Roberto
Laxe
Hai un termo que tras o
éxito electoral de Podemos púxose de moda, a “caste". A
partir dese momento, cando se quere caracterizar unha posición
política ou social, con engadir a frase, “pertence á caste” xa
parece que está todo dito. Cun simplismo moi español, resólvense
todas as contradicións sociais cunha palabra que cabe nun titular,
nun twitter, e que non implica a menor reflexión: “es da caste”,
“defendes á caste”, é da “caste”, e todo resolto.
Parece que nunha
sociedade complexa, capitalista industrializada (aínda que en
proceso de desindustrializacion), as relacións sociais redúcense á
contradición entre “caste” e “cidadanía”. E o máis grave,
é que isto presenta-se como “novo”, como a “nova política”,
fronte á “vella política”, que se asocia á “caste”.
A contradición entre a
caste dirixente e a maioría social cidadá non é ningunha novidade,
en 1789 o pobo francés, agrupado no Terceiro Estado, desato a Gran
Revolución Francesa contra a “caste” aristocrática. O 14 de
xullo foi, sen dúbida, un acontecemento que marcou un antes e un
despois para a humanidade. Tan importante foi, que durante anos,
incluso as organizacións obreiras tiñan como himno A Marsellesa, un
dos que máis marcaron a historia. Pero, e iso é o que parecen
esquecer moitos actualmente, tras esa loita entre a maioría social
cidadá e o poder aristocrático -a “caste” daquel momento-
escondíase realmente unha loita entre clases, entre a burguesía
revolucionaria, apoiada no campesiñado, e a clase aristócrata dona
das terras.
A burguesía
revolucionaria, propietaria xa de bancos e empresas, hexemónica nos
burgos e universidades, batía para o seu desenvolvemento coas
anquilosadas estruturas políticas e económicas feudais, cunha
propiedade da terra improdutiva e unhas relacións sociais baseadas
na servidume e non no traballo asalariado “libre”. Este choque
entre dúas clases sociais conduciu á revolución burguesa, que tivo
en 1789 o seu momento culminante, para pouco despois comezar a
decaer.
A burguesía, unha vez no
poder, abriu as comportas para a extensión do capitalismo a nivel
planetario, tal e como o coñecemos hoxe: o único modo de produción
dominante, que tras a restauración do capitalismo nos estados
obreiros, non ten competidor (que non teña alternativa é outra
discusión). Pero con el abriu outra comporta, a da loita da clase
obreira contra o poder da burguesía.
A pesar da importancia
histórica da súa revolución, a burguesía o único que fixo foi
transformarse na clase dominante, e como clase propietaria que era,
subrogou o poder aristocrático ao seu poder de clase. De feito, a
revolución burguesa na súa forma máis ou menos pura supón a
destrución do estado absolutista e das relacións sociais feudais;
pero isto só deuse con esta claridade en poucos países. Na inmensa
maioría dos casos, pola presión do desenvolvemento capitalista, as
relacións sociais burguesas impuxéronse de maneira “impura”,
pactada. Paradigma desta incapacidade burguesa para a revolución é
o Estado Español.
Caste e clase, como
definir un estado
Un estado é a forma
histórica que ten unha clase social de organizarse para defender os
seus intereses. O imperio romano era un estado escravista, que tivo
diversos réximes (a monarquía, a república, o imperio), a Francia
pre revolucionaria era un estado feudal, cun réxime absolutista, a
Francia actual é unha democracia burguesa, un estado burgués, con
formas democráticas.
O réxime é a maneira
concreta da clase dominante para organizar as institucións do estado
burgués, ligada á correlación de forzas entre as clases sociais e
as fraccións da clase dominante. O estado, como forma de exercer o
poder dunha clase sobre outra, ten como institucións fundamentais
aquelas con as que se exerce, o exército e o poder xudicial. Un
réxime ditatorial apóiase centralmente nestas dúas, e é a forza
das armas a que lexitima a súa dominación; mentres que un réxime
democrático introduce un elemento subxectivo, a lexitimación dese
poder ante e entre a sociedade. Para iso precisa de institucións que
se liguen á capacidade de decisión individual a través do voto.
As formas do estado están
directamente relacionadas coas relacións sociais de produción, coas
formas que asumen a propiedade privada e a acumulación de riqueza, e
que se manifesta nunha organización institucional, da “caste”,
concreta. A “caste” non son os propietarios deses medios de
produción e distribución, senón as súas “xestores”. No
escravismo, como no feudalismo, sexa o réxime que domine -é neste
caso no que a utilización do termo “caste” adquire todo o seu
sentido-, esas formas de acumulación de riqueza baséanse na
expansión militar “en nome do deus de quenda”; son formas de
explotación e opresión “manu militari”, polo que as castes
militares ou relixiosas son as que teñen preeminencia no Estado e na
mesma propiedade, confundíndose en moitas ocasións.
