Carlos Dafonte.
A guerra entre a OTAN e a Federación Rusa no territorio de Ucraína, e as consecuencias que teñen para a clase obreira as posicións da Unión Europea respecto ao conflito, a quen só lle interesa como acadar os seus intereses oligárquicos, debe levarnos @s traballador@s europeos a un fondo debate e rachar coa censura imposta.
Intereses oligárquicos definidos en como continuar co enfrontamento con Rusia e segundo varios testemuñas entre elas as de Robert Fico, Primeiro Ministro de Eslovaquia, que afirma que nas xuntanzas da UE, iso é o único a discutir, como continuar a guerra, como imporlle máis sancións a Rusia, como roubar os fondos e os intereses da Federación Rusa depositados na UE, en que e quen os vai gastar, como axudar ao goberno ucraíno a gañar unha guerra que xa ten perdida, esquecéndose, parece que non ten importancia, da situación de desindustrialización actual nas principais potencias europeas, o problema de ter que mercar unha enerxía máis cara e máis contaminante, a falla de competitividade das economías, a paralización do proceso tecnolóxico e o afondamento da dependencia dos USA e as consecuencias de converternos, despois da entrevista da Comisión Europea con Trump en Escocia onde a presidenta da Comisión Úrsula von der Leyen cedeu a todas as propostas do presidente dos USA, nun apéndice dos USA, sen relevancia no panorama internacional, etc.
O caso de Alemaña é un caso exemplificador, pecharon as centrais atómicas e a voladura do Northstream por onde chegaba o gas ruso creou un desabastecemento importante; analistas económicos consideran que un gasto de 20.000 millóns de dólares en gas ruso pulaba a creación aproximada de 2 billóns de dólares en produtos industriais que eran exportados a China, USA e outros países. Agora, mercan gas licuado aos USA a un prezo cinco veces maior.
O caso de Francia e a ilusión de Macrón por gañar a guerra, debe ser o resultado de estar depositados en Francia 71.000 millóns de dólares de activos rusos e segundo parece, a día de hoxe so hai 25.000 polo que é probable que roubaran a diferencia, e neste caso de vencer a Federación Rusa terían que devolvelos, en momentos moi difíciles para a economía despois de ser expulsados de África e ter poucos lugares onde saquear e explotar; recorrer a unha suba de impostos dada a situación da economía francesa, non sería recomendable e situaría ao país ao borde dunha revolta social de imprevisibles consecuencias.
Por outra banda a obsesión da UE pola guerra en Ucraína, non carece de lóxica, pensaban imporse militarmente o que traería un cambio de réxime en Rusia e o caos conseguinte, que sería aproveitado pola UE e o brazo armado da OTAN, quedaríanse cos 300.000 millóns dos activos rusos en Europa e os seus intereses, os cartos prestados ao goberno ucraíno serían convertidos en bos activos e recuperables, e agora son incobrables. Polo tanto a derrota en Ucraína debe ter consecuencias negativas moi importantes para a oligarquía europea.
A necesidade de que os USA continúen en Europa penso que tamén ten que ver coa necesidade de ter un arbitro nos conflitos que podan xurdir entre diferentes países despois da derrota militar e as consecuencias políticas e económicas que o feito vai producir. Do mesmo xeito que crear un inimigo común, Rusia, axuda a manter un tenderete, a UE, que doutro xeito comezaría a descoserse.
Os traballadores alemás, franceses, británicos, etc, esixirán responsabilidades aos seus gobernantes polo desaguisado e por apoiar unha política dos USA en Ucraína, que só a eles beneficiaba?
Todas estas cuestións teñen importantes repercusións sobre a clase obreira europea e os outrora combativos sindicatos, amósanse incapaces de organizar unha resposta conxunta e contundente ao ataque que a clase está a sufrir.
Non debemos esquecer que o enfrontamento proletariado-burguesía segue patente e seguirá ao longo dos anos, ao longo da historia, pois o sistema capitalista basease na explotación da forza de traballo, no capital vivo, @s traballador@s.
Á clase obreira de non ser posible a toma do poder e avanzar cara a un novo tipo de sociedade, onde a explotación e a obtención de beneficio non sexa o máis importante, cuestión moi afastada hoxe da realidade, necesita estar á cabeza da crítica contra este modelo que se impón, cuxo marco é a perda de liberdades e dereitos, o desmantelamento de servizos básicos que paseniñamente pasan a mans privadas, o avance cara a sociedades onde a censura sexa un feito e sexa reprimido ao que non pensa igual. Tentan impor o pensamento único.
Para a OTAN e a UE, a guerra en Ucraína é unha mostra dunha guerra entre “o ben e o mal”, e ao mal non se lle poden facer concesións, polo tanto unha primeira cuestión a destacar é que toda intervención diplomática, algo que foi característico de Europa, non é posible, pois falar co mal, tentar comprender cales son os seus argumentos, é poñerte do seu lado e calquera que exprese esa necesidade, convérteste nun partidario de Putin, o novo Hitler, e non debe ter cabida neste “xardín democrático que é a UE”. Sen a intervención da diplomacia que ten como obxectivo poñer de acordo con quen en principio non estas de acordo, é moi difícil poñer fin a un conflito. E si opinas dese xeito nos teus círculos próximos, axiña recibes parecida resposta. A propaganda “otanista” acada moitos dos seus obxectivos.
A oligarquía europea que é a clase que esta construíndo a UE segundo o seu modelo, a grande burguesía europea, sabe que a loita de clases non é cuestión de fe, crer ou non crer, existe, e aproveita a guerra entre a OTAN e a Federación Rusa para seguir afondando na derrota d@s traballador@s. Coñecen perfectamente que as medidas que están a tomar, só relativas á guerra, levan á desindustrialización, ao peche de grandes empresas europeas como é a automoción e as consecuencias que para o mundo do traballo teñen; aumento do paro e polo tanto aumento do exército de reserva que conduce a perda na masa salarial global, enfrontamentos dentro da clase traballadora, a consideración como problema da existencia de emigrantes, para que non se centre no que debía centrarse, a loita unitaria da clase contra a oligarquía. Consegue deste xeito a oligarquía europea, que é “globalista” e non lle interesan en absoluto a solución dos problemas no propio país para manter a clase traballadora débil, que nos centremos na guerra actual e esquezamos como solucionar os problemas que a clase traballadora europea enfronta todos os días.
A clase traballadora necesita un cambio de rumbo, gobernos centrados na solución dos problemas que padece e cando aparecen partidos que están a favor da ¡¡paz xa!!, e centrarse nos problemas interiores, son acusados de “putinistas” e apartados mediante o lawfare do posto que lle correspondía por gañar as eleccións na primeira ronda, caso de Rumanía, ou estúdase a ilegalización do primeiro partido de Alemaña segundo as enquisas, Alternativa por Alemaña.
A clase obreira da UE necesita un programa que loite por poñer fin á guerra entre a Federación Rusa e a OTAN; tentar recuperar o subministro de gas e petróleo a prezos de hai uns anos; pular políticas que fomenten a industrialización e o avance cara a recuperar un posto importante no proceso tecnolóxico; acercamento aos BRICS e a Organización de Cooperación de Sanghai; comezar a discutir o futuro dunha OTAN derrotada, que dende o punto de vista dos USA só sirve para aumentar os gastos de defensa en países cunha economía moi fráxil, con numerosas débedas e mercarlle as súas armas.
En Galicia no mes de outubro 2025.
No hay comentarios:
Publicar un comentario