A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 11 de marzo de 2023

SOBRE A COMPLEXA SITUACIÓN INTERNACIONAL (e III)

Carlos Dafonte.


Na America Latina a batalla máis dura librada polos pobos contra os USA.

Se hai algún territorio onde para unha persoa de esquerdas, considerando este apelativo como indicativo de estar disposto a loitar por poñer fin ao dominio do capital e que a solución aos problemas que os traballadores teñen, pasa porque inicien baixo a súa hexemonía unha nova etapa, que segundo as características históricas, económicas, sociais e políticas de cada país pode ter configuracións diferentes, onde  tamén inflúe o grao de organización da clase, o modelo que o capital presente, a existencia ou non de capital monopolista, o papel que xogue ese país na cadea imperialista, se é un elo feble, unha colonia ou semicolonia; todas as xentes das esquerdas, repito, debemos recoñecer que as batallas máis importantes que se libraron contra o inperialismo, deixando ao marxe a revolución proletaria en Rusia, China e Vietnam, déronse case sempre en A.L. 

Neste senso temos que recoñecer que nos últimos 150 anos do devir histórico, o conxunto de países que así nomeamos, libraron un importante número de loitas sociais unhas veces tentando levar adiante reformas estruturais que modificasen a situación na que vivía a maioría da poboación traballadora, noutros casos procesos de carácter revolucionario, mellor ou peor dirixidos, con maior ou menor éxito, resultado do enfrontamento co dominio político e a explotación á que os USA someteron a ese continente contando sempre co apoio dos sectores da clase dominante de cada país, onde estes procesos levábanse a cabo, e dos elos fortes europeos da cadea imperialista. 

Procesos que na maioría das veces tivo a resposta brutal, terrorista, do estado oligárquico dos USA, que impuxeron ao longo destes anos ditaduras autoras de salvaxes represións co intento de facer desaparecer as vangardas obreiras, revolucionarias, que lles permitise unha explotación sen sobresaltos. Dende a formulación da doutrina de “América para os americanos”, a combatividade dos traballadores e as súas estrutura políticas non lles deu repouso. Ata nas épocas do populismo como con Getulio Vargas en Brasil, Domingo Perón en Arxentina ou Haya de la Torre en Perú, ata nesas épocas nas que o dominio do capital non estaba en cuestión, os traballadores acadaron niveis de organización e conciencia política, que obrigou a intervir á potencia imperialista.

Os USA en determinados momentos do século XX, non entro no XIX onde tamén o fixeron, impuxo crueis ditaduras en Cuba, Haití, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Perú, Venezuela, Salvador, Paraguai, Granada, Chile, Bolivia, Nicaragua, Colombia, Brasil, Arxentina, Uruguai, seguro que me queda algún país sen citar. E ao longo destes anos en algúns países, en varios momentos da súa historia soportaron en diferentes épocas, ditaduras baixo o control e apoio do veciño do norte sempre disposto a actuar para defende-los seus intereses no que consideran “o seu patio traseiro”.

A revolución en Cuba, nunca sometida á visión estratéxica imperialista, pero afogada económica e diplomaticamente para poder realizar libremente o seu programa de reformas, a consecuencia do bloqueo que os USA impuxéronlle cando se decataron que a dirixencia e o pobo cubanos non estaban dispostos a ser parte dos seus planes, e formularon a “Primeira declaración da Habana” no ano 1960 seguida da “Segunda Declaración” no ano 1962, foi dende o principio un veciño moi molesto que apoiou toda causa anti imperialista que se formulou no territorio ao sur do río Grande, e exemplo, aínda que as condicións obxectivas non fosen as mesmas noutros lugares, para moitos revolucionarios. A presenza da revolución cubana exacerbou, para frea-la estratexia da queda das fichas de dominó, como acontecería no Sudeste asiático, as políticas máis reaccionarias, fascistas, e brutais dos USA, formuladas na chamada “operación Condor”, que levou a impoñer ditaduras na grande maioría do sub continente.

A toma do poder por parte da Fronte Sandinista de Liberación en Nicaragua, foi outro fito importante neste proceso, aínda que puido ser controlado e hoxe Nicaragua e o seu réxime, dista moito de ser, nin revolucionario nin democrático despois do pacto levado a cabo polos que controlan hoxe a Fronte, cos sectores oligárquicos do poder económico, relixioso. Lembro perfectamente o pacto no que interveu o cardeal Ovando.

O movemento bolivariano

Cando os USA pensaban que xa tiñan controlada a zona mediante o terror, xorde o “movemento bolivariano” en homenaxe a Bolivar, cuxa cabeza máis visible foi o militar de Venezuela Hugo Chavez que vai conseguir aglutinar a unha parte moi importante dos países de América Latina, arredor dun programa cuxos eixos fundamentais estaban orientados a non permitir a intrusión dos USA como fixera sempre, e crearon o que se chamou o ALBA fronte ao ALCA que tentaban impoñe-los imperialistas cuxas normas eran leoninas. Entre outras condicións do ALCA os USA podían vender no sur pero os do sur non podían facelo no norte, ningunha institución do sur podía esixir a un investidor do norte transferencias de tecnoloxía, nin que crease postos de traballo, nin límites á saída de beneficios e permitía aos investidores do norte demandar, diante de tribunais de fora do país onde investía, a calquera institución que lle puxera atrancos. 

