A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 23 de julio de 2014

DO MAINE AO BOEING 777, O FIN DO CICLO NORTEAMERICANO E OS BRICS.




Roberto Laxe
 A pesar de figurar como nova secundaria nos grandes medios occidentais, o 15 de xullo de 2014 é unha data para a historia: cinco economías mundiais, entre elas a actual 2ª potencia, China, acordaron a constitución dun Banco de Reservas alternativo aos que se construíron tras a II Guerra Mundial, o FMI e o Banco Mundial, pondo en cuestión a hexemonía euronorteamericana da economía mundial. Algúns ven neste acordo, a constitución doutra columna imperialista no mundo fronte á euronorteamericana.

 Non é cuestión de repartirse a pel do oso antes de que morra, posto que os EE UU aínda son a primeira potencia militar e económica do mundo, e non van ceder o seu papel hexemónico facilmente. Pero o que os marxistas debemos facer é ver as tendencias internas, cara a onde apuntan, elaborar hipóteses e demostrar na práctica a “forza do pensamento”, de modo que, parafraseando a Marx nas Teses Sobre Feuerbach, non caiamos en discusións escolásticas.
 Os EE UU son a potencia dominante a nivel mundial desde o fin da II Guerra Mundial, cando tras a derrota de Alemaña e Xapón, e o enfraquecemento profundo de Gran Bretaña (anterior “raíña”) e Francia, eríxese como a primeira economía do mundo, o acredor de todos os demais e os seus produtos e capitais facíanse co mercado mundial.
 Coa súa vitoria militar sobre o seu máis directo competidor, Alemaña, co fusil sobre o ombreiro de Gran Bretaña, reconfigura as institucións mundiais ao seu xeito. Tan firme era o seu dominio do mundo, tantas reservas en ouro tiñan, que se permitiron o “luxo” de unir o valor do ouro ao do dólar nos acordos de Bretton Woods, onde se constituíron as dúas institucións económicas que xestionasen a vitoria militar, o FMI e o Banco Mundial.
 Dúas maneiras de analizar a realidade, distintas pero iguais
 A esquerda mundial segue atada ao esquema da segunda post guerra, a que “coroou” á EE UU como “o imperialismo”. Un esquema tan esquemático (valla a redundancia) que lle impide ver toda a riqueza que a realidade ofrece, e condúcelle inexorablemente a unha política internacional de “campos”, “quen esta contra a EE UU e os seus socios menores, os europeos”, é o meu “amigo”, teña o carácter que teña.
 Esta lóxica, aparentemente leninista; a tarefa dos revolucionarios é apoiar a loita dos pobos contra o imperialismo, é, no fondo, profundamente antileninista. Sexamos categóricos, e deixémonos de monsergas metafísicas, para Lenin o imperialismo non se concreta nun estado, como para Hegel a Idea se corporeizaba no estado; senón que é a fase superior do capitalismo. O mundo é imperialista capitalista, onde algunhas potencias son dominantes, imperialistas, non só unha; onde lle é consustancial a loita, a competencia, entre as diferentes potencias polo control e o dominio do mercado mundial.
 Sen esta competencia, loita e control non se entenderían as guerras, e veriamos a realidade mundial como unha gran “teoría da conspiración”, na que a CIA, o Pentagono ou o Club de Bilderberg, son os “demiurgos”. Pero esta explicación ten ben pouco de marxista, é volver á Idea (dos “conspiradores”) como eixo da vida dos seres humanos, sustituindo a loita de clases como motor da historia pola “conspiración” dos sabios de Sion.
 Hai outra tendencia na esquerda mundial que tamén converte o marxismo nunha metafísica, son aqueles que consideran que coa EE UU chegamos até o final do capitalismo, defendendo, sen recoñecelo, a teoría do derrube. Posto que se todos recoñecemos que a EE UU están en decadencia, e negamos rotundamente a posibilidade de novos competidores que poidan suceder á EE UU no dominio do mercado mundial, entramos de cheo en que o capitalismo esta chamado ao derrube polas súas propias contradicións. E isto, con todos os respectos a Grossmann, é economicismo, salvo que por derrube enténdase “barbarie capitalista”.

