñan gañado nos USA, o país se atope dividido, a extrema dereita avance na UE, e si pensábamos nalgún momento que permaneceríamos inmunes a este proceso, o que contemplamos todos os días nas Cortes, na maioría dos medios de comunicación, e o máis preocupante, falando con algunha xente, te decatas de como se ten modificado o xeito de pensar de moitas persoas que hai pouco máis dunha década o facían dun xeito diametralmente oposto.

Pola experiencia vivida, pola miña antiga militancia, constato como hoxe persoas que tiñan un pensamento que se podía considerar á dereita de Julio Anguita, hoxe son consideradas perigosos extremistas. ESA É A REALIDADE. Comezando por Rodriguez Zapatero e Pedro Sánchez e moit@s dos que dentro da organización Izquierda Unida se opuñan á maioría da que gozaba o coordinador naquel momento.

A “derrota histórica” que representou para os traballador@s a restauración do capitalismo onde a burguesía lle foran expropiados os medios de produción, foi a sinal de saída para o ataque das oligarquías nacionais e internacional contra os dereitos de todo tipo d@s traballador@s, pero tamén hai que recoñecer que moitos dos que se auto-denominaban de esquerda pouco fixeron para impedi-lo avance desta “peste parda” que é o pensamento neofranquista que avanza; pensaron que acubillados na trincheira do neokeinesianismo económico e un liberalismo debil a nivel ideolóxico, poderían facerlle fronte ó pensamento que hoxe tenta facerse paso cara o poder institucional co apoio de certos sectores do poder económico; a censura sobre a crítica que se lle facía a VOX en determinada empresa, é un exemplo coñecido, pero esta posición  pode non ser a única.

O combate ideolóxico contra a extrema dereita, o neo franquismo, non se gaña dende un pensamento feble e dende as institucións, e a alternativa que quere encabezar Iolanda Díaz, non me parece outra cousa que tentar manter un capital político que foi moi importante, en número de votos e escanos e que hoxe se sospeita non avanza e o que é peor, non é un dique de contención ideolóxico ó avance do pensamento da extrema dereita. De Iolanda e o seu proxecto temos aínda tempo para analizalo.


En Galicia no mes de decembro de 2021.


No hay comentarios:

Publicar un comentario