Pola contra o ALBA, “Alternativa Bolivariana para Las Américas”, representaba un modelo de comercio xusto, no que se involucraron Cuba, Bolivia, Venezuela, Nicaragua, Ecuador e máis tarde Brasil e Argentina, que representan unha liña divisoria entre os que se enfrontan aos USA e os que firmaron acordos con eles como Chile, Perú, México ou Colombia.

Outro aspecto importante é que tentaron rachar co monopolio informativo dos USA e crean TELESUR como alternativa ás empresas partidarias do capitalismo neoliberal. Crean tamén Banco Sur, Gasoduto do Sur, Petrosur e Venezuela entra en Mercosur e dicir dótanse de toda unha serie de infraestruturas que fan prescindible aos USA

Este movemento xorde ca maduración de importantes movementos en diferentes países onde os de carácter indíxena empezan a xogar un papel fundamental na queda de presidentes corruptos, incapaces de facer fronte, aínda que contaran cas institucións represivas do estado, á mobilización social. A oligarquía do norte do Rio Grande decátase que os golpes militares non van ter a eficacia de antes e utilizan a xuíces corruptos para perseguir a aqueles dirixentes que lles molestan, xuíces que en moitos casos hoxe atópanse no cárcere e só nun caso Bolivia, tentaron o golpe militar que ao pouco tempo do seu trunfo, foi derrotado.

O caso máis denigrante, non polo feito de que os USA o proclamaran como tal, senón por ser aceptado pola Unión Europea e con Pedro Sánchez como seu principal patrocinador, foi o nomeamento dun presidente en Venezuela que substituíra a Maduro, un tal Juan Guaidó; alguén lémbrase da súa recepción en España e na UE?. Un espectáculo lamentable que indicaba o grao de soberanía de determinados países e institucións e a corrupción dun sistema que consideran democrático.

América Latina nestes anos foi cambiando, Gabriel Botic presidente de Chile, Gustavo Petro en Colombia, Alberto Fernández en Arxentina, Lula da Silva substitúe a Bolsonaro na grande potencia do cono sur e López Obrador en México e Cuba e Venezuela aguantaron, con dificultades o bloqueo e todas as falcatruadas que os USA e os seus aliados lles fixeron nestes anos. Algo positivo foi a volta de Brasil á CELAC no VII cumio, celebrado hai poucos días en Arxentinana que participaron 33 países e aprobaron unha ampla declaración de máis de cen puntos-medidas, en momentos no que a vella orde mundial atópase en graves problemas; xa o aseguraron en Davos os ricos do mundo, “atópámonos no fin da globalización neoliberal”. A OEA, instrumento durante moitos anos dos USA non foi invitada, e Biden moi a última hora, non participou.

América Latina necesita a unidade para facer fronte a esta difícil situación; por separado van ter maiores problemas enfrontados a uns USA en medio dunha crise económica e política sen precedentes, como é o asalto ao Congreso, e que os demócratas non teñan hoxe un candidato, que vai buscar, seguro, nun maior grao de explotación destes países, a solución a algúns dos seus males.

Para meter medo aos dirixentes latinoamericanos e premelos, foi o obxectivo  da xira da señora Richardson xefa do Comando Sur, que tenta afortala-lo control sobre os “seus protexidos”, falando das relacións que sempre houbo de “boa viciñanza” entre o norte e o sul, como se os pobos de A.L puidéranse esquecer as ditaduras, e tentando, seguro que con ameazas, que os países de A.L. boten fora a China, Irán e Rusia, que non establezan relacións comerciais e rachen coas que xa teñan acordado; como ten declarado, e lembraba Atilio Boron, considerándoos “xente de fora que veñen a levarse os nosos recursos”, como se os recursos de A.L tamén foran deles e poderá facer con eles o que lle pareza.  Levan tantos anos saqueando aos pobos do sur do río Grande que confunden a realidade.

Lula da Silva visitou os USA hai uns dias, seguro que recibiu  presións insoportables, insultos e todo intento de ameazas para que saque a Brasil dos BRICS e non siga asinando acordos con China. Os USA deben comprender que si hoxe 140 países teñen acordos preferenciais con China algunhas razóns positivas teñen que existir; sen ter 198 bases militares como os USA no conxunto do planeta.

Atopámonos nunha situación moi complexa, hai analistas que consideran que pode estalar un conflito mundial, que estamos as súas portas, outr@s máis optimistas pensan que esta situación pasará, con dificultades, pero se solucionará. 

Unha cuestións debemos ter en conta, que as forzas políticas conservadoras e neofascistas, as máis reaccionarias, nos últimos anos teñen gañada a batalla ideolóxica, como xa  analizouse neste blog, e o dominio dos medios de información se atopa nas súas mans, polo tanto, como dicía un profesor dunha  universidade dos USA, pido perdón por non lembra-lo nome, nun artigo que me enviaron hai uns días, “fan apoloxía da guerra en nome da paz e do fascismo en nome da democracia”.

Fronte a esta situación complexa, por primeira vez na historia dende o século XIX ata hoxe, parece que dende os sectores que se autodenominan de esquerda, non saben que facer; siguenlle o xogo ás oligarquías. Mellor dito dende aqueles sectores que os medios de comunicación propiedade da oligarquía e grupos de fora, denominan de esquerda. O tema debe preocuparnos. Hoxe o obxectivo debe ser reconstruír a esquerda; difícil, pero o obxectivo fundamental.


En Galicia no mes de marzo de 2023.


No hay comentarios:

Publicar un comentario