Como chegaron os EE UU aí
 Se algo achegou Marx ao coñecemento humano é a demostración do carácter histórico do capitalismo, a sua transitoriedade. De igual maneira, o dominio do mercado mundial tampouco é fixo; senón que nos últimos 250 anos cambiou de mans. O século XIX foi o século de Gran Bretaña, do dominio dos mares polos exércitos de raiña Vitoria, e aínda que houbo contradicións constantes cos seus competidores de sempre, Francia, ou recentemente incorporados, Alemaña, o mercado mundial estaba controlado polos mercados financeiros británicos e a súa moeda de referente, a libra.
 A rápida industrialización de Alemaña tras a súa unificación, despois da derrota de Francia a mans de Prusia na guerra de 1871 e baixo o réxime de Bismarck, supuxo a aparición dun competidor para o capital británico, que no longo prazo seria o seu inimigo no terreo militar.
 Ao mesmo tempo, alén do Atlántico, sen grandes guerras, e sobre a base da ocupación e exterminio dos nativos, nas excolonias británicas desenvolvíase a outra gran potencia que co tempo chegaría ao choque con
Alemaña (Trotski, erroneamente, consideraba que a guerra se produciría entre os EE UU e Gran Bretaña). Os EE UU entraron na pelexa polo mercado mundial cando tras a Guerra de Secesión liberáronse definitivamente das ataduras do dominio inglés, que tras a guerra da Independencia mantíñanse a través das plantacións de algodón do sur, que facían mover a industria do téxtil de Liverpool e Manchester.
 Os EE UU, desde a distancia que lles daba o océano fronte ás contradicións que desgarraban Europa, que explotarían en 1914, ían desenvolvendo un capitalismo cunha gran capacidade de expansión: non tiñan ancoraxes feudais dos que se liberar, e o capitalismo desenvolvíase dunha maneira totalmente “pura”, de “laboratorio”. Esta forza expansiva non tardaría en necesitar saír das súas fronteiras, e obviamente os ollos puxéronse non nas colonias das grandes potencias europeas, aínda hexemonicas, senón nas da potencia máis decadente de Europa, España.
 A doutrina Monroe, “América para os americanos” traduciuse en “América para os norteamericanos”, e Cuba, que era a última colonia española, foi a primeira en caer baixo o dominio directo de USA. Para iso o exercito ianqui, apoiando aos independentistas cubanos, tras unha campaña de saturación nos medios, procurou calquera xustificación para declararlle a guerra a España. O afundimento do Maine foi o argumento que necesitaban para presentarse como victimas, e declarar a guerra.
 O éxito deste método de “presentarse como victimas” para entrar nunha guerra converteuno no contrasinal da política exterior ianqui. Estes nunca comezan unha guerra, senón que “son victimas” de inimigos falaces (españois, alemáns ou xaponeses, terroristas,...) e teñen que se defender. Así foi cando o afundimento do Lusitania, deulles a “xustificación” para entrar na I guerra; despois foi o ataque máis que previsible de Xapón en Pearl Harbor. En 1964 producíronse uns acontecementos no Golfo de Tonkin, que co tempo demostrouse que foron inventados, para xustificar a Resolución do Golfo de Tonkin, pola que a EE UU atacaron con toda a súa forza á Republica Democrática de Vietnam.
 Máis recentemente, a pesar das dúbidas sobre a autoría, ou a previsibilidade, dos atentados do 11 de setembro, estos permitiron-lles declarar esa guerra mundial encuberta que é a guerra contra o terrorismo, o ataque a Afganistán e Iraq, etc. En todos os casos, hai dúbidas máis que razoables sobre a actitude dos gobernantes norteamericanos, “deixando facer” nalgúns casos, “inventándose probas” noutros,... e utilizando todos os medios de propaganda dos que dispoñen, Hollywood á cabeza, para aparecer como victimas, cando en realidade é o que buscan... implicarse nunha guerra.
 Cambio de tendencia
 A derrota ianki en 1975 na guerra do Vietnam anuncia un cambio de tendencia. Até ese momento, a EE UU están á ofensiva, entran nas guerras co obxectivo claro e preciso de dominar, hexemonizar o mundo; conseguíndo-o. Nos anos 70 esta tendencia invístese. Un pobo desarmado, pobre, foi capaz de derrotalos política e militarmente -descoñécese o custo total da guerra para a economía yanki, pero calcúlase en perto do billón (europeo) de dólares-.
 Ao tempo a economía mundial coñece unha das máis grandes crises, a do 72/73, que destrúe o patrón dólar-ouro, e cuestiona a orde establecida tras a II Guerra Mundial deseñado en Bretton Woods. Este cambio de tendencia exprésase no triunfo entre o capital do neoliberalismo fronte ao keynesianismo dominante até ese momento: comeza o desmonte do Estado do Benestar, con Thatcher e Reagan.
 Salvo o paréntese dos anos 90 tras a restauración do capitalismo nos ex estados obreiros (aínda que como veremos tras a ilusión, volveuse á realidade), este cambio de tendencia prodúcese porque o imperialismo ianqui comezaba a dar signos de decadencia. Todos os indicios económicos, taxa de ganancia, produtividade do traballo, formación bruta de capital (acumulación de capital) estaban nunha deriva descendente, mentres (re)xurdían os vellos competidores, Xapón, Alemaña,... que sobre a base da destrución total da II guerra, tiñan recomenzado un novo proceso de acumulación primitiva de capital.
