A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 2 de octubre de 2024

CADA VEZ ATÓPASE MÁIS PRÓXIMA A DERROTA DA OTAN EN UCRAÍNA.

Carlos Dafonte.

  Zelenski marchou ufano  co seu “Plano para a Vitoria” aos USA e participar na Asemblea Xeneral da ONU, e atopouse que a súa intervención foi seguida por menos representantes  que o ano pasado. E protestou diante dos seus xefes, xa que albiscou que posiblemente non premeran o suficiente, pero ninguén lle fixo caso. 

A paiasada do seu Plano foi acollida polos medios dos USA, o seu principal valedor, como una lista de intencións pero moi distante do obxectivo da vitoria, o mesmo que aconteceu coa Administración demócrata, cando no momento da presentación desmorónanse a maioría das frontes de combate e as forzas da Federación Rusa avanzan en todos eles.

No de Kursk, do que Zelenski falaba como o elemento básico para derrotar a Rusia, hoxe converteuse, facendo boas as declaracións de militares de alta gradación dos USA e de Europa, como o xeneral Bradley Gencke que afirmou na cadea Bloomberg, que era unha ofensiva absurda, que coas perdas que sufriría o exército ucraíno en material e homes, estarían mellor empregados en reforzar sectores doutros frontes e non debilitándoos, que era dilapidar recursos, e unha operación sen sentido táctico nin estratéxico. Tamén un alto cargo militar austriaco, Markus Reisner falou na cadea alamana RTV, que as perdas das forzas ucraínas foran enormes e que necesitarían sobre 3.000 tanques para poder defenderse, número que a OTAN non poden subministrar. Opinando así os militares é normal  que as axudas a Zelenski cada vez se vexan máis reducidas.

Pero sendo moi importante este tema, que indica que a pesar do armamento, dos técnicos e dos “mercenarios” da OTAN, por non chamarlles co seu nome, combatentes da organización presentes no territorio de guerra, hai algo que lle fai máis dano a Zelenski e a súa camarilla oligárquica e saqueadora dos cartos que enviaban os seus “amigos”: que a Administración dos demócratas pensa agora que hai que falar con Putin. 

Parece que a amenaza de Trump de que no caso de gañar nas próximas presidenciais, pon termo ao conflicto en pouco tempo, fixo rectificar a administración actual. Pero tamén debeu ser un golpe moi importante para o usurpador da presidencia de Ucraína, que os USA e Alemaña non acepten enviarlle o armamento nin participar en atacar “o territorio ruso en profundidade”. Sen os militares da OTAN, sen as súas coordenadas, sen a súa “intelixencia”, non é posible esa acción.

Pensan agora que eso só vai axudar a una escalada maior no conflito e non atópanse dispostos a permitilo. Os días de Zelenski debían estar contados e o seu exército é posible, que non aguante ata a entrada do novo ano.

Que van facer agora os vasalos europeos dos USA? Pois seguir o discurso de quen manda e si confírmase que a administración demócrata cambia o rumbo, cambia a súa posición e tenta que a derrota irremediable sexa menor do que pode ser e abre negociacións, os europeos e as súas institucións, como por exemplo o Parlamento e a Comisión, sempre moi otanistas e sen preocuparse do que tiñan que preocuparse, cambiarán tamén de posición e onde “dixen digo digo diego”; pero o exemplo para a cidadanía e os traballadores debe facerlles reflexionar sobre a capacidade e autonomía dos seus dirixente, a soberanía do país e algunha circunstancia máis.