Pola súa banda, no
capitalismo a acumulación de riqueza realízase de maneira
directamente económica; baséanse no contrato de traballo, no
asalariado / a “libre”, o que fortalece a necesidade de que as
formas estatais, a través das “castes” políticas, lexitimen a
explotación, pola contra, as explosións sociais sucederíanse
constantemente. Por todo iso non podemos esquecer nunca, so pena de
perdernos nas manobras da clase burguesa para lexitimar o seu dominio
a través de recambios na “caste”, é que o estado actual, como o
réxime, ten apelido; é burgués, construído para a defensa dos
intereses da clase propietaria dos medios de produción, distribución
e financeiros, e facilitar a acumulación de capital.
No Estado Español a
caste, que si existe, é a capa dominante nese estado e nese réxime,
e como tal, adquire o seu apelido. Non existe a “caste” en
abstracto, é a caste dun estado burgués, e un réxime herdado do
franquismo. Neste sentido poderiamos dicir que ten “dous
apelidos... “ e non vascos: é unha caste burguesa neofranquista. Á
que por mor dun histórico pacto en 1978, súmaselle unha “caste”
burguesa non franquista, o PSOE, e a “caste” sindical, máis
coñecida como a cúpula dos sindicatos maioritarios.
Porqué é importante
a definición de clase
Moi sinxelo, porque desa
definición extráense os obxectivos a curto, medio e longo prazo que
unha organización política márcase. Se dicimos, por exemplo, que o
capitalismo xa non existe, senón que a loita é contra unha caste
que é o 1% da poboación, dedúcese moi facilmente que as tarefas
que un se propón é a alianza dese 99% restante fronte a esa caste.
Se definimos o estado como “secuestrado” por esa caste, a tarefa
que se propón é a de “resgatar” o estado desa caste
ultraminoritaria. Esta claro, non?
Pero, é certo que ese
sexa o problema? Obviamente ninguén nega que o mundo, como o estado
español teña unha minoría de moi ricos, fronte a unha maioría
pobre. Esta é un simplificación que ben pode valer para unha
pancarta, para expresar “graficamente” a realidade dun mundo
dividido entre ricos e pobres, como di a Igrexa (o Papa dixo
recentemente que “os comunistas leváronse a bandeira dos pobres”),
como fan de maneira descritiva todos os estudos de ONG's, a ONU, etc.
A sociedade esta dividida
entre unha minoría rica e unha maioría pobre; se, sabémolo, e é
así desde que a sociedade esta dividida en clases sociais. Roma tiña
uns poucos patricios, unha maioría de homes libres plebeos, pobres
na súa maioría, e millóns de escravos. O sistema feudal tiña unha
minoría de aristócratas e unha maioría de campesiños pobres, e
millóns de pobres nas cidades.
Se esa é a gran
definición para concluír as tarefas que a sociedade ten por diante,
non superamos a gran rebelión de escravos da vella Roma, e no mellor
dos casos, volvemos á Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán
da gran revolución francesa. Con esa definición nos retrotraemos
aos obxectivos políticos de hai máis de 200 anos, é “vella
política”.
A nova e a vella
política
O 15M berrou contra as
“vellas formas” de facer política. Como todo o novo, expresaba
un rexeitamento confuso a aquelas organizacións que xa “non lles
representaban”, que eran as caras públicas dunha democracia que
“non o era”. A confusión viña dada por unha educación política
inducida polo réxime e as súas organizacións (incluídas as
chamadas de “esquerda”), pola crise política da esquerda desde a
restauración do capitalismo nos estados “socialistas”, coa que
se tiraba ao “neno coa auga suxa”.
En realidade o que o 15M
rexeitaba eran as políticas institucionais, electoralistas, da
esquerda. Pola contra, inconscientemente recuperaba os elementos
definitorios da política revolucionaria da esquerda, que esta
maioritariamente tirara pola borda nos últimos 20 anos. O 15M
recupero a política para a rúa, para a mobilización directa, para
a intervención da sociedade; a través das asembleas populares
reivindicou o carácter democrático radical das comunas de París,
dos Consellos Obreiros rusos e alemáns, das Xuntas Revolucionarias
españolas; das Comisións Obreiras e as Comisións de Moradores da
Revolución Portuguesa.
Non o sabían, pero
estaban a recuperar o fío revolucionario que fora roto ao longo da
noite neoliberal. Pero facíano dunha maneira inconsciente, e sobre
todo cunha gran limitación histórica. Ao longo esa longa noite
neoliberal, na sociedade non só triunfaron as teorías económicas
do desregulamento total, senón a súa ideoloxía profundamente
individualista, a ruptura dos lazos de clase máis aló das simples
relacións económicas.