 O mercado mundial, aínda baixo a hexemonía norteamericana, coñecía un novo período de axitación, que se expresou a nivel monetario coa desaparición de Bretton Woods e o patrón dólar-ouro. A economía volvía á fluctuación previa á II guerra, e o poderío norteamericano baseábase cada vez máis no poder militar; a economía norteamericana, como potencia imperialista que é, depende da exportación de capital que lle permita valorizar uns investimentos, que feitas dentro das súas fronteiras non o conseguiría pola actuación da tendencia decreciente de táxa de ganancia.
 Esta tendencia, a súa actuación como o “vello topo” na economía capitalista é central para entender a aparición do imperialismo e o desenvolvimento das contradiccions interburguesas. Ás forzas contrarrestantes que Marx sinala fronte á tendencia decreciente da taxa de ganancia hai que engadirlle unha, a exportación de capital (para Lenin un dos trazos definitorios do imperialismo como fase do capitalismo), debido á baixa rendibilidade dos investimentos produtivos dentro das fronteiras nacionais. O capital busca en zonas menos desenvolvidas o que non ten nas súas nacións, unha relación favorable entre produtividade do traballo e beneficios,... E alí vaise ata que a elevación da produtividade do traballo, provocan a caída da taxa de ganancia nesas nacións.
 Esta é a lóxica do capital, buscar a máxima rendibilidade para os seus investimentos, e de aí o imperialismo e a guerra.
 Cal é, entón, a novidade cos BRICS
 Se a aparición dos BRICS produciuse hai 20 anos, ou menos fai 10, sería anecdótico; sería como cando Arxentina chegou a ser 7ª potencia mundial, ou cando na España dos 60 produciuse unha forte industrialización sobre a base dos investimentos estranxeiros. Pero a aparición dos BRICS, e non é casualidade, dáse nunhas condicións ben distintas: o mundo esta percorrido desde o 2007 por unha profunda crise sistémica que golpeou principalmente nas dúas grandes potencias, a EE UU e a Unión Europea.
 A novidade dos BRICS vén de que enchen un espazo que as “vellas” potencias imperialistas deixan na súa decadencia... porque na sociedade, como en calquera outro aspecto, non existe o baleiro, a nada. É un absurdo metafísico crer que existe a nada. Se un espazo queda “baleiro”, rapidamente é enchido por outro; mellor ou pior, máis grande ou máis pequeno, pero, enchido. E isto é o que esta sucedendo a nivel mundial: a retirada paulatina dos capitais ianquis do mercado mundial (repatriación chámanlle eufemísticamente), esta sendo cuberta por capitais chineses, rusos,...
 A cantidade e calidade deses capitais investidos pola burguesía chinesa e rusa excede con moito a duns países dependentes das potencias imperialistas. Froito da acumulación primitiva de capital que se operou neses países, especialmente China, substituíron xa aos EE UU como acredores no mundo. Hoxe China é o banqueiro dos EE UU, e da mesma maneira que os EE UU anunciaron a súa candidatura a primeira potencia mundial, cando tras a I guerra convertéronse nos acredores de Francia e Gran Bretaña, e financiaban o crecemento alemán que conduciría á II guerra; hoxe China, xunto cos seus aliados os BRICS, anuncian a súa candidatura a ser a alternativa capitalista á decadencia do euro norteamericanos.
 E fano exactamente cos mesmos argumentos que todos os candidatos. Os EE UU, cando a finais do XIX comezaban a sua andaina como potencia imperialista presentábanse “libertadores”, como respectuosos das “tradicións dos pobos”, fronte aos colonialistas franceses, británicos ou españois. Os alemáns, a comezos do XX, cando entraron en África (Namibia e demais), tamén afirmaban ser respectuosos coas “tradicións” dos pobos, fronte aos colonialistas británicos, belgas ou franceses; e así sucesivamente.
 Agora chineses, rusos e demais ofrecen a venezuelanos, a africanos, a arxentinos (acaban de asinar un tratado con Arxentina, pola que sufragan parte da débeda externa que lles esixe un tribunal norteamericano), etc., respecto absoluto ás súas formas políticas,... a cambio de pingues negocios. Moitos da esquerda, na lóxica da conspiración e a teoria dos campos (“o inimigo do meu inimigo é o meu amigo”), ven nos BRICS unha “alternativa” para os pobos do mundo, pero esquecen que todos eles son estados capitalistas. Por que isto é o que significan os BRICS, “temos un novo veciño”, vén con toda a forza expansiva do capital recentemente acumulado e con fame de beneficios. Non entendelo, conduce a non entender absolutamente nada da falta de goberno, de dirección política, que o capitalismo ten a nivel mundial.
 A derriba do Boeing 777 ten todas as trazas de ser un novo Maine, unha xustificación para presionar máis aos BRICS, a Rusia en concreto; e abre unha porta pola que a humanidade non se pode permitir o luxo de transitar, unha nova guerra polo control do mercado mundial. Para enfrontar os novos retos creados pola crise do sistema capitalista, debemos abandonar os esquematismos nas análises, e recuperar o método leninista do “análise concreta da realidade concreta”

Galiza, 20 de xullo de 2014



No hay comentarios:

Publicar un comentario