A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 27 de junio de 2007

COMENTARIO A UN COMENTARIO SOBRE "BREVE ANÁLISE..."



 


         O, chamemoslle artigo, breve, sen moitas matizacións, sobre os resultados das eleccións Autonómicas e Municipais pasadas, induce a un comentario no que se require a clarificación sobre determinados aspectos do mesmo, de conceptos, o seu alcance e contidos.


         Escomencemos polo planteamento da existencia dun espazo para a acción dunha forza da esquerda transformadora capaz de conxugar gobernabilidade con antagonismo”. Estou de acordo co final do comentario, de que cando algúns planteamos o concepto de gobernabilidade, non ten nada que ver coa “necesidade” de acadar gobernos estables das institucións do estado burgués a calquera prezo. Eu utilizo o termo unido ó de “antagonismo”, que siñifica a imposibilidade de conciliar intereses. É un xeito de dicir que no sistema capitalista as organizacións da clase obreira deben estar dispostas a utiliza-las institucións do sistema, participar nas mesmas para tentar levar adiante aquelas políticas que beneficien a maioría explotada da sociedade; e se estas políticas non é posible plasmalas en algo concreto, desa incapacidade @s traballador@s deben sacar ensinanzas e conclusións. Non debe servir só a participación para axuda-la mobilización, senón tamén como altavoz de políticas e posicións transformadoras, amosar outra política social, outro concepto de democracia na que a participación e o control d@s elixid@spol@scidadáns sexa unha realidade, amosar dende un “microcosmos” como pode ser un Concello, un retazo do que debe se-lo estado nunha sociedade socialista. E dito esto, que ninguén se trabuque, non creo posible “a vía parlamentar ó socialismo”.


         Polo tanto a miña idea de participación da esquerda nas institucións, esta moi lonxe da “componenda” para acadar, como xa dixen, postos a calquera prezo; menos para que serva para levar adiante políticas neoliberais; pactar só cando, por unha conxuntura moi determinada, haxa posibilidades de aprobar políticas transformadoras. E entendo que hai que ser moi rigoroso, e de non facelo así leva de inmediato ó “todos son iguais” e o desánimo dos votantes da esquerda. E cando falo da esquerda non falo do PSOE, aínda que acepto que haxa votantes que considerándose de esquerdas voten por ese partido.


         É preciso engadir que a clase dominante fai perdurar o seu dominio grazas o consenso e a coerción, e estou convencido que un elemento básico de consenso na sociedade capitalista, é o proipio estado, que xoga ademáis o papel coercitivo; polo tanto todo o que sirva a estabilidade do estado, servirá de axuda ó seu papel “consensual” e a que a clase dominante sega a exerce-la hexemonía sobre o resto da sociedade.


         Pero tampouco debemos esquecer o papel que poden xogar as institucións en mans da esquerda, cando xurda unha crise sistémica e se establece un dobre poder.


         Todos estes elementos só esbozados, deben levarnos a unha fonda reflexión e estudo sobre a natureza mesma do estado, as súas particularidades nunha determinada conxuntura, etc., polo tanto entramos na segunda reflexión sobre a que se pide aclaración.


Escribín, a democracia representativa española non funciona dun xeito estable e consolidado”. É a constatación dun feito sobre o que as xentes que queren transforma-la sociedade deben operar. Se ó estado lle presupoñemos ademáis do poder coercitivo o de compartir coa sociedade civil a creación de consenso, é importante analizar a perda deste papel, as razóns do feito, para que o siga a perder e o que hai que facer para que non o recupere. Algo ten que ver co papel consensual do estado, esa idea machaconamente repetida de que a xente co seu voto pode cambiar a súa realidade; como se as desigualdades sociais, de clase, desapareceran no momento de emiti-lo voto e tod@s ficaramos igualad@s; as diferencias de riqueza esfúmanse e se convirte en igualdade xurídica no seo do estado. Non analizar esto en profundidade pode levar ó “voto útil”, que é o máis inútil de todos para @s traballador@s, e pensar que estamos máis protexidos fronte a agresión neoliberal votando a Rodríguez en vez de a Raxoi, e que podemos facer fronte a esta agresión, que podemos cambia-lo curso das políticas económicas, determinadas en lugares nada democráticos, por medio do noso voto. Creo polo tanto que a cuestión e máis complexa que o que se formula no comentario, en que derrota-lo PP e derrota-lo réxime, como se o PSOE non fora parte e un dos piares fundamentais do mesmo. Manter esa posición desde o meu ponto de vista, leva a consagra-lo PSOE como a forza aglutinadora do voto de esquerda no país, e sitúa o necesario proceso de reconstrución do movemento obreiro nas súas dúas facetas, política e sindical, sen obxectivos claros e como un elemento secundario; o fundamental, e algunha persoa así indicoumo despois de lelo, chamémoslle artigo, foi da necesidade imperiosa de aglutinar todos as forzas da esquerda arredor do PSOE nas próximas elecións xerais. ¿Con ese pensamento de sectores progresistas e mesmo de esquerdas, alimentado polos medios de comunicación dun sector da oligarquía española da que o PSOE é representante, é posible avanzar na reconstrución necesaria?. Dificulta moito o proceso.


As pasadas eleccións plantean un tema crucial, o bipartidismo, campo escollido polos dous sectores da oligarquía española como o mais favorable para os seus intereses. Téntase construír, e Maragall deixouno moi claro hai anos nunha entrevista no diario Mundo, e agora o vai tentar a nivel europeo, fundando algo parecido ó Partido Demócrata, construír, dicía, un escenario moi parecido ó norteamericano, onde existindo un só partido na practica, dous sectores do mesmo, son capaces de mante-lo engano, grazas ós medios de comunicación creadores de opinión, e as liortas nas que se enfrontan, e así de parecer dúas organizacións que defenden distintos intereses, e as veces antagónicos. O mesmo “ruxido” que fan no estado español os partidos maioritarios. Pero se a monarquía e a explotación capitalista estiveran en perigo, veríamolos actuar unidos contra das forzas que levaran adiante o proceso. Nese reparto de papeis, para que pareza máis verdadeiro, nun estado onde aínda as secuelas dunha guerra civil e unha longa ditadura terrorista están moi presentes, diversos medios de comunicación, dos que crean opinión, dos que converten en “senso común”, o pensamento da clase dominante, reparten os papeis do enfrontamento civil, entre as forzas políticas maioritarias, para como atinadamente se di no comentario, mante-la ficción esquerda-dereita que lles permite un control sobre a maioría da poboación e truncar calquera tentativa de reconstrución.


¿Con quen se vai face-lo reagrupamento? Esa é a última cuestión que se plantea no comentario. Opino que non hai receitas; o que se necesita é como xa dixen reconstrui-lo movemento obreiro en Galicia, e a nivel de estado, nos seus dous piares, a nivel político e a nivel sindical. O reagrupamento debe ter ese obxectivo.


No primeiro nivel, o reagrupamento débese concretar arredor da teoría revolucionaria, o marxismo, o que debe conducir á construción, o de menos é o nome, dun partido marxista-revolucionario, dotado dun programa científico que responda ás necesidades d@s traballador@s. A coxuntura fará explícita as políticas de alianzas e o xeito en que a clase obreira exerce a súa hexemonía sobre outras clases e capas explotadas da sociedade; a criación dun amplo movemento, unha fronte electoral, etc.


Xuño 2007


C. Dafonte





No hay comentarios:

Publicar un comentario