A clase obreira quedou
reducida a unha suma de individuos que venden a súa forza de
traballo por un salario; pero a súa alternativa social, o
socialismo, se había ir polo desaugadoiro da restauración do
capitalismo; e as organizacións da esquerda renunciaron abertamente
a ese programa, ás definicións claras, de clase, das realidades
sociais. Triunfaron os conceptos de “cidadanía”,
“multitudes”,... coma se as modificacións xurídicas
introducidas polo neoliberalismo como o desregulamento das relacións
laborais, a precarización, a externalizacion do traballo, ...
modificasen as relacións sociais de produción; mudaran
cualitativamente, e o capital como relación social entre o
propietario dos medios de produción e distribución e a clase
asalariada perdesen o seu sentido.
Desta maneira, como un
paradoxo da historia, cando o capitalismo volvía ser máis
descarnado, cando a clase obreira constituía o 70% da poboación
activa mundial, a alternativa global ao capitalismo perdía forza. As
definicións de clase dos acontecementos víronse substituídos,
outra vez, polas contradicións entre pobos, entre cidadáns e
“castes” dominantes.
Desta maneira, o programa
político da sociedade volvía a 1789, á reivindicación dos
dereitos cidadáns, dos pobos, sen ningún outro obxectivo que non
fose a de “rexenerar” os estados e réximes “secuestrados”
polas castes dominantes, renunciando aos obxectivos da transformación
socialista da sociedade.
A crise do 2007 abre a
porta á loita polo socialismo
A crise do 2007 é a
crise do capitalismo actual, que se liga polas súas causas
estruturais ás grandes crises que sufriu o sistema ao longo da súa
historia. Ten formas especificas, porque son tempos distintos; pero
os elementos centrais que a determinan son os mesmos: a caída da
taxa de ganancia, e as políticas dirixidas á súa recuperación a
partir das forzas contrarrestantes da caída da taxa de ganancia,
definidas por Marx no Capital.
Pero é unha crise na
decadencia do sistema. Dicía Marx que “a historia repítese, a
primeira como drama, a segunda como farsa”. As crises económicas
do capitalismo nos séculos XVIII e XIX, convertíanse en acicates
para un salto no desenvolvemento do sistema, e dalgunha maneira
revertía nun aumento da riqueza social. Actualmente, as crises do
capitalismo non se resolven cun paso adiante, un salto no
desenvolvemento mesmo social (a pesar de todas critícalas que se lle
poidan facer, pois ese desenvolvemento baséase nun aumento da
explotación); senón que agora é todo o contrario. Cada crise
agudiza a tendencia á decadencia, á barbarie, á exclusión social
de cada vez máis capas sociais e de pobos enteiros (os cinicamente
chamados “estados errados”).
Pois ben, nestas
circunstancias, levantar o programa da cidadanía e os pobos en
abstracto é a “farsa” da loita social. Hoxe a tarefa non é
denunciar unha caste por corrupta, senón loitar contra ela por que é
burguesa, porque protexe unhas relacións sociais de produción causa
e efecto da miseria crecente da sociedade. A abstracción nas
definicións dilúe a concreción dunha política que enfronte as
verdadeiras causas da crise, o sistema capitalista, e as formas
institucionais, estatais, que este adopta.
Desde o 2007 até hoxe
púxose de manifesto que o capitalismo neoliberal e imperialista
tocara teito, que os seus gobernos e estados non están secuestrados
por ninguén, senón que son as formas de relación política para
impor á clase obreira e á poboación traballadora unha saída
burguesa á crise.
Desgraciadamente, por
motivos históricos e particulares, e a pesar da súa mobilización,
a clase obreira española esta chegando tarde á súa cita política
e organizativa coa historia. Como en política non existe o baleiro,
ese oco esta sendo enchido por outros sectores sociais, polas clases
medias indignadas cuns gobernos que gobernan para unha minoría. A
clase obreira, como no século XIX, esta sendo a á esquerda deses
movementos liberais, progresistas ou republicanos, sen que sexa
capaz, polo momento de levantar unha política independente, e a súa
consecuencia organizativa, uns partidos obreiros capaces de
converterse nun referente para toda a sociedade.
O futuro está
determinado polo fin da explotación de clase, pola loita pola
“expropiación dos expropiadores”, polo socialismo, e construír
o referente político que permita avanzar nese camiño. É ilusorio
crer que existen “voltas ao pasado”, á democracia cidadá como
garantía das liberdades individuais e colectivas; antes ao contrario
o seu defensa depende do fin do capitalismo, que se atopa nunha
deriva autoritaria e bárbara.
Galiza, 8 de xullo de
1014
No hay comentarios:
Publicar un comentario