Outra fronte que ten aberta Zelenski e a do seu enfrontamento con Polonia. Dende hai moito tempo os polacos esixen que Ucraína condene as matanzas en Volyn nos anos da II ª GM, cando os seguidores do ucraíno Stephan Bandera, alto grao militar das SS nazis, asasinaron en Galitsia a máis de 100.000 polacos a maioría xudeos. Os polacos ven con preocupación como Bandera é hoxe un heróe nacional e levántaselle estatuas e sectores do exército ucraíno, como o chamado Batallón Azov, constituído fundamentalmente por nazis, cuxo máximo dirixente nunha entrevista a un xornal británico, falou de que a súa misión no planeta era dirixir a “loita das razas brancas e puras contra as razas impuras ás que había que someter”; pois ben este tipo de organizacións militares reciben armamento e cartos a pesar da oposición do Congreso dos USA, que hai tempo declarou que estes grupos extremistas debían estar excluídos das axudas que Ucraína ía recibir para o seu enfrontamento con Rusia. Zelenski integrounos no exército e as brigadas que forman estes grupos, están perfectamente armadas e financiadas, nas súas bandeiras levan símbolos nazis o mesmo que nos seus uniformes. Cal é a perspectiva destes grupos unha vez finalice a guerra? Dar un golpe de estado e facerse co poder en Ucraína?

Pero a gota que rebasou a vaso da paciencia polaca foron unhas verbas de Zelenski acusando a Polonia de non facer todo que debía para axudar ao esforzo de guerra ucraíno.  Polonía, que segundo informes, leva gastado un 2,5 % do seu PIB en axudas ao veciño. A pesar de todo, os polacos necesitan dos ucraínos ou do que quede despois da guerra; teñen o “plano intermares” de defensa, descoñezo se dentro da OTAN ou consideran que pouco vai quedar da mesma, e buscan defenderse doutro xeito, que agrupe aos países do Baltico ata o mar Negro.

Para acabar, as eleccións nos USA do mes de novembro percorren hoxe toda a situación política, incluída os enfrontamentos en Ucraína, Gaza e Oriente medio é próximo. As cousas non son como parecen ou como nos queren “pintar” a cada un dos candidatos. E hai datos que son interesante coñecer, por exemplo que un fillo de Bob Kennedy asasinado hai moitos anos, pasouse as filas de Trump pois considera que o seu partido o Demócrata é hoxe o partido da guerra e por outra parte dous falcons do republicano, Richard “Dick” Cheney, vicepresidente con Bush nos oito anos da súa presidencia, considerado o vice màis poderoso dende a II ª GM e John Bolton, Conselleiro de Seguridade na presidencia de Donald Trump que o fixo  dimitir por desavinzas, dos que dixo que de deixarse levar polos seus consellos, xa estaríamos aniquilados pola IIIª G.M; pois ben estes dous amosan o seu apoio público a Kamala Harris.

Por outra banda Netanyahu, o asasino xenocida, a quen o Tribunal Internacional non persigue, non acepta as propostas de “alto o fogo”, de negociar, que a Administración do Partido Demócrata propuxo e penso que está disposto facer todo o posible para que gañe Trump e ver si o convence de que de novo pode poñerse en marcha o “plano Abraham”. Aínda que despois da masacre en Gaza considero que son poucos os países que estean dispostos a aceptalo.

Os resultados nas eleccións nos USA, esa ditadura perfecta onde as empresas financian aos candidatos que actuarán as súas ordes, “quen paga manda”,  onde pode ser elixido presidente o candidato con menos votos populares, onde nas Convencións dos partidos que elixen ao candidato, os que foron elixidos electores poden cambiar de bando, senón que llo pregunten a Bernie Sanders cando decatouse na mesma Convención do Partido Demócrta, que moitos dos que o representaban, foran comprados e cambiaran de candidato. 

Nada comprenderemos hoxe ata que non haxa unha nova administración e ese ven sendo parte do problema do planeta que un e os seus vasalos, deciden por todos. Chegou a hora de avanzar cara a un planeta multipolar e rexeitar a unipolaridade de hoxe que só xenera conflitos. Agora ben, que ninguén pense que o cambio de horizonte se vai levar adiante sen conflito.

En Galicia no mes de setembro de 2024.


No hay comentarios:

Publicar un comentario