Carlos Dafonte

Os partidarios da guerra,
dentro dos partidos obreiros eran maioría, os “socialchovinistas”
como lles chamaba Lenin, pero os partidarios de transforma-la guerra
interimperialista en guerra revolucionaria contra as burguesías
respectivas, paseniño se foron organizando, sobre todo a partires da
Conferencia celebrada en Zimmerwald en 1915, que aínda que quedaron
en minoría, estableceron as bases da coordinación dos sectores
revolucionarios, dentro dos partidos socialdemócratas e socialistas,
o que se coñece como a “esquerda zimmerwaldiana”, que se
consolidou na Conferencia celebrada meses máis tarde en Kienthal e
que asumía as teses de Lenin sobre o conflito: 1. Levar a cabo unha
constante propaganda revolucionaria, para transfoma-la guerra
imperialista en guerra civil, por medio da acción dos traballadores
contra o seu goberno e a confraternización nas frontes dos soldados
dos diferentes bandos. 2. Loita contra as posicións da Segunda
Internacional. 3. Creación das organizacións clandestinas
encargadas de levar a “bo porto” ese traballo, o mesmo tempo que
se levaba a cabo o traballo na legalidade. 4. Obriga dos
revolucionarios non só de desexa-la derrota do seu goberno, senón
de facer todo o posible para contribuír á mesma. 5. Loita contra o
pacifismo e contra acadar unha “paz democrática”. 6. Apoio por
todos os medios ó dereito dos pobos oprimidos a acada-la
independencia, arredándose dos seus opresores. 7. Recoñecemento do
principio dos Estados Unidos de Europa, como etapa a cubrir na
construción dunha nova Europa. 8. Levar a cabo o traballo necesario
para crear unha Terceira Internacional.
Karl Liebknecht foi o
único dos 111 deputados do SPD que defendeu a posición aprobada
antes da guerra pola Segunda Internacional e votou na sesión do 3 de
decembro de 1914, en contra dos créditos de guerra; fixo, nun pais
tan militarista como Alemaña, campaña contra a guerra, lanzou a
consigna de que “o principal inimigo está no interior do noso
propio país” e enviou unha carta á dirección do partido, asinada
por máis de mil cadros do mesmo, condenando a actitude dos
dirixentes diante da guerra; xunto con Rosa Luxemburg, Franz Mehring,
Leo Jogiches, Clara Zetkin e outr@s, fundou un grupo de oposición á
guerra que máis tarde se converterá na Liga Espartaquista, que
asinou grande cantidade de folletos clandestinos contra a mesma,
contra a socialdemocracia, a conciliación de clases, propondo a
folga xeral como método para poñer fin á carnicería que arrasaba
Europa e que enfrontaba ós traballadores dos diferentes países.
Foron perseguidos e condenados o 28 de xuño de 1916 a dous anos de
cárcere. Pero seguiron dirixindo, escribindo e participando, a
pesares do illamento, na campaña contra a guerra.
O 8 de novembro de 1918 a
revolución alemá en marcha, liberou a Rosa Luxemburg, Liebknecht
saíra uns días antes, e incorporáronse á loita. O final é
coñecido, derrotada a revolución en Berlín e asasinados Luxemburg
e Liebknecht, a socialdemocracia, con Noske e os Freikorps á
fronte, adícanse por toda Alemaña a esmagar todos os Consellos de
Obreiros e Soldados constituídos. Sobre esta represión se proclama
días despois, a chamada República de Weimar.
As consecuencias da
derrota da revolución en Alemaña foron moi importantes; exceden do
territorio alemán; de trunfar, posiblemente o mundo de hoxe fora moi
distinto, irrecoñecible.
En primeiro lugar abriuse
un “foxo de sangue” afirmou alguén, moi fondo entre a
socialdemocracia e o movemento comunista, que dividiu ó movemento
obreiro, e se a primeira pensaba manterse ó marxe da reacción
brutal da burguesía trabucouse; o nazismo tamén os varreu en todos
os países nos que trunfou; a burguesía non foi agradecida cos
“servizos prestados”.
En segundo lugar porque
xa non se daría a revolución proletaria nun só país, Rusia, a
quen se someteu por parte das potencias imperialistas e os seus
aliados a unha brutal agresión militar que destruíu unha parte da
vangarda dos traballadores, a vangarda revolucionaria, e durante
moitos anos foi sometida a un bloqueo internacional que produciu
procesos internos que pouco teñen que ver co socialismo.
Posiblemente a discusión entre “socialismo nun só país” ou
“revolución permanente” non se houbera producido nos termos nos
que se levou a cabo, e de producirse, os resultados serían
distintos. Cun país como Alemaña, o máis importante a nivel
económico da Europa continental, situada no seu corazón, levando a
cabo un proceso de transformación estrutural, de avance cara ó
socialismo, tería unha enorme influenza en países do leste europeo
para iniciar procesos do mesmo carácter e consolidar outros xa
iniciados, como o de Hungría, o tempo que axudaría ós
traballadores de Italia na súa loita contra a reacción das clases
dominantes, o estado de excepción permanente dentro do estado
capitalista, que coñecemos como o fascismo.
Tampouco é difícil
augurar que o desenvolvemento histórico posterior de Alemaña non
sería o que se deu, e o nazismo, de existir en xerme, non tería o
apoio dos “freikorps”, a base das “camisas pardas” de Hitler,
e o económico dunha burguesía e uns “junkers” derrotados polo
proletariado alemán, e polo tanto sería unha anécdota.
Se ten acusado a Rosa
Luxemburg de cometer erros que levaron a derrota da revolución como
o de sobreestimar o espontaneísmo das masas e subestimar o papel da
organización, o papel do partido; e non se elude moitas veces, nesta
discusión, a comparación entre os dous procesos, o de Rusia e o de
Alemaña. No primeiro a pesares dunha clase obreira menos numerosa e
en certa medida máis “primitiva”, das dificultades xeográficas
e das vacilacións de moitos membros da dirección, non esquezamos a
sentencia de Lenin pouco tempo antes de facerse co poder de que
estaban “as masas máis a esquerda que o partido e este máis a
esquerda que o seu comité central”; a pesares de todas estas
circunstancias e doutras menos salientables, a existencia dun partido
aguerrido, con ampla experiencia na loita clandestina e legal, cunha
ampla discusión na base, con directrices precisas, maduro
politicamente, o que se amosa que en momentos determinados, sen estar
de acordo co que as masas levan a cabo, as acompañou para que a
derrota non fora definitiva e garantir un repliegue ordenado,
refírome ás xornadas do mes de xullo de 1917, a existencia dese
partido, repito, garantiu o éxito do proceso.
Pero Rosa Luxemburg e o
propio Karl Liebknecht eran vítimas da loita contra a “organización
burocrática” do SPD e os sindicatos, que afogaban calquera
iniciativa que saíra da base, onde a dirección o supervisaba todo,
onde nada se movía se non era co consentimento da dirección. E se
explica esta confianza no espontaneísmo, como unha reacción a todo
o burocratismo existente dentro do SPD.
Podemos chegar a algunha
conclusión estudando estas experiencias do pasado?. Se as analizamos
criticamente, seguro; se pensamos que hai que copialas e que a
sociedade de hoxe é a mesma que entón e que podemos repeti-lo
traxecto levado a cabo, por exemplo por Lenin, creo que nos
trabucamos
No estado español non
nos atopamos nunha etapa prerrevolucionaria, si nunha etapa de fortes
mobilizacións, sen unha dirección política que converta a vontade
de loita da xente, na concreción de substitui-lo poder actual por
outro de acordo cos intereses que se expresan na rúa. Cunha
sociedade sobre a que inflúen dous procesos, que sen estar
coordinados converxen cara a un obxectivo común; un é o que
coñecemos como 15-M, asembleas nas rúas, ampla discusión, etc,
onde cada colectivo expresa as súas opinións, os seus obxectivos,
pero sen avanzar cara a unha organización estable que funda as
diferentes alternativas nun programa; non entro en se son
anticapitalistas ou non. Pódese dar o caso que pense cada movemento
que o é, que o seu programa de levarse a cabo poñería fin ó
capitalismo, pero estou convencido que un programa anticapitalista e
algo máis que xuntar todas as propostas dos diferentes movementos.
O outro proceso, a enorme
campaña contra todos os partidos, que se está a levar a cabo desde
numerosos medios de comunicación ca intención que desta crise, os
máis desfavorecidos e golpeados polas medidas que a oligarquía
impón, non busquen na organización partidaria de clase, a solución
ós seus padecementos.
Pero tamén están os
sindicatos maioritarios, utilizando a folga e a manifestación para
rebaixa-la presión social, actuando a saltos, sen propor alternativa
algunha como non sexa unha negociación, que está demostrado que,
nas circusntancias actuais, cunha burguesía, cunha organización
patronal que se sente forte, só serve para confundi-los
traballadores, crear falsas expectativas, xa que non esta disposta a
cumprir, como a experiencia destes anos nos di, nada do pactado.
Rosa Luxemburg lanzou a
consigna “socialismo ou barbarie”; pensa alguén que sen unha
forte organización e sen un programa claro de transformacións
pódeselle facer fronte á barbarie organizada que é o capitalismo
actual?. Non nos enganemos, só a clase asalariada, a que crea
riqueza, pode aglutinar e hexemoniza-lo proceso de cambio neste país,
é o suxeito revolucionario. A pesares do seu fraccionamento, do
paro, do invento da socioloxía burguesa das “clases medias”, que
dificultan a toma de conciencia, só a clase asalariada, organizada
como clase, pode enfrontarse con éxito ó sistema.
En Galicia no mes de
xaneiro